COLEGAS

viernes, 25 de febrero de 2011

Aigue, a canonización da monarquía das aves rapaces.




"A excesiva grandeza debe sempre infundir terror"- Ovidio (43 a. C. - 17 d. C)- Poeta latino.


Hoxe vouvos achegar un chisco á iconografía relixiosa ourensá relacionada ca fauna, e tamén aos vernáculos. Un capítulo dificil de artellar pero que agardo sexa do voso agrado.

Para este republicano confeso non existe outra monarquía que aquela exercida polos animais que levan o calificativo real ou imperial no seu nome común. Un bon exemplo destes animais é a águia real (Aquila chrysaetos), sin dúbida a raiña alada dos ceos ourensáns.

En tempos extendida por multitude de serras galegas, a águia real atópase a día de hoxe, nunha dificil encrucillada. As derradeiras parellas desta especie atópanse acantonadas nas serras do oriente da provincia de Ourense, e non chegan siquera á decena de pares. Esta dramática situación ten un único cumpable, o home. A persecución directa das águias reais fixo que a especie estivese a piques de extinguirse nos anos 80 do pasado século. Arestora, as nosas reais teñen que sortear non só a persecución e envelenamento, senón tamén os milleiros de muiños que unha política enerxética, de todo menos sostible e ecolóxica, plantou nos curutos das serras galegas.

O nome vernáculo co que a águia real é coñecida na maior parte da súa área de nidificación actual na nosa provincia é "aigue", tan admirada como querida, a aigue foi en tempos un símbolo de poder.

Recentemente, a UNESCO, sorprendeu a propios e extraños coa declaración da cetrería como "patrimonio inmaterial da humanidade", algo co que eu discrepo totalmente, xa que (e isto é unha apreciación totalmente persoal), coido que a cetrería está detrás do expolio dos niños das aves rapaces, non só en Galicia, senón en medio mundo. Como non declararon a domesticación da vaca como tal?. En fin cousas veredes.

Seguindo co tema (que xa estou divagando), a cetrería foi en tempos unha práctica habitual da nobreza e clases podedosas do mundo, e a águia real (a nosa aigue) unha das máis cotizadsa armas cetreiras. Quizáis fose esa a causa de que algún canteiro reflexase a imaxe do que parece ser unha águia real, nunha das portas da capela do Castelo de Monterrei, unha fortaleza situada no concello homónimo, atalaia privilexiada do Val do Támega.

Non parece tolemia polo tanto, imaxinar que a representación desta ave rapaz é un símbolo de poder, un totem noble. Nas imaxes que acompañan este post, continuación do narrado con anterioridade sobre a Ribeira Sacra, apréciase a representación da águia á esquerda de Xesucristo. Sin dúbida algunha eu abrazaría a relixión se a águia real fose canonizada, xa que é unha verdade coma un templo que martirio, o que se dí martirio, sí que sufriu, e segue a sufrir. Polo que me atrevo a dicir en latín de andar pola casa:

AQUILA CHRYSAETOS, SANTA SÚBITA.

Bueno, súbita, o que se di súbita igual non, pero santa sí!

martes, 22 de febrero de 2011

Aniversario.


Hoxe, 22 de febreiro de 2011, conmemórase o 30 aniversario do nacemento do insigne naturalista ourensán Alberto Rivero Saeta. Co gallo de festexar este importante día hoxe douvos o día libre!.

Bromas a parte, este que naceu cun golpe de estado baixo do berce, so agarda a continuidade da democracia, a igualdade entre todos os humáns, e a conservación intacta do patrimonio natural e histórico galego.

Aviso a navegantes, non acepto ramos de eucalipto como agasallo polo meu 30 cumpleanos, tampouco cartos que teñan como orixe a esquilma dos recursos naturais do noso país. Agardo que cunda o exemplo e tod@s abracen esta filosofía.

lunes, 14 de febrero de 2011

Día dos humidais en Ourense.










"Agradecede á chama a súa luz, pero non esquezades ao pé do cadil que constante e paciente a sostén na escuridade"- Rabindranath Tagore (1861-1941)- Poeta Bengalí.

Como sabedes, o pasado día 5 de febreiro de 2011, festexamos dende a Aula da Natureza do río Miño en Ourense, o día dos humidais, da man tamén da asociación ecoloxista Amigos da Terra, a través do programa de ecovixías, e coa colaboración do Concello de Ourense. Tenden parte das imaxes do día picando aquí e unha crónica do acontecido picando aquí.

Dende Fauna Vertebrada de Ourense queremos agradecer o éxito da convocatoria, así como a aportación de tódolos presentes para o mellor coñecimento dos valores naturais do río Miño, e a achega á problemática ambiental do mesmo.

Agárdovos na seguinte ecovixía, que seguro será pronto, e de novo douvos as grazas por participar no programa de ecovixías en Ourense.


martes, 8 de febrero de 2011

Plan de salvamento do Sapo de Esporóns do Barco de Valdeorras.


Recentemente o blog da asociación ecoloxista Saramaganta informounos da destruccións do derradeiro núcleo de reproducción do Sapo de Esporóns (Pelobates cultripes) no Barco de Valdeorras.

O sapo de esporóns é unha especie de anfibio ameazada en galicia, e calificada coa categoría de Vulnerable, no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Na nosa provincia a especie está presente nas bisbarras de A Limia, Monterrei e Valdeorras, sendo esta última a poboación máis escasa e ameazada.

Coa recente ampliación do polígono empresarial do Barco de Valdeorras, destruíronse os derradeiros puntos de reproducción da especie na bisbarra de Valdeorras.

Dende fauna Vertebrada de Ourense queremos facer un chamamento á participación cidadá dos habitantes do Barco de Valdeorras para paliar na medida do posible este desastre, e tratar de evitar a extinción definitiva desta peculiar poboación de sapo de esporóns ourensá mediante o seguinte proxecto de ecovixía.

Varias asociación ecoloxistas e particulares sensibles co medio ambiente estamos tratando de buscar un terreo para a construcción de novos puntos de reproducción para a especie na zona afectada. A tal efecto construirase unha charca, ou varias se se consigue a participación de varios propietarios, aptas para a reproducción da especie.

Para tal fin buscamos a algún propietario ou entidade pública ou privada que posúa un terreo na zona afectada, e nos permita a construcción desa charca, a construcción da charca correrá íntegramente pola nosa conta.

Agradeceremos para tal fin a difusión desta mensaxe noutros foros, co fin de acadar un resultado positivo antes da primavera, época de reproducción do sapo de esporóns en Galicia.

lunes, 7 de febrero de 2011

O ganso de cara branca: un adorno para Ourense.



"Procuramo-la beleza sen luxos"- Tucidides (460 a. C. - 396 a. C.)- Historiador e militar grego.

Xa falamos noutra ocasión de como en certas ocasións hai quen creee que os nosos ríos e a súa fauna outóctona non son suficientemente belos, e polo tanto precisan e ser adornados con especies exóticas, co conseguinte perigo de invasión dos hábitats galegos.

Ao mesmo tempo, cada día os nosos ríos fican máis alterados, ante a perda da calidade das augas e do hábitat asociado a elas. Dende Fauna Vertebrada de Ourense, convidamos a quen queira escoitar, a incentivar os hábitats propios dos ríos galegos, xa que estes en sí mesmos, ben conservados, non precisan de adornos superfluos.

Desta volta amósovos uns gansos de cara branca (Branta leucopsis), chamados barnaclas cariblancas en castelán. Esta especie, propia da tundra costeira do Ártico, é invernante nas costas do NO do continente Europeo, algún exemplar pode presentarse de maneira natural nas costas galegas, habitualmente asociado a intensas bagas de frío.

Esta especie é frecuente en coleccións de aves exóticas,e en Ourense foi soltada no río Arnoia ao seu paso pola vila de Allariz, e no regato dos Muiños, no barrio de A Valenzá, pertencente ao concello de Barbadás. Aínda que nas derradeiras visitas que se realizaron a estes lugares non foi posible localizar aos exemplares destes parques, polo que é posible que faleceran ou escaparan.

Póñovos sobre aviso que o avistamento dalgún destes exemplares é posible nos próximos días, e que ao non estar anelados, resulta moi dificil indicar a orixe destas aves.

viernes, 4 de febrero de 2011

O xuxa: O lince e as meigas. Esperta do teu sono fogar de Breogán!


"O desexo vence ao medo, atropela inconvintes e chaira as dificultades"- Mateo Alemán (1584-1616)- Dramaturgo español.

En ocasións un home debe enfortarse cara a cara co misterio, cas lendas, cos temores, e coa árbore do coñecimento. Sei que moitísimos de vós flipastes un pouco cando saquei á luz o misterio do queixa, que a día de hoxe segue a ser a entrada mais lida, e con moitísima diferencia, nesta obra que un día me propuxen sacar adiante.

Xa vos dixen noutra ocasión, cando o ano 2010 tocaba ao seu fin, que este blog daba un xiro, parte dese xiro é unha aposta persoal, de espertar do seu sono ao fogar de Breogán, que é tamén o voso fogar e o meu propio.

Nese sono durmen unha chea de seres, agardando prestos ser espertados por un alma curiosa que se atreva a furgar no maxñin do pobo galego.

Un maxín cheo de matices, de seres reais e non tanto. Desta volta preséntovos a un ser lendario, O Xuxa. O xuxa é un depredador limiao, que lle chucha o sangue aos animais, ás ovellas principalmente, deixando como sinal do seu paso, a marca de dous colmillos no pescozo da vítima. O animal é descrito, por aqueles que acreditan telo visto, como un felino de gran tamaño, con pintas, eso sí non moi marcadas...

Xuxa asimílase na mente limiá a chuchar, ou zugar. Temos entón ante nós a un vampiro de catro patas, que xa Seoane sinalou que na súa época, este animal era temido polo feito de estar extendida a crenza de que o lobo cerval, o queixa, o noso benquerido lince, se alimentaba de sangue animal.

Estamos entón de novo ante un vernáculo galego para Lynx, desta volta eu atrévome a dicir, baixiño eso sí, que estamos perante ao lince boreal, perante ao queixa limiao, e que este fabuloso animal deu o seu nome a un topónimo, Xuxá, certo e belo pobo do concello, tamén limiao de Rairiz de Veiga. (Ollo, como sempre esto só é unha hipótese e acéptanse todo tipo de comentarios e suxerencias).

Esta non é a única lenda do olimpo galego que nos fala da tradición vampírica galaica. Ben coñecidas no agro galego eran as meigas chucheiras, chuchonas ou xuxeiras según a zona. Disque estas meigas entraban ás agachadas nos berces dos cativos para chucharlle-lo sangue, o síntoma no pequeno atacado era unha merma do tamaño, entendendo polo tanto que o raquitismo, que durante séculos atacou aos galegos, era producido por estes personaxes mitolóxicos.

Acabamos de enlazar xa ao lince coas meigas, pero, queridos lectores, non vou deixar o conto aquí, non sin antes dicirvos que a raíña das letras galegas, ROSALÍA DE CASTRO, na súa obra Aires, airiños, aires, dixo un día:

cal si unha meiga chuchona

a miña sangre bebera
Voume quedando muchiña

como unha rosa que inverna


E eu despídome de vós deica á próxima entrada, cun berro alto e claro: ESPERTA DO TEU SONO FOGAR DE BREOGÁN.

miércoles, 2 de febrero de 2011

O Gamo Branco: A Pantasma de Xares.


"O que vive retirado dentro da súa intelixencia e esprito, vive no paraíso"- Francis Beaumont- (1584-1616)- Dramaturgo e poeta inglés.

Non hai moito tempo que alguén me contou que alá por Xares, na serra do Eixo (A Veiga), camiñaba un animal misterioso, pálido coma unha pantasma de filme clásico. Ao pescudar detrás desta historia non topei misterio criptozoolóxico algún, mais sí unha curiosa nova.

O novo personaxe do olimpo criptozoolóxico ourensán non era outro que o gamo branco. O gamo branco non é unha especie diferente de gamo, senón que é unha variedade obtida en catividade mediante selección artificial. De feito, esta variedade cromática do gamo ou paleto (Dama dama) é moi frecuente nas coleccións zoolóxicas públicas e privadas do continente europeo, ocorre o mesmo, por exemplo, cos tigres de Bengala brancos, frecuentes tamén neste contexto.

Do que nunca tivera noticia era de que se producisen soltas no medio natural, e a miña pregunta é a seguinte, é o gamo branco de Xares un caso de albinismo fortuito no medio natural? ou ,pola contra ,foi este animal liberado deliberadamente no monte para goze dalgúns?. Pode un gamo branco acadar no mercado cinexético unha cotización maior que un gamo normal? será avaricia, este misterio resolto?.

martes, 1 de febrero de 2011

Futuro Imperfecto: 2º capítulo: Listaxe dos mamíferos introducidos na provincia de Ourense.




"A tontería da humanidade ronóvase diariamente"- Jacinto Benavente (1866-1954)- Dramaturgo español.

Onte estivemos a falar das especies de mamíferos que nos deixaron nos derradeiros seculos, sen embargo, namentres algunhas especies eran expulsadas para sempre da terra ourensá, outras ían chagando sixilosamente da mesma man que estaba a expulsar ás especies autóctonas.

A historia das especies foráneas de mamíferos ourensás é, en ocasións, ben curiosa, mais noutras é, sen caer no pesimismo, máis ben tráxica, vaiamos logo enumerando aos nosos novos veciños.

Listaxe dos mamíferos alóctonos establecidos na provincia de Ourense:

-Rata común ou parda (Rattus norvegicus): A máis que frecuente rata de alcantarilla, hoxe en día parte intrínseca da fauna das nosas vilas e cidades, era descoñecida no noso país antes do s: XIX. Esta especie, orixinaria do continente asiático, acadou como o continente Europeo coma comensal do home durante o século XVIII, desprazando das zonas máis urbanas á súa parente a rata negra (Rattus rattus), aínda que a introducción desta especie se produciu dun xeito pasivo, frecuentemente debido ao tráfico de marcadorías, non deixa de ser unha especie allea á fauna vertebrada orixinal da provincia de Ourense.

-Muflón ou carneiro bravo (Ovis musimon): xa abordamo-la presenza desta especie na provincia nunha entrada anterior, podedes leela picando aquí.

-Gamo (Dama dama): igual que no caso anterior, a especie foi correctamente tratada nunha entrada anterior, que podedes cinsultar de novo picando aquí.

-Visón americano (Neovison vison): especie de mustélido orixinaria do continente americano, e un dos máis graves problemas ecolóxicos aos que a provincia de Ourense se enfrenta na actualidade. A día de hoxe esta especie está presente na maioría dos vales fluviais da provincia. Con dous focos principais de dispersión. O primeiro prodúxose na provincia de Pontevedra no ano 1986, cando o ciclón Hortensia provocou danos en granxas peleteiras do Baixo Miño, que provicaron o escape de varios centos de exemplares, que conqueriron adaptarse e reproducirse no medio natural galego, chegando á nosa provincia coa entrada do século XXI. Por outro lado o Frente de Liberación Animal, liberou varios centos de exemplares de granxas peleteiras situadas na bisbarra da Limia, dende alí, unha vez establecidos, dispersáronse cara o Val do Támega, entrando posteriormente en Portugal, nas cercanías da vila de Chaves.

Especies alóctonas escapadas e non establecidas na provincia de Ourense:

Tense constancia de escapes de diversas especies alóctonas mantidas en catividade que non supuxeron un establecimento das mesmas no medio natural ourensán, en xeral estas especies proveñen do mercado de mascotas. Existen tamén diversos avistamentos non confirmados polo momento, que poderían indicar unha expansión de poboacións de certas especies alóctonas dende provincias cercanas.

Cobaia (Cavia procellus), de orixe americana, moi popular como animal de compaña.

Hamster dourado (Mesocricetus auratus), aínda máis popular que a especie anterior no mercado de mascotas domésticas.

Mapache (Procyon cancrivorus) de orixe americana, relativamente popular como mascota nos derradeiros anos, foi frecuente tamén en granxas peleteiras, que deron como orixe o establecimento da especie en Centro Europa, na Península Ibérica está xa establecido no centro, especialmente nas cercanías de Madrid, existen diversos rexistros non confirmados da presencia da especie en bisbarras ourensás, que poderían xurdir de confusións ante o avistamento de teixugos, se ben é certo que o ano pasado un exemplar desta especie foi atropelado en Lugo.

Por último nomear que nos anos 90 do século XX, parece que foi observada unha pantera (Phantera pardus) nos arredores da cidade de Ourense, o caso levantou espectación en todo o país, sendo recollido na prensa da época como un caso de avistamento de "Alien Big Cat", sen embargo o dato non foi confirmado con posterioridade.

Frente a esta dura realidade parece que temos puco que facer nós, os comúns dos mortais, somentes recomendar que non se solten as mascotas no medio natural, e gardar, que a diferencia doutros puntos do país, na provincia de Ourense non sigan a aparecer novas especies alóctonas, xa temos suficientes personaxes nesta película.