COLEGAS

sábado, 30 de abril de 2011

Lagarto d´auga nas areeiras da Limia.




Son de sobra coñecidas as virtudes ornitolóxicas do espazo natural das Areeiras da Limia, por todos aqueles de vós que sodes asíduos lectores deste blogue. Sen embargo non son sómentes as aves, a pesar de que elas foron as causantes la feliz declaración da ZEPA da Limia, os únicos habitantes do lugar. Hot spot da biodiversidade galaica, a Limia tamén é un lugar herpetolóxicamente interesante, como amosan os inventarios de anfibios e réptiles da zona.

Moitas das intervencións postas en marcha nas areeiras da Limia non teñen en conta, en ocasións, a riqueza herpetolóxica do lugar, dando como resultado a destrucción dos xa de por sí malogrados hábitats dos réptiles limiaos.

As sucesivas e reiteradas concentracións parcelarias acaecidas na bisbarra nos derradeiros temos, trouxeron consigo a eliminacións sistemática de paredes, muros e sebes, que tradicionalmente separaban as diferentes propiedades, sendo este un signo característico do agro galego. A eliminacións desta paisaxe tradicional provocou a diminución na densidade de réptiles e aves na bisbarra, que atopaban refuxio nesa sorte de microhábitat.

Unha das especies que máis afectada se viu na bisarra por estes feitos foi o lagarto d´auga (Lacerta schreiberi), un réptil endémico da Península Ibérica, que pasa por ser, ao meu entender, un dos hérpetos de beleza máis salientabel.

Chamado lagarto d´auga ou das silvas, debe o seu nomeamento á tendencia que mostra a especie a habitar perto de correntes de auga, chegando a tirarse aos regatos no caso de perigo, unha característica única entre os lacértidos galegos.

Nas imaxes aparece un macho en celo desta especie, localizado nas areeiras da Limia, en terreos do concello de Sandiás, o pasado día 21 de abril de 2011.

viernes, 29 de abril de 2011

Pedreiro cincento na Limia.









O máis ben "pedreira" podiríamos dicir, xa que o exemplar de pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe) que vos amoso nestas imaxes é, posiblemente, unha femia da especie. Este exemplar en cuestión foi localizado en terreos de labrada resultantes da desecación da malograda Lagoa de Antela, o pasado día 23 de abril de 2011, como xa suporedes na compaña de Diego Rodríguez Vieitez e a súa moza.

O pedreiro cincento é un paseriforme migrador que pasa o inverno na África, sendo na galiza especialmente frecuente durante as pasaxes migratorias, especialmente durante a posnupcial, que ten lugar unha vez rematada a tempada de cría.

Neste tempo de primavera, ten lugar a pasaxe prenupcial, na que os pedreiros cinsentos acuden ás zonas de cría, na Galiza situadas en zonas de penedos a media a alta altitude.

Aínda que non existen poboacións nidificantes na chaira limiá "sensu stricto", sí existen algunhas parellas nos montes da bisbarra que rodean a bacía da Lagoa de Antela, en altitudes de entre 800 e 900m, pertencentes xeográficamente á coñecida bisbarra da Limia.

jueves, 28 de abril de 2011

Picanzo de cabeza vermella na Limia.









O pasado día 23 de abril de 2011, na compaña de Diego Rodríguez Viéitez e a súa moza, nunha intensa xornada paxareira pola bisbarra da Limia, puidemos localizar este exemplar de picanzo vermello (Lanius senator) en terreos do concello de Xinzo de Limia, trátase, posiblemente, dun macho adulto.

O picanzo de cabeza vermella é unah especie escasa na Galiza como nidificante, sendo algo máis frecuente a súa localización durante as pasaxes migratorias, momento onde a espece pode aparecer sedimentada en lugares onde non cría.

Na provincia de Ourense a especie parece estar asentada, en número escaso, na metade oriental.

miércoles, 27 de abril de 2011

A cara e a cruz dunha gaivina de cara branca nas areeiras da Limia.















A sorpresa foi maiúscula a tarde do pasado xoves día 21 de abril de 2011, despois dunha dilatada tempada sen darlle unha volta ás areeiras decidín acudir a ise lugar fetiche ornitolóxico situado a cabalo dos concellos limiaos de Sandiás e Vilar de Santos. Recén chegado xa me din comta dun extrano paxaro que facía piruetas aréreas sobre unha das areeiras, era unha gaivina de cara branca (Chlidonias hybridus). Despois dunha volta de espedición polas areeiras regresei ao punto de orixe para recrearme coa observación desta ave dende un dos observatorios. Unha vez alí apareceu un novo colega, Alberto Carballo, quen me comentou que a gaivina xa estaba presente esa mañá pola zona. Ao pouco apareceron Diego Rodriguez Vieites e a súa moza para unirse ao "festín" ornitolóxico. O sábado a gaivina de cara branca estaba aínda presente.

A gaivina de cara branca é un ave piscívora da familia dos estérnidos (Anduriñas de mar). Na provincia de Ourense aparece en escaso número durante os pasos migratorios, principalmente nas principais depresións fluviais da provincia (Miño-Sil, A Limia e val do Támega), sendo a Limia o punto ourensan con maior número de referencias recentes da especie. segundo o libro: Vertrebrados da Limia . dende a lagoa de Antela ós nosos días ed Limaia (2001) dos autores A. Villarino, S. González e F. Bárcena, a especie nidificaba na Lagoa de Antela antes da desecación.

lunes, 25 de abril de 2011

Píldora das dunas nas areeiras da Limia.





Boa xornada, siareir@s, voltou o "vertebrator" ourensán, despois deste pequeno e máis que merecido descanso por terras limiás. Como suporedes traio novas frescas da terra que me viu nacer, e como non podía ser doutra maneira, vounas compartir con vós.

O pasado día 23 de abril de 2011 compartín co ornitólogo limiao Diego Rodríguez Vieites e a súa encantadora parella. Comezada a xornada acudimos ao lugar fetiche para todo limiao adorador das aves, as areeiras da Limia, situadas a cabalo entre os concellos de Vilar de Santos e Sandiás.

Xa o día anterior Diego fixera un descubrimento sorprendente, un exemplar de píldora das dunas (Charadrius alexandrinus) fixera unha parada técnica neste espazo natural incluído dentro da Zepa da Limia, quizáis canso no medio da pasaxe migratoria prenupcial. Esta observación é, moi provablemente, o primeiro rexistro para a especie na provincia, alomenos en tempos recentes. unha excelente nova para todos aqueles que vemos na Limia o lugar con maior potencial ornitolóxico da Galiza.

A píldora das dunas é unha especie escasa na Galiza, e incluída no catálogo galego de especies ameazadas. Existindo moi poucas citas no interior galego. Sen embargo a especie posúe algunha poboación reproductora no interior peninsular (La Macha húmeda) e europeo (Danubio).

En próximas xornadas dareivos conta doutras novidades que traio gardadas no peto, vertebrando unha vez máis, no compromiso claro da divulgación da fauna vertebrada de Ourense.

miércoles, 20 de abril de 2011

Xacios na catedral de Ourense. Cara a cara cas sereas do río Miño.





É xa moito tempo o que levamos desvelando os misterios da fauna vertebrada de Ourense, sen embargo son moitos os misterios e curiosidades que encerra esta a nosa provincia interior galega.

Queridos siareir@s, seguramente xa supondes o que é certo, e nos próximos días acudirei presto á Limia coa única intención de descansar e darlle unha volta aos bichos da bisbarra, mais quero antes deixarvos unha perliña para que disfrutedes durante as miñas mini vacacións.

Ourense non só está habitado por seres reais, digamos de carne e osos, senón tamén por unha inxente cantidade de seres mitolóxicos, herdados do poderoso maxín popular.

Como todos saberedes, estes seres existiron tan só na mente dos habitantes, pero forman parte valiosa e indispensabel da cultura galega. Entre os seres da mitoloxía galaica atopamos ás sereas, e diredes vós: Xa está toleando o de Ourense! se en Ourense non hai mar. Certo queridos lectores, mar non temos, pero temos un gran río o Pai Miño, eixe vertebrador da rede hidrográfica Ourensá, pero tamén eixe dos máis grandes misterios.

Conta a lenda que o río Miño está habitado por unha sorte de seres, metade humáns, metade peixes, de costumes anfibias e antropófagos. contan na ribeira do río Miño, que tanto os machos como as femias posúen unha indubidabel beleza, da que se valen para atraer a homes e mulleres, para fundilos na cunca do río, para así deboralos.

Quizáis foi iso o que inspirou a algún dos canteiros que traballaron na construcción da catedral de Ourense, xa que na súa porta oeste, podemos atopar a representación do que parece ser un macho e unha femia desta especie do Olimpo Ourensán.

lunes, 18 de abril de 2011

En recordo á Pita do Monte (Tetrao urogallus)


"Tódalas guerras son santas, desafíovos a que atopedes un belixerante que non crea ter ao ceo da súa parte" - Jean Anouilh (1910-1987)- Escritor francés.

Por tod@s é sabido a especie de paranoia que invadiu últimamente o meu senso no tocante á iconografía relixiosa zoomórfica das igrexas ourensás, como unha clara referencia a unha fauna incógnita e agachada entre as pedras da arquitectura senlleira, agardando pacientemente para ser descuberta.

Recentemente topeime unha suxerente imaxe na portada da igraxa da Santísima Trinidade de Ourense, esta igrexa é un sobrio templo gótico construído a cabalo entre os séculos XII e XII, con remodelacións posteriores que lle outrogaron o actual aspecto fortificado.

Na Portada Norte do templo, entrada principal do mesmo, atópanse representadas duas aves que recordan bastante á desaparecida pita de monte (Tetrao urogallus), coñecida como "urogallo" en español, unha ave gallinácea tristemente extinta non só na nosa provincia, sinón tamén desaparecida de todo o territorio galego.

Sexa certa ou errónea a miña impresión, este figura pétrea vainos valer coma excusa para tocar o tema da extinta pita do monte, ou galo montés, como a especie era coñecida en partes do ameazado Macizo Central Ourensán.

Facendo memoria sabemos que até o século XVIII, a pita do Monte estaba presente na Serra do Xurés, no macizo Central Ourensán, No Macizo de Trevinca, e, probablemente na confluencia das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra. unha distribución histórica que coincide sensiblemente coa distribución histórica doutra especie tamén tristemente desaparecida, o Urso ou oso pardo (Ursus arctos). No século posterior a especie desaparece da serra do Xurés.

As derradeiras citas históricas da pita do monte en territorio Ourensán ocorren oficialmente na época da postguerra, así os derradeiros animais foron cazados arredor do ano 1946 na Serra de San Mamede e nas estrivacións de Pena Trevinca, sen embargo sabemos a día de hoxe que a extición definitivamente da especie debeu producirse unha década máis tarde, entre os anos 50 e 60 do século XX, a tenor de testemuñas de cazadores da zona, e persoas que por esa època aínda comían galo de monte como un manxar, dato tamén reflectido na obra do escritor galego Álvaro Cunquero "Viaje por los montes y chimeneas de Galicia".

A pita do monte caracterízase por un complexo ritual nupcial, na que os machos atraen ás femias dende árbores siruadas perto de craros nas fragas. Sabemos a día de hoxe que as pitas de monte son fieis anualmente eses lugares, denominados cantadeiros. Dato tamén coñecido polos cazadores, que asexaban á especie na época adecuada nos cantadeiros, aproveitándose da "cegueira nupcial" da especie. O feito de que os macho fosen cinexéticamente máis valorados que as femias fixo que os derradeiros exemplares observados nas poboacións relictas galaicas fosen femias, xa que os macho eran perseguidos con maior saña, un feito que coíncide cos datos obtidos para a cabra montés lusitana (Capra pyrenaica lusitanica), se sufriu tamén unha forte persecución, antes da súa definitiva extición a finais do século XIX. Os cantadeiros usados pola especie para as súas paradas nupciais eran coñecidos na provincia de Ourense coma "Campos de gallada", en referencia á cópula das gallináceas, e aínda a día de hoxe se conserva algún topónimo con ese nome no Macizo Central.

Con posterioridade á extinción oficial da especie na provincia de Ourense, rexistráronse referencias sobre a presencia da especie na anterga área de distribución histórica, que non foron confirmadas con posterioridade mediante a recollida de probas científicas propiamente ditas. Aínda así faremos referencia a estes datos, indicando a suposta observación de exemplares da especie nas serras limítrofes coa provincia de Zamora a finais do século XX, así como a caza de varios exemplares nunha serra limítrofe con Pontevedra a mediados do mesmo século.

Unha vez dito isto, apuntamos á caza coma causa directa da extinción da especie na provincia, acrecentada por un incremento da actividade cinexética en Ourense nos anos da postguerra debido ás carencias alimenticias da poboación local, xa que esa época é coñecida popularmente como "o tempo da fame", nese tempo a caza supuxo un alivio en ocasións para un pobo cheo de fame, cheo de carencias de liberdade e de cultura. E sobrado de man dura, e da "Letra con sangre entra".

sábado, 16 de abril de 2011

Papuxa carrasqueira en San Cibrao das Viñas.






A primavera chegou, e con forza, as aves estivais xa se fan cada día máis notorias, e proba delo este macho cantor de papuxa carrasqueira (Sylvia cantillans) atopado no concello de san Cibrao das Viñas na pasada fin de semana.

A papuxa carrasqueira á un pequeno paxaro insectívoro característico do mato dmediterráneo. Na Galiza a súa distribución atixe únicamente ao Sur da comunidade, onde a influenza climática mediterránea é mais notoria.

En Ourense a presenza desta especie á especialmente detectable nas bisbarras de maior influenza maditerránea, como o Val do Támega, a Depresión Ourensá, ou Valdeorras entre outras.

martes, 12 de abril de 2011

Face to face: A faciana da cobra lagarteira meridional.














A vida en ocasións permítenos ser testemuñas de momentos de extrema beleza, mirando a faciana desta cobra lagarteira meridional (Coronella girondica), nada parece explicar o temor que a súa visión provoca en multitude de persoas.

Ei de dicirvos que a cobra lagarteira meridional é un réptil totalmente inofensivo para o ser humano, ao contrario que o propio ser humano, tal altamente perxudicial para a maioría das especies, tanto coma o máis potente veleno do reino animal.

Mirando estas imaxes, obtidas no concello de San Cibrao das Viñas o pasado día 9 de abril de 2011, so atopo ternura, delicadeza e serenidade, serenidade que moi poucas veces logro atopar nas persoas.

Convídovos a todos a reflexionar un intre, e ficar absortos na riqueza natural da galiza, sempre deturpada dentro e fora das nosas fronteiras.