COLEGAS

miércoles, 17 de febrero de 2010

Gabeadores azuis no Irixo.





Nestas imaxes, obtidas no concello de O Irixo o pasado día 15 de febreiro de 2010, pededes apreciar diferentes exemplares de gabeador azul (Sitta europaea), un belo paxariño bastante esquivo á hora de fotografalo.

O gabeador azul é un habitante típico das zonas arboladas da provincia, ben sexa carballeiras ou piñeirais.

Cardeais no Irixo.







Nestas imaxes podedes apreciar a un grupo de cardeais (Pyrrhula pyrrhula), localizado o pasado día 15 de febreiro de 2010 en terreos do concello do Irixo, o grupo, formado por catro machos, mostra a beleza característica da especie, e que non se apreciaba en anteriores entradas sobre os cardeais.

Pato cincento nas areeiras da Limia.


O pasado día 7 de febreiro de 2010 foi localizada nas areeiras da Limia en Sandiás unha parella de pato cincento (Anas strepera), vista na compaña de Alexandre Justo, Paco Carballo, Emilio Martinez e Pablo A. Sanmartín.

O pato cincento é un invernante escaso na provincia, algunhas zonas húmidas da provincia acollen todos os anos algúns exemplares, pero sempre en moi baixo número, se o comparamos cos enclaves de invernada utilizados pola especie na costa de Galicia.

Pomba zura nas areeiras da Limia.


O pasado día 7 de febreiro de 2010 foron vistos tres exemplares de pomba zura (Columba oenas) sobrevoando as areeiras da Limia, no concello limiao de Sandiás de na compaña de Alexandre Justo, Emilio Martinez, Pablo A. Sanmartín e Paco Carballo.

A pomba zura é unha especie de colúmbido escasa en Galicia, aínda que bastante ben representada na provincia de Ourense, que quizáis acolla a maior parte dos efectivos galegos da especie.

sábado, 13 de febrero de 2010

O pavo real, unha nova especie exótica atopada en Ourense.











Hoxe, día 13 de xaneiro de 2010, foron atopados 2-3 machos e algunha femia de pavo real (Pavo cristatus), no Monte de O Cuco, pertencente ao concello de Ourense, estas imaxes amosan o macho desta especie asiática, moi habitual coma ave ornamental de parques e xardíns.

Sen sair de Ourense, no Xardín do Posío, unha das zonas verdes urbanas da cidade, podemos atopar tamén varios exemplares deste especie en réxime de semiliberdade, aínda que non soen abandoar o xardín.

A orixe destes pavos reais é, de momento, un misterio, en principio pode tratarse dun escape, aínda que parece pouco provable debido ao número de exemplares, ou pode tratarse dunha solta deliberada coa intención de introducir a especie no medio natural ourensán, quizáis con fins cinexéticos.

Os exemplares amosaban unha actitude esquiva, mantendo unha considerable distancia e fuxindo a fume de carozo á menor oportunidade, sen embargo os exemplares non foron vistos en voo.

Despois dun bon pedazo de observación os exemplares comezaron a reclamar e parecía que intentaban paradas nupciais.

A presencia desta especie foránea en liberdade pode provocar un desequilibrio ecolóxico no xa maltreito hábitat do monte do Cuco, cheo de lixo a causa dos últimos magostos.

martes, 2 de febrero de 2010

Lagartixas dos penedos en Castrelo de Miño.




Os escasos raios de sol do mes de xaneiro parece ser que foron suficientes para sacar do seu letargo invernal a estas lagartixas dos penedos (Podarcis hispanica), algo pálidas despois da ivernación, como amosan estas imaxes do día 24 de xaneiro de 2010, obtidas no perto do pobo de Albín, no concello de Castrelo de Miño.

Píntega asasinada en Castrelo de Miño.



Non é un segredo que as píntegas (Salamandra salamandra) provocan na maior parte da ente un rexeitamento frontal, esta repulsión tan pouco racional, fai que un gran número de píntegas perezan anualmente baixo as máis diversas técnicas mortais, dende o clásico "pisotón" ata todo tipo de torturas supersticiosas, pouco asiminlables a este século XXI que estamos a vivir.

Este exemplar das imaxes foi localizado, no pobo de Prado de Miño, o pasado día 24 de xaneiro de 2010, en terreos do concello de Castrelo de Miño, a falta dun CSI que lle practique a necropsia ao cadaver da malpocada píntega, atrévome a dicir que este pobre becho morreu baixo a técnica de espicha-la píntega cun pao para que esta non che bote toda clase de desgracias por riba, veleno incluído, como vedes unha mostra desta nosa civilizada Galiza do novo milenio.

Mergullón cristado no encoro de Castrelo de Miño.




O encoro de Castrelo de Miño acolle dende os anos 80 un certo número de mergullóns cristados (Podiceps cristatus) invernantes, ao igual que outros encoros da provincia, o pasado día 24 de xaneiro de 2010, foron localizados 5 exemplares neste encoro do río Miño, ao seu paso pola bisbarra do Ribeiro.

lunes, 1 de febrero de 2010

Ferreiriño cristado en Boborás.



O ferreiriño cristado (Parus cristatus) é unha das últimas especies de páridos que quedaban por refenrenciar neste blog, en próximas xornadas de "bicheo" agardo poder ofrecervos mellores imaxes da especie.

Estas imaxes foron obtidas en Vilachá, no concello de Boborás, o pasado día 23 de xaneiro de 2010.

Estreliña riscada en Boborás





Imaxes de estreliñas riscadas (Regulus ignicapillus) en terreos do concello de Boborás, non moi lonxe da capela do San Bartolomeu, o pasado día 23 de xaneiro de 2010, a estreliña riscada é un dos máis pequenos paxaros de Galicia.

Azuleira en Boborás.




Exemplar de azuleira común (Prunella modularis) localizado no pobo de Feás, no concello de Boborás, o pasado día 23 de xaneiro de 2010.

Érase unha vez un picatorneiros amigo dus cardeais...








En ocasións nas nosas saídas ao campo podemos atoparnos con curiosas asociacións entre especies que en principio no teñen nada que ver entre sí. Así o pasado 23 de xaneiro de 2010, foi atopado en terreos do concello de Boborás, un exemplar de picatorneiros (Dendrocopos major) asociado a un pequeno bando de Cardeais (Pyrrhula pyrrhula), cando o bando se desplazaba, o paxaro carpinteiro tamén o facía, curioso...ben curioso....