COLEGAS

martes, 30 de marzo de 2010

Naviñeiros en Verín.







Naviñeiros é como se denominan en algúns puntos da bisbarra de Monterrei aos liñaceiros (Carduelis cannabina), seica que pola costume que ten a especie de face-los niños nas viñas.

O pasado día 27 de marzo de 2010 Xosé Ramón Reigada e maís eu puidemos comprovar de primeira man o avanzado xa do período reproductor, con conflictos territoriais e aportes de material ao niño, nestas imaxes obtidas perto do pobo de Mandín, no concello de Verín, podedes observar un macho, e unha femia que porta os ditos materiais para a construcción do niño.

Anduriña en Oímbra.


O día 27 de marzo de 2010 Xosé Ramón Reigada, e máis este que vos escribe, tamén atopamos esta anduriña común (Hirundo rustica) pousada prácidamente nunha estraba do concello de Oímbra, nestes días as anduriñas andan moi atarefadas recollendo barro para a construcción ou reparación dos seus niños.

Chasco en Oímbra.





Durante a xornada de "bicheo" con Xosé Ramón Reigada do día 27 de marzo de 2010 puidemos comprovar de primeira man actitudes territorias e aportes de materias ao niño por parte de diversos exemplares de chascos (Saxicola torquata) en diferentes puntos do Sur da bisbarra de Monterrei, nos concellos de Oímbra, de onde proveñen estas imaxes, e de Verín.

Largarteiro cinsento en Verín.








Ata un total de tres exemplares de lagarteiro cinsento (Elanus caeruleus) foron localizados na zona Sur da bisbarra de Monterrei o pasado 27 de marzo de 2010 na compaña de Xosé Ramón Reigada, sin duda unha impresionante observación dunha das aves rapaces máis belas que por aquí voan e peneiran...

Picanzos reais en Verín.








Durante a xornada de "bicheo" que compartimos o meu colega Xosé Ramón Reigada e máis eu o pasado día 27 de marzo de 2010 por terras do concello de Verín, nos arredores do pobo de Mandín, pudemos localizar ata 8 exemplares de picanzo real (Lanius meridionalis), dous deles parecían formar xa unha parella consolidada que rexentaba territorio, como podedes apreciar nestas imaxes.

Lagartixas dos penedos en Verín.













O pasado día 27 de marzo de 2010, na compañía de Xosé Ramón Reigada, localizamos, a carón do río Támega ao seu paso pola vila de Verín, este grupo de lagartixas dos penedos (Podarcis hispanica) asoleándose nestes primeiros días da primavera.

Nas imaxes podedes apreciar machos, femias e exemplares xuveniles nados no pasado outono, observade tamén o diseño reticulado e levemente verdoso dalgúns machos.

viernes, 26 de marzo de 2010

PEDAZO DE RA NO LOÑA




E diredes vos pero que ten de especial esta ra, non é máis que unha ra verde (Pelophylax perezi), pois principalmente o tamaño, era unha rá realmente grande, eu, que moitas veces ando a bichear por terras da Limia, terra de ras onde as haxa, si teño visto ras deste tamaño por alí, pero na bisbarra de Ourense e nos pequenos ríos que desembocan no pai Miño nos arredores da cidade, as ras deste tamaño voltáronse moi escasas dende o comezo do século XXI, neses anos prodúxose a entrada en terras ourensás do visón americano (Neovison vison), un dos máis terribles acontecimentos que se teñen producido na provincia e que aínda está a supor un grave desequilibrio nos ecosistemas acuáticos de consecuencias, quizais xa irreparables.

Por iso este exemplar, atopado nunha canle dun muiño abandonado do río Loña en Ourense o día 22 de marzo de 2010, é ao meu entender un auténtico supervivinte do holocausto do visón americano.

Os merguilletes cristados quentan motores para a crianza.




Xa están de volta os merguilletes cristados (Podiceps cristatus) coñecidos como galancia nalgunhas partes da Limia.

As areeiras da Limia acollen unha das poboacións reproductoras máis importantes de Galiza desta especie, sen embargo durante o inverno a maior parte da poboación abandona as areeiras para voltar na época reproductora que é a que agora nos ocupa.

Estes exemplares, 10 en total, foron localizados en varias das areeiras da Limia en Sandiás o día 20 de marzo de 2010.

Trigueiróns na Limia.





Nestes primeiros días da primavera empézanse a sentir xa as hormonas no aire, os trigueiróns (Emberiza calandra) están xa cantando ben "altaneros" marcando os seus dominios, como amosan estas imaxes do concello de Vilar de Santos do día 20 de marzo de 2010.

Azuleira en Vilar de Santos.


Así é a vida mesma, un instante de beleza rodeado de espiñas, esta azuleira (Prunella modularis) e a súa parella atopábanse ben atarefados na procura de materiais para o niño, en tempos nos que na Limia se "andaba aos niños" os ovos de azuleira eran dos máis cotizados entre os rapaces, hoxe parece que esta parella pode criar algo máis tranquila.

A imaxe foi obtida o día 20 de marzo de 2010 no pobo de Castelaus, no concello limiao de Vilar de Santos.

miércoles, 17 de marzo de 2010

Águia cobreira na Serra de San Mamede.







Este exemplar de águia cobreira (Circaetus gallicus) foi albiscado polos participantes nas Xornadas de Rastros de Amigos da Terra o día 14 de marzo de 2010.

O exemplar en cuestión detívose a peneirar a considerable distancia como amosan estas imaxes meramente testimoniais.