COLEGAS

jueves, 31 de enero de 2013

"Os encantos" do Mosteiro de Santa María de Montederramo

"A vida é como unha lenda: non importa que sexa longa, senón que estexa ben narrada"- Lucio Anneo Séneca (2 a.C.-65)- Filósofo latino.

Contan as lendas do olimpo Galaico que as augas da nosa terra, tanto as mariñas como as doces, están habitadas por unha sorte de sereas de xénero masculino, coñecidos como homes mariños ou encantos das augas. Din os vellos da ribeira do río Miño, que son  unha sorte de trasnos da auga, e tamén algún crego que asegura que son diaños acuáticos.


Os encantos das augas ou homes peixe son seres antropomorfos, agás porque posúen unha liña de pelos finos ou escamas verdosas no peito, cabeza e lombo. As estremidades parecen transformadas en forma de aletas. Falan seica unha lingua que ninguén entende, pero son capaces de falar algunhas palabras do noso idioma, para poder pedir viño ou pan.

Os encantos das augas, ou homes peixe, son seres inmortais, que se guían cunha especie de carapucha vermella. E seica gardan grandes tesouros. No Miño seica eran migratorios, e decando en vez retornaban ao mar, pena que hoxe en día os muros dos encoros non lles permitan a viaxe.

Este tipo de seres lendarios, esconden tras de sí personaxes outrora adorados, como as ninfas en tempo dos romanos. Coa chegada do cristianismo, este tipo de personaxes mitolóxicas foron demonizadas, e tidas como seres diabólicos de carácter menor, unha sorte de diaños atravesados, pero non mortais de necesidade.

Na zona marítima, os "homes mariños" seguiron tendo o aprecio dos mariñeiros, xa que seica axudaban aos pescadores nas capturas, sen embargo os "encantos mariños" eran seres diabólicos que raptaban persoas e rapeces pequenos, e quedaban coas almas dos naúfragos.




O mosteiro cisterciense de Santamaría de Montederramo atópase na ladeira Norte da Serra de San Mamede, fundado mediante doazós na Idade Media, foi recostruído, agás pequenos vestixios, a partir os séculos XIV e XV, non  se conserva na actualidade ningún edificio medieval. 
Trátase do mellor exemplo do renacimento de Ourense, e no claustro podemos observar unha unha boa colección de heráldica e escultura entre as que destacan personaxes tipo "home peixe". As lendas destes seres están expandidas por toda Galiza, e prácticamente non existe río, costa, ou lagoa que non conte co seu propio "trasno d´auga".

Ben seguro que a próxima vez que alguén bos diga que sodes un "encanto" o ides a ver doutra maneira...

jueves, 24 de enero de 2013

O carbunco: O Nessi de Antela.






Nessi, ou o monstro do lago Ness en Escocia, é quizáis o máis popular dos monstros lacustres lendarios que brilan no firmamento da criptozooloxia. Prácticamente non existe gran lago ou lagoa que non conte entre os seus habitantes lendarios cun terrorífico monstro acuático que aterrorice aos habitantes da ribeira.

A desaparecida Lagoa de Antela, ou Lago Beón, non podía ser menos, e tamén tiña os seus monstrosos habitantes, os carbuncos.

A lagoa de Antela foi unha das maiores superficies de auga doce natural da Península Ibérica. Formouse durante a era Terciaria, momento no que o clima galego era tropical. Por aquel entón eleváronse as grandes serras do Macizo Central, como a serra de Queixa, e afundíronse as grandes depresións da provincia, como Monterrei, Maceda e a propia Antela. En moitas desas depresións formáronse zonas lacustres, que se colmataron de sedimentos co desxeo dos glaciares Cuaternarios, todas excepto Antela, que estoicamente sobreviviu até o ano 1957, momento no que foi desecada polo réxime franquista.

A lagoa de Antela era unha superficie de auga doce someira de corenta kilómetros cadrados e unha profundidade media de menos dun metro. Posuía varias zonas máis profundas de máis de catro metros de profundidade, coñecidas como "Pozos". Cada un deles tiña nome propio, como o Pozo Tremedoiro.

Contan as xentes da ribeira de Antela, que eses pozos eran habitados por unha sorte de serpes anfibias e de gran tamaño, que rara vez se vían na superficie. Din aqueles que as viron, que eran resplandecentes coma o sol. Que tiñan na cabeza xemas preciosas, coma diamantes que posuían poderes máxicos. Seica os carbuncos destellaban raios, que quizáis fosen producidos polas xemas da cabeza.

Os carbuncos son nomeados nun documento da colexiata de Xunqueira de Ambía, que fala do asulagamento da cidade de Antioquía nas augas da Lagoa de Antela, por unha sorte de castigo divino.

Non é difícil atopar nos pobos limiaos, testemuñas en primeira persoa do avistamento e mesmo da loita con grandes réptiles anfibios serpentiformes. Xa que parece que nos regatos que desembocaban en Antela, no seu emisario ou no mesmo río Limia, habitaban serpes d`agua, en ocasións descritas mesmo con ás, e coas pedras ou costras extendidas por todo o corpo. Neste punto o protagonista tórnase extrañamente similar ao "Cuélebre", reptil da mitoloxía astur-leonesa.

Non debemos esquecer que o noroeste ibérico foi durante a antigüidade o lar de extrañas crenzas pagás, hoxe lonxanas do ideario cristián. Na noite dos tempos, os habitantes da Galaecia adoraban aos réptiles, como deuses por dereito propio. As lendas de seres lacustres poden ser un recordo dese Olimpo perdido xunto coa malograda lagoa de Antela.

Cantos tesouros se perdedon entón, canta vida, canta historia...



lunes, 21 de enero de 2013

Conmemoración do día dos humidais cos Amigos da Terra na Aula da Natureza do río Miño.

Co gallo da conmemoración do 42 aniversario do Convenio Ramsar, un ano máis, en colaboración coa Aula de Natureza do río Miño da Concellería de Educación, a Concellería de Medio ambiente, e o naturalista Alberto Rivero Saeta querémosvos convidar á realizar unha saída  polas ribeiras dos ríos da cidade ao seu paso polo concello de Ourense, para o sábado 2 de febreiro pola maña.


Partiremos dende a Aula da Natureza do río Miño, ás 10:00 horas e tras un paseo, dunhas tres horas, polas ribeiras do Miño, o Loña e  finalizaremos a nosa ruta no Barrio de "As Lagoas".

No percorrido, e coa axuda inestimable de Alberto Rivero, aproveitaremos para coñecer un pouco mellor a flora e a fauna dos nosos ríos. Tamén faremos fincapé nos diferentes estadíos de conservación dos ecosistemas de ribeira que teremos a oportunidade de comparar.

A data límite para anotarse será o venres día 1 de febreiro pola mañá, por correo electrónico en:

aulanatureza@ourense.es

voluntariado.galicia@amigosdaterra.net, ou ben nos teléfonos 988 510 781 -  988 374 318.

Recordade que debedes levar un calzado adecuado para camiñar, roupa de abrigo e/ou de choiva, auga e, si tedes, prismáticos e cámara de fotos.

En resumo:
Data da saída: 2 de febreiro
Percorrido: polas ribeiras do Miño, do Loña e Barrio de "As Lagoas"
Lugar de inicio do percorrido: Aula de Natureza do río Miño; paseo fluvial de Oira s/n, Ourense
Hora de saída: 10:00 horas
Tempo estimado: unhas tres horas, ata as 13:00 horas
Contacto: nos correos: aulanatureza@ourense.es  ou   voluntariado.galicia@amigosdaterra.net
              ou nos telefonos:  988510781  ou 988 374 318
Data límite: 1 de febreiro pola mañá

--
Faite soci@ de Amigos da Terra
Ángel Dorrío

Amigos da Terra Galicia - Membro de Friends of the Earth International
Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense
Tel. [+34] 988 374318
Fax. [+34] 988 511020
angel.dorrio@amigosdaterra.net

domingo, 20 de enero de 2013

A vaca cachena, unha raza vacuna autóctona en perigo.

A raza cachena á unha das razas vacunas autóctonas máis peculiares do país. Os seus cornos en forma de lira, unido ao seu pequeno tamaño, fan desta vaca unha raza especial. Habitante en orixe do SO Ourensán, nas serras do Xurés, o Quinxo ou Leboreiro, na Baixa Limia, e do outro lado da fronteira, en Portugal, no Parque Nacional da Peneda Gêres. As medidas de protección e recuperación postas en marcha a partir de 1996, fixeron que a vaca cachena extendese os seus dominios alén dos límites da provincia de Ourense, con explotacións nas catro provincias galegas.

A chegada da actual crise económica e os conseguintes recortes trouxeron consigo unha mala nova, a retirada das subencións para as explotacións de razas autóctonas, poñen en serio perigo a supervivencia das explotacións e a súa viabilidade económica a medio e longo prazo, e con elo, a supervivencia desta e doutras razas autóctonas.











As orixes desta raza son confusas e pérdense na noite dos tempos. Se ven para algúns basándose na súa morfoloxía, estaría emparentada con outras razas do Norte de África, e polo tanto sería descandente do Bos primigenius mauritanicus, ou uro norteafricano. Para outros baseándose noutras das súas características, emparéntana co Bos bachyceros. Bóvido prehistórico contemporáneo a Bos primigenius, que aparece representado en algunhas pinturas rupestres e extinto en época indeterminada, e que pode en parte ser a orixe das razas coñecidas como "morenas do noroeste".

A sistemática das vacas e as diferentes especies ou subespecies que deron orixe ás diferentes razas actuais  está lonxe de ser resolta, e é obxeto de diferentes controversias, aínda na actualidade.

martes, 15 de enero de 2013

Petición de información. Cornamenta misteriosa.



Recentemente topei esta cornamenta como decoración dun restaurante, podería ser dun animal salvaxe (tipo cabra montés) ou é dunha cabra doméstica. Saúdos e agardo os vosos comentarios.

lunes, 14 de enero de 2013

Un tópónimo interesante....O río Bibei: O río das cabras montesas.



O río Bibei é un afluente do río Sil, a súa vez afluente do río Miño, que nace en terras zamoranas para desembocar na provincia de Lugo, no concello de Ribas de Sil. Durante o seu curso percorre unha ampla área de montañas a través das provincias de Zamora, Ourense e Lugo.

Existen duas teorías sobre o significado do nome do río Bibei, a primeira asóciao coa palabra prerromana Ibex, que significa Cabra Montés, que que foi incorporada ao latín por Plinio El Viejo. A segunda acepción vería a significar corrente de auga.

Este topónimo enlaza con outros semellantes da comarca zamorana de "La Cabrera", como Ybey, Ibei, Ibe ou Vivei, que poderían ter ambos significados. 

Persoalmente, debido ao hábitat e á propia toponimia anexa á cunca deste río, inclínome pola primeira teoría, que viría a indicar un río encañonado no que habitan cabras monteses. Neste caso a subespecie sería Capra pyrenaica lusitanica, en tempos habitante do cadrante nooccidental ibérico e extinta en 1892.

sábado, 12 de enero de 2013

Rapina cinsenta na serra de Queixa.

A rapina cinsenta (Circus pygargus) é unha ave raz de tamaño medio relativamente frecuente na provincia de Ourense, nos puntos axeitados. Depende, a excepción da bisbarra da Limia onde nidifica en cultivos de cereal, das áreal de mato da media e alta montaña ourensá, coma as toxeiras, queirugais e xesteiras.

Na serras que compoñen o macizo central ourensán, é un hábitat frecuente, polo que a especie pode observarse con relativa facilidade. Trátase dunha especie estival que acude en primavera á nosa provincia para criar.

As imaxes que acompañan esta entrada foron obtidas o pasado día 14 de setembro de 2012 na serra de Queixa, en terreos do concello de Chandrexa de Queixa.








Nelas podedes observar un exemplar novo pousado e en voo de expedición retratado a unha considerable distancia do observador.

jueves, 10 de enero de 2013

A igrexa románica de San Pedro da Mezquita: fauna en pedra.

"Despois de ter percorrido o mundo enteiro na procura da felicidade, daste de conta que estaba na porta datúa casa"- Proverbio africano.

En moitas ocasións témonos achegado ao patrimonio artístico da nosa provincia, e nel temos atopado cousas ben interesantes, que mesmo nos chegan a fascinar, ao atopar especies extintas xa da nosa xeografía.

Desta volta imos a deter a nosa mirada na igrexa románica de San Pedro da Mezquita, situada no concello ourensán de A Merca.

Neste primeiro grupo de imaxes aparece a primeira curiosidade, unha representacidon da loba capitolina, lenda clásica sobre a fundación da cidade de Roma, que conta como os xemelgos Rómulo e Remo, lendarios pais do imperio romano, foron amamantados por unha loba. Esta representación aparece tamén en Xunqueira de Ambía.





Na seguinte imaxe pertence á portada da igrexa, nela vemos dúas curiosidades. Á esquerda, e detrás dun personaxe barbado (quizáis un rei ou profeta), alcánzase a ver, non moi ven, unha imaxe dun xabarín (Sus scrofa). A continuación deste, á dereita do mesmo, aparece un réptil, serpentiforme e bípedo de difícilclasificación, pero que quizáis poida ser un dragón ou, quen sabe, un escáncer , réptil do xénero Chalcides.


Nas duas seguintes imaxes aparece un ser diabólico, unha sorte de mamífero monstruoso de dificil clasificación, a ver que opinades vós.



Esta é quizáis unha das representacións que máis me gustaron, trátase dunha escea de caza silvestre, a cadea trófica pura e dura...Nela observamos unha lebre ou coello, que está a ser capturada por un  depredador. O mal estado de conservación deste capitel non nos permite facer unha identificación definitiva do animal, que ben puidera ser un lobo (Canis lupus), un lince (Lynx sp.) ou calquera outro.



 Situado fronte á loba capitolina anteriormente  mencionada, atopamos outra escea ben curiosa, nun contraforte na igrexa, aparece o que parece ser un oso  (Ursus arctos) cunha presa, sobre el, case amenazador, un personaxe cunha lanza.


 Na seguinte imaxe, un par de dragóns sobre un castelo, como formando un escudo que corona unha das fiestras.

 Nas duas seguintes imaxes, embelecendo unha fiestra, aparece un dragón, á dereita da mesma, moi similar á coca da igrexa de Serantes en Leiro.

 O seguinte capitel parece demasiado deteriorado para ser identificado, puideran ser touros, bisontes ou osos..

 A igrexa de San Pedro de A Mezquita, data cando menos do ano 986 d.C.e foi declarada monumeto nacional en 1931, se dades unha volta pola zona, non deixedes de visitala, merece moito a pena.



Conta a lenda que esta igrexa foi construida polo mesmo diaño nunha soa noite, hai quen dí que foron os mouros coa axuda deste os que a levantaron, feito que da que pensar nun lugar chamado a Mezquita... ¿non credes?