COLEGAS

lunes, 31 de agosto de 2009

Retorcepescozo na Limia






Este exemplar de retorcepescozo (Jynx torquilla) foi atopado morto por atropelo nunha pista da concentración parcelaria do concello limiao de Vilar de Santos, perto do pobo de As Casas da Veiga, o día 29 de agosto de 2009.

Cando foi atopado o exemplar en cuestión estaba cheo de formigas que estaban dando boa conta do cadaver do paxaro, curioso fin para un animal que precisamente se alimenta de formigas.

O retorcepescozó é unha especie de peto moi escasa, ou dificil de localizar, estival en Galicia, en Ourense aparece de forma irregular espallado por case toda a provincia.

Seguen na Limia os gansos do Exipto.





O día 29 de agosto de 2009 seguen nas areeiras da Limia en Sandiás a parella de gansos do Exipto (Alopochen aegyptiaca) localizada na mesma zona con anterioridade.

Falcón peregrín nas areeiras da Limia.



Fotografías dun exemplar novo de falcón peregrino (Falco peregrinus) en expedición de caza sobre as areeiras da Limia en Sandiás o día 29 de agosto de 2009.

Rato de campo na Limia.




Fotos dun rato de campo morto nunha estrada do concello de Vilar de Santos e atopado o día 29 de agosto de 2009.

O rato de campo (Apodemus sylvaticus) é un roedor frecuente no medio rural da provincia, e en certa medida sustitue ó rato domestico (Mus domesticus) nos medios campestres.

jueves, 27 de agosto de 2009

Morfo escuro de miñato abelleiro na Boutureira.




Exemplar novo de morfo escuro de miñato abelleiro (Pernis apivorus) fotografado na Boutureira (San Cibrao das Viñas) o día 26 de agosto de 2009.

Loitas de lagartixas dos penedos en Ourense.










Nestes días ademáis de producirse as eclosións das segundas postas das lagartixas dos penedos (Podarcis hispanica), tamén se está a producir o celo desta especie do que se produciran as postas que eclosionarán cos primeiros calores do ano 2010.

Durante o celo das lagartixas prodúcense frecuentes loitas entre os machos pola conquista das femias, como podedes ver nestas fotografías do paseo do Barbaña en Ourense, feitas o día 26 de agosto de 2009.

Xilgaros novos no Barbaña.





Estas fotografías amosan exemplares novos de xílgaro (Carduelis carduelis) na vexetación de ribeira do río Barbaña o día 26 de agosto de 2009, como podedes apreciar os exemplares novos desta especie carecen da máscara bermella que caracteriza aos adultos, nestes días grandes vandadas desta especie se moven polas árbores da ribeira dos ríos de Ourense.

Bermelliña: A vida volta ao río Barbaña.




A bermelliña (Rutilos arcasii) é una especie de peixe endémica da Península Ibérica frecuente nos ríos ourensáns, tamén é unha das especies que se viu afectada polo verquido tóxico ao río Barbaña no pasado mes de xullo.

A boa nova é que as bermelliñas xa voltaron ao río que ata hai 15 días aínda permanecia deserto de vida piscícola, os peixes están recolonizando o Barbaña dende os seus afluentes que non se viron afectados polo verquido, como por exemplo o Barbañica ou Regato dos Muiños, que aínda conservan a fauna e vexetación acuática, e que están a actuar como refuxios ecolóxicos.

miércoles, 26 de agosto de 2009

Águias caudais crían en Ourense.



Durante a pasada tempada de cría realizáronse unha serie de observacións de águias caudais (Hieraaetus pennatus) nun monte do concello de Ourense limítrofe co veciño concello de Pereiro de Aguiar, comprovándose a nidificación desta especie ao voar os polos, tres, o día 11 de agosto de 2009, nos días posteriores o grupo familiar fai incursións de caza sobre os barrios de A Follateira e A Lonia, centrándose en zonas arboladas dos mesmos, e mantendo o contacto con contínuos reclamos e chíos que chaman a atención dos veciños da zona.

martes, 25 de agosto de 2009

Miñatos abelleiros na Limia.





Nestes días a abundancia do miñato abelleiro (Pernis apivorus) é un feito, xa que se están a unir varios factores, por un lado estan os grupos familiares cos polos do ano, e por outro o fluxo migratorio dos miñatos do resto de Europa que xa comezan a atravesa-la Península camiño do estreito de Xibraltar, para invernar na África subsahariana, nestas fotos podedes ver diferentes miñatos atopados o día 23 de agosto de 2009 nos concellos Limiaos de Rairiz de Veiga, Porqueira e Vilar de Santos.

Os polos da azuleira voan na Limia.


Este é un polo do ano de azuleira común (Prunella modularis) atopado o día 23 de agosto de 2009 perto do pobo de Currás, en Rairiz de Veiga.

A azuleira é un paxaro insectívoro moi común na provincia que toma o nome da cor dos seus ovos, azul turquesa.

As anduriñas agrúpanse antes de marchar...




Como moitas das aves estivais que temos na provincia, nestes días e hasta setembro as anduriñas comúns (Hirundo rustica) agrúpanse en vandos cada vez maiores antes de comenzar a migración que as levará a África, este grupo foi observado en Rairiz de Veiga o día 23 de agosto de 2009.

lunes, 24 de agosto de 2009

Ras verdes en Rairiz de Veiga.





Subo estas fotos de ras verdes (Pelophylax perezi) en Rairiz de veiga para amosar a diversidade cromática que dentro da mesma poboación pode presentar esta especie, todas estas ras estaban na mesma charca medio seca o día 23 de agosto de 2009.

A boga un peixe ourensán.




Esta fin de semana un colega meu foi de pesca ao encoro de Salas e trouxo bogas (Chondrostoma duriense) así que aproveitei para sacarlle unhas fotiños e amosarvos esta especie de peixe endémica do Noroeste da Península Ibérica.

A boga está estendida por tódolos ríos da provincia, sendo un peixe moi frecuente.