COLEGAS

viernes, 30 de julio de 2010

Cobregón asasinado en Riós.





Ocorre moitas veces que a xente sinte un medo irracional polos réptiles, ese medo fai que algunhas especies sexan sistemáticamente obxeto de todo tipo de agresións, os ofidios, ou o que é o mesmo, as cobras, son quizáis as especies que máis sofren esta persecución.

Nas imaxes podedes apreciar un exemplar de cobregón (Malpolon monspessulanus), tamén coñecido como cobra rateira, debido ao tamaño que pode acadar é unha das especies que máis "terror" produce entre os habitantes de certas zonas.

O exemplar en cuestión foi atopado morto con claros signos de violencia, nunha estrada do concello de Riós, a esta serpe lle quitaron a vida dunha pedrada, algo que puidemos comprovar Rafa Vázquez, Vero e Xosé Ramón Reigada, ao examinar o esceario do crime o pasado día 25 de xullo de 2010.

É unha verdadeira pena que un dos nosos réptiles máis espectaculares remate así os seus días.

jueves, 29 de julio de 2010

Rá dos regos en Vilardevós.





O pasado día 25 de xullo de 2010 fun dar unha volta polo oriente ourensán cos colegas Rafa Vázquez, Xosé Ramón Reigada e Vero, xa metidos no concello de Vilardevós, atopamos este exemplar de rá dos regos (Rana ibérica).

A rá dos regos é un endemismo ibérico, e a pesar da preocupante diminución que as poboacións de anfibios están a sufrir a nivel global, segue sendo unha das especies de anfibios máis frecuentes da provincia, todo un luxo para a nosa vista.

viernes, 23 de julio de 2010

Liberación de Cegoñas en Ourense.












Hoxe día 23 de xullo de 2010 foron liberados 4 exemplares de cegoña branca (Ciconia ciconia) no río Miño á altura de Untes (Ourense), as cegoñas proviñan do Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe do Alto do Rodicio.

A liberación enmarcouse dentro das Actividades de Verán da Aula da Natureza do Río Miño, dependente da concellería de Educación do Concello de Ourense, actividades nas que colaboro un ano máis.

Como testemuñas unha treintena de rapaces e alguns dos seus pais, prensa e algunhas autoridades, ao mesmo tempo os rapaces disfrutaron dunha xornada de observación ornitolóxica, usando os observatorios instalados na ribeira do río Miño, tivemos a sorte de observar un miñato queimado (Milvus migrans), varias gaivotas craras (Larus michahellis), unha gaivota escura (Larus fuscus) e unha garza real (Ardea cinerea).

Eu ando por ahí perdido nalgunha das imaxes, nos vos direi quen son para que non o comparedes ca foto do perfil...jeje, o tempo non pasa en valde para ninguén.

Previo á liberación as aves foron aneladas, actividade da que os rapaces tamén foron testemuñas, agardemos ter sementado futuros ornitólogos para a provincia, que boa falla nos fai.

jueves, 22 de julio de 2010

Variedade cromática dunha poboación de rás verdes en Rairiz de Veiga.













A rá verde común é quizáis o anfibio máis frecuente da provincia, posúe asemade unha alta tolerancia ás alteracións do seu hábitat e móstrase como unha eficaz colonizadora de novas áreas.

A ra verde presente na nosa provincia, Pelophylax perezi, é unha especie endémica (exclusiva) da Península Ibérica, aínda que se atopa estreitamente emparentada con especies de fisonomía similar presentes no resto do continente Europeo.

O pasado día 17 de xullo de 2010 foi realizada unha pequena prospección a unha charca próxima á capital municipal do concello limiao de Rairiz de Veiga, onde habita unha nutrida poboación desta especie.

O obxetivo principal sa visita era obter o material fotográfico necesario para amosar a alta variabilidade cromática da especie, tomando como exemplo varios exemplares pertencentes a esta poboación, nas imaxes que acompañan este post tedes o resultado conquerido, que agardo sexa do voso agrado.

O atopar diferentes exemplares de ra verde de cores dispares non significa que pertenzan a especies distintas, senón que amosa a a variabilidade cromática propia da especie e común a outras especies de hérpetos.

Laverca en Sandiás.





Este exemplar de laverca común (Alauda arvensis) foi fotografado o pasado día 17 de xullo de 2010 nunha parcela sen cultivar do espazo natural das Areeiras da Limia en Sandiás.

A laverca común é un aláudido (tipo de paseriforme) moi frecuente nos entornos herbáceos e nos cultivos cerealísticos da provincia, é común como nidificante e gregaria no inverno, cando Ourense recive un certo número de exemplares invernantes provintes do resto do continente europeo, na bisbarra da Limia prodúcense durante ese período importantes concentracións da especie.

miércoles, 21 de julio de 2010

Censo da poboación nidificante de mergullón cristado nas Areeiras da Limia.








O pasado día 17 de xullo de 2010 foi censada a poboación nidificante de mergullón cristado (Podiceps cristatus) asentada nas Areeiras da Limia (Sandiás), con tal fin foron visitadas todalas barreiras con posibilidades de acoller parellas desta especie, obténdose como resultado a confirmación de 23 parellas, todo un record para este espazo natural incluído dentro da ZEPA A Limia.

Algunhas das parellas observadas aínda se atopaban chocando ovos, autras transportaban ás costas polos de curta idade (costume habitual nos mergullóns), namentras que outras cebaban polos xa medrados. Tamén foron observados certos conflictos territoriais entre as parellas asentadas nas lagoas que acadan maiores densidades, esta defensa do territorio é acusada nas parellas que están aínda en período de incuvación, defendendo un perímetro de seguridade ao arredor do niño.

lunes, 19 de julio de 2010

Teixugo atropelado en Sandiás.





Non cansaremos de repetir e denunciar a través deste blog, da constante sangría que a nosa fauna está a sufrir nas estradas ourensás. Un bo exemplo son estas imaxes dun teixugo (Meles meles) víctima dun atropelo na estrada comarcal 531 ao seu paso polo concello limiao de Sandiás o pasado día 18 de xullo de 2010.

O teixugo é o maior mustélido galego, a pesar de estar presente en numerosos puntos da provincia, non acada ao parecer altas densidades, mamífero oportunista, cunha variada dieta omnívora, os seus costumes nocturnos, fan del unha especie pouco coñecida.

No pasado existiu en certos pobos da Limia o costume de manter teixugos en catividade, os exemplares obtíñanse do expolio de camadas nas toqueiras.

Esta especie ten asemade costumes cabadoras, o que se reflexa nas fortes gadoupas que posúe e que podedes ver con detalle nunha das imaxes.

Garza pequena en Sandiás.






A garza pequena (Ixobrychus minutus) é a menor das nosas ardeidas, escasa e localizada, a provincia de Ourense conta cunha pequena poboación nidificante, e estival, asentada principalmente na bisbarra da Limia, aínda que tamén está presente en puntos concretos do Ribeiro e da metade leste de Ourense.

O pasado día 17 de xullo de 2010 foi realizado un pequeno censo nas Areeiras da Limia, incluida dentro da Zepa A Limia, en terreos do concello de Sandiás, en total localizáronse 8 parellas desta escasa especie, a poboación total da bisbarra podería ser aínda maior xa que non se prospectou toda a área potencial da especie na zona (zonas como o río Limia ou treitos da Canle de Antela onde se sabe que a especie nidificaba ata datas recentes).

Nas imaxes podedes apreciar unha femia desta especie observada na zona durante a realización do censo.