COLEGAS

martes, 30 de noviembre de 2010

Posible presenza histórica do Lince europeo en Ourense.





"A experiencia máis fermosa que temos ao noso alcance é o misterio. É a emoción fundamental que está no berce do verdadeiro arte e da verdadeira ciencia. O que non a coñeza e non poida admirala, e xa non poida abraiarse e maravillarse, está coma morto e ten os ollos anubrados"-Albert Einstein (1879-1955)-Físico alemán-"O mundo tal como eu o vexo"

Dende hai anos, vense especulando sobre a posible presenza histórica do lince europeo ou boreal na Península ibérica. A distribución desta especie parece que abranguía as cordilleiras catábrica e pirenaica. Esta teoria sempre atopou defensores e retractores, que non parecían chegar a un acordo debido á ausencia de evidencias científicas palpables que rematasen por aclarar esta polémica.

Sen embargo, nos últimos anos, parece que o rexistro fósil inclina a balanza definitivamente ante a presencia recente do lince boreal na Península.

Nos últimos días veño pondo sobre a mesa, representada nos post deste blog, parte da información dispoñible sobre o lobo cerval en Ourense, este será o derradeiro capítulo desta saga.

En pasadas entradas falamos sobre o hábitat típico do lince ibérico en Ourense, sen embargo hai un área na distribución que non cadra dentro do rango de hábitat do mesmo.

Trátase do NO da provincia de Ourense, un área hiperhúmida, dentro da provincia "atlántica" dominada por Quercus robur, Betula sp, amplas áreas de pastizais, entre os 700 e 1000 metros de altitude, con forte precipitación anual, invernos moi duros, con frecuentes nevadas, e veráns suaves.

Como compañeiros de viaxe do lubicán (nome vernáculo para Lynx recollido en 15 enquisas na zona) atopamos á ra do monte (Rana temporaria) en altas densidades, dando mostra da alta precipitación e claro caracter atlántico do lugar, as densidades de coello sempre foron baixas según os habitantes do lugar.

Entre as características atopadas nesta poboación, extinta entre os anos 60 e 70 do século XX, atopamos a práctica ausencia de manchas no pelaxe dos animais, casos de ataques a gando ovino, caracterizados pola presenza de marcas de colmillos no pescozo das ovellas e años depredados.

Ante estas características atopámonos nunha encrucillada de posibilidades.

1º) A día de hoxe asociamos a presenza do lince co seu hábitat restrinxido ao monte e mato mediterráneo. Sen embargo é posible que esta especie, nun pasado recente, estivera asociada a outros tipos de hábitats máis variados que a maltreita poboación actual. Iste feito se dá, por exemplo, nas poboacións actuais doutras especies en perigo de extinción, como o oso pardo (Ursus arctos), hoxe en día relagado á cordilleira cantábrica e dependente de prantas como os arandos, pero no s. XVII habitante dos montes murcianos, carentes por completo de matas de arando.

2º) Na actualidade a escasa variación xenética da poboación de lince ibérico na península presenta tres variedades ou patróns de pelaxe, o que non quere dicir que a perda de variación xenética, debido á perda de efectivos, non se traduxera nunha pérdida da variedade de patróns das pelaxes das poboacións silvestres do mesmo. Do mesmo xeito descoñecemos se no ambito xeográfico pretérito da especie se produciron extincións de subespecies, ou mesmo adaptacións cromáticas ao medio habitado, xa que non existen na actualidade restos analizables para tal comprovación.

3º) Sen embargo, se aceptamos como real a presenza do lince europeo na Península ibérica, ata tempos recentes, existe a posibilidade de que certas poboacións galaicas pertencense a esta especie. Dentro deste rango entrarían as citas históricas do Norte da Provincia de Lugo, as da provincia da Coruña, e certos puntos das provincias de Ourense e Pontevedra.

Ao respecto, recentemente, falouse do rexistro no territorio costeiro do veciño Portugal, dun exemplar de lince de manchas esvaidas que ben podería encanxar dentro do aquí exposto.

De todos xeitos esta será unha dúbida de dificil solución, que moi probablemente quedará relegada en breve ao campo da criptozooloxía. Só quero para remeatar esta saga de artigos sobre os linces en Ourense, que teñades ben presente que houbo un tempo, non moi lonxano, no que a vista dos galegos puido desfrutar dunha das más belas visións que a natureza ibérica foi quen de crear: o lince, ou o noso lobo cerval...

viernes, 26 de noviembre de 2010

Distribución histórica do lince ibérico na provincia de Ourense.



" non eres accidental: a existencia necesítate. Sen , faltaría algo na existencia que niguén pode reemplazar"-Osho Ranjneesh (1931-1990)-Filósofo místico hinduísta.

A ausencia do lince ibérico (Lynx pardina) na provincia de Ourense dura xa 30 anos, o resto das súas poboacións mundiais, relegadas á metade sur da Península Ibérica, están nun duro momento que fixo que a UICN as declarase en perigo crítico de desaparión, e, polo momento, parece que as medidas multimillonarias postas en marcha para a conservación da especie non están dando os froitos agardados.

O lince ibérico atópase na actualidade extinto do territorio ourensán, o último exemplar cazouse en 1972, e o último avistamento da especie prodúxose en 1981.

Cando se comeza a producir a fragmentación e retracción da área de distribución das poboacións da especie no século XIX, o lince aínda se detecta con relativa facilidade en diversos puntos da provincia, entre finais do s. XIX e comezos do XX, prodúcese a fragmentación das poboacións provinciais da especie.

A comezos do século XX, o lince habita a Depresión Ourensá e a Ribeira Sacra, a Limia, O Val do Támega, A Baixa Limia, Valdeorras e as Terras do Bolo. Con posterioridade, a persecución directa por parte do home e a diminución da densidade das presas, base da súa alimentación, provocan a súa extinción na Ribeira Sacra e na conca do río Miño ourensán, quedando ailladas as poboacións de Vadeorras e Terras do Bolo, aínda que estas poboacións permanecen unidas ás poboacións veciñas das provincias de Zamora, León e Lugo, a mediados do século XX, o lince ocupa uns 3000 km cadrados da superficie da Provincia.

Por outro lado as poboacións do Val do Támega, pertencentes a unha metapoboación maior unida ao actual Parque Natural Montesinho, xa en territorio portugués, sofren unha forte regresión para rematar extinguíndose a finais dos anos 70 do s.XX.

As poboacións do val do Limia (A Limia e A Baixa Limia), extínguense, aparentemente, a mediados do s.XX, e xa por aquela os episodios de presenza eran meramente anecdóticos, polo que é posible que se refiran a individios dispersantes de poboacions próximas.

No último cuarto do século XX prodúcense os últimos avistamentos da especie en territorio ourensán, todos os datos atinxen á metade oriental limítrofe con Castela e León, onde, tamén por ese tempo, se producen os últimos contactos confirmados ca especie.

A partir dese momento o lince ibérico pasa a engrosar as listaxes de especies extintas da provincia, e por ende pasa a ser un habitante da criptofauna ourensá. Así, enmarcado nesa realidade, prodúcense os derradeiros episodios da historia da especie en Ourense, que atinxen a dous indivíduos, un cazado en 1992 e outro atropelado en 2002, ambos en localidades que, polo momento, manteremos en segredo, a este dato hai que unir outro de 2004 en territorio zamorano a uns 15 km do límite con Ourense.

Polo pouco que sabemos ata o momento, podemos indicar que o lince ibérico habitaba a provincia nun rango altitudinal comprendido entre os 160 e os 1500 metros de altitude, a área de distribución da especie atópase enclavada, a grandes rasgos, na área mediterránea, con vexetación dominada por en zonas baixas Quercus suber, Quecus ilex, Quercus rotundifolia, nas zonas fragosas, con amplas áreas de matogueira dominadas por Cistus, Arbutus unedo, Cytisus sp, Genista sp, etc, sendo sustituidas nas áreas de maior altitude por masas fragosas de Quercus pyrenaica e matogueiras de Erica sp, e con casos de masas de Quercus robur e pyrenaica alternadas con chairas herbéceas e matogueiras de Ulex e Cytisus.

O inicio declive do lince ibérico na provincia coincide cronolóxicamente ca regresión, e posterior extinción na maior parte dos casos, da maioría dos grandes mamíferos presentes en Ourense, tanto herbívoros (Capra pyrenaica, Capreolus capreolus, Cervus elaphus ou Rupricapra pyrenaica), como carnívoros (Ursus arctos, Canis lupus, Herpestes icheneumon). Algúns deles extinguíronse definitivamente de territorio ourensán, outras, despois de fortes regresións na súas áreas de distribución, conqueriron recuperarse de maneira natural, outras, despois de anos de ausencia, foron reintroducidas de novo, sempre con fines cinexéticos.

O golpe definitivo para os linces ourensán foi a aparición da mixomatose, peste que acabou con boa parte das densidades de coello de monte (Oryctolagus cuniculus),a súa principal presa, non debemos esquecer tampouco a política cinexética de eliminación sistemática de depredadores posta en marcha polo réxime franquista, a denominada "Junta de extinción de Animales Dañinos", que durante 20 anos supuxo unha especie de Inquisición para animáis supostamente perxudiciais para os intereses económicos do home, que condenou a morte a milleiros de animais xen xuizo previo.

A este feito hai que unir, asemade, a pólitica forestal protagonizada polas autoridades compententes antes e despois da dictadura, e que transformou milleiros de hectáreas de monte baixo en plantacións de piñeiros, o que se traduxo nunha imperdonable perda de hábitat non só para os nosos gatos rabóns, senón tamén para as suas presas.

Para cando a especie foi legalmente declarada como en perigo de extinción en España, alá polo ano 1973, a especie xa estaba condenada á extinción na nosa provincia.

miércoles, 24 de noviembre de 2010

Nomes vernáculos do lince na provincia de Ourense.

"Cando un home quere matar un tigre, chámaselle deporte; cando un tigre quere matar un home chámaselle ferocidade"-George Bernard Shaw-(1856-1950)-Escritor irlandés.

Unha proba irrefutable sobre a presencia do lince na provincia de Ourense é o número de nomes vernáculos recollidos na súa área potencial de distribución, e o alto grao de coñecimento popular que en certas bisbarras se atopa sobre a especie, sen entrar nunha descripción específica ao respecto do dito sobre o lince europeo, pasaremos a continuación a enumear os nomes con que esta especie foi coñecida polos ourensáns.

Na serra do Xurés, fronteiriza co portugués Parque Nacional Peneda-Gêres, prodúcese un curioso binomio vernacular, se me permitides a expresión, con respecto á denominación de Lynx, así utilízase lobo cerval para Lynx e lobo asnal para Canis Lupus, entendendo que a capa de pelo deste último garda similitudes cromáticas ca dos burros (Equus asinus). Lobo cerval (ou serval), foi a denominación máis habitual para os linces na provincia, entendendo por ela a maioría dos autores a suposta capacidade desta especie para alimentarse de cervos. Dando un total de 15 rexistros positivos non só na bisbarra da Baixa Limia, senón tamen en puntos do SO e SE ourensán.

Un común denominador para a especie atopada no agro galego foi o temor que a especie exercía sobre os seus habitantes, case tanto como o propio lobo. Este temor foi traducido en numerosos contos para nenos que se contaban á beira da lareira co fin de infundir temor aos máis cativos.

Outro dos nomes recollidos no Norte ourensán foi o de lubicán, por él entendían os paisanos un animal, case mitolóxico, distinto do lobo, como un gato pero moito maior.

Na bisnarra da Limia recolleuse o nome de gato rabón, que fai referencia á escasa lonxitude do rabo (cola) do lince, así mesmo recolleuse un dito popular que a modo de xogo, se utilizaba nesas terras do centro da provincia:

"Pide Perdón polo gato rabón, que te coma a ti e a mín non".

Noutros puntos da xeografía ourensá recolleuse o vernáculo "tigre", que aparece citado por autores clásicos como V. López Seoane ou J. Taboada Chivite, este vernáculo parece que estivo extendido por puntos do val do Támega e a metade Sur ourensá, do mesmo xeito en puntos de castela acuñan o termo "tigre gallego".


Os linces en Ourense.


Descoñezo si moitos, poucos ou ningúns sabedes da presencia histórica do lince na provincia de Ourense, pero é certo, que ata non hai tantos anos corrían polos montes ourensáns os máis incribles felinos da Península.

Durante o que resta de semana falaremos, a través das páxinas dete blog, sobre a presencia histórica e historia natural dos linces ourensáns.

Hoxe en día os expertos aínda non se puxeron dacordo sobre cal era a especie de lince en concreto que habitaba o Norte Peninsular, sen entrar en controversias, a opinión dominante parece que indica que as montañas do Norte peninsular, Cordilleira Cantábrica e Pirineos estaban habitadas polo lince europeo (Lynx lynx), de maior tamaño e de requerimentos ecolóxicos sensiblemente diferentes ao seu parente o lince ibérico (Lynx pardina), de menor tamaño, que habitaría as zonas de maior influencia mediterránea, incluso no Norte.

Atendendo á distribución histórica recollida en Ourense, e na que entraremos en detalles en próximas entradas, existe a posibilidade de que na provincia de Ourense existise unha certa simpatría na distribución, e, polo tanto, exista presencia histórica de ambas especies, atendendo á climatoloxía e hábitats das bisbarras nas que se ten constancia da prensencia histórica de lince.

Invítovos a todos a que, a traves dos vosos comentarios, enriquezades o tema, e debatamos para dar un pouco de luz sobre o pouco que se sabe da presenza da especie no noso territorio.

lunes, 22 de noviembre de 2010

Amizade anfibia.


A palabra "anfibio" é de orixe grego, e ven a significar "que ten unha dobre vida", ou o que é o mesmo, que se atopa entre dous mundos. Esta definición encaixa perfectamente cas características dos anfibios, xa que a súa vida se atopa a medio camiño entre a auga e a terra.

Os anfibios teñen duas etapas na súa vida. A maioría dos anfibios inician a súa vida na auga, en forma de larvas (cágados). Cando as crías rematan de desenrolarse, é dicir completan a metamorfose, tamén na maioría dos casos, poderán vivir tanto na terra como na auga, estando ligados especialmente ao medio acuático durante a época reproductora.

O pasado día 11 de novembro de 2010, a miña colega Tania Fernandez da Cunha e máis eu fixemos unha curta pero intensa saída herpetolóxica polos arredores da cidade de Ourense. Esta saída obedecía á clara intención de vencer o medo ou repulsión que os hérpetos lle producían á miña amiga.






Así, pouco a pouco as especies foron aparecendo, gardafontes ibérico (Lissotriton boscai), rá dos regos (Rana iberica), sapo común (Bufo bufo), ra verde (Pelophylax perezi), sapiño comadrón (Alytes obstetricans), ra da veiga (Discoglossus galganoi), unha chea de bichiños que co seu doce caracter, fixeron a Tania esquecer, dunha vez por todas a súa fobia herpetolóxica.











Como vedes, ás veces, dous amigos separados por distancias que parecen insalvables, poden tender pontes entre dous mundos, incompatibles, para chegar a unilos dunha forma anfibia, e conquerir o equilibrio desexado, e poucas veces intentado.


Dende aquí quixera felicitar a Tania por encarar con valentía os seus medos, "tendendo pontes", hacia un mundo que lle era alleo e case hostil, demostrando non só unha extrema sensibilidade, senón tamén asertibidade hacia os nosos benqueridos anfibios.

Sapo común en Rairiz de Veiga.




Como ben dixo Mário (Trepadeira) no post anterior, van sendo horas de ensinar animais vivos e coleando, xa que últimamente este blog mesmo se parece ás notas necrolóxicas.

Nesta acasión amósovos un exemplar de sapo cunqueiro (Bufo bufo), atopado baixo pedra en terreos do concello limiao de Rairiz de Veiga, o pasado día 1 de novembro de 2010.

O sapo cunqueiro ou común pasa por ser un dos anfibios anuros (sen cola) máis frecuentes da provincia, estando presente na maioría, senon toda, a súa superficie.

domingo, 21 de noviembre de 2010

Sapiños comadróns en Ourense.






Na entrada anterior informeivos, sutilmente, da miña pequena saía herpetolóxica na compaña de Tania Fernandez da Cunha, unha colega que, en breve, agardo se converta nunha experta bicheira e se una á nosa causa.

De momento, para que vexades parte dos resultados obtidos durante esa saída do día 11 de novembro de 2010, deíxovos as imaxes de dous sapiños comadróns (Alytes obstetricans), que atopamos na ribeira do río Loña, un lugar moi quente, herpetolóxicamente falando, (seguro que agora hai moitos ourensáns a rir por este comentario...).

En próximas entradas falareivos da razón última desta saída e de próximos proxectos que van a comenzar en Ourense, de momento disfrutade coma mín da particular beleza deste curioso anfibio.


viernes, 19 de noviembre de 2010

O carpín dourado, especie introducida en Ourense.



O carpín dourado (Carassius gibelio), é un peixe de orixe oriental, da familia da carpa, introducido dende antigo no continente europeo, na provincia de Ourense, parece ben establecido na cunca do Miño-Sil, e na do Limia.

Trátase dunha especie introducida con fins deportivos no século pasado, tamén é habitual en acuarios e estanques públicos, polo que parte da súa área de distribución actual na provincia tamén pode deberse a soltas ou escapes accidentais sen relación ca pesca deportiva.

De feito, na cidade de Ourense, tanto o carpín, como os seus parentes, o peixe vermello (Carassius auratus) e o carpín común (Carassius carassius), foron utilizados como especie ornamental en diversos estanques de parques públicos, algúns deles moi próximos ao cauce principal do treito urbán do río Miño. Algún ano de abundantes precipitacións, as enchentas do río chegaron a alcanzar eses estanques, polo que os peixes remataron habitando o pai Miño, formando parte xa da súa fauna piscícola.

Nas imaxes aparece un exemplar que atopamos morto nun estanque do Campus Universitario de Ourense a miña colega Tania Fernandez da Cunha (Nana), e máis eu, durante unha saída herpetolóxica o pasado día 11 de novembro de 2010.

jueves, 18 de noviembre de 2010

Novo libro sobre os anfibios de Portugal.


Hoxe vouvos recomendar un novo libro que ven de ser publicado recentemente en Portugal:

Baixo o Título Anfibios de Portugal o herpetólogo luso Armando Caldas fai unha máis que completa recopilación fotográfica das especies de anfibios que moran no pais veciño.

Para darlle unha ollada e facer o pedido correspondente, eu xa o fixen, déixovos este enlazamento da galeria flickr do autor, que agardo sexa do voso agrado:



http://www.flickr.com/photos/8793530@N03/5110812663/


miércoles, 17 de noviembre de 2010

Píntega atropelada en Rairiz de Veiga.




Como non podía ser doutra maneira, vou abrir esta nova etapa cunha entrada sobre o meu bichiño favorito, a miña queridísima píntega común (Salamandra salamandra).

Por desgracia estouvos falando dun exemplar desta especie que atopei atropelado, nunha estrada do concello limiao de Rairiz de Veiga o pasado día 1 de Novenbro de 2010, a pesar diste feito aínda se aprecia claramente as tonalidades vermellas que posúen algúns dos indivíduos integrantes da subespecie endémica "gallaica", que é a subespecie de píntega común que habita as terras ourensás.

A pesar dos constantes atropelos por parte do tráfico rodado, a píntega común segue a ser un anfibio abondoso, o que me fai plantexarme unha cuestión: ¿durante canto tempo continuará a ser así?, ¿Canto tempo aguantarán as súas poboacións sometidas ao constante acoso por parte da especie humana, as súas infraestructuras e os seus medios de transporte?.

lunes, 15 de noviembre de 2010

Declaración de Intencións.


Creo que despois das duas últimas entradas vos debo unha explicación por este aparente cambio de rumbo, que, confeso é tan só momentáneo, pronto voltarei ao meu ser, eternamente "bicheiro".

Supoño que nos últimos tempos observariades sustanciais e notorios cambios na estética blogueira de Fauna Vertebrada de Ourense, este cambio obedece á necesidade de aportar máis cousas que unha mera listaxe informativa das miñas observacións ao longo e ancho da provincia.

Creo que cando temos unha páxina web ou blog, máis ou menos seguido, temos a responsabilidade, ao ser donos do que dicimos, de facer algo máis aló e tratar de realizar unha labor máis social, de concienciación en máis dun aspecto.

Non pretendo ser exemplo de nada, nin tampouco referente de ninguén, tan só pretendo expresarme e dar saída a unha serie de sentimentos e inquietudes que creo me definen e axudan a comprenderme mellor.

Fauna Vertebrada de Ourense, pretende ser unha eficaz ferramenta para a divulgación, o estudo e o coñecimento dos vertebrados da provincia de Ourense, esa é a súa razón de ser, e esa é a orixe do seu orde. Está dirixida, principalmente aínda que non en exclusiva, a persoas alleas ao mundo estrictamente bicheiro que desexen saber algo máis da natureza ourensá, por iso utilizo unha linguaxe o máis cercana e sinxela posible. Para esta labor, a ética do blog dí que as fotografías de tódolos bichos que aparecen son da miña autoría, e están feitas sempre dentro do contexto xeográfico ourensán.

Este feito non descarta, así mesmo, que este blog esta dirixido a tod@s os que queiran lelo, ben sexa pola súa sensibilidade hacia a problemática ambiental, ou pola súa sensibilidade artística.

Unha vez promulgada esta constitución, proseguirei ca filosofía orixinal deste blog.

Un saudo a tod@s.

Alberto Rivero Saeta.

My creed naturalist.


With the strength of our people, now proclaim my creed.

I want to be a new man, and this is my altar Galician.

Above all things I believe in science,
I believe in the holy Mother Nature.

I believe in biodiversity, and evolution of all beings,
I also believe in equality between men and women.
I believe in the conservation of all species

I believe in social integration and coexistence of all nations of the earth.
I believe in sexual diversity in all its classes.
I believe in the research, give thanks to information.

I do not believe in wars that are foreign to anyone.

I believe in the forgiveness of all our mistakes.
I believe in educating young and old.

I believe in memory, which is the mother of history.

You ought to believe, comrades. Believe in what I believe.
Why believe in this creed, we will never forget it ...

This is my creed naturalist
this is my free thought.

Amen.

sábado, 13 de noviembre de 2010

O meu credo bicheiro.


Coa forza do noso pobo, hoxe proclamo o meu credo:
Quero ser un home novo, e iste é o meu retablo galego,

Sobre todas as cousas, creo na ciencia ,
na santa nai natureza.

Creo na biodiversidade, na evolución dos seres,
e tamén creo na igualdade, entre homes e mulleres.
Creo na conservación, de tódalas especies.

Creo na integración, e na comunión das razas.
Creo na diversidade sexual, en tódalas súas trazas.
Creo na investigación,e á información dou as grazas.

Non creo nas guerras, porque nunca son alleas.

Creo no perdón, de todos os nosos erros.
Creo na educación de grandes e pequenos.

Creo na memoria, que é a nai da historia.

Crede vós compañeiros, crede no meu credo,
por que crendo neste credo, nunca esqueceremos...

Este é o meu credo bicheiro,
este é o meu libre pensamento.

Amén.

Curuxa común atropelada en Rairiz de Veiga.


Ningún grupo de vertebrados é alleo á constante sangría de atropelos que se produce nas estradas ourensás.

Como vedes na imaxe que acompaña este artigo, obtida o día 1 de novembro de 2010 en terreos do concello limiao de Rairiz de Veiga, nela podedes apreciar un exemplar de curuxa común (Tyto alba), morta posiblemente por atropelo.

A curuxa común é unha das nosas aves rapaces nocturnas máis frecuentes, e realiza unha poderosa labor de control sobre as poboacións de micromamíferos, a pesar desta beneficiosa actuación, común ao resto de rapaces nocturnas, posúe unha máis que extendida mala fama, como portadora de desgrazas e anunciadora da morte, superstición que excusou durante séculos a persecución sistemática desta e dostras especies similares.


viernes, 12 de noviembre de 2010

Cobra lagarteira europea: unha de cal e outra de area.

Por desgracia, esta imaxe que vos presento a continuación, é un feito moi frecuente, que aqueles que bicheamos polo monte galego, nos atopamos con moita frecuencia, o asasinato vil e impune, de réptiles ao longo e ancho da xeografía galaica.

A imaxe provén do concello de Calvos de Randín e amosa un exemplar de cobra lagarteira europea (Coronella austriaca) decapitado nunha estrada rodeada de explotacións gandeiras, a imaxe foi tomada o pasado día 23 de Outubro de 2010 na compaña de Anxos Romeo, Martiño Cabana, Rafa Vázquez e Xosé Ramón Reigada.

Por sorte, e dentro da mesma xornada, pero xa en terreos do concello de Baltar, atopamos este exemplar vivo e coleando, ambos son exemplares xuveniles, probablemente nados este mesmo ano, ¿qué futuro lle agardará entón a este?, agardo sinceramente que non sexa acabar como o seu conxénere anterior.


miércoles, 10 de noviembre de 2010

Os gardafontes verdes novos e adultos.

Este é un macho adulto de gardafontes verde (Triturus marmoratus), atopado nunha poza do concello de Barbadás o pasado día 24 de Outubro de 2010, como vedes ten as características sexuais ben pronunciadas, como é a crista dorsal.




Os que seguen a continuación son exemplares xuveniles da mesma especie atopados o pasado día 24 de outubro de 2010 en terreos do concello de Calvos de Randín, na compaña de Anxos Romeu, Martiño Cabana, Rafa Vázquez e Xosé Ramón Reigada, observade que éstes posúen unha liña vertebral laranxa, característica común ás femias adultas dos gardafontes verdes.

Atropelos de xuveniles de serpe de escada en Castrelo de Miño.




O pasado día 24 de outubro de 2010, Anxos Romeo, Martiño Cabana, Rafa Vázquez, e este que vos escribe, atopamos nunha estrada do concello de Castrelo de Miño dous xuveniles de serpe de escada (Rhinechis scalaris), mortos a causa do atropelo por parte do tráfico da zona.

A serpe de escada recive esta denominación precisamente polo diseño cromático dos exemplares novos, dito diseño consiste nunhas bandas paraleas, curtas e consecutivas e transversais no lombo do animal, o que lle da un aspecto de escada de man, este diseño vaise trocando co paso do tempo ata adquirir a idade adulta.

O diseño dos adultos, que xa vos teño mostrado neste mesmo blog en varias ocasións, consiste en duas bandas lonxitudinais e paralelas dende a cabeza ata a cola, razón pola cal tamén é coñecida co nome de serpe riscada.

martes, 9 de noviembre de 2010

Marzas en Outubro.



Marza é o nome vernáculo que en puntos do Val do Támega (Bisbarra de Monterrei) se lle da á especie coñecida como rá de San Antón (Hyla arborea), dito nome foi recollido polo compañeiro Xosé Ramón Reigada en dita comarca, e quizáis garde algunha relación ca época reproductora da especie, e o momento no que se comezan a escoitar as rás desta especie no Val.

As imaxes amosan unha marza atopada sobre unha estrada do concello de Cualedro, en grave perigo de ser atropelada, polo que foi convenientemente retirada do asfalto para evitar o tráxico final, este feito aconteceu na noite do día 23 de outubro de 2010, na compaña de Anxos Romeu, Martiño Cabana e Rafa Vázquez.

A marza (rela en Portugués) distribúese de forma discontinua pola provincia en núcleos aillados, pero en ocasións moi numerosos, trátase dunha especie especielmente terrestre, polo que é posible, sempre fora da época reproductora, atopala a considerable distancia de puntos de auga.

Trátase dunha especie moi trepadora, para tal fin posúe, no extremo de cada dedo, unha ventosa ca que asirse firmemente á vexetación, en ocasións a considerable altura do chan, este feito vese perfectamente reflexado no nome científico da especie HYLA ARBOREA, que pon do manifesto o caracter arbóreo da especie.