COLEGAS

lunes, 31 de enero de 2011

Pretérito Imperfecto, 2º Capítulo: Listaxe dos mamíferos extintos na provincia de Ourense.


"O historiador é un profeta que mira cara atrás"- Heinrich Heine (1797-1856)- Poeta alemán.

Fai un tempo faleivos das especies de peixes que a nosa provincia perdeu en tempos recentes, e tamén das causas desa perda. Hoxe achégome a vós cunha nova listaxe, desta volta protagonizada poas especies de mamíferos que a nosa provincia perdeu en tempos históricos, e entendendo como tempos históricos dende a aparición da cultura castrexa (finais da idade do Bronce) ata a actualidade.

Todos os casos de extinción de especies de mamíferos rexistrados na provincia teñen como común denominador a masma causa, que non é outra que a persecución directa por parte do home, ben sexa como recurso cinexético, ben sexa como vinganza polos danos causados aos intereses económicos humáns.

Á hora de abordar este espiñento tema, valorei varias posibilidades, sen embargo, para non facer unha entrada excesivamente extensa, tomei a decisión, acertada ou non, de facer únicamente unha listaxe, deixando as causas intrínsecas e detalles específicos de cada especie, para unha entrada que se fará falando de cada unha delas dun xeito particular nun futuro próximo.

Moitas das especies aquí enumeradas xa foron tratadas nalgunha ocasión a través das páxinas deste blog, outras aínda que durante certo tempo extintas, son na actualidade obxet de proxectos de reintroducción de diferente natureza e orixe.

Esta é a miña listaxe polo tanto dos mamíferos ourensáns extintos en tempos hitóricos:

Urso ou oso pardo (Ursus arctos).

Lince ibérico, lobo cerval ou lubián (Lynx pardina).

Lince europeo, lobo cerval ou queixa (Lynx lynx).

Cervo (Cervus elaphus) extinto, reintroducido con posterioridade e actualmante en expansión.

Rebezo (Rupricapra pyrenaica) extinto, actualmente presente nos Montes do Invernadeiro mantido en réxime de semiliberdade.

Cabra brava, Cabra montesa do Xurés ou Mueyu (Capra pyrenaica lusitanica).

Uro, boi salvaxe (Bos primigenius).

Bisonte europeo (Bison bonasus).

Zebro (Equus hydruntinus).

Besta fera ou cabalo bravo (Equus ferus) tamén coñecido como tarpán.

Cabalo de Prezeawalskii (Equus prezewalskii). Sobre as especies de équidos salvaxes presentes en tempos históricos na Península Ibérica, hai moita controversia, polo que trataremos o tema en breve aportanto as últimas novidades sobre o tema saídas á luz recentemente.

Melón ou meloncillo (Herpestes icheneumon).

Castor (Castor fiber).

Esta é a lista negra, esta é a negra lista da vergoña ourensá, que expulsou da patria aos máis patrióticos animais sen sequera ofrecerlle asilo na diáspora, pero ollo, algúns parece que están a voltar, con ou sen axuda, e é posible, que no fin desta escura senda atopemos un atisvo de esperanza.

sábado, 29 de enero de 2011

As águias reais da Ribeira Sacra: D.E.P.



"De altar debemos tomala patria, para ofrendarlle-las nosas vidas; non de pedestal para levantarnos sobre ela"- José Martí (1853-1895)- Político e pensador cubano.

Houbo un tempo no que a nosa espectacular Ribeira Sacra Ourensá, contaba cunha fauna fantástica, hoxe extinta na zona. Por riba de todas elas, a maxestuosa águia real (Aquila chrysaetos) cicleaba sobre o val que hoxe, por desgracia, sobrevoan escuros intereses econónicos, en forma de innecesarias e novas infraestructuras hidroeléctricas. Cuia utilidade será, como sempre, a de enriquecer o bolsillo dalgúns en pos do disfrute de todos.

As águias reais da Ribeira Sacra, deberon ser frecuentes ata polo menos a metade do século XX, a partín de entón, os profundos cambios que se produxeron no hábitat das reais, e a persecución directa por parte do home, rematou co voo da nosa máis espectacular ave de presa, corría o ano 1983, cando o voo das reais se perdeu para sempre sobre os mosteiros centenarios.

O pasado domingo día 23 de febreiro de 2011, a Asociación Galega para a protección das Aves Rapaces, realizou unha saída ornitolóxica na provincia de Ourense, que comenzou pola mañá na bisbarra da Limia, para rematar chegada a tarde na Ribeira Sacra Ourensá, onde visitamos a ubicación dos derradeiros niños da especie na zona.

Xa chegada a tardiña achegámonos ao mosterio románico de Santa Cristina (en Parada do Sil), co fin de visitar o peculiar monumento, e facer tempo para realizar unha escoita de rapaces nocturnas.

Entrados en materia, e entre a xente alí reunida, non puiden máis que fixarme no arco da entrada do mosteiro medieval, alí, como axena a todo o que nos últimos centos de anos ocorreu na Ribeira Sacra, tallada en pedra, que parece que dura máis que a carne e as plumas, estaba a águia. Quizáis unha águia real que algún canteiro da zona observou. Quizáis nada máis que un símbolo da forza que as catro paredes do mosterio parecen reflexar. Ou quizáis a derradeira águia da Ribeira Sacra enfeitizada agardando a chegada de tempos mellores, agardando a ansiada reconquista.

Ca mirada fría que a pedra reflexa, me transporto a aquela Ribeira de ursos e salmóns, de cabras montesas e das queixas dos monxes por tanto bicho, e tamés dos queixas , agora que xa sabemos o que son. Mais o canto da avelaiona me esperta, a cabra do aire berra, como laiándose da perda, resistíndose a avandonar o fogar, como dicindo fuxide, nos vos queremos aquí, xa fixestes dano abondo?.

Transportado xa ao meu propio maxín, non poido dexar de imaxinar a eses moxes elevando ás súplicas ao altísimo, para que os ursos deixaran de papar dos salmóns que daquela, remontaban o río Sil, non deixo de pensar na riqueza perdida.

A imaxinación voa, e entende palabras de linguaxe animal, a mente simplemente voa máis alá, buscando a volta das aigues, ou quizáis desexando que lle saian alas para voar coma elas, alén de aquí.

O anterior parágrafo en vermello é un enlazamento, como ven sendo habitual nos últimos tempos nas miñas entradas, aconséllovos que pechedes os ollos e imaxinedes a Ribeira Sacra dende o aire, a vista de águia, escoitando baixo o sol, as súplicas dos monxes dos mosteiros.

martes, 25 de enero de 2011

Festexa o día dos Humidais en Ourense.


 Co gallo da conmemoración do 40 aniversario do convenio Ramsar, Amigos da Terra e a Aula da Natureza do Río Miño de Ourense querémosvos convidar a unha saía ornitolóxica pola ribeira do río Miño ao seu paso polo concello de Ourense.

Seguindo as recomendacións emitidas pola SEO de este ano, que aconsellan facer fincapé na conservación e estudio da vexetación de ribeira para contextualizalo no presente ano 2011, o "ano dos bosques", faremos fincapé nos diferentes estadíos de conservación da vexetación de ribeira no contexto local.

A saída terá lugar o vindeiro sábado día 5 de febreiro de 2011. Partiremos ás 10 da mañá dende a Aula da Natureza do río Miño en Oira (Ourense), a pé, visitando as zonas termais da cidade (A Chavasqueira e Outariz), e observando as aves acuáticas invernantes na Depresión Ourensá, chegando ata o observatorio ornitolóxico de Untes, onde daremos volta, rematando a actividade entre as 18:30 e as 19:00 h.

Para aqueles que o desexen recoméndase o seguinte material:

Binóculos e caderno de campo.
Calzado cómodo.
Roupa de abrigo.
Bocadillo e bebida.

Aqueles que o desexen poderán facer uso dar termas públicas situadas en Outariz, as únicas que neste momento non están asulagadas polo río Miño, polo que si queredes podedes traer toalla e bañador.

Para a volta existe servicio de transporte público, tanto bus urbán, coma o popular tren turístico das termas, cun prezo que oscila entre os 80 cents. e 1 E.

Para apuntarvos na actividade podedes chamar aos telfs:

988 510781 ( a atención deLuis) ou ao 988 605422 ( a atención de Alberto).

Ou ben enviando un correo a calquera das seguintes direccións:

www.aulanatureza@ourense.es.

ou á miña propia dirección de correo electrónico que todos coñecedes.

Picade na imaxe para procurar os detalles.

lunes, 24 de enero de 2011

O faisán dourado, nova especie exótica en Ourense.

"A moral é unha ciencia que ensina, non como debemos de ser felices, senón como debemos chegar a ser dignos da felicidade"- Kant (1724-1804)- Filósofo alemán.

Fai máis ou menos un ano informeivos a través das páxinas deste blog, da presenza dunha nova especie exótica en Ourense, o pavo real (Pavo cristatus). Desta volta vouvos informar da solta dunha nova especie alóctona, o faisán dourado (Chrysolophus pictus), que ven de ser soltado en varios puntos da bisbarra da Limia durante a pasada tempada de caza, producíndose avistamentos, polo menos, en dous concellos limiaos durante a mesma, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos.

O faisan dourado é unha bela gallinácea de orixe asiática, a súa distribución orixinal abrangue as montañas do Centro da China, sen enbargo xa a comezos do século XIX, foi introducido en varios puntos das illas Británicas, onde hoxe está totalmente establecido. Tamén se produciron outras introduccións desta especie noutros puntos do continente, sen que polo momento se teña constancia que prosperaran poboacións estables no medio natural desta ave.

O agardable con este feito que aquí vos presento é que a maioría dos exemplares soltados con fins cinexéticas non prosperen. Ben por que son cazados no momento, ben por que perecen polas duras condicións climatolóxicas, ben por que son depredados por algún carnívoro da zona.

Móstrovos unhas imaxes dun macho de faisán dourado, para que vos fagades unha idea da súa apariencia, obtidas nunha colección privada en 2008, non cabe dúbida de que se trata dunha ave fermosa, e xa a segunda especie de faisán vista en Ourense.

sábado, 22 de enero de 2011

O mono do Castromao de Celanova.


"Se un non sabe a historia, non sabe nada: é como ser unha folla e non saber que forma parte dunha árbore"- Michael Crichton (1942-2008)- Cineasta e escritor estadounidense.

Un dos capítulos máis curiosos da historia da arqueoloxía Ourensá é o protagonizado por unha figura atopada nos anos 90 do pasado século no xacimento crastrexo do Castromao de Celanova.

Por aquel entón desenterrouse neste xacimento prerromano unha estátua zoomorfa que parece reprensentar un simio en posición fetal, que ao meu entender é moi similar á única especie de simio presente actualmente na Europa, a mona ou macaco de Xibraltar, tamén de Berbería (Macaca silvanus), moi posiblemente a única especie de simio cuia figura podía resultar familiar aos pobos do occidente europeo. Xa que esta especie foi obxeto de tráfico por pare dos romanos e os fenicios.

Na actualidade esta especie soio está presente na colonia británica do Peñón de Xibraltar, onde a súa presencia se adxudica a introduccións feitas en épocas históricas máis ou menos recentes, esta poboación depende en gran parte do home. A súa área de distribución natural comprende o Norte do continente africano, orixinalmente entre Marrocos ata Tunez e o Oeste da Libia, pero hoxe a súa distribución é moito máis reducida.

Antes das glaciacións esta especie distribuíase amplamente polo Sul do continente europeo, extinguíndose con posterioridade, a actual presenza do simio en Xibraltar vense asociando a unha introducción feita polas tropas inglesas no s. XVIII.

O hachádego desta escultura prerromana non significa unha presenza da especie, somentes un coñecimento da mesma por parte dos integrantes da cultura castrexa que ben pode obedecer a unha influenza cultural ou comercial de pobos do Sul da Península, os iberos por exemplo, cunha arte escultórica moito máis variada que os pobos habitantes do Noroeste ibérico.

Sexa como sexa velahí tendes a escultura do mono do Castromao, un misterio arqueolóxico de primeiro orde, e unha peza importantísima do patrimonio ourensán.

Para rematar direivos, que alá polo ano 1970 foi atopada no Castromao de Celanova, unha Tessera hospilatatis, datada no ano 132, unha especie de documento escrito en metal que narra un acordo no que se establece un pacto entre os coelernos, habitantes do Castromao, por un lado, que son citados expresamente, e, por outro lado, un prefecto da cohorte I dos celtíberos.

Tanto a tessera como a escultura fican no museu arqueolóxico provincial de Ourense.

E como dí a cantiga de Victor Manuel, ante este misterio misterioso, faremos como as monas de Xibraltar, que seica pechan os ollos pra non mirar....

viernes, 21 de enero de 2011

Píntega, mantén a postura!









"Educade aos rapaces e non será preciso castigar aos homes"- Pitágoras (582 a.C.-507 a.C.)- Filósofo e matemático grego.

Aquela que algúns chaman píntega, aquela que outros chaman zaramela , e hai quen a nomea como salamántiga, pero que todos coñecen como Salamandra salamandra. Manten pese a todo, pese a todos a postura, a elagancia e o saber estar daqueles que son un prodixo da evolución, un perfecto obxeto da natureza. O fin mesmo da beleza.

Aquela que chaman sacabera os astures, arrabio arrunta os bascos, acode presta á chamada da reproducción para alumbrar unha nova xeración de perfectos seres da biodiversidade ibérica.

Aquela que os purtugueses nomean como Salamandra-de-pintas-amarelas, aquela a que os franceses denominan Salamandre tachetée, aquela á que os italianos bautizaron como salamandra pezzata, recórdanos ca súa mera presencia, que non todo está perdido, que queda moito por salvar, moito polo que loitar.

Aquela na que os ingleses ven lume, e chamaron fire salamander, aquela á que os alemáns quixeron coñecer por feuersalamander, manten a postura pese ás adversidades humanas, pese ás estradas, pese aos atropelos. Pese a quen pese.

Entón aprandamos nós da nosa compañeira de viaxe e manteñámos firme o noso empeño, manteñamos a pose...

miércoles, 19 de enero de 2011

Exposición benéfica a favor do fogar Mamana wa kurula de Moçambique.






Entre os días 18 de xaneiro e 1 de febreiro de 2011 terá lugar no bar Cobi´s, do Centro Comercial As Lagoas (na cidade de Ourense), unha exposición de fotografía e arte a favor do fogar Mamana Wa Kurula (Moçambique).

O lar "Mamana Wa Kurula" foi fundado polas irmás dos Sagrados Corações e está situado en Boane (Moçambique), e acolle a nenas con VIH+ ou orfas vítimas da SIDA.

No lar trabállase para o desenvolvimento físico, psíquico e social das nenas. Neste momento estase a construir un lar con maior capacidade debido á alta demanda acadada polo proxecto.

A Asociación para a solidaridade e a promoción social "Creando Pontes", con sede na cidade de Ourense, pon á venda mediante esta exposición, cadros manufacturados polas nenas destinatarias do lar, feitos coa técnica Batike, así como imaxes obtidas polas cooperantes ourensás da asociación que traballaron durante o pasado vran cos usuarios deste lar.

Toda a recadación obtida da venda do material exposto será integramente destinado para o finanzamento da ampliación do lar Mamana Wa Kurula.


Presente de subxuntivo: o ganso-cisne en Ourense.


"A civilización é, simplemente, unha serie de victorias sobre a natureza"- William Harvey (1578-1657)- Médico inglés.

Antes de rematar o ano 2010 díxenvos que o este blog ía dar un xiro de conceptos, un destes xiros será a pescuda de especies de vertebrados mantidas en réxime de semiliberdade en parques e xardíns, privados ou públicos, na provincia.

A razón de ser desta etiqueta é que estes exemplares son susceptibles de alcanza-la liberdade, dando rexistros falsos ou ben sendo a orixe de poboacións cimarronas co conseguinte desequilibrio ecolóxico nos habitats ourensáns.

Unha vez dito esto comenzaremo-la sección falando do ganso-cisne (Anser cygnoides), esta especie migratoria é propia do extremo oriental do continente asiático. Criando no Sur da Siberia e invernando en Corea e no Norte da China.

Trátase dunha especie moi frecuente coma ave ornamental en parques e xardíns públicos, e nas coleccións privadas de aves.

Na provincia de Ourense o ganso-cisne esta presente no río Arnoia ao seu paso pola vila de Allariz, nunca colección privada do concello de Vilar de Santos (na bisbarra da Limia) e no Regato dos Muiños, ao seu paso polo "Parque dos Patos", no barrio de A Valenzá (pertencente eo concello de Barbadás). Neste último, onde habitan alomenos catro exemplares adultos, constatouse a reproducción durante as duas derradeiras tempadas de cría, cando unha parella obtivo un polo por ano, neste réxime de semiliberdade.

lunes, 17 de enero de 2011

Futuro imperfecto, 1º capítulo: Listaxe dos peixes introducidos na provincia de Ourense.




"Nunca penso no futuro, chega deseguida"- Albert Einstein (1879-1955)- Físico Alemán.

Durante as derradeiras décadas foron introducidas numerosas especies de peixes na provincia de Ourense, o que a longo prazo hipoteca a saúde e o equilibrio ecolóxico dos ecosistemas de auga doce interiores.

Na nosa provincia temos duas causas principais na orixe destas introducccións, a primeira e principal supona a introducción de especies de interese para a pesca deportiva.

Normalmente se introducen especies para que sirvan de presa directamente aos pescadores, ben sexa pola "dificultade" que entraña a súa captura, ou ben polo gran tamaño que acadan certos exemplares de determinadas especies. Por outra banda tamén temos certas especies de escasa ou nula importancia pesqueira, pero que foron introducidas como cabo vivo para outras especies de maior interese.

A segunda causa de introducción foi a liberación no medio natural, ben sexa de maneira deliverada ou accidental, de especies ornamentais de acuario ou estanque.

En ocasións certas especies rematan no sistema de alcantarillado e finalmente nos rios, outras foron liberadas en estanques dende onde as ovas foron parar aos ríos. Por outra banda, en certos estanques próximos a cuncas fluviais, certas especies acadaron o cauce principal da rede fluvial despois de enchentas nas que, en periodos de intensas chuvias, a auga dos ríos acadou estes estanques, e os peixes alóctonos conquistaron os ríos ourensáns.

Especies de peixes introducidas nos rios ourensáns:

1) De interese deportivo ou asociadas á práctica da pesca deportiva:

Troita americana ou troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss ) de orixe americana.
Troita de fontana (Salvelinus fontinalis) de orixa americana.
Lucio (Esox lucius) de orixe centroeuropea.
Carpín dourado (Carassius gibelio) de orixe asiática.
Carpín común (Carassius carassius) de orixe asiática.
Carpa comun (Cyprinus carpio) de orixe asiática.
Gobio (Gobio lozanoi) de orixe centroeuropea.
Tenca (Tinca tinca) de orixe centroeuropea.
Gambusia (Gambusia holbrooki) de orixe americana.
Peixe sol ou Perca sol (Lepomis gibbosus) de orixe americana.
Black-bass ou perca americana (Micropterus salmoides) de orixe americana).

2) Peixes ornamentais ou de acuariofilia citados en liberdade ou introducidos na provincia de Ourense.

Peixe limpador de acuarios (Hypostomus plecostomus) de orixe africana.
Peixe vermello (Carassius auratus) de orixe asiática.
Guppy (Poecilia reticulata) de orixe americana.

Como vedes a listaxe é ampla, sen embargo está lonxe de estar pechada, xa que todo apunta a que o número de especies seguirá medrando nos vindeiros anos, en parte debido ao tráfico de especies para o mercado de mascotas, en parte debido a expansión de especies alóctonas que a día de hoxe están próximas a alcanzar a provincia de Ourense, e en parte á introducción de novas epecies para satisfacer a demanda dos pescadares deportivos.

Nos últimos anos existen ademáis fundados rumores que aínda non puiden comprovar, de novas especies presentes en Ourense, que son as seguintes.

3) Especies de peixes alóctonas de presencia aínda non confirmada na provincia de Ourense.

Piscardo (Phoxinus phoxinus), Autóctono no Norte da Península Ibérica pero introducido na Galiza coma cebo vivo e actualmente en expansión polo territorio galaico, atópase ben establecido na provincia de Lugo, na cunca do río Miño, existen rumores da súa presencia en Ourense dende os anos 90 do pasado século.

Siluro (Silurus glanis), numerosos pescadoren aseguran a súa presencia no encoro de Castrelo de Miño, é de orixe centroeuropea e acada tallas moi grandes, na actualidade está presente nas cuncas do Douro e do Ebro.

viernes, 14 de enero de 2011

Pretérito Imperfecto, 1º capítulo: Listaxe dos peixes extintos na provincia de Ourense.


"Na Terra hai suficiente para satisfacer as necesidades de todos, pero non tanto como para satisfacer a avaricia de algúns"- Mahatma Gandhi (1869-1948)- Pensador e político indio.

O home, ao longo dos séculos, e sobre todo nos derradeiros 300 anos, está a provocar unha extinción masiva de especies por todo o planeta. A nosa provincia non é allea a esta realidade, como xa en diversas ocasións temos comentado a través das páxinas deste blog.

Un dos grupos de vertebrados afectados nos derradeiros 50 anos pola acción manipuladora da man do home son os peixes, e dentro destes o grupo de especies denominadas anadromas.

As especies de peixes anadromas caracterízanse por ter un ciclo reproductivo que atinxe tanto ás augas continentais como mariñas. Así, os peixes anadromos remontan os ríos en dirección ao seu nacimento para reproducirse, as crías, despois dun certo período de tempo que varía segundo a especie, retornan ás augas mariñas, onde se tornarán adultos e agardarán a que os seus instintos reproductores os obriguen de novo a retornar ás augas doces que os viron nacer.

Esta realidade biolóxica atopa un obstáculo insuperable nas obras hidráulicas construídas polo home para a obtención de enerxía. No caso ourensán, esta realidade tornouse especielmente palpable durante a ditadura franquista, xa que nese escuro período da historia do noso país se construiron a maioría dos encoros ourensáns, aínda que a tendencia a encorar as augas dos ríos ourensáns continúa hoxe en día.

A continuación imos a enumera-las especies de peixes de distribución histórica comprovada na provincia de Ourense. Apuntamos como data de extinción definitiva o ano 1970, xa que nesa data se construiu no río Miño a presa de Frieira, muro de 37 metros de altura que impediu para sempre o remonte das especies anadromas dende a provincia de Pontevedra hacia a de Ourense. Con anterioridade á construcción indiscriminada de presas, sen remontes efectivos para permitir a viaxe das especies migradoras de peixes, os anadromos remontaban os ríos ourensáns chegando incluso a provincias veciñas coma León ou Lugo.

Especies de peixes extintas na provincia de Ourense:

Lamprea mariña (Petromyzon marinus).
Sábalo (Alosa alosa).
Saboga (Alosa fallax).
Salmón europeo (Salmo salar).
Reo ou troita marisca (Salmo trutta trutta).

Asemade existen certas especies de peixes, migradoras tamén, con citas históricas no Baixo Miño, pero sin referencias específicas para a provincia de Ourense, pero que cremos que puideron estar presentes nela debido aos seus requerimentos de hábitat.

Especies de peixes con posible presenza histórica na provincia de Ourense:

Lamprea de río (Lampreta fluviatilis).
Lamprea dos regatos (Lampreta planeri).
Esturión ou Sollo (Acipenser sturio).

martes, 11 de enero de 2011

O Muflón: o carneiro bravo.


"Os bolsillos dos gobernantes deben ser de cristal" - Enrique Tierno Galván (1918-1986)- Político e sociólogo español.

O muflón (Ovis musimon), chamado carneiro bravo en Galicia, é un artiodáctilo controvertido, principalmente pola súa posición taxonómica, que leva anos sendo protagonista de debates.

Orixinalmente ata o período paleolítico,e ao igual que o gamo (Dama dama), o carneiro bravo distribuíase abondoso polo continente europeo, con posterioridade extinguiuse de gran parte do territorio, quedando relegado ás illas de Córcega, Cerceña, Chipre, e unha pequena poboación an Armenia. Pero esta é só unha das teorías, xa que outra apunta a que os carneiros bravos europeos proceden dunha especie oriental (Ovis orientalis), da que xurdirían as razas domésticas de ovellas actuais (Ovis aries), e que en realidade os muflóns non serían outra cousa que ovellas asivestradas nun estadío primitivo e próximo á data de domesticación.

Sexa como fora os muflóns que hoxe pululan polos montes Europeos proceden da illa de Cércega, dende onde a especie foi introducida ao pais anteriormente coñecido como Checoslovaquia. Dende alí a especie foi introducida na Península Ibérica, a mediados dos anos 50 do século XX, na provincia de Cuenca, dende onde posteriormente, e sempre con fins cinexéticos, foi introducida en diversas reservas e cotos privados de caza do ámbito ibérico.

A Ourense debeu chegar en torno aos anos 90 do pasado século, ao abrigo dun proxecto de caza maior intensiva na serra do Eixe (A Veiga), aínda que certos mapas o dan como presente tamén no parque natural dos Montes do Invernadoiro (Vilariño de Conso).

Hai máis ou menos un ano, o día 13 de xaneiro de 2010, apareceron uns cráneos de cabra brava (Capra pyrenaica victoriae) e un de carneiro bravo, nun vertedoiro do concello de Lobios próximo aos límites do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, podedes vela notiza picando neste enlazamento.

Non atopei referencia algunha á presencia do carneiro bravo nin na serra do Xurés, nin nas súas proximidades, aínda que fontes confidenciais confirmáronme que no Parque Natural do Invernadoiro están tendo lugar, "presuntamente", prácticas cinexéticas ilegais ,nas que se están cazando lobos e cabras montesas, polo que apunto que "presuntamente", estes restos poderían proceder do devandito parque natural.

Dende Fauna Vertebrada de Ourense, queremos por de manifesto que os proxectos de reintroducción da cabra montesa en territorio galaico non obedecen a fins cinexéticos, xa que se están a producir en áreas protexidas. Estes proxectos están financiados con cartos públicos, que pagamos todos, polo que convido, a quen proceda (a administración pública neste caso) a que vixíe de maneira especial a fin última destes animais, que debe ser a conservación e non a caza indiscriminada para disfrute duns poucos, que por riba ao ser ilegal non pagan un peso!.

Por último, e aquel que queira que entenda, considero á caza ilegal un cancro, e xa que o cancro o tratan os oncólogos, agardo, sinceiramente atopar un oncólogo que cure este cancro.

lunes, 10 de enero de 2011

O cervo: pasado, presente e futuro en Ourense.

"A miña conciencia ten para mín máis peso que a opinión de todo o mundo"- Marco Tulio Cicerón (106 a.C-43 a. C)- Orador e político romano.

O cervo (Cervus elaphus) é o maior cérvido dos que hoxe en día podemos atopar na provincia de Ourense, na actualidade atópase en expansión pola nosa terra, sen embargo este mamífero ten unha longa historia en Ourense.

Autores decimonónicos, fálannos dunha provincia rica en caza, chea de cervos, parece ser, se facemos caso de autores como Seoane ou Madoz, ou mesmo se consultamos os libros de Monterías dos antergos reis de Castela, que o cervo campaba ás súas anchas pola práctica superficie da provincia, sen embargo, ao igual que a maioría dos nosos grandes mamíferos, a persecución á que foi sometido, e quizáis debido tamén a unha merma do seu hábitat, o cervo chegou a extinguirse do noso territorio.

Apuntamos como data de extinción o comezo do século XX, e xa daquela o cervo debía de estar relegado aos recunchos menos habitados e máis salvaxes da provincia, poucos anos antes da guerra civil espeñola, na década dos 30, matáronse os derradeiros cervos autóctonos en Casaio (Carballeda de Valdeorras), tal e como parece sinalar o montañeiro Barquense Estévez Valle.

Froito desta distribución pretérita na provincia quédannos numerosos topónimos relativos á especie ao longo e ancho da provincia de Ourense, así atopamos claros exemplos en Vilariño de Conso, como o Castelo da Cerveira, a Mallada da Cerveira, As Cernadas de Cerveira. Existindo asemade Vilar de Cervos, no concello de Vilardevós.

Descoñecemos se os cervos que daquela poboaban o Noroeste ibérico supuñan algún tipo de subespecie propia da zona, aínda que, a tenor da revisión feita na actualidade sobre os cervos do paleártico, non parece ser así.

En anos posteriores ponse en marcha unha campaña de reintroducción da especie en diversos puntos da Península, sempre con fins cinexéticos, os primeiro exemplares que retornan a terras ourensás fano da man de diversos episodios deste tipo.

Así nas décadas dos anos 60 e 70 do século XX reintrodúcese a especie no Parque Nacional da Peneda-Gêres, en Portugal, froito desta reintroducción prodúcese unha expansión da especie dende o país veciño cara terras ourensás da bisbarra da Baixa Limia, no que hoxe coñecemos como o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Máis ou menos polo mesmo tempo instálanse cercados para a cría en réxime de semiliberdade do cervo na serra de San Mamede e nos Montes do Invernadoiro, onde a especie parece adaptarse ben, en anos posteriores parte, ou en ocasións a totalidade, dos exemplares son liberados, producíndose un episodio de expansión da especie a través do Macizo Central Ourensán, territorio que a especie domina na súa totalidade a día de hoxe.

Nos anos 90 prodúcese, ao mesmo tempo, a introducción da especie na serra do Eixe (A Veiga) ao abrigo dun proxecto de caza maior por parte dun coto privado de caza (O Xares), dende onde a especie se expande por gran parte do Macizo de Pena Trevinca.

Na actualidade o cervo atópase en claro período de expansión na provincia de Ourense, en parte debido á escaseza de depredadores en certas zonas. Así domina a práctica totalidade dos montes da metade Leste da provincia.

Nos últimos anos a especie chegou á bisbarra da Limia, provinte da florecente poboación da serra de San Mamede, e sorprendentemente, conqueriu franqueala clara barreira xeográfica de a autovía A-52 supón para a fauna, chegando aos concellos de Sandiás, Vilar de Santos e Rairiz de Veiga nos primeiros anos do século XXI, así é de agardar que o cervo conquira, nun período relativamente curto de tempo, o rango de distribución pasado na provincia.

viernes, 7 de enero de 2011

O gamo na provincia de Ourense.


"Atrevédevos: o progreso somentes se logra así"- Victor Hugo (1802-1885)- Escritor e dramaturgo francés.

O gamo (Dama dama) é un cérvido silvestre de distribución restrinxida na provincia de Ourense. Na actualidade, e debido sempre a introduccións con fins cinexéticas, distribúese pola serra do Eixe, no concello de A Veiga, e no macizo Central, nos Montes do Invernadeiro, onde é mantido en réxime de semiliberdade.

Hoxe en día o gamo tense por unha especie introducida na nosa provincia, cunha data de introducción que ronda os anos 60-70 do pasado século, sen embargo existen referencias anteriores a esa data, pero vaiamos un pouco por partes, e poñámonos en antecedentes.

Despois das glaciacións cuaternarias o gamo case se extingue da face da terra, sospéitase que a distribución histórica da especie é debida en gran parte á introducción por parte de fenicios e romanos.

Na Península Ibérica asúmese que a introducción se produxo na antigüidade, sen que sepamos unha data exacta. A expansión posterior da especie é adxudicada ao seu gran valor coma peza de caza, o que se traduxo na súa introducción e mantemento dentro dos cazadeiros reais.

En Galiza, Victor López Seoane, na súa obra Fauna Mastozoológica de Galicia, inclúe esta especie con reservas, por "noticias y una cuerna que nos enseñaron".

Sen embargo temos un dato máis concreto da súa aparición antes dos procesos de introducción máis recentes, este dato aparece no artigo Fauna Histórica de Cabrera y Maragatería firmado por José Piñeiro Maceiras, que nos dí o seguinte:

"Pensamos que el primer animal de estas características que definitivamente se pierde, es el gamo (dama dama), pues sólo aparece citado por Madoz en la aldea de La Baña, al pie del Picón y de Peña Trevinca".

Supoño que eser dato de Madoz é a única referencia histórica á presencia do gamo ou paleto na provincia, ou máis ben nas súas cercanías.

Sen embargo xa no século XVIII, Pedro González de Ulloa, sinala para o partido xudicial de Verín a presenza de ciervos, venados y corzos", polo que, se isto non se debe a un erro de maquetación, sinala a presenza non de dúas, senón de tres especies de cérvidos no territorio. Dato que aparece na obra do historiador verinés Jesús Taboada Chivite, e que xa citamos ao abordar o tema das perdices brancas do Macizo Central.

Podemos sinalar entón, que o gamo foi introducido, moi probablemente, en tempos antigos, que posteriormente se extinguiu, seguramente a mediados do século XIX, que esa distribución debeu estar restrinxida no seu momento ao Macizo Galaico-Leonés, e que, finalmente, foi "reintroducido" de novo para deleite, non dos naturalistas, senón dos cazadores que moven moitos máis cartos ca nós.

Por outra banda, sempre me chamou a atención o nome científico desta especie, Dama dama, que me recorda a unha canción de certa artista xa finada.

jueves, 6 de enero de 2011

O pato cullereiro nas areeiras da Limia.






"A lei é unha telaraña que detén ás moscas, pero que deixa pasar aos paxaros"- Anacardis- Sabio da antiga Grecia.

Levamos uns cantos días falando sobre as anátidas na bisbarra da Limia, seguindo como fío conductor o censo realizado o pasdo día 1 de xaneiro de 2011 nas Areeiras da Limia, espazo natural dos concellos de Sandiás e Vilar de Santos, incluído dentro da Zepa da Limia. Unha figura de protección creada hai un tempo para protexer as áreas de maior importancia para as aves.

Sen embargo, a día de hoxe, a ZEPA da Limia, polémica e politizada dende os seus orixes, segue sen ser un mecanismo eficaz para a protección das aves da Bisbarra, xa que non existe ningún medio que impida prácticas incompatibles cos protección das mesmas, como a caza, os verquidos sólidos e líquidos, ou o control do acceso para certo tipo de vehículos (quads e motos principalmente), que ocasionan evidentes molestias as nosas xa de por sí, maltreitas aves.

Unha vez dito isto manifesto o meu asombro ante a cantidade de aves acuáticas que este ano pasaron polas areeiras, e que me reportaron impagables alegrías, entre elas os 96 patos cullereiros censados o primeiro de ano 2011.

As características físicas desta especie, fixeron que a súa presencia non pasase desapercibida para os habitantes dos pobos ribeiregos da Lagoa de Antela, así na obra de Villarino, A., González, S.J., Bárcena, F. (2002). Vertebrados da Limia, dende a lagoa de Antela ós nosos días. 1 Aves: Gaviiformes a Piciformes. Limaia Edicións, recóllense numerosos vernáculos para a especie, como cuchareiro ou vazcallo.

O nome de cuchareiro ou cullerete ven dado pola forma do peteiro desta anátida, en forma de culler, este peteiro posúe láminas no seu interior, que o pato utiliza para filtra-la auga e así alimentarse dos materias obtidos neste filtrado.

O pato cullerete é unha especie escasa, e a bisbarra da Limia é a única localidade con presencia regular da especie na provincia. Co paso dos anos o número de exemplares desta especie exclusivamente invernante na actualidade en Ourense, ten ido en aumento, feito que contrasta ca escasa protección que as aves reciven non só en Ourense, senón en toda Galiza.

Este feito vese corroborado non só pola entrada de vehículos a facer rally dentro das areeiras, senón tamén pola costume que certa xente ten de "ir aos patos", a zonas onde estas prácticas están TOTALMENTE PROHIBIDAS.

Dende Fauna Vertebrada de Ourense, convidamos á administración a un maior compromiso coa protecións dos valores naturais da provincia de Ourense, especialmente naquelas áreas protexidas onde, na práctica esta protección é inexistente.

miércoles, 5 de enero de 2011

Un bon ano para a invernada da cerceta común na Limia.





"O sorriso custa menos que a electricidade e da máis luz"- Proverbio escocés.

Este ano parece que os reises se adiantaron, e truxeron un gran regalo para os amantes da naturaza da Limia, milleiros de cercetas comúns (Anas crecca) recalaron nas Areeiras da Limia, durante as derradeiras xornadas do ano 2010.

Xa en semanas anteriores se notaba unha forte entrada de acuáticas neste espazo natural do concello de sandiás, asi que, para festexar o aninovo, armeime de paciencia e pedinlle axuda ao meu pai, para contar todas e cada unha das charcas que a extracción de áridos teñen producido nos últimos anos na Limia, localizadas básicamente no concello de Sandiás, aína que non en exclusiva, xa que unha pequena parte delas pertence tamén ao concello de Vilar de Santos.

No tocante a esta especie o resultado foi espectacular, con 2445 ex censados, facendo recordar tempos de Antela, a recalada de aves era espectacular, como amosan as imaxes, non todas dese día, xa que, como ben dí Xabi Prieto, cando se vai a contar hai moi pouco tempo para nada máis, nin fotos, nin plumas, só números, e vule que hai presa.

Quixera agradecer así mesmo a paciencia demostrada polo meu proxenitor ao desprazarme en coche polo espazo e aforrarme unha chea de tempo no chollo.

Na postaxe anterior, Cosme Damián comenta a existencia dunha obra titulada: Vertebrados da Limia, dende a lagoa de Antela ós nosos días. Firmada polos autores: Antonio Villarino, Serafín González e Felipe Bárcena.

Esta é unha das poucas referencias bibliográficas específicas sobre o que debeu ser a fauna da Lagoa de Antela, e confeso agardo impaciente a publicación do resto deste título, xa que na actualidade, só se atopa publicada a parte que vai dende gaviformes a piciformes.

Unha das princiapais valías desta obra é, ao meu parecer, a recolleita de vernáculos feita polos autores á beira da desecada lagoa de Antela, pondo de manifesto en moitas ocasións que a barreira xeográfica exercida pola malograda masa de auga, foi causa da aparición de nomes vernáculos diferentes nos pobos de un e outro lado da mesma.

No tocante á cerceta (chamada charneco no Porriño), os autores recollen varias denominacións, demostrando un forte coñecimento popular da especie por parte das xentes limiás. Entre os nomes recollidos están Chilro, e Chirlo, un vernáculo onomatopeico orixinado polo reclamo desta anátida, o outro, nelo, ou anelo, é, segundo os autores, un diminutivo de ánade.

Pola miña parte aporto o nome de pato pequeno, recollido en Rairiz de Veiga, a listaxe por eles aportada, que consta de máis nomes pero que habitualmente atinxen a un único núcleo de poboación.




martes, 4 de enero de 2011

Ano novo ilusións novas: A Lagoa de Antela no meu senso.



"Nunca se vai tan lonxe como cando non se sabe a onde se vai"- Oliver Cromwell (1599-1658)- Lider político e militar inglés.

Disque os habitantes dos pobos da serra, subían ao cumio de San Mamede para velo mar, ese mar non era outro que a Lagoa de Antela, un humidal interior de auga doce duns 40 km2, que foi desecado polo réxime franquista. Un mar sin faro que nos guiara, que desapareceu ao abrigo dunha lei dictatorial do 27 de decembro de 1956.

A falta do mar, a ausencia da Lagoa, imprime nos limiaos amantes da natureza, unha saudade, un sentimento de melancolía, perante a destrucción dun enclave faunístico de primeiro orde que nos foi vilmente roubado e que a día de hoxe sería un firme candidato a paque nacional, e un potencial económico que daría ás e non patacas podres aos veciños.

Un enclave fogar de cisnes boreais (Cygnus sp), fogar de milleiros de aves, fogar do bruión (Botaurus stellaris) e fogar dun corazón hoxe desprazado, horfo. Que se ten que conformar cun pequeno charco no que antes era un mar. Sen praia, pero con pasteiros que daban de comer a centos de cabezas de gando.

Lopez Cuevillas describiu na súa obra o abraio dos habitantes da cidade de Ourense ao descubrir sobre os tellados das casas "un exercito de patos", que descasanban antes de acudir á hoxe maltreita Lagoa de Antela.

As xentes limiás teñen unha frase para describir este feito, para dar conta das aves que cada ano facían da Lagoa o seu fogar: "Anubraban o Sol".

Eu, pobre de mín, limiao dos pés á cabeza, non podía ser menos, e sinto no meu interior a sequedade imposta polo pasado. Mais abrigo un raio de esperanza, e agardo que algún día o exército do rei Arturo volte a voar sobre a miña cabeza, enfeitizado. Agardo presto para escoitar as campanas de Antioquía e soño, cando miro a posta do Sol, que algún día un faro nos guíe para recupera-la nosa Lagoa.

Mentres os meus soños non se cumpren, agardo que neste novo ano Fauna Ourense sexa un faro interior que vos guíe na vosa Ilíada faunística a través da provincia de Ourense.

Agardo que afondemos xuntos no coñecimento da provincia esquecida e mil veces maltreita. Agardo escoitar a aquelas xentes que nunca foron escoitadas, e con elas, afondar no saber antergo da nosa Terra Galega.

E agardo traballar para que os meus desexos se fagan realidade.


lunes, 3 de enero de 2011

A pita piñeira: unha raza autóctona.







"Seis honrados servidores me ensinaron canto sei, os seus nomes son cómo, cando, onde, qué, quen, e por qué"- Rudyard Kipling (1865-1936)- poeta e escritor inglés.

Houbo un tempo no que esta nosa Galicia estaba chea de multitude de razas autóctonas de animais domésticos, co paso do tempo e a chegada de razas industriais máis rendábeis, moitas delas foron desaparecendo, como moitos dos habitantes do interior, outrora donos deste patrimonio hoxe a piques de desaparecer.

Como vos dixen o ano pasado, as razas domésticas autóctonas serán un dos temas que trataremos a través das páxinas deste blog, neste novo ano 2011.

Unha destas razas autóctonas, hoxe obxeto de planes de recuperación por parte de institucións e particulares, é a Pita Piñeira, unha raza de galiñácea doméstica, orixinaria da zona de Arzúa (A Coruña), pero extendida no pasado por outros puntos da Galiza.

A pita piñeira é unha das duas derradeiras razas de pita autóctonas galegas, a outra é a pita de Mos, pertence ao tronco céltico das galiñas, unha antiga linaxe das pitas que nos aproxima ao momento no que esta ave foi domésticada, e que se caracteriza por un pronunciado dimorfismo sexual, común ás pitas salvaxes que aínda viven no continente asiático, como o galo de Bankiva, e do que evolucionarían a maioría das razas de galiña domésticas actuais.

As galiñas do tronco céltico son propias da fachada atlántica do continente europeo.

As pitas piñeiras presentan cristas en forma de noz, sin ramificacións nin picos, os machos presentan tons tornasolados, namentres que as femias posúen tons aperdizadas que lle axudan a camuflarse co entorno, existen tres variedades crométicas da raza na actualidade, unha branca, na que machos e femias son por enteiro desa cor, unha aperdigada, asalmonada, moi próxima ás variedades salvaxes de pitas, e aperdigada, que é a que se presenta nestas imaxes, obtidas no meu galiñeiro familiar situado no concello de Vilar de Santos.

Algo que non vos comentei en pasadas entradas é o feito que as palabras en cor vermella son enlazamentos a outros sitios webs, que considero de interese, e que, dalgunha maneira, complementa a información verquida neste blog.