COLEGAS

viernes, 7 de enero de 2011

O gamo na provincia de Ourense.


"Atrevédevos: o progreso somentes se logra así"- Victor Hugo (1802-1885)- Escritor e dramaturgo francés.

O gamo (Dama dama) é un cérvido silvestre de distribución restrinxida na provincia de Ourense. Na actualidade, e debido sempre a introduccións con fins cinexéticas, distribúese pola serra do Eixe, no concello de A Veiga, e no macizo Central, nos Montes do Invernadeiro, onde é mantido en réxime de semiliberdade.

Hoxe en día o gamo tense por unha especie introducida na nosa provincia, cunha data de introducción que ronda os anos 60-70 do pasado século, sen embargo existen referencias anteriores a esa data, pero vaiamos un pouco por partes, e poñámonos en antecedentes.

Despois das glaciacións cuaternarias o gamo case se extingue da face da terra, sospéitase que a distribución histórica da especie é debida en gran parte á introducción por parte de fenicios e romanos.

Na Península Ibérica asúmese que a introducción se produxo na antigüidade, sen que sepamos unha data exacta. A expansión posterior da especie é adxudicada ao seu gran valor coma peza de caza, o que se traduxo na súa introducción e mantemento dentro dos cazadeiros reais.

En Galiza, Victor López Seoane, na súa obra Fauna Mastozoológica de Galicia, inclúe esta especie con reservas, por "noticias y una cuerna que nos enseñaron".

Sen embargo temos un dato máis concreto da súa aparición antes dos procesos de introducción máis recentes, este dato aparece no artigo Fauna Histórica de Cabrera y Maragatería firmado por José Piñeiro Maceiras, que nos dí o seguinte:

"Pensamos que el primer animal de estas características que definitivamente se pierde, es el gamo (dama dama), pues sólo aparece citado por Madoz en la aldea de La Baña, al pie del Picón y de Peña Trevinca".

Supoño que eser dato de Madoz é a única referencia histórica á presencia do gamo ou paleto na provincia, ou máis ben nas súas cercanías.

Sen embargo xa no século XVIII, Pedro González de Ulloa, sinala para o partido xudicial de Verín a presenza de ciervos, venados y corzos", polo que, se isto non se debe a un erro de maquetación, sinala a presenza non de dúas, senón de tres especies de cérvidos no territorio. Dato que aparece na obra do historiador verinés Jesús Taboada Chivite, e que xa citamos ao abordar o tema das perdices brancas do Macizo Central.

Podemos sinalar entón, que o gamo foi introducido, moi probablemente, en tempos antigos, que posteriormente se extinguiu, seguramente a mediados do século XIX, que esa distribución debeu estar restrinxida no seu momento ao Macizo Galaico-Leonés, e que, finalmente, foi "reintroducido" de novo para deleite, non dos naturalistas, senón dos cazadores que moven moitos máis cartos ca nós.

Por outra banda, sempre me chamou a atención o nome científico desta especie, Dama dama, que me recorda a unha canción de certa artista xa finada.

1 comentario:

  1. Olá Alberto

    Tens conhecimento da existência de gamos em liberdade em regiões perto da fronteira com Portugal? Perto por exemplo do parque de Montesinho ou do parque do Gerês?

    O parque Invernadeiro é relativamente perto da fronteira, mas aí apenas existem gamos em semi-liberdade.

    Pelo que sei, em Portugal apenas existem gamos em liberdade no sul do país (Alentejo).

    Obrigado

    ResponderEliminar