COLEGAS

martes, 26 de octubre de 2010

Cobra lagarteira europea nas Veigas de Ponteliñares



Como sabedes, aqueles que seguides este blog con certa asiduidade, hai unha especie que nos últimos tempos se trocou nunha especie fetiche para mín, con isto non me estou a definir como fetichista OLLO! que xa bastante definido estou, con isto quero dicir que teño un novo animal totémico, esta é a cobra lagarteira europea (Coronella austriaca).

A esta especie de ofidio lle debo xa moito nos últimos meses, algo máis que un nutrido número de entradas, senón que me ensinara, ca súa mera presencia o moito que me queda aínda por saber da fauna da miña bisbarra de nacimento: A LIMIA, e entonar polo tanto a máis que coñecida cita de "SOIO SEI, QUE NON SEI NADA".

Nestas imaxes aparece unha cobra lagarteira europea atopada nas Veigas de Ponteliñares, en concreto na parte deste espazo natural incluído dentro da ZEPA da Limia, pertencente ao concello de Porqueira. O exemplar en cuestión foi atopado baixo pedra o pasado día 17 de outubro de 2010 na compaña de Rubén Portas e Pablo A. Sanmartín Santiago.

O exemplar en cuestión conta ca peculiaridade de ser da variedade cromática alaranxada, pouco frecuente e rara de observar, alédome enormememte de poder compartila con vós.

lunes, 25 de octubre de 2010

Soños cun sapo corriqueiro na cidade de Ourense.




Sabedes moitos de vós que os anfibios non están atravesando o seu mellor momento a nivel mundial, epidemias, perda de hábitat e atropelos, o temido cambio climático, están detrás da contínua regresión das súas poboacións, acaecida, principalmente, durante os derradeiros cincuenta anos. Esta regresión, que non entende de fronteiras políticas, trouxo consigo incluso a extinción de varias especies en diferentes puntos do globo terráqueo.

O pasado día 13 de outubro de 2010, depois dunha longa xornada de traballo, dirixíame a descansar á miña casa, para aqueles que me coñecedes, saberedes que ese camiño pasa por cruzar unha das numerosas pontes que atravesan o río Miño, eixe vertebrador da cidade na que habito. Unha desas pontes é a Ponte Nova, que de nova xa non ten nada, logo cumprirá cen anos...

Cando quixen dar conta vin un pequeno ser a dar tumbos polo asfalto, cando me acheguei, cal sería a miña sorpresa, era un sapo corriqueiro (Bufo calamita), evidentemente en serio perigo de ser esmagado por calquera vehículo, ou polo primeiro peón que pasara por alí, polo que procedín a rescatalo.

Para queles que non coñezades a historia recente da cidade, debedes saber que en tempos, denantes do urbanismo que trouxeron consigo os anos sesenta do pasado século XX, a cidade de Ourense posuía toda unha serie de pequenas lagoas, temporais e permanentes, que se orixinaron polo aillamento dos meandros do mencionado río Miño, este fenómeno é moi coñecido en Aragón, onde este tipo de hábitats de denominan os Galachos del Ebro, na cidade xa non queda nin unha soa mostra deste hábitat singular, que vive inmortal na memoria dos ourensáns máis vellos.

Mirando fixamente ao meu novo amigo pechei os ollos, e soñei, soñei cunha cidade que abrazaba sin medo a súa biodiversidade, soñei, tan só por un intre, coas Lagoas do barrio ao que lle dan nome, e puiden ver aos sapoconchos arribando, e puiden escoitar ás garzas cebando, e puiden sentarme á beira a escoitar o coro de corriqueiros cegados polo periodo reproductor. Un pitazo me esperta do meu soño, de todo iso tan só queda un sapo na miña man, que quizáis espertou dun letargo longo...moi longo e non puido resistir a tentación de acudir ás Lagoas, pero as lagoas xa non están...

viernes, 15 de octubre de 2010

Cobra lagarteira europea en Vilar de Santos.





Non sei moi ben que me está pasando últimamente con esta especie de cobra, pasei de non atopala por ningures, a ser un dos réptiles que máis vin no último mes, curioso dato sin duda e ter en conta, que debe mostar que me estou facendo vello, e que a experiencia é un grao máis a ter en conta.

Pese o que poida parecer polas imaxes, o réptil que aquí vos presento está morto, trátase, como indica o título da entrada, dunha cobra lagarteira europea (Coronella austriaca), que atopei atropelada nun camiño do concello de Vilar de Santos o pasado día 10 de outubro de 2010, o triste suceso debeu suceder apenas un intre antes de que eu pasara por alí, por que o Rigor Mortis aínda non estaba presente, (xa parezo un C.S.I.), o dato é asemade interesante, xa que eu non tiña referencias da presencia desta especie nese recuncho da Limia.

jueves, 14 de octubre de 2010

Garzotas en Sandiás.




O pasado día 9 de outubro de 2010, foron vistos 4 exemplares de garzota (Egretta garzetta) nas Areeiras da Limia en Sandiás.

A garzota é un ardeido de tamaño medio escaso, aínda que xa regular, durante os pasos migratorios na provincia de Ourense, a presencia desta especie é máis frecuente na depresión do río Miño ao seu paso pola provincia, e na bisbarra da Limia, xa que acumulan un bo número de rexistros.

miércoles, 13 de octubre de 2010

Papamoscas gris en Rairiz de Veiga.






O papamoscas gris (Muscicapa striata) é un paseriforme que se presenta na provincia habitualmente durante o paso migratorio postnupcial, existe sin embargo, unha pequena poboación reproductora asentada no Leste da provincia, quizáis a máis importante de Galicia.

A bisbarra da Limia é un deses lugares onde podemos detectar a presencia desta especie durante o paso migratorio, boa mostra deste feito foi a detección, o pasado día 10 de Outubro de 2010, dun pequeno grupo de papamoscas grises, composto por 5 exemplares, en terreos de concello limiao de Rairiz de Veiga.

Cullereiro nas Areeiras da Limia.






As areeiras da Limia estanse postulando nos últimos tempos como un lugar imprescindible para a observación ornitolóxica na provincia, boa prova delo son estas imaxes que vos presento.

Nelas podedes apreciar un cullereiro (Platalea leucorodia), unha curiosa ave, similar na morfoloxía ás cegoñas, pero que pouco teñen a ver con elas, trátase dunha zancuda peculiar, sobre todo pola morfoloxía do peteiro, estreito ao principio e cunha especie de culler ao final (como unha espátula que é o seu nome en castelán).

Especie escasa en ourense, a maioría das citas coñecidas proveñen precisamente da bisbarra da Limia, onde se pode presentar durante os seus periplos migratorios, entre os lugares de nidificación, situados en Holanda, e os de invernada, situados en África. O cullereiro é sin embargo unha especie moito máis frecuente na franxa costeira galega, sobretodo no complpexo intermareal Umia-Grove (Pontevedra), que ano a ano ven aumentando os continxentes de invernantes da especie.

No Sur da Península existe tamén unha pequena poboación nidificante, en principio sedentaria, polo que a orixe dos cullereiros que se poden ver en Galicia debe ser exclusivamente dos Paises Baixos.

As imaxes foron obtidas nas areeiras da Limia (Sandiás) o pasado día 9 de outubro de 2010.

lunes, 11 de octubre de 2010

Xabaríns presos en Verea.






O pasado día 3 de outubro de 2010 atopamos na compaña de Vituca e Rafa Vázquez, en terreos do concello celanovés de Verea, unha piara de xabaríns (Sus scrofa) mantida en catividade nun cercado.

Dende as páxinas deste blog queremos subliñar o feito de que a cría ou mantemento de xabaríns en catividade é un feito penado pola lei e polo tanto ILEGAL.

Todos sabemos que o xabarín, xunto co lobo, é un dos nosos animais máis polémicos, o feito de crialos en catividade representa un risco de cara a conservación para a especie, por que se eses animais escaparan, terían os seus instintos mermados, e unha certa tendencia de achegarse ao home, na procura de alimento.

Estas imaxes serven de testemuña de que NON SON OS DA XUNTA OS QUE SOLTAN XABARÍNS nos montes galegos con escuras intencións, "os da Xunta" tampouco soltan lobos ou corzos, e moito menos lanzan cobras dende helicópteros, por si alguén a estas alturas o dubidase aínda.

Gardafontes verde en Entrimo.






O pasado día 3 de outubro de 2010, Rafa Vázquez, Vituca e este que vos escribe, atopamos este exemplar de gardafontes verde (Triturus marmoratus), en terreos do concello de Entrimo, pertencente á bisbarra de A Baixa Limia.

O gardafontes verde é un anfibio urodelo (con cola), frecuente na práctica totalidade da provincia, é asemade un dos nosos hérpetos máis vistosos, debido ás cores que o caracterizan.

Píntega común en Lobeira.





Como moitos de vós sabedes, a píntega común (Slamandra salamandra), é o meu bichiño preferido, non podo deixar de fotografala cando vexo unha.

Nas imaxes aparece un exemplar atopado en terreos do conello de Lobeira o pasado día 3 de outubro de 2010, na compaña de Rafa Vázquez e Vituca.

Creo que despois da macabra entrada dos atropelos de vertebrados na Baixa Limia, boa falla facía unha entreda de hárpetos viviños e reptando.

viernes, 8 de octubre de 2010

Congreso do Grupo Ibérico de Aguiluchos en Allariz.


XI Congreso do Grupo Ibérico de Aguiluchos (GIA) organizado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).

Dende a SGO e o GIA estase a organizar o congreso Circus, que terá lugar do 15 ao 17 de outubro no concello de Allariz, Ourense. Podedes consultar as derradeiras novas no blog: http://www.congresogiagalicia2010.blogspot.com

Asemade podedes consulta-lo programa do congreso e as ponencias no seguinte enlazamento:

http://www.sgosgo.org/archivos/CongresoAllariz.pdf

jueves, 7 de octubre de 2010

Xornadas de Rastros nas Corcerizas.

Pica na imaxe para máis información, anímate e participa con nós neste novo encontro no Centro de Educación Ambiental das Corcerizas.

Sapo comadrón en Entrimo.







O sapo comadrón (Alytes obstetricans) é un anfibio anuro (sin cola), relativamente frecuente en Ourense, o seu nome ven dado pola costume que teñen os machos desta especie, de cargar cas postas ata que estas están a piques de eclosionar, momento na que as depositan na auga.

Nestes primeiros e chuviosos días de outono, despois da seca do vran, é frecuente que vexamos anfibios polas estradas e camiños da provincia, sempre e cando a temperatura reinante sexa a axeitada, e non faga demasiado vento ou demasiado frío.

Nas presentes imaxes podedes apreciar un exemplar de sapo comadrón atopado en terreos do concello de Entrimo, pertencente á bisbarra da Baixa Limia, o psado día 3 de outubro de 2010 en compaña de Vituca e Rafa Vázquez.

miércoles, 6 de octubre de 2010

Atropelos de vertebrados na Baixa Limia.










Durante domingo pasado, día 3 de outubro de 2010, Vituca, Rafa Vázquez e máis eu dimos unha volta por terras da bisbarra ourensá da Baixa Limia, polos camiños dos concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lovios, e Muiños.

Durante ese percorrido puidemos comprovar a incidencia do tráfico rodado nas estradas do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, observando numerosos exemplares de vertebrados atropelados.

O grupo máis afectado por este feito foi o dos anfibios, nas imaxes aparecen varias píntegas (Salamandra salamandra), unha delas "preñada", unha rá da veiga (Discoglossus galganoi), varios sapos cunqueiros (Bufo bufo), un sapo corriqueiro (Bufo calamita)..., pero tamén atopamos tres mamíferos atropelados, un deles un coello de monte (Oryctolagus cuniculus) e os outros dous roedores de pequeno tamaño que non fumos quen de identificar.

Estas imaxes demostran dous feitos, por unha banda a riqueza de anfibios do Parque Natural, por outra a fraxilidade mesma desta riqueza, exposta ao perigo do tráfico rodado debido á ausencia de pasos para fauna.