COLEGAS

lunes, 25 de octubre de 2010

Soños cun sapo corriqueiro na cidade de Ourense.




Sabedes moitos de vós que os anfibios non están atravesando o seu mellor momento a nivel mundial, epidemias, perda de hábitat e atropelos, o temido cambio climático, están detrás da contínua regresión das súas poboacións, acaecida, principalmente, durante os derradeiros cincuenta anos. Esta regresión, que non entende de fronteiras políticas, trouxo consigo incluso a extinción de varias especies en diferentes puntos do globo terráqueo.

O pasado día 13 de outubro de 2010, depois dunha longa xornada de traballo, dirixíame a descansar á miña casa, para aqueles que me coñecedes, saberedes que ese camiño pasa por cruzar unha das numerosas pontes que atravesan o río Miño, eixe vertebrador da cidade na que habito. Unha desas pontes é a Ponte Nova, que de nova xa non ten nada, logo cumprirá cen anos...

Cando quixen dar conta vin un pequeno ser a dar tumbos polo asfalto, cando me acheguei, cal sería a miña sorpresa, era un sapo corriqueiro (Bufo calamita), evidentemente en serio perigo de ser esmagado por calquera vehículo, ou polo primeiro peón que pasara por alí, polo que procedín a rescatalo.

Para queles que non coñezades a historia recente da cidade, debedes saber que en tempos, denantes do urbanismo que trouxeron consigo os anos sesenta do pasado século XX, a cidade de Ourense posuía toda unha serie de pequenas lagoas, temporais e permanentes, que se orixinaron polo aillamento dos meandros do mencionado río Miño, este fenómeno é moi coñecido en Aragón, onde este tipo de hábitats de denominan os Galachos del Ebro, na cidade xa non queda nin unha soa mostra deste hábitat singular, que vive inmortal na memoria dos ourensáns máis vellos.

Mirando fixamente ao meu novo amigo pechei os ollos, e soñei, soñei cunha cidade que abrazaba sin medo a súa biodiversidade, soñei, tan só por un intre, coas Lagoas do barrio ao que lle dan nome, e puiden ver aos sapoconchos arribando, e puiden escoitar ás garzas cebando, e puiden sentarme á beira a escoitar o coro de corriqueiros cegados polo periodo reproductor. Un pitazo me esperta do meu soño, de todo iso tan só queda un sapo na miña man, que quizáis espertou dun letargo longo...moi longo e non puido resistir a tentación de acudir ás Lagoas, pero as lagoas xa non están...

2 comentarios:

  1. Estupenda entrada Alberto... mais que un sono é un pesadelo darse conta de que moitas das cousas que conformaron durante milenios o noso mundo, e o que somos, quedaron ou pronto quedarán única e para sempre aí, no mundo dos recordos...

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Iso de poñerse a soñar no medio do trafico soe ter un mal final.. Afortunadamente o corriqueiro topou contigo e non cun conductor desaforado.

    ResponderEliminar