COLEGAS

lunes, 26 de septiembre de 2011

Pecha o bar Cobi´s e abre unha nova etapa.


"O traballo alonxa de nós tres grandes males; o aburrimento, o vicio e a necesidade"- François Marie Arouelt- Voltaire (1694-1778)- Filósofo e escritor francés.

Amigos e amigas hoxe diríxome a vós non coma o autor deste blogue, senón coma min mesmo, como Alberto, para por no voso coñecimento un feito, un cambio importante da miña vida, que compartiremos xuntos unha vez máis.

Moitos de vós non me coñecedes en persoa, pero outros moitos sí, e como sabedes levo xa ás miñas costas 15 anos de sfrida profesión hostaleira. Fai xa 4 que este ouresán, por aquel entonces con apenas 27 anos, decidiu emprender a aventura de abrir un negocio por conta propia. Moitas foron as dificultades nese tempo, pero tamén moitas as satisfacción de ter sido emprendedor.

Mañá toca unha nova etapa, e o Bar Cobi´s pechará as portas. Agora estarei co Centro Cultural e Social do barrio das Lagoas, a carón da senlleira sobreira centenaria que ben seguro moitos de vós coñecedes.

Agora tocará unha etapa menos empresarial, máis social, máis comprometida e máis activista, para tratar de dinamizar a un sector da sociedade combinando profesión, inquietudes e aficción, con altas dosis de paciencia. Un lugar para o recollimento, o esparcimento e a tertulia que tratará de ser un novo motor cultural de esta a nosa cidade de Ourense, e de este o noso barrio das Lagoas.

Durante un tempo, mentras non traslado todo definitivamente, é posible que este blogue permaneza en silencio, pero non vos levedes a engano, seguirei con vós, pronto e proto estarei coa mesma forza. Trovando a riqueza do rincón Sureste do Noroeste.

miércoles, 21 de septiembre de 2011

A incrible historia da balea do río Miño.

Celebracion de misa de pascua en el interior de una ballena
Honorius Philoponus [Caspar Plautius], Nova typis transacta navigatio novi orbis Indiæ occidentalis...
Linz, 1621.

Moitas veces nos temos achegado xuntos ao lendario ourensán, topando historias incribles
e fascinantes que agochan seres mitolóxicos, imaxinarios ou reais.
Desta volta, queridos amigos e amigas,
ímonos mergullar nas augas do noso río por escelencia o PAI MIÑO,
fonte inesgotable de riqueza e de historias, de seres reais, e imaxinarios,
que durante séculos poboaron unha terra esquecida, menosprezada, pero sin dúbida unha
das terras máis marabillosas nas que se pode nacer, a provincia de Ourense.


Contan os vellos habitantes dos pobos da ribeira miñota que seica, de cando en vez,
remontaba o río unhabalea, disque para dar a luz unha cría,
o alumbramento provocaba irremediablemente a morte da nai balea.
Disque balea somantes hai unha no mar, que, cada cinco anos remonta o río para dar vida e morrer.
Disque cando esto ocorre, grandes calamidades agardan a aqueles que moran perto do lugar, xa que
o nacimento da nova balea, e a morte da vella, era un mal presaxio, que provocaba pestes,
epidemias, morte e fame. Fame, quizáis sexa unha das palabras máis temidas dos galegos,
pois a fame é moi negra, e o tempo da fame longo de máis.


A balea, ao esmorecer, provoca inundacións coas súas últimas colvulsións, co seu último alento de vida,
malogra os cultivos, seca as vides. A balea será arrastrada de novo ao mar, polo noso Pai, o río Miño.


Unha historia incrible, sin dúbida unha das lendas máis fascinantes que me teño atopado
por estes meus lares ourensáns, sen dúbida unha historia con poucos precedentes no interior Peninsular.


Pero a nosa malpocada balea migradora tiña os días contados,
centos de anos seguindo o ciclo natural da reproducción para que un día,
a un tal Francisco Franco de Bahamonde, e outros máis tarde,
lle dera por construir "pantanos" (encoros) a esgalla,
e no Miño especialmente, impedindo para sempre que a
balea interior rematara o seu ciclo vital.


A balea é unha lenda, pero coa lenda da balea, que xa só vive na mente dalgún lonxevo galego,
do Pereiro de Aguiar, de Castrelo de Miño, de Cenlle, con ela, desapareceron moitos outros.
Con ela fóronse os salmóns,os reos, as lampreas, os sollos.
Con ela foise a rica pesquería ourensá que enchía a Praza de Abastos da capital,
con peixe miñoto de calidade, con ela fóronse moitas cousas, tamén unha parte do orgullo,
e unha parte da historia.


E agora, séculos despois da balea, décadas despois das presas, aínda estamos dando de bruces coa
contrucción de máis e máis infraestructuras fluviais, non para dar a luz a balea, senón para dar a
luz vai tu saber a onde. Disque este novo proxecto será na ribeira Sacra.


Benqueridos amigos, que non vos leven a engano, a Ribeira Sacra, é a Sagrada Ribeira do Sil,
e a min, de ben pequeno, me dicían que se algo é sagrado non se toca...

martes, 20 de septiembre de 2011

Tartaruga mediterránea en Cartelle.







Este que vos amoso é un capítulo curioso da herpetoloxía (ciencia que estuda os anfibios e réptiles) ourensá, e narra a aparición dunha tartaruga mediterránea (Testudo hermanni) no concello de Cartelle, pertencente á comarca coñecida coma "Terras de Celanova".

A tartaruga mediterránea é un quelónio terrestre, xunto ca tartaruga moura (Testudo graeca) son as únicas tartaruras de terra silvestres da península ibérica, aínda que posiblemente as poboacións desta última teñan unha orixe estrictamente humana.

A tartaruga mediterránea distribúese na actualidade polas costas do mediterráneo, sen embargo gran parte das razas ou subespecies descritas, foron elevadas ao rango de especie, polo que agora Testudo hermanni consideráse, non sin certo grao de polémica, monotípica, é dicir, carente de razas ou subespecies.

Parece ser, segundo o rexistro fósil, que a especie tivo no pasado unha distribución maior, que durante o período cuaternario, chegou a alcanzar gran parte da Península Ibérica. Co enfriamento do clima a distribución da especie quedou restrinxida ás costas mediterráneas.

Xa durante o período histórico do vello continente comenzou o declive progresivo das poboacións desta especie, que sufriu a fragmentación da súa área de distribución pola persecución e alteración do seu hábitat. No século XIX parece ser que existía unha área de distribución ininterrumpida entre as costas mediterráneas peninsulares até Italia.

As tartarugas terrestres foron así mesmo obxeto de comercio e traslocación por parte de diversos pobos do mediterráneo, e ese parece ser a orixe de certas poboacións insulares do mediterráneo (coma as illas Baleares).

Na actualidade existen poboacións silvestres, introducidas ou reintroducidas en Catalunya, Valencia e Illas Baleares. O feito de que se considerase ás tartarugas "nin carne nin peixe" fixo que se consumiran en períodos de vixilia relixiosa, o cal afectou negativamente ás súas poboacións. Así mesmo, a crenza de que esta especie eliminaba sistemáticamente a caracois das hortas e xardíns deu por orixe unha gran parte do comercio que sufriu a especie chegado o século XX, momento no que a especie era frecuente en mercados con destino ao mercado de mascotas.

Este mercado de tartarugas de terra foi especialmente frecuente no noso país entre os anos 1950 e 1970, chegando a ser un animal doméstico frecuente en xardíns de toda Galicia, especialmente en vilas e cidades. Unha parte destes animais chegaba a escapar, dando como resultado o achádego ocasional de exemplares no medio natural (na Provincia de Pontevedra especialmente).

En Ourense, a lo menos na capital, a especie foi frecuente en hortas até os anos 60 do pasdo século, nos barrios menos urbanizados da época (O Couto, As Lagoas), existindo incluso rexistros de reproduccion non confirmados.

O exemplar que vos presento apareceu fai uns anos nunha área de monte baixo do concello de Cartelle, e é un dos escasos rexistros da especie na provincia. Aínda que existen autores que teorizan coa presenza histórica e natural da especie na Galiza, eu discrepo nese punto e coido que tódolos exemplares atopados na nosa comunidade son fuxidos da catividade.

Chegado o ano 1973, a precaria situación de conservación das poboacións europeas de tartarugas mediterráneas fixo que se prohibise o comercio da especie, aínda hoxe en día a especie está declarada coma en Perigo de Extincion en España, e protexida por leises nacionais e convenios internacionais. Asemade a incidencia dos incendios forestais está causando unha alta perda de exemplares nas escasas áreas do país que aínda conservan poboacións silvestres deste fantástico animal.

Sexa como sexa, un animal fascinante, sen dúbida, cunha larga historia na cunha, non embargante é un dos animais máis lonxevos da nosa fauna.

lunes, 19 de septiembre de 2011

Un niño de cegoña en Baños de Molgas.



Todos coñecemos a tendencia natural das cegoñas brancas (Ciconia ciconia) de colocalo niño en lugares próximos ao home. É habitual velos en torres de alta tensión, chemineas ou tellados de edificios ou igrexas, sen embargo creo que este de Baños de Molgas se postula como un dos máis curiosos da provinca, ao estar feito por riba dunha antena de telefonía (polémicas onde as haxa). Serán inmunes ás radiacións estas aves, ou simplemente inconscientes, como algúns veciños desta nosa terra que viven cunha enriba das súas cabezas?.

Sexa como sexa ahí tendes a mostra deste niño, que chamou a atención do ousado bicheiro ourensán.

viernes, 16 de septiembre de 2011

Fauna nun topónimo histórico de Xunqueira de Espadañedo.










Existe no concello de Xunqueira de Espadañedo un tópónimo de cuio nome quero e debo lembrarme, esté é o pobo de Niñodáguia.
Niñodáguia é coñecido pola súa cerámica, nesta localidade existen explotacións mineiras de extracción de arxila, que deron como resultado unha antiga tradición alfareira que se prolonga até o día de hoxe.

Niñodáguia é, asímesmo, un topónimo interesante, xa que o seu nome indica a localización dun niño de águia real (Aquila chyrsaetos), o cal non é raro xa que esta localidade se atopa nas estrivacións mesmas do Macizo Central Ourensán, en territorio histórico da especie. Sen embargo o deturpamento e castelanización dos topónimos galegos ía traer consigo un dos capítulos máis curiosos e absurdos, no que foi o intento de borrar a cultura galega da face do país.

Aqueles que descoñezades o significado da lingua galega, debedes saber que Niñodáguia en castelán correctamente traducido, viría a ser "Nido del Águila", sen embargo a traducción castelánizadora non foi outra que "Niño de la Guía", despoxando de significado o máis que interesante topónimo.

As barreiras resultantes da extracción de arxila de Niñodáguia, ao ser abandonadas, banse naturalizando pouco a pouco, constituindo un hábitat interesante para aves, anfibios, memíferos, que pouco a pouco van colonizando o enclave, velahí tendes unhas pequenas mostras do que atopamos a finde pasada, nun Niño de águia histórico...

Un raposo (Vulpes vulpes), nidos de cegoña (Ciconia ciconia), gardafontes verde (Triturus marmoratus), ra verde ibérica (Pelophylax perezi) entre outros...

jueves, 15 de septiembre de 2011

A loba capitolina de Xunqueira de Ambía.






"Só o que sabe que é libre, e máis libre o que máis sabe...
Só a cultura da liberdade...
Non proclamedes a liberdade de voar, senón dade ás;
non a de pensar, senon dade pensamento.
A liberdade que hai que dar ao pobo é a cultura"- Miguel de Unamuno (1864-1936)- Escritor e filósofo español.

Os lobos son protagonistas na Galiza, coma personaxe principal da película dos soños, das lendas e, tamén da realidade tanxible, coma cúspide da pirámide alimentaria, coma o derradeiro dos superpredadores que moran na Galaecia.

O lobo forma parte do senso galaico coma o himno, coma a propia bandeira, o coma a mesma lingua, e a súa pegada non só está nos montes, senón tamén no senso de cada un de nós, na nosa cultura. O lobo non é un inimigo, é un compañeiro de viaxe, que leva con nós centos de anos, e esa pegada inmemorial está en cada camiño, en cada igrexa, nos refráns, nos contos e na cultura galaica, a nosa seña de identidade, pese a quen pese.

A cultura é un concepto amplo, flexive, non ríxido, que bebe de moitas e cristalinas fontes. A nosa cultura é un río alimentado por centos de regatos históricos e prehistóricos, que coma o Miño, percorre a anosa terra camiño ao océano do coñecimento.

O lobo é sin dubida un dos grandes protagonistas da fauna vertebrada Ourensá, e como tal, deixou a súa impronta na cultura, nos mitos, no arte, nas crenzas, nos refráns. Ímonos achegar agora a un caso particular, que recentemente despertou a miña curiosidade de trovador da fauna. Trovador que agora canta aquelo que ve, e sinte...

Un día de setembro chegamos ao mosteiro de Santa María de Xunqueira de Ambía, a súa igrexa pasa por ser un dos maiores expoñentes do románico ourensán. Monumento erixido sobre unha ermida anterior alá polo ano 1164. Canecillos, metopas, capiteis forman unha monumentalidade petra de valor incalculable. Fronte á súa portada ergo os ollos para toparme de bruces cunha das lendas máis antigas xamáis contadas sobre os lobos, Luperna ergue os ollos cara o ceo, namentras Rómulo e Remo maman.

O románico bebe das fontes clásicas grecorromanas, de ahí o seu nome. É frecuente atopar, en ocasións, iconografía que fai referencia á mitoloxia clásica nas igrexas deste estilo arquitectónico medieval. Pero, contemos entón a lenda...lenda que narra a fundación da cidade de Roma, e xermolo do basto imperio romano, e que ten por protagonista a Luperna, unha loba.

Disque existía un rei por aquelas terras antigas, que matou ao seu irmán e fillos para herdar o trono, perdoando a vida á súa muller, coa condición de que non tivese descendencia. Esta muller fuxida caeu encinta do deus Marte (Deus da guerra) e deu a luz xemelgos, chamados Rómulo e Remo. Presa do pánico a nai abandonou aos nenos nunha cesta no río Tiber.

A cesta foi atopada por unha loba (Luperna), que amantou aos xemelgos até que foron atopados por un pastor, quen os adoptou. Medrados os xemelgos, enteráronse das súas orixes e foron dar conta do rei, ao que venceron. Gañada a batalla, recillas entre os irmás sobre a fundación dunha nova cidade etsado, derón coa morte de Remo a máns de Rómulo, que finalmente fundou a cidade de Roma. Historia incrible, seguramente mito, lenda duns dos pais da nosa cultura actual, non esquezamos, que ademáis de galegos somos latinos!

Máis a loba capitolina non é a única mostra de lobos da igrexa de Santa María de Xunqueira de Ambía, nela vemos lobos dando boa conta do "agnus dei", do que xa famamos con anterioridade. xa me diredes que vos parece...

miércoles, 14 de septiembre de 2011

Gardafontes ibérico en Montederramo.




O gardafontes ibérico ou común (Lissotriton boscai), pasa por ser un dos anfibios máis frecuentes da provincia, máis non por común una especie deixa de ser interesante, ou fascinante, incluso. Sempre é motivo de ledicia atoparse un ser vivo a cada volta do camiño.

Neste caso estamos perante un anfibio endémico da Península Ibérica, polo que o que para nós é unha especie común, é para os lectores extranxeiros deste blogue, unha auténtica rareza digna de admiración, xa que alén dos Pirineos, o gardafontes común está ausente.

A Península Ibérica, debido ao seu aillamento e á súa historia xeolóxica e á súa situación xeografica, conta con numerosas especies exclusivas do seu territorio, o que lle otorga o privilexio de ser un dos "hot spot" europeos no que a biodiversidade endémica se refire. Esta endemicidade atinxe non só a certas especie de vertebrados, senón tamén, máis aínda incluso, a numerosas especies de invertebrados e prantas. É polo tanto un orgullo, poero tamén unha responsabilidade, que todas estas especies continúen a vivir entre nós para que as vindeiras xeracións sigan a disfrutar da súa presenza.

Na imaxe, un gardafontes común atopado o pasado día 11 de setembro de 2011 en terreos pertencentes ao concello de Montederramo, non lonxe do pobo de Gundín.

martes, 13 de septiembre de 2011

Merlo rieiro no Arnoia.


















"Nada impide ser natural, coma o afán de parecelo"- François de la Rochefoucauld (1613-1680) - Escritor, aristócrata e militar francés.

Esta finde toucou dar unha volta polas Terras do Arnoia, así o pasado día 11 de setembro, recalamos en terras da vila de Allariz, cuio eixe vertebrador é sin lugar a dúbidas o río Arnoia.

Unha vez alí atopámonos cun dos seu máis senlleiros habitantes, o merlo rieiro (Cinclus cinclus), unha sorte de paseriforme acuático a medio camiño entre un merlo e unha carriza de gran tamaño.

O merlo rieiro aínda conserva poboacións de importancia na provincia de Ourense, aínda que chagar a ser abondoso, si é frecuente atopalo naqueles cursos fluviais de boa calidade. O Arnoia e un dos ríos onde a súa observación é máis sinxela, pero tamén habita no Loña, no Támega, no Avia ou no Arenteiro. Sempre en ríos de certo caudal, e corrente, onde bucea á procura do seu alimento,

As condicións lumínicas do día non permitiron obter mellores imaxes, xa entre lusco e fusco, este merlo mergullábase no río para capturar os invertebrados dos que se alimenta, sin dúbida unha imaxe digna do máis cinematográfico documental.

lunes, 12 de septiembre de 2011

O arieiro grande e o pilro común nas areeiras da Limia.






arieiro e o nome co que se coñecen na provincia ás aves integrantes do xénero charadrius, desta volta estamos perante a un arieiro grande (Charadrius hiaticula), e un pilro común (Calidris alpina), ambas aves limícolas (que se alimentan en áreas de limo ou lamacentas).

Durante as pasaxes migratorias (arestora estamos inmersos na pasaxe postnupcial) poden producirse curiosas asociacións de aves, que frecuentan áreas de alimentación similares. Así pode ocorrer con diferentes tipos de paseriformes, ardeidas e limícolas. Neste caso, parece que sedimentaron dous exemplares, segundo Diego Rodriguez Vieitas, días antes eran algñun máis, quedando rezagados dos grupos.

O pasado día 2 de setembro de 2011 estas dúas aves facíanse compaña ante a ausencia de outros da mesma especie, movéndose e alimentándose xuntos nunha das barreiras das areeiras da Limia de Sandiás. Alleos ás miradas inquisidoras dun aprendiz de ornitólogo que andaba por alí, miradas indiscretas quizáis, imaxinarias, que logo puxeron banda sonora ao momento observado, e velahí esta a cantiga inspiradora...

viernes, 9 de septiembre de 2011

Amizade herpeto-lóxica












"Calquera pode simpatizar coas penas dun amigo; simpatizar cos seus éxitos require unha natureza delicadísima"- Oscar Wilde (1854-1900)- Poeta e dramaturgo irlandés.

A herpetoloxía é a ciencia que estuda aos anfibios e réptiles (hérpetos), así esta ciencia pode ser exercida de maneira profesional, por biólogos principalmente, ou de maneira autodidacta, como o fan a maioría, de maneira aficionada. Feito que ocorre a miúdo con outras disciplinas, como a ornitoloxía, que é a ciencia das aves.

Tania e máis eu somos amigos dende hai xa uns anos, os nosos camiños se cruzaron casualmente e ahí xurdiu unha amizade coa que ambos aprendimos algo, para mín unha das definicións das relacións persoais é esa. Xa noutra ocasión nos achegamos xuntos para amosarvos unha amizade anfibia.

Desta volta seguimos a superar a fobia aos hérpetos, coa escama por protagonista, co fin de que Tania deixe atras o seu medo a este tipo de vertebrados. Con ese fin saímos ao campo o pasado día 31 de agosto de 2011, con ese fin e o de mirar como está o pulso da natureza que rodea a cidade na que vivimos.

A xornada mostrouse abondosa en especies, entre os réptiles observamos: lagartixa rabuda (Psammodromus algirus), lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica), cobra rateira (Malpolon monspessulanus), escáncer ibérico (Chalcides bedriagai). E entre os anfibios sapo corriqueiro ou rairo (Bufo calamita) e rá verde (Pelophylax perezi). En apenas tres horas de observación, o cal está moi ben.Enlace

Tania deixou xa o seu medo aos anfibios en pasadas xornadas, e agora, despois desta, os réptiles causanlle menos repulsión, como podedes ver. A amizade, unida ao bicheo é unha experiencia única e recomendábel, ánimo rapaces a sair ao campo e a disfrutar desta fin de semana, e o luns nos lemos e nos contamos que tal nos foi. Mentras tanto déixovos un momento friki de amistade coa canción do seguinte enlazamento. Deica!