COLEGAS

jueves, 8 de septiembre de 2011

O lume, o gran problema ecolóxico ourensán.






"O peor non é cometer un erro, senon tratar de xustificalo, en troques de aproveitalo coma aviso providencial da nosa lixeireza ou ignorancia"- Santiago Ramón y Cajal (1852-1934)- Médico español.

Tí ourensán ou non, que les este blogue, ou de vez en cando te pasas por estas páxinas ávido de coñecimento, sabes do que falo. Ano tras ano Ourense arde, ben sexa no oriente provincial ou no occidente, ou no corazón mesmo da terra, tódolos anos somos noticia e cabeceira de telexornais autonómicos ou estatais pola mesma causa,e se non pica aquí.

O pasado día 12 de agosto de 2011, como acabades de ver no enlazamento anterior, a cidade apareceu sitiada polo lume, por enésima vez. Os habitantes da cidade auriense sabemos ben que tódolos anos arde nos mesmos lugares, e os montes circundantes ao que no pasado foi o vertedoiro municipal, hoxe punto limpo, arden dende que este que vos escribe ten uso de razón.

Como sabedes a maior parte dos incendios forestais son provocados, unhas veces pola tolemia dalgún, outras por intereses políticos e económicos, e outras por descoidos e imprudencias. Lumes que non so perxudican ao medio ambiente, senon que tamén poñen en perigo a vida de persoas, coma tí e coma mín.

Apenas tres semanas despois do incendio que obrigou a desaloxar a canceira municipal, cunha lixeira chuvia, persistente dende días antes, Tania e máis eu fumos a unha zona das 160 hectáreas que arderon ese día, para ver como quedara despois do lume.

Hai que dicir que os mentes que circumdan ao antigo vertedoiro son extraordinariamente ricos en biodiversidade, e contan cunha historia natural tráxica e interesante a partes iguais. así os máis anciáns habitantes do lugar lembran uns montes percorridos por regatos con anguías, que permitían verdes pasteiros que alimentaban o gando do lugar. Máis un día os tempos cambiaron, o gando desapareceu e chegou un vertedoiro incontrolado, que durante décadas apestou á cidade.

Dito vertedoiro foi unha das causas do asentamento da nutrida poboación de láridos da cidade dos anos 90 do pasado século, momento no que invernaban 3500 ex de tres especies diferentes, así mesmo no vertedoiro era frecuente ver cegoñas brancas (ciconia ciconia), existindo unha cita de duas cegoñas negras (Ciconia nigra) no ano 1993. Miotos negros (Milvus migrans) e corvos (corvus sp) acudían a diario en gran número. Pero este vertedoiro apestaba á cidade, e os ourensán pasabamos o verán entre os cheiros do vertedoiro e o de unha fábrica de xabóns cercana.

Na actualidade o vertedoiro é un punto limpo, as toneladas de lixo foron sepuntadas por outras tantas de terra, coas súas respectivas chemineas para que o gas metano (altamente perxudicial para a saúde e un dos causantes do cambio climático) poida ser expulsado á atmosfera.

Os montes cercanos, que nunca foron vertedoiros, son aínda hoxe un hot spot de biodiversidade a nivel non só provincial, senón tamén galaico. Neles habita unha comunidade herpetolóxica composta por especies tan interesantes coma o escáncer ibérico (Chalcides bedrigai), a cobra lagarteira meridional (Coronella girondica), o sapo corriqueiro (Bufo calamita), a lagartixa rabuda (Psammodromus alguirus), a cobra rateira (Malpolon monspessulanus), o gardafontes verde (Triturus marmoratus) entre outros. As aves rapaces son frecuentes, e existe mesmo unha poboación nidificante de escribente das hortas (Emberiza hortulana), a máis noroccidental da Península según parece.

O lume arrasou, áreas de incalculable valor de monte mediterráneo e foresta termófila de sobreiras, rebolos e piñeiros, de uceiras e xesteiras. E a vida parece agora máis escasa que hai un ano, por sorte parece que algúns plantóns, axudados polas chuvias dos derradeiros días se esforzan en retoñar no negro terreo, agardemos que nunca máis volten a arder estes montes, e agardemos que a vida volte logo a Corgo do Cuco, ao de San Mamede, e ao da Ovella...


2 comentarios:

  1. Neno o lume chegou a tocar a zona por donde andivemos na xornada do Sare ou salvouse?

    ResponderEliminar
  2. Salvouse, ardeu da outra beira do río, na zona Norte, a da xornada do SARE era o Sur.

    ResponderEliminar