COLEGAS

martes, 31 de mayo de 2011

A real forza da palabra...



A aigue ou águia real (Aquila chrysaetos), pasa por ser unha das máis belas aves rapaces das que voan polos ceos galegos, aínda nunha situación delicada no tocante á súa supervivencia a curto, medio e longo prazo.

Xa en máis dunha ocasión sinalamo-la distribución pretérita da especie na nosa provincia, lonxe parecen ficar xa os tempos nos que as nosas águias reais voaban pola Ribeira Sacra, a serra do Suído, o macizo Central Ourensán ou a serra do Xurés. Hoxe en día apenas unha decena de parellas, no mellor dos casos, fan os seus niños en puntos concretos das serras do Macizo Central e fronteirizas con Castela, niños cuia localización se mantén baixo segredo para garantiza-la supervivencia das derradeiras parellas nidificantes.

Así e todo, a águia real ou aigue, como é coñecida en gran parte da súa área actual de nidificación na provincia de Ourense, está sendo obxeto dun programa de reintroducción no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, non exento de polémica, que non imos entrar a valorar neste momento.

A imaxe das grandes aves rapaces, águias principalmente, foi utilizada frecuentemente ao longo da historia do noso país como un símbolo do poder, asociado nos derradeiros tempos principalmente a un poder institucional, ben sexa eclesiástico, monárquico, militar ou gubernamental.

Proba desta simbololoxía a atopamos nos púlpitos da catedral de Ourense. Situados a ambos lados do altar maior da catedral observamos, perante á "palabra de Deus", duas tallas que nos mostran cadansúa águia real colocadas mirando aos fieis, aínda que ca mirada aparentemente diririxida cara aos ceos. Estas tallas parecen simbolizar neste caso ao poder das palabras lidas dende aos púlpitos durante as lecturas e os sermóns.

Coa mirada perdida parece que esta parella de águias non corre o risco das verdadesiras aves que inspiraron ao autos das tallas, perseguidas polo home, directamente, con velenos, eólicos e liñas de alta tensión que danan irremediablemente o seu hábitat. Perseguidas polos tiros dos cazadores, e perseguidas tamén polo expolio dos niños con destino á cetrería.

Agardo algún día podervos contar, neste mesmo blog, que as áigues, as nosas benqueridas águias reais, voltaron de novo aos seus territorios perdidos. AMEN!

martes, 24 de mayo de 2011

A Ladra, un habitante da Capital Herpetolóxica da Galiza.



Ladra ou lasca son os únicos nomes vernáculos recollidos na fala galega viva para referirse ao réptil coñecido polos científicos co nome de Tarentola mauritanica, estes vernaculos foron recollidos no Val do Támega, pero coidamos que son os máis válidos para referirse á especie en galego, e así recuperar un nome autóctono para a especie.

Ata non fai moitos anos a ladra era un réptil prácticamente descoñecido na capital da provincia, non foi ata os anos 90 do pasado século cando se produciron os primeiros rexistros na cidade, concretamente ao Norte da capital herpetolóxica. Co paso dos anos a especie foi afianzando a súa presenza na zona, expandíndose pola práctica totalidade dos barrios urbáns situados ao Norte do río Miño.

Moitos eramos os que agardabamos prestos a expansión da especie cara o Sur, xa que o río Miño, parecía estar exercendo un efecto barreira sobre a expansión da especie cara núcleo máis urbán de Ourense. Non foi ata o ano pasado cando se produxeron os primeiros rexistros da especie nos distritos os barrios do Centro e As Lagoas.

Despois de máis de 20 anos de asentamento nos barrios de A Chavasqueira, Peliquín, A Ponte e O Vinteún, as ladras cruzaron o río Miño por algunha das numerosas pontes que o atravesan ao seu paso pola cidade. Concretamente, tendo en conta a localización dos novos rexistros, todo parece indicar que as vías de dispersión utilizadas polas ladras foron o Viaducto do ferrocarril, A Ponte Nova e a pasarela de acceso ao Centro Comercial Pontevella.

Estes novos rexistros, xa con indicios de reproducción abre a porta á expansión da especie cara novos territorios hacia o Sur, xa que apenas existen barreiras xeográficas ou arquitectónicas que poidan limitar o avance destas novas poboacións.

Onte mesmo, 23 de maio de 2011, puiden fotografar este exemplar, posiblemente subadulto, no barrio das Lagoas, imaxe que proba xa o nacemento de exemplares na pasada tempada de cría da especie na zona.

lunes, 23 de mayo de 2011

Butres no Ribeiro.









Lonxe parecen estar xa os días nos que ver un butre na Galiza era case unha utopía, parece ser que as observacións desta especie anse facendo cada día máis frecuentes.

O butre común (Gyps fulvus) foi en tempos unha especie nidificante en Ourense, até o século XIX, a especie estaba presente cando menos na Ribeira Sacra, no Macizo Central Ourensán, e nas serras limítrofes con León, Zamora e Portugal.

Extinto con posterioridade, quizáis debido á unión de varios factores, como os cambios no agrorecta por parte do home, etc, non foi até finais do século XX cando o aumento das poboacións ibéricas supuxo un paulatino aumento das observacións na Galiza.

Na actualidade, aínda que non se confirmou a cría, despois de cada primaveira, os butres acoden aos montes galegos, hoxe moito menos poboados, na procura da comida que lles falta noutros puntos da Península. As serras limítrofes con Castela-León parecen ser as máis propicias para a observación da especie.

Proba desta expansión son estas imaxes, non moi boas, obtidas o pasado día 21 de maio de 2011 no Monte do San Trocado, pertencente ao concello de San Amaro, situado en plena bisbarra do Ribeiro. A observación foi de seis exemplares de butre común, que cicleando sobre o monte liscaron en dirección NE sobre a cunca do río Miño en aparente dirección á cidade de Ourense.

lunes, 16 de mayo de 2011

A vaca caldelá





Xa fai un certo tempo que non falamos dalgunha das razas autóctonas típicas da nosa provincia. Hoxe tocará a vaca caldelá, raza vacuna propia das Terras de Caldelas.

A raza caldelá é a raza vacuna propia das Terras de Caldelas, adaptada as condicións duras dun terreo agreste e climatolóxicamente adverso, é un ha raza nada principalmente para a producción de carne.

Con pouco máis de 1000 cabezas na actualidade, trátase dunha das razas autóctonas en maior perigo de extinción, obxeto de plans de recuperación por parte da administración e de particulares, apoiados na subención de explotacións gandeiras desta raza perante a razas foráneas.

O progresivo abandono do rural, a introducción de razas máis productivas e a mecanización das tarefas agrícolas supuxeron a estocada definitiva ás razas que durante milenios alimentaron aos galegos.

Pertencente ao tronco das pardas ibéricas, esta e outras razas da Península, naceron ao parecer da domesticación da subespecie ibérica endémica de uro (Bos primigenius ibericus) e do cruce destas con outras razas orixinarias da franxa atlántica europea, de orixe céltico.

Esta e outras razas do noroeste son o legado vivo da cultura castrexa, e naceron tras os muros dos castros, ao abrigo dunha cultura moitas veces descoñecida e esquecida.

A raza caldelá caracterízase pola súa extrema docilidade, parda ao nacer, vai adquirindo co paso dos anos, a capa negra, signo de identidade da raza, en tempos esta vaca chegou a estar presente a un e outro lado do río Sil, fora dos límites da bisbarra de caldelas. hoxe en día existen exemplares desta raza en outros puntos da Galiza, ao abrigo dos plans de recuperación postos en marcha para evita-la extinción definitiva da raza.


viernes, 13 de mayo de 2011

A incineración de resíduos non é a solución.


A voltas coa ubicación definitiva do proxecto para a SOGAMA do Sur da Galiza, parece que ninguén quere dar unha resposta definitiva sobre cal será o fin desta nova ameaza para o medio ambiente galego.

Entrados xa de cheo no século XXI, pensar que a incineración de resíduos é unha opción é un discurso que carece de peso científico. Unha sociedade abanzada debe por a deisposición dos cidadáns os mecanismos necesarios para a reciclaxe dos resíduos que produce. Xa que o proxecto da incineradora o único que logrará é a especulación coa fin e transposte do lixo producido polos asentamentos humanos. Pensar que a incineradora producirá postos de traballo é un discurso demagóxico que carece de fundamento, xa que é a recicaxe, que da unha segunda oportunidade aos nosos resíduos, un mecanismo moito máis eficaz laboralmente, e que dotará ao pobo dun tecido laboral ecolóxico e moderno.

Pensade, benqueri@s siareir@s, na emisión de gases nocivos dunha pranta incineradora, pensade, tan só por un intre nos custes de transporte, pensade na xestión de que entre un 20 e un 30 % do peso incinerado se transforma en cinsas, tóxicas asemade, e de dificil tratamento. A onde irán a parar esas cinsas?

A xestión dos resíduos non debe ser unha hipoteca do noso futuro, senón unha inversión que afonde no progreso da nosa sociedade.

Para os limiaos, coa experiencia da vidrieira ás costas e a nosa costa, debemos aprender dos erros pasados, e evitar que se especule novamente co futuro, imperfecto da nosa bisbarra.

lunes, 9 de mayo de 2011

Greenpeace chega a Ourense para loitar contra a incineradora.






Activistas da asociación ecoloxista Greenpeace atópanse hoxe na rúa do Paseo da cidade de Ourense, para informar á cidadanía das consecuencias perxudiciais e problemática da incineración de resíduos.

A presencia dos activistas de Greenpeace obedece a unha campaña a nivel nacional posta en marcha pola asociación que terá presencia naquelas provincias nas que estexa proxectada a instalación dalgunha pranta incineradora de resíduos. Como xa sabedes planea sobre a nosa provincia a intalación dunha nova SOGAMA para o Sur da galicia, sendo a bisbarra da Limia un dos lugares máis nomeados para a súa situación.

Neste periodo de campaña electoral, os partidos políticos implicados calaron a mantenta a situación definitiva do proxecto, xa que é unha decisión que pode acarrear unha considerable merma na recadación de votos de cara aos próximos comicios municipais.

A campaña de Grenpeace que chega hoxe a Ourense, trata de sevir de medida de presión para que os partidos políticos implicados se pronuncien públicamente sobre este tipo de proxectos antes dos citados comicios electorais, para que os votantes teñan toda a información precisa á hora de decidi-lo seu voto.

Dende fauna Vertebrada de Ourense, rexeitamos a incineración de resíduos como solución ao lixo xerado polos núcleos de poboación humanos. Incidimos na reciclaxe e na educación ambiental como solución a un problema co que a maior parte da sociedade ourensá non está disposta a aturar.

Como limiao négome públicamente a que sigan transformando a bisbarra na que nacín no cortello da Galiza, e abogo pola rexeneración ambiental íntegra da Limia e da lagoa de Antela.

viernes, 6 de mayo de 2011

Ganso doméstico e familia.






Ocasionalmente pode ocorrer que algunha das aves ornamentais dos nosos parques e xardíns podan chear a criar con éxito. Ese é o caso dos gansos habitantes no Ragato dos Muíños (tamén coñecido coma Barbañica), ao seu paso polo barrio de A Valenzá (pertencente ao concello de Barbadás).

Os gansos domésticos ou ocas descenden do ganso salvaxe ou bravo (Anser anser), unha especie silvestre de presenza invernante irregular e en excaso número na provincia de Ourense. En tempos de Antela a especie debeu ser máis frecuente na bisbarra da Límia, chegando incluso a críar nela, xa que polo que se dí o ganso bravo mantivo na desaparecida lagoa Antela, o seu derradeiro punto de reproducción na Península Ibérica.

Nas imaxes, optidas no pasado mes de abril, apreciaredes duas parellas acompañadas de sendos polos. Evocadora imaxe sin dúbida, que nos pode facer reflexionar sobre a conservación e o estado do medio natural ourensán, sabida a triste historia dos antepasados salvaxes do ganso doméstico na provincia de Ourense.

martes, 3 de mayo de 2011

Cobra d´auga de colar en Vilar de Santos.




Como xa vos comentei onte, pronto moi pronto, teremos a oportunidade de profuncizar no coñecimento da herpetofauna ourensá, a través das xornadas formativas do proxecto SARE.

Mentras non comezan agasállovos con este xuvenil de cobra d´auga de colar (Natrix natrix) atopado tristemente atropelado nunha das numerosas pistas que a concentración parcelaria trouxo consigo na bisbarra da Limia. A apertura e posterior asfaltado destas pistas facilitou o acceso do tráfico rodado a zonas de alta sensibilidade ambiental, supondo unha masacre para as diferentes especies de hérpetos. Xa que perecen atropeladas frecuentemente.

O nome de cobra d´auga de colar venlle dado polo curioso colar de cor craro que posúen no pescozo os exemplares xuveniles, xa que as poboacións ibéricas desta especie perden este característico colar ao chegaren á idade adulta. Ainda que ocasionalmente poden aparecer exemplares adultos con trazas do colar, mantendo caracteres xuveniles chegada a madurez.

O exemplar que aquí vos presento foi atopado o pasado día 21 de abril de 2011 en terreos do concello limiao de Vilar de Santos.

lunes, 2 de mayo de 2011

Xornadas Formativas do proxecto SARE en Ourense





Xornadas formativas para o coñecimento e seguimento dos anfibios e réptiles de Ourense.

Fai un tempo que acuñamos o termo de “Capital Herpetolóxica da Galiza” para referirnos á cidade de Ourense, debedes saber que hérpetos é o termo xeneralista para referirse aos anfibios e réptiles, e é por iso polo que afirmamos o anteriormente dito, xa que a cidade de Ourense é a capital galega que conta cun maior número de especies de anfibios e réptiles.

Co gallo de afondar no coñecimento do grao de conservación e tendencia poboacional das especies de hérpetos presentes en España, a Asociación Herpetológica Española (AHE) puxo en marcha un programa de seguimento a medio e longo prazo das poboacións de anfibios e réptiles denominado SARE (Red de seguimiento de Anfibios y Reptiles).

Baixo unha sinxela metodoloxía ti tamén podes colaborar para afondar no coñecimento das moitas veces incomprendidas e perseguidas especies de anfibios e réptiles, apuntándote coma voluntario neste proxecto.

Para que todos coñezamos o funcionamento do proxecto e a metodoloxía a aplicar no mesmo a AHE (Asociación Herpetológica Española) organizará en Ourense, ca colaboura da Aula da Natureza do Río Miño do concello de Ourense, unhas xornadas formativas sobre o programa SARE, que terán lugar a fin de semana dos días 28 e 29 de maio de 2011.

Durante as xornadas asistiremos a unha introducción teórica na Aula da Natureza do río Miño de Oira, despois da cal terán lugar dous transectos diurnos, antes e despois de xantar, a través de terreos do concello de Ourense, no que nos achegaremos á significativa riqueza herpetolóxica da capital da provincia, e practicaremos a identificación das diferentes especies que vaiamos atopando, así como a metodoloxía aprendida durante a parte teórica da xornada.

O primeiro transecto terá lugar a través da cunca do río Loña e os Montes do Cuco e O Perdigón, lugares especialmente favorables para a observación e detección das especies obxeto destas Xornadas Formativas.

Despois de Xantar audiremos aos barrios de O Vinteún e Valdorregueiro, onde trataremos de pescudar algunhas especies de anfibios e réptiles habitantes do entorno urbano e periurbano da cidade de Ourense.

Chegada a noite acudiremos á bisbarra da Limia para pernoctar e facer un percorrido nocturno para achegarnos ás especies de anfibios con actividade nocturna, pernoctando no Albergue Municipal do Concello de Vilar de Santos.

Ao día seguinte acudiremos pola mañá ao Val do Támega (bisbarra de Monterrei) para tratar de pescudar algunhas das especies de réptiles máis peculiares a Galiza (coma o escouparón cego (Blanus cinereus)), rematando a xornada ao mediodía despois de xantar.

Evidentemente eu asistirei, e agardo que vós tamén, para apuntarvos ben podedes chamar ao teléfono da Aula da Natureza do Río Miño 988 51 07 81 ou ben enviando un correo ao seguinte enderezo electrónico: sare-galicia@herpetologica.org , apurádevos xa que as prazas son limitadas.

domingo, 1 de mayo de 2011

Gralla cereixeira na Limia.





A gralla cereixeira (Corvus monedula), tamén coñecida coma corvo cereixeiro, é un córvido de distribución escasa na provincia de Ourense, aínda que pode chegar a ser localmente frecuente, pola súa tendencia colonial e ao gregarismo. Así, nas zonas ourensás habitadas pola especie, pode dar a impresión de ser un ave abundante.

Pero a súa distribución xerál está bastante restrinxida, no caso da nosa provincia, a gralla ceireixeira está presente nas grandes depresións fluviais. Así podemos atopar a este curioso córvido nas bisbarras de Monterrei (Val do Támega), A Limia, A Depresión Ourensá e Valdeorras.

No tocante á bisbarra da Limia, a especie asentouse nas derradeiras dúas décadas, sen que se saiban, de momento, a orixe dos exemplares desta incipente colonia. Asentada nun principio na vila cabeceira da comarca, Xinzo de Limia, o número de exemplares foi medrando exponencialmente, a pesar da certa presión cinexética e da persecución por parte da administración, materializada na destrucción sistemática dos durmideiros da especie situados na Vila. a pesar de todo a especie está xa presente alomenos nos concellos limiaos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos e na parte limiá de Xunqueira de Ambía.

As imaxes, optidas en terreos da bisbarra da Limia, na compaña de Diego Rodríguez Viéites e a súa moza o pasado día 23 de abril de 2011, amosan un exemplar desta singular especie pousado nun poste da luz en terreos da tristemente desaparecida Lagoa de Antela.