Xornadas formativas para o coñecimento e seguimento dos anfibios e réptiles de Ourense.
Fai un tempo que acuñamos o termo de “Capital Herpetolóxica da Galiza” para referirnos á cidade de Ourense, debedes saber que hérpetos é o termo xeneralista para referirse aos anfibios e réptiles, e é por iso polo que afirmamos o anteriormente dito, xa que a cidade de Ourense é a capital galega que conta cun maior número de especies de anfibios e réptiles.
Co gallo de afondar no coñecimento do grao de conservación e tendencia poboacional das especies de hérpetos presentes en España, a Asociación Herpetológica Española (AHE) puxo en marcha un programa de seguimento a medio e longo prazo das poboacións de anfibios e réptiles denominado SARE (Red de seguimiento de Anfibios y Reptiles).
Baixo unha sinxela metodoloxía ti tamén podes colaborar para afondar no coñecimento das moitas veces incomprendidas e perseguidas especies de anfibios e réptiles, apuntándote coma voluntario neste proxecto.
Para que todos coñezamos o funcionamento do proxecto e a metodoloxía a aplicar no mesmo a AHE (Asociación Herpetológica Española) organizará en Ourense, ca colaboura da Aula da Natureza do Río Miño do concello de Ourense, unhas xornadas formativas sobre o programa SARE, que terán lugar a fin de semana dos días 28 e 29 de maio de 2011.
Durante as xornadas asistiremos a unha introducción teórica na Aula da Natureza do río Miño de Oira, despois da cal terán lugar dous transectos diurnos, antes e despois de xantar, a través de terreos do concello de Ourense, no que nos achegaremos á significativa riqueza herpetolóxica da capital da provincia, e practicaremos a identificación das diferentes especies que vaiamos atopando, así como a metodoloxía aprendida durante a parte teórica da xornada.
O primeiro transecto terá lugar a través da cunca do río Loña e os Montes do Cuco e O Perdigón, lugares especialmente favorables para a observación e detección das especies obxeto destas Xornadas Formativas.
Despois de Xantar audiremos aos barrios de O Vinteún e Valdorregueiro, onde trataremos de pescudar algunhas especies de anfibios e réptiles habitantes do entorno urbano e periurbano da cidade de Ourense.
Chegada a noite acudiremos á bisbarra da Limia para pernoctar e facer un percorrido nocturno para achegarnos ás especies de anfibios con actividade nocturna, pernoctando no Albergue Municipal do Concello de Vilar de Santos.
Ao día seguinte acudiremos pola mañá ao Val do Támega (bisbarra de Monterrei) para tratar de pescudar algunhas das especies de réptiles máis peculiares a Galiza (coma o escouparón cego (Blanus cinereus)), rematando a xornada ao mediodía despois de xantar.
Evidentemente eu asistirei, e agardo que vós tamén, para apuntarvos ben podedes chamar ao teléfono da Aula da Natureza do Río Miño 988 51 07 81 ou ben enviando un correo ao seguinte enderezo electrónico: sare-galicia@herpetologica.org , apurádevos xa que as prazas son limitadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario