COLEGAS

martes, 24 de mayo de 2011

A Ladra, un habitante da Capital Herpetolóxica da Galiza.



Ladra ou lasca son os únicos nomes vernáculos recollidos na fala galega viva para referirse ao réptil coñecido polos científicos co nome de Tarentola mauritanica, estes vernaculos foron recollidos no Val do Támega, pero coidamos que son os máis válidos para referirse á especie en galego, e así recuperar un nome autóctono para a especie.

Ata non fai moitos anos a ladra era un réptil prácticamente descoñecido na capital da provincia, non foi ata os anos 90 do pasado século cando se produciron os primeiros rexistros na cidade, concretamente ao Norte da capital herpetolóxica. Co paso dos anos a especie foi afianzando a súa presenza na zona, expandíndose pola práctica totalidade dos barrios urbáns situados ao Norte do río Miño.

Moitos eramos os que agardabamos prestos a expansión da especie cara o Sur, xa que o río Miño, parecía estar exercendo un efecto barreira sobre a expansión da especie cara núcleo máis urbán de Ourense. Non foi ata o ano pasado cando se produxeron os primeiros rexistros da especie nos distritos os barrios do Centro e As Lagoas.

Despois de máis de 20 anos de asentamento nos barrios de A Chavasqueira, Peliquín, A Ponte e O Vinteún, as ladras cruzaron o río Miño por algunha das numerosas pontes que o atravesan ao seu paso pola cidade. Concretamente, tendo en conta a localización dos novos rexistros, todo parece indicar que as vías de dispersión utilizadas polas ladras foron o Viaducto do ferrocarril, A Ponte Nova e a pasarela de acceso ao Centro Comercial Pontevella.

Estes novos rexistros, xa con indicios de reproducción abre a porta á expansión da especie cara novos territorios hacia o Sur, xa que apenas existen barreiras xeográficas ou arquitectónicas que poidan limitar o avance destas novas poboacións.

Onte mesmo, 23 de maio de 2011, puiden fotografar este exemplar, posiblemente subadulto, no barrio das Lagoas, imaxe que proba xa o nacemento de exemplares na pasada tempada de cría da especie na zona.

4 comentarios:

  1. Ola Alberto!
    Sabes onde as tes tamén ao sur do Miño? A carón do Barbaña, na marxe dereita; no muro do paseo xusto onde xira para ir cara as Burgas.
    Unha aperta!

    ResponderEliminar
  2. Olá Antón, o teu comentario confirma eso que din de que un blogue se alimenta dos comentarios dos seus lectores, ante todo grazas!
    Descoñecía ese dato que aportas, o cal ven a sinalar a imparable expansión da especie na cidade!

    Saúdos!

    ResponderEliminar
  3. Pois si queres un dato máis, eu vina no paseo dos muiños, preto do Carrefour. Saúdos.

    ResponderEliminar
  4. Cojonudo, recentemente me pasaron datos de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas, así que parece que a expansión da especie pola Depresión Ourensá é xa un feito!

    Graciñas polo dato, xa que seguramente o que sis indica que está a piques de entrar en Barbadás si non o fixo xa.

    Un saúdo!

    ResponderEliminar