COLEGAS

lunes, 13 de junio de 2011

O sapoconcho común: animal lendario en perigo de extinción.








Conta o lendario galaico que os sapoconchos (tartarugas de auga doce e polo tanto réptiles), non son máis que sapos moi vellos aos que se lles endureceu tanto a pel debido á idade, que está se transformou na cuncha que tanto os caracteriza.

Curiosa crenza que dota a este animal dun duro fogar, feito en realidade de materia ósea, que non parece ser o suficientemente duro e polo tanto efecaz, para afastar esta senlleira especie da grave situación que as súas poboacións están a atravesar na nosa terra.

Noutros tempos abondoso e presente en gran parte das cuncas da Galiza, apenas quedan hoxe pequenas pinceladas da antiga distribución.

Na nosa provincia o sapoconcho común (Emys orbicularis) estivo presente na maior parte das cuncas fluviais como a dos ríos Limia, Miño-Sil e Támega. A anterga distribución queda hoxe en día restrinxida a certos puntos concretos dos ríos Avia, Arnoia, Támega e Sil, sen acadar siquera un 10% da distribución orixinal da especie.

O delicado estado de conservación da especie na Galiza, obrigou ás autoridades competentes a inclui-lo sapoconcho común no catálogo galego de especies ameazadas coa categoría de EN PERIGO DE EXTINCIÓN, o que lle confire a máxima protección que se lle pode outorgar a unha especie na nosa comunidade autónoma. Lonxe de ser un galardón, esta calificación pon de manifesto as numerosas ameazas ás que algunhas das nosas especies están sometidas.

As causas da actual situación do sapoconcho común na provincia son variadas. A progresiva degradación do seu hábitat, coa construcción de numerosas infraestructuras hidroeléctricas, encoros, debeu supor a primeira ameaza á que se enfrontaron as nosas tartarugas de auga doce, xa que os encoron asulagaron as áreas máis axeitadas para a reproducción da especie e provocou o aillamento de numerosas poboacións, impedindo así o saudable e recomendable intercambio xenético das diferentes poboacións. Máis ou menos por ese tempo entra en xogo a pillaxe de exemplares con destino ao mercado de mascotas nos fogares, que supuxo así mesmo a exquilma de numerosas poboacións, sobre todo aquelas máis próximas aos núcleos de poboación. O progreso trouxo consigo, asemade, a urbanización de numerosas zonas húmidas habitadas pola especie, e tamén a progresiva contaminacións das augas. Por último sinalar a introducción de especies exóticas, como tartarugas de especies alóctonas, visóns e certas especies de peixes que deron o golpe final á especie nos derradeiros tempos.

Como vedes, foron e son moitos os problemas aos que a especie se ven enfrontando, e que fan que a súa supervivencia se vexa cada día máis ameazada, sin que esa mesma administración que protexeu á especie, pareza interesada o máis mínimo na perdura a medio e longo prazo das derradeiras poboacións da especie en Ourense. Lonxe de mellorar a situación, somos testemuñas da planificación de novas megaestructuras que ameazan novamente ás derradeiras poboacións desta especie.


sábado, 11 de junio de 2011

O futuro da pega.




Mirando paseniño ao noso redor podemos, en ocasións, ser testemuñas de momentos fantásticos, únicos e cheos de beleza. Vivimos nun mundo tan absolutamente cheo de beleza, que a súa abundancia cega en ocasións o senso dalgúns, impedíndolle apreciar o valor do noso entorno e a súa fraxilidade, antepondo entón os intereses persoais aos comúns. Antepondo entón o interese dunha soa especie perante aos millóns de especies restantes que habitan, con pleno dereito, esta nosa terra.

Camiñar un intre, atento a cada movimento, fainos atopar o momento mesmo da emancipación dun polo de pega (Pica pica), quizáis un dos momentos máis difíciles na vida dun paxaro, cando un día abandona a calor e a seguridade do niño, para aventurarse nun mundo cheo de perigos, sin saber apenas voar.

A pega, tan popular como descoñecida, provoca filias e fobias a partes iguais entre a poboación galega. En regresión en certos puntos do noso territorio, parece que son as poboacións urbanas as que presentan un mellor estado de saúde, formando durmideiros en ocasións numerosos, que parecen molestar a aqueles que xa se esqueceron do significado da palabra convivir.

A sabia memoria dos antergos deixou o seu coñecimento sobre a pega plasmado en multitude de topónimos sementados pola nosa provincia, como As Pegas, no concello limiao de Sandiás, ou os Campos da Pega ou a Corga da Pega no concello de Oimbra (no Val do Támega).

Que futuro lle agardará a este polo de pega ourensán?

miércoles, 8 de junio de 2011

Do escáncer ao escouparón: Da Limia ao Val do Támega




Durante as xa mencionadas xornadas formativas do programa SARE, os asistentes acudiron prestos, despois da calurosa estancia na Depresión Ourensá, á bisbarra da Limia onde se atoparon durante o transecto nocturno polas Areeiras da Limia de Sandiás con este curioso réptil, o escáncer tridáctilo (Chalcides striatus), nada facía presaxiar que ao día seguinte se repetiría ata en tres ocasións máis a visión desta especie, desta volta no concello de Monterrei.

A voltas co tema dos nomes vernáculos, como xa sabedes os siareir@s deste blogue, achegarémonos ao complexo vernacular dos réptiles integrantes dos xéneros Anguis, Chalcides e Blanus.

Xeralmente as especies galegas pertencentes aos devanditos xéneros reciben un nome común que pode ser segundo a zona escárcer, cancer, esgonzo, escouparón, escoupolo, escouparín ou viverón, sen que popularmente se fagan distincións entre as diferentes especies.

No caso da da bisbarra da Limia o nome máis extendido é escáncer ou cáncer, como xa comentamos noutras ocasións, vernáculo ámplamente extendido non só por terras ourensás, senón tamén por outras provincias da Galiza.

Chegados ao Val do Támega (bisbarra de Monterrei) o vernáculo máis extendido parece ser escouparón, seguido de escóupolo e viverón (que pode ser exclusivo para Blanus). Os primeiros coinciden sensiblemente co vernáculo recollido na bisbarra da Baixa Limia, escouparín, que coincide asemade cun topónimo homónimo (Escouparín) rexistrado no concello de Muiños a carón do encoro das Cunchas.


martes, 7 de junio de 2011

Lagartixa cinsenta no Pereiro de Aguiar.




Este exemplar de lagartixa cinsenta (Psammodromus hispanicus) foi atopado, non sin esforzo, durante o transcurso das Xornadas Formativas do programa SARE o pasado día 28 de maio de 2011, en terreos pertencentes ao concello do Pereiro de Aguiar.

A lagartixa cinsenta é un lacerto termófilo (gústalle a calor) cuia distribución galega se restrinxe exclusivamente á provincia de Ourense. Dentro desta, a especie está presente na Depresión Ourensá, en puntos das Terras de Celanova, no Val do Támega e en Valdeorras. Sendo o Val do Támega (bisbarra de Monterrei) a zona que parece posúir poboacións máis numerosas e mellor distribuídas.

A súa alta capacidade de dispersión parece estarse vendo faborecida en certos puntos pola deforestación provocada polos incendios forestais e o mentemento de certas infraestruccuras eléctricas, como as liñas de alta tensión, que levan consigo contínuos desbroces da vexetación que parece estar servindo de vía de expansión para que a especie acade novos territorios. datos aos que temos que unir o aquecimento xeneralizado do planeta debido ao tristemente famoso "Cambio climático".