COLEGAS

miércoles, 30 de octubre de 2013

Escáncer común no Barbantiño.

Seguramente a algún de vós vereivos mañá no roteiro do Montealegre cos "Amigos da Terra", namentres iso non ocorre déixovos cun belo escáncer común (Anguis fraguilis) atopado recentemente a carón do meu querido río Barbantiño, unha das xoiais naturais da depresión Ourensá.

O escáncer común pasa por ser un dos réptiles máis frecuentes da nosa provincia, necesitando sempre unha certa humidade no hábitat para poder desenrolarse. Esa dependecia da humidade, máis salientable nas bisbarras máis cálidas, fai que o escáncer común apareza con frecuencia a carón de ríos, regatos e zonas húmidas, que tamén poden ser prados. 






martes, 29 de octubre de 2013

Píntega xuvenil no Barbantiño.

Moitísimas veces nos temos achegado á píntega común (Salamandra salamandra) dende faunaourense, eche o que ten que sexa o meu bichiño faborito, así que pídovos perdón polo pesado que son con esta especie en concreto. 

Desta volta un pequeno xuvenil atopado a carón do río Barbantiño unha noite de chuvia da semana pasada, moi fotoxénico por certo....








Roteiro por Montealegre para finalizar o proxecto “Movéndonos para o cambio”



Este mércores 30 de outubro, terá lugar un roteiro por Montealegre, ás aforas de Ourense. Esta actividade dará por finalizado o proxecto xuvenil “Movéndonos para o cambio” que Amigos da Terra Xuventude leva desenvolvendo durante estes dous últimos meses nas vilas de Ourense e Vigo.
O monte de Montealegre é un hábitat de influencia mediterránea, onde ademais, é posible a observación de anfibios e réptiles de tipo termófilo. Teremos a posibilidade de divisar como quedaron as zonas afectadas polos incendios que sufriu o lugar durante este verán, ademais de ver como se están recuperando as zonas que foron afectadas en veráns anteriores. Poranse en relevancia as necesidades de restauración e de conservación destas áreas. Por desgraza, tamén poderemos ver a existencia de vertidos de residuos sólidos urbanos ao longo do percorrido.
O punto de encontro para o inicio do roteiro será o Xardín Botánico de Montealegre ás 17:00 h.
Destinatarios/as: todas as persoas interesadas en coñecer e sensibilizarse co entorno da provincia. Especialmente para persoas entre 18 e 35 anos de idade.
Data e horamércores 30 de outubro, entre as 17:00 h e as 19:30 h.
Actividade gratuíta.
Se estás interesado/a en participar, envía a ficha de inscrición que aparece no final desta nova ou solicita máis información a:
Correo-e:    voluntariado.galicia@amigosdaterra.net
Teléfono: 988 374 318 (oficina de Amigos da Terra, Ourense)
Financia: Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
 
Martín Domínguez
Iniciativas xuvenís- Área de Voluntariado
Amigos da Terra Galicia - Membro de Friends of the Earth International
Rúa Progreso, 91 - Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense
Tel. [+34] 988 374 318
voluntariado.galicia@amigosdaterra.net
www.amigosdaterra.net

lunes, 28 de octubre de 2013

Teixugo atropelado en Xunqueira de Espadañedo.

Por desgracia, moitas veces nos temos achegado á traxedia dos atropelos a través das páxinas deste blogue. Nesta ocasión atopámonos perante un teixugo (Meles meles), atopado morto por atropelo nunha estrada do concello de Xunqueira de Espadañedo, non lonxe do alto do Couso e Niñodáguia.

O teixugo é o maior dos mamíferos mustélidos presentes na nosa provincia, perseguido con saña durante moito tempo, quizáis a persecución continúe na actualidade, a pesar de que se trata dunha especie extrictamente protexida. Hai anos os teixugos foron perseguidos por tres causas principalmente, polos danos á agricultura (xa que se trata dunha especie omnívora), polos danos ás peza codiciadas polos cazadores (coellos principalmente) e polo valos da súa pel ( apreciada polos trampeiros).

Na actualidade o teixugo (ou porcoteixo) segue a ser perseguido en certas localidades, nas que se colocan lazos ( trampas metálicas non selectivas) co gallo de eliminar o maior número posible de depredadores, coma raposos, algarias, teixugos e outros.

Por último foi recollido no pasado verán un nome vernáculo para esta especie, "teix", na bisbarra da Baixa Limia.




Roteiro en Puzo do Lago coa colaboración de “Acción Ambiental”



O vindeiro luns día 28 de outubro terá lugar un roteiro interpretativo polo ENIL (Espazo Natural de Interés Local) “Puzo do Lago” ubicado no concello de Maside. Esta actividade forma parte da iniciativa xuvenil “Movéndonos para o cambio” promovido por Amigos da Terra Xuventude e, nesta ocasión, contaremos coa colaboración da asociación xuvenil “Acción Ambiental” que no marco do “Proxecto CEUS” (Camiñando cara unha Europa Sostible) levan arredor de 6 meses realizando accións de restauración, conservación e educación ambiental no entorno do humidal.
Con esta actividade preténdese promover unhas actitudes de sensibilización e de respecto cara o medio ambiente e intentar potenciar as sinerxias entre grupos ambientais afíns.
Tentaremos coñecer todas as particularidades deste peculiar espazo e farase fincapé na importancia e necesidade de conservación das zonas húmidas como fontes ricas en biodiversidade.
Tal como no roteiro deste domingo polo río Barbantiño, quedaremos na explanada da Policía Nacional de Ourense ás 17:00 h, para desprazarse ata o Maside en coche. As persoas que queiran ou que vivan máis preto do lugar que visitaremos, poden estar ás 17:30 h xunto ó caseto de “Puzo do Lago”. O regreso está previsto sobre as 19:00 h da tarde.
Destinatarios/as: todas as persoas interesadas en coñecer e sensibilizarse co entorno da provincia. Especialmente para persoas entre 18 e 35 anos de idade.
Data e horaluns 28 de outubro, entre as 17:00 h e as 19:00 h.
Actividade gratuíta.
Se estás interesado/a en participar, envía a ficha de inscrición que se adxunta neste email ou solicita máis información a:
Correo-e:    voluntariado.galicia@amigosdaterra.net ou accionambiental@hotmail.es 
Teléfono: 988 374 318 (oficina de Amigos da Terra, Ourense)
Financia: Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

domingo, 20 de octubre de 2013

Piquelo azul no Barbantiño.

Seguramente algún de vós visitaredes este domingo o río Barbantiño da man dos Amigos da Terra, e así teredes a oportunidade de observar e disfrutar dun dos ecosistemas de riberia mellor conservados do entorno da cidade de Ourense. Para aqueles que non poidades acudir seguramente haberá máis oportunidades de facelo, mentres tanto aquí vos amoso un dos seus habitantes máis fermosos, o piquelo azul (Sitta europaea).

O piquelo é un paseriforme forestal frecuente na práctica totalidade da provincia, aínda que non chega a ser tan abondoso coma outros dos seus compañeiros da foresta, coma os páridos, por exemplo.

Nas imaxes, obtidas a comezos do pasado mes de setembro, observamos un exemplar fotografado na foresta de galería do río Barbantiño ao seu paso polo concello de Punxín, non lonxe dos mananciais termais coñecidos coma o bañiño.










Roteirríos polo río Limia.

 
O vindeiro sábado 26 de outubro, convocamos o Roteirríos de outubro que desta volta estará adicado a coñecer diferentes ecosistemas doceacuícolas da comarca limiá.
Na xornada, realizaremos un roteiro polo río Limia, achegándonos a súa biodiversidade. Coñeceremos tamén unha iniciativa de restauración realizada nunha das areeiras de Sandiás. A visita será guiada polo biólogo e restaurador de ecosistemas Diego R. Vieites (Verdegaia).
                  Programa da Xornada
10.30 Encontro en Xinzo de Limia    (Estación de autobuses)
11.00 Comezo do roteiro na Ponte  da Rúa (Rairiz/Porqueira)
14.30 Parada para xantar na carballa da Rocha (A Saínza)
16.00 Visita ás areeiras de Sandiás
17.30 Observación de aves
19.00 Remate da actividade
A actividade organizada por Proxecto Ríos está promovida por Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e Augas de Galicia e colabora Verdegaia.
A actividade é gratuita pero é preciso inscribirse. Para máis info e inscricións:
616 23 80 50

viernes, 18 de octubre de 2013

Roteiro ambiental Paseo do Barbantiño-Fervenza do Viñao.



Esta fin de semana, dentro do proxecto de iniciativas xuvenís “Movéndonos para o cambio” promovido por Amigos da Terra, temos prevista a realización dun roteiro ambiental no entorno da vila de Ourense.
Desprazarémonos ata o río Barbantiño para desfrutar do seu paseo ata chegar ao lugar coñecido como “Fervenza do Viñao ou do Cachón”. Trataremos de coñecer un pouco máis sobre o entorno da provincia para axudar á sensibilización ambiental e á conservación do territorio. Ademais, falaremos sobre distintas problemáticas e particularidades ambientais asociadas ás zonas húmidas que poidamos observar durante o transcurso do roteiro.

O lugar para quedar inicialmente será a explanada do edificio da Policía Nacional de Ourense o domingo 27 de outubro ás 10:00 horas. Distribuiremos as prazas dispoñibles dos coches entre os participantes para o transporte ata o lugar do roteiro. A hora de regreso está prevista para ás 13:00 horas, aproximadamente.

Destinatarios/as: todas as persoas interesadas en coñecer e sensibilizarse co entorno da provincia. Especialmente para persoas entre 18 e 35 anos de idade.

Data e hora: domingo 27 de outubro, entre as 10:00 h e as 13:00 h.
Actividade gratuíta.

Se estás interesado/a en participar, ponte en contacto con nós:
Teléfono: 988 374 318 (oficina de Amigos da Terra, Ourense)

lunes, 14 de octubre de 2013

Sapo cunqueiro en Ourense.

E para comenza-la semana déixovos este sapo cunqueiro (Bufo bufo) adulto atopado na "Paseo do colesterol" en Ourense, o pasado día 2 de Outubro de 2013, vese que non so ao home lle da por porse en forma na rede de paseos que hai na ribeira do treito urbán do río Miño.



domingo, 13 de octubre de 2013

Pita de río no Barbaña.

Cando no pasado mes de setembro me acheguei ao río Barbaña na procura das derradeiras novas sobre o misterioso caimán que presuntamente fora avistado na xornada anterior, un dato chamou poderosamente a miña atención, en cinco kilómetros percorridos somentes vin 2 pitas de río (Gallinula chloropus).

Lonxe est´çan os tempos nos que ata 50 parellas desta especie criaban no treito máis urbán deste malogrado río afluente do Miño, os causantes da súa desaparición son varios, a aparición do visón americano (Neovison vison) que depreda sobre postas, crías e adultos. As desbrozas da vexetación acuática do río para evitar avenidas de auga, por parte das adminitracións incompetentes, e o constante verquido de sustancias contaminantes ao río, que si ven non acaba directamente co animal, sí remata co seu alimento.





Papamoscas negro en Laias.

Laias é un pequeno pobo do concello ourensán de Cenlle situado á beira do río Miño, e moi coñecido polas súas augas termais e o seu balneario.

Fai unhas xornadas falabamos do paso de certas aves paseriformes pola nosa provincia, entre elas os papamoscas, neste caso atopámonos perante o papamoscas negro (Ficedula hypoleuca), un dos paseriformes máis frecuentes do paso postnupcial na provincia.

O exemplar en cuestión foi fotografado o pasado día 19 de setembro a carón do río Miño en Laias.


Bilurico bailón no río Barbaña.

O bilurico bailón (Actitis hypoleucos) pasa por ser unha das aves limícolas máis frecuentes nos ambientes acuáticos do interior, sendo tamén por esta cuestión polo tanto, unha das limícolas máis frecuentes e de observación máis sinxela da nosa provincia. Durante os pasos migratorios e no inverno parece onnipresente en moitos dos ambientes acuáticos de Ourense, coma ríos, regatos, encoros e lagoas.

Neste caso amósovos un exemplar fotografado o pasado día 19 de setembro de 2013 no río Barbaña ao seu paso pola cidade de Ourense.




sábado, 12 de octubre de 2013

Pequeno metamórfico de sapiño comadrón en Punxín.

Coas chuvias de hai uns días, prodúxose unha pequena surxencia de metamórficos de sapiño comadrón ou sapo coucho (Alytes obstetricans) nas proximidades da cunca do río Barbantiño no concello ourensán de Punxín. Debido ao seu pequeno tamaño e ás súas cores discretas pasan fácilmente desapercibidos, polo que corren un serio risco de ser pisoteados e atropelados incluso polos máis amantes da natureza, así que perante ao próximo pronóstico de chouvas de cara á vindeira semana, tende cuidadiño cando vaiades ao campo.






jueves, 10 de octubre de 2013

Papamoscas gris en Punxín.



O papamoscas gris (Muscicapa striata) é un paseriforme insectívoro de tamaño medio e cores discretas. Aínda que existe unha pequena poboación nidificante asentada na metade leste da provincia é durante os pasos migratorios cando a especie se observa con maior facilidade en calquera punto da provincia, aínda que sempre en escaso número, sobretodo se o comparamos co papamoscas negro (Ficedula hypoleuca), que parece case omnipresente durante o paso migratorio postnupcial.

Nas imaxes un exemplar localizado o pasado mes de setembro, nunha área agrícola abandonada do concello de Punxín e a carón dun castiñeiro (Castanea sativa).