COLEGAS

sábado, 24 de abril de 2010

Papuxa común en Vilar de Santos.




A papuxa común (Sylvia communis) é un pequeno paxaro cantor, estival e relativamente frecuente na provincia de Ourense.

O pasado día 11 de abril foron localizados dous machos cantores desta especie no concello limiao de Vilar de Santos, os exemplares en cuestión estaban cantando dende o alto duns castiñeiros (Castanea sativa) situados á súa vez nun marco de matogueiras de silvas (Rubus sp) e cultivos.

Raposo en Riós.




Este raposo (Vulpes vulpes), que aparentemente está a durmir, por desgracia só durme en aparencia, xa que, en realidade, está a durmir o sono eterno, desta guisa o atopamos o pasado día 10 de abril de 2010, nunha carballeira do concello de Riós, curiosa postura para atopar o fin deste belo depredador, que quizáis nos estexa a dicir que morreu envelenado.

Martiño Cabana, Anxos Romeu, Xosé Ramón Reigada, Rafa Vázquez e este que vos escribe aínda non saímos do noso asombro.

Escáncer tridáctilo na Gudiña.








O pasado día 10 de abril de 2010 Ráfa Vázquez, Martiño Cabana, Xosé Ramón Reigada, Anxos Romeu e este que vos escribe, puidemos disfrutar ca visión de dous exemplares de escáncer tridáctilo (Chalcides striatus) en terreos do concello de A Gudiña.

O escáncer tridáctilo, ao contrario que o seu parente o escáncer ibérico (Chalcides bedriagai), é unha especie frecuente na provincia, aínda que de dificil localización.

jueves, 8 de abril de 2010

O esgonzo ibérico unha especie mediterránea en Ourense.







O pasado día 5 de abril de 2010, dentro da prospección herpetolóxica realizada na zona Norte do concello de Ourense, foi atopado un exemplar de esgonzo (ou escáncer) ibérico (Chalcides bedriagai).

O esgonzo ibérico é unha especie de réptil termófila e relegada ás bisbarras de máis forte tendencia mediterránea de Galicia.

Dentro da provincia de Ourense a especie habita o Val do Támega (Bisbarra de Monterrei), no pasado a especie foi citada en puntos da metade occidental de Ourense, sen embargo, dende hai máis de 20 anos niguén vira un exemplar nesa zona.

Cobra lisa meridional en Ourense.






O pasado día 5 de abril de 2010 foi realizada unha pequena prospección herpetolóxica nunha ladeira da metado Norte do concello de Ourense, entre as especies atopadas apareceu a cobra lisa meridional (Coronella girondica).

Nas imaxes podedes apreciar un exemplar novo e outro adulto, dous dos tres que en total foron atopados.

Fixádevos no display intimidatorio desenrolado polo exemplar adulto, que pon a cabeza en forma triangular, ca intención de imitar unha víbora, este feito fai que estes ofidios totalmente inofensivos sexan frecuentemente confundidos con víboras e eliminados sistemáticamente.

miércoles, 7 de abril de 2010

Trataraña cincenta en Baños de Molgas.














O pasado día 2 de abril de 2010 na compaña de Anxos Romeu e Martiño Cabana, pudemos localizar duas parellas de tartaraña cincenta (Circus pygargus) perto do Monte Medo, entre elas había un macho de tendencia melánica (moi escuro).

Ambas parellas parecían estar impersas nalgún tipo de cortexo nupcial, con constantes picados e pousándose frecuentemente nos pastizais circumdantes.

Lebre atropelada en Porqueira.



O pasado día 1 de abril de 2010 Martiño Cabana, Anxos Romeu, Rafa Vázquez e máis eu tivemos a desgracia de comprovar unha vez máis a incidencia do tráfico rodado sobre as poboacións de vertebrados, ao atopar esta lebre ibérica (Lepus granatensis) morta nunha estrada do concello limiao de Porqueira.

A lebre é xunto co coello de monte, unha das duas especies de lagomorfos salvaxes que podemos atopar na provincia de Ourense.

Nos últimos tempos as poboacións de lagomorfos, base da cadena trófica para unha chea de especies, foron diminuindo debido á infidencia de diversas enfermidades, a pérdida de hábitat e á presión cinexética.

Na provincia a lebre presenta unha distribución moi fragmentada, apenas unha mostra das poboacións do pasado.

martes, 6 de abril de 2010

Lagarto arnal en Requiás.




Requiás é un pobo do concello de Muiños, que se reflexa orgulloso sobre a superficie das augas do encoro de Salas, moi perto dalí atopamos este macho de lagarto arnal (Timon lepidus), Martiño Cabana, Rafa Vázquez e Anxos Romeu compartimos a visión do maior lacértido da nosa terra o pasado día 1 de abril de 2010.

Observade picando na etiqueta da especie a diferenciación cromática dos lagartos arnaos ourensáns segundo a zona de procedencia.


Lagarto das silvas na Baixa Limia







O pasado día 1 de abril de 2010, na compaña de Rafa Vázquez, Martiño Cabana e Anxos Romeu localizamos este macho de lagarto das silvas (Lacerta schereiberi).

O exemplar en cuestión foi atopado en terreos portugueses a carón do encoro de Salas, aínda que a escasos metros da fronteira co concello de Calvos de Randín.

O lagarto das silvas, coñecido en castelán como lagarto verdinegro, é un réptil endémico da Península Ibérica, e pode tratarse dunha especie ameazada polo cambio climático debido á sua dependencia de medios atlánticos húmidos, sobre todo naqueles lugares onde a especie presenta unha distridución fragmentada ou incluso relicta.

Verborreas aparte, é sin dúbida, unha das nosas especies de réptiles máis belas, que merece a pena ver, e que é necesario seguir vendo.

lunes, 5 de abril de 2010

Sapos corriqueiros no Val do Támega.











Estas imaxes, obtidas en diversos puntos do val do Támega o pasado día 27 de marzo de 2010 amosan a abundancia e variabilidade individual que os sapos corriqueiros (Bufo calamita) acadan no Val do Támega e que comprovamos da man de Xosé Ramón Reigada nun pequeno transecto nocturno para realizar escoitas de anfibios, taén pudemos ser testemuñas do atropelo dalgún indivíduo, un grave probema ao que se enfrentan na actualidade os nosos hérpetos.