COLEGAS

viernes, 31 de diciembre de 2010

Un saturnino pinto para felicitarvos o ano novo.




Este será o derradeiro post do ano 2010 en Fauna Vertebrada de Ourense, deixovos descansar dos off-topic criptozoolóxicos da nova anadaina do blog, cunha imaxe do estorniño pinto (Sturnus vulgaris). unha especie moi frecuente como invernante na provincia, que calquera día nos dará a sorpresa de aniñar entre nós, como xa o está facendo noutros puntos da metade septentrional da Península.

E diredes vos, este non dixo saturnino?, pois sí o dixen, por que ese é o nome que no concello de Vilar de Santos, reciven os integrantes do xénero Sturnus.

Este exemplar forma parte dun gran grupo desta especie localizado o pasado día 18 de decembro de 2010, nun durmidoiro monoespecífico de saturninos pintos, todo un espectáculo para os sentidos!

Un saudo, e moi, pero que moi feliz pasaxe de ano.

AL.

jueves, 30 de diciembre de 2010

Santa Mariña de Augas Santas: Un lugar para atoparse co misterio.















"Quen coñece unha soa relixión, non coñece propiamente ningunha"- Max Müller (1823-1900)- Filósofo alemán.

Perto da vila ourensá de Allaríz atópase o pobo chamado Santa Mariña de Augas Santas, coñecido pola romaría adicada á Santa homónima supostamente nada na cidade de Antioquía, cidade que según a tradición ficaba asulagada baixo as augas da desecada Lagoa de Antela.

Neste pobo alaricano sitúase un dos lugares que ao meu entender é de visita obrigada para todo aquel que poña un pe na provincia de Ourense, un lugar que nos amosa de frente a realidade de cando os nosos deuses eran outros, ese lugar denomínase hoxe en día O Forno da Santa.

O Forno da Santa é un templo soterráneo de orixe castrexa próximo ao xacimento de Armea, diferentes historiadores teñen discutido sobre a orixe e utilidade desta construcción, posta en pé ao longo de tres períodos históricos. Pero vaiamos por partes.

O forno da Santa é unha cripta soterránea, segundo algúns estudosos do tema este lugar puido ser un punto no que se realizaban ritos de iniciación para os guerreiros castrexos, este feio veriase apoiado polo achádego de bustos de guerreiros no cercano castro de Armeá.

Nestes ritos de iniciación xogarían un papel importante os elementos ( a auga) e os seres vivos (tanto vexetais, como animais), feito que se ve apoiado nos relatos que das tribus do NO ibérico fan autores clásicos romanos.

Despois da romanización e a chegada do cristianismo, parte dos ritos paganos foron absorvidos polo novo rito relixioso, ou mesmo perseguidos.

Xa entrados no s XII, contrúese sobre a cripta un tempo de pranta de cruz, que aínda a día de hoxe permanece inacabado, disque este templo a medio construir foi financiado polos templarios, e que non se conqueriu rematar pola disolución e posterior persecución desta orde relixiosa, que tantas historias ten inspirado nos últimos tempos. De feito no interior da cripta aparecen varias lápidas medievais de cabaleiros, e nas portas de entrada aparece grabada a cruz da orde do temple.

Sexa como sexa unha cousa é certa, a cripta soterránea faiche polos pelos de punta en canto entras!, é un deses lugares nos que se respira a enerxía que mana da terra, e que parece representar un tunel no tempo que te transporta ao pasado.

No ábside do templo, a ambos lados da posta aparecen reprentacións de ofidios esculpidas na pedra, que te poñen cara a cara co mesmo Esculapio. Ensinándonos que antes do cristianismo, antes de Adán, Eva e o paraíso, as serpes eran obxeto de culto, en lugar de ser obxeto das máis sanguinarias persecucións.

Para todo aquel que queira saber máis do tema, prégolle se poña en contacto comigo, e eu preto lle enviarei unha chea de información sobre este peculiar lugar.

martes, 28 de diciembre de 2010

O zebro ibérico: enigma criptozoolóxico tamén en Ourense.


"Da moita forza cumprir co deber entre outros que non o cumpren, aínda cando se trate dun deber establecido de mutuo acordo."- Jakob Wassermann (1873-1934)- Novelista xudeu austríacao.

O vindeiro xoves día 30 de decembro de 2010, o Grupo Naturalista HÁBITAT, organiza na cidade de A Coruña unha charla sobre a identidade dun enigma criptozoolóxico de primeiro orde: O Zebro ibérico. Tendes todos os datos no enlazamento.

O zebro ibérico é un équido salvaxe que aparece nos catálogos de fauna antigos co nome non so de zebro, sinón tamén encebras. Este équido, admirado pola súa velocidade, é descrito coma un animal indomable e de pelaxe de rato.

Moitas foron as teorías que se verteron ao respecto deste enigmático animal, por un lado hai quen pensa que era unha sorte de burro salvaxe europeo, como os que aínda hoxe pululan polos continentes africano e asiático.

Por outro lado hai quen pensa que o losino, unha raza burgalesa de cabalo, disque moi primitiva, ou tamén o cabalo sorraiano, un cabalo de orixe portuguesa, serían a orixe destas lendas.

Sen embargo, nos últimos tempos, cobrou forza a teoría que identifica ao zebro coa especie Equus hydruntinus, un équido de pequeno tamaño do pleistoceno europeo, que puido sobrevivir na Península Ibérica ata os s.XVI, segundo afirman certos arqueozoólogos.

O certo é, que perante este enigma, non cabe sinón facerse a pregunta, puido o cebro habitar as terras ourensás?

Pouco, ou máis ben case nada sabemos ao respecto, a tradición oral non parece que deixara un recordo na mente dos habitantes da nosa xeografía provincial, non sendo que acudamos á toponimia, que, como noutros puntos da Galiza, pode axudar a entender a fauna pretérita ourensá.

Así, a cabalo entre os concellos de Carballeda de Valdeorras e A Veiga, non lonxe dos Altos do Campanario, atopamos O Cebral, a uns 1400 m de altitude. Este topónimo apararece tamén no concello de O Irixo, no extremo oposto da provincia.

Perto do límite con portugal aparece O Cebreiro, pertencente ao concello de Baltar e rondando os 1200 metros de altura.

A cabalo entre os concellos limiaos de A Porqueira e Os Blancos, a uns 900 m de altitude aparece o topónimo de Cebreiros.

No concello de Pereiro de Aguiar, aparece As Cebreiras, sendo este o topónimo situado a máis baixa altitude de todos os atopados.

Ante esto podémonos preguntar, foi o cebro un animal habitante das alturas?., ou foron estas alturas os seus derradeiros refuxios na provincia.

Este feito parece coincidir con outros topónimos galegos relacionados con este équido, como Pedrafita do Cebreiro, en Lugo.

As perdices blancas: un novo misterio do Macizo Central.



"A peor enfermidade dun home é a curiosidade inqueda do que non pode coñecer"- Blaise Pascal (1623-1662)- Matemático, físico e filósofo francés.

O Macizo Central é para os Ourensáns o que os Pirineus para os cataláns, ou a Cordilleira Cantábrica para os astures, un lugar de beleza infinita, en perigo e cheo de misterios.

Situado no centro da provincia de Ourense, o Macizo Central Ourensán forma parte do macizo Galaico-Leonés, un dos lugares que históricamente supuxo o límite Sur para multitude de especies do ámbito bioxeográfico eurosiberiano. Pero vaiamos por partes...

Durante as glaciacións cuaternarias, cando Europa se cubriu de xeo, gran parte das especies do continente europeo atoparon refuxio nas penínsulas do Sur da Europa (Italia, Grecia, Iberia...), especies coma o glotón (Gulo gulo) ou o reno ( Rangifer tarandus), aparece no rexistro fósil do Norte da Península Ibérica. Ca posterior retirada dos xeos, gran parte das especies desprazadas regresaron ás súas zonas de orixe, outras extínguense. Sen embargo unha parte desas especies de orixe norteña toparon refuxio nas altas montañas do Norte peninsular, dando como resultado a aparición de razas ou subespecies, ou mesmo especies, endémicas do noso territorio.

Algunhas das especies que toparon refuxio neste contexto xeográfico foton o moucho boreal (Aegolius funereus) nos Pirineus, ou o gardafontes alpino (Messotriton alpestris) na Cordilleira Cantábrica.

No contexto xeográfico ourensán atopamos este tipo de refuxio nos cumios de serras como as do Macizo Central ou Trevinca, proba deste feito é a presenza relicta de rá do monte (Rana Temporaria), trilladeira das neves (Chionomys nivalis), ou a presenza histórica de especies coma o galo de monte (Tetrao urogallus) e o rebezo (Rupricapra pyrenaica).

O Macizo Central é en parte un lugar inóspito e pouco prospectado, que viviu capítulos curiosos na historia recente do noso país, no que atoparon refuxio, non só interesantes expoñentes da nosa fauna, senón tamén importantes personaxes da nosa historia, como os guerrilleiros antifranquistas, a presenza dos maquis perdurou neste territorio ata os anos 60 do pasado século.

Contextualizado o tema, atopámonos entón nunha época dura, chea de necesidades que seguiu á contenda da Guerra Civil Española (1936-1939), neses anos de postguerra matáronse os derradeiros galos de monte (Tretrao urogallus) da provincia de Ourense e, segundo a testemuña dunha habitante dun pobo do Macizo Central, as derradeiras perdices blancas.

Esta muller, hoxe anciá, relatou como en tempos de fame e necesidade, o seu pai cazaba unha sorte de perdíz de cor branca que habitaba nos cumios da serra, ¿cal sería entón a identidade do albo animal?. A testemuña separaba claramente á especie da "parda", (Perdix perdix), da "rubia", (Alectoris rufa) e do galo (Tetrao urogallus).

Interesante..., moi ben, dixen eu...Postos en antecedentes, sabemos que, durante as glaciacións , acadou a Península Ibérica unha especie de gallinácea, a perdiz nival (Lagopus mutus).

Con posterioridade esta especie atopou refuxio nos cumios das serras norteñas peninsulares, na Cordilleira Cantábrica, onde se extinguiu nos arredores de 1950, e nos Pirineus, onde aínda vive hoxe en día a subespecie endémica Lagopus mutus pyrenaicus: Puido entón a perdiz nival manter unha poboación relicta cual maqui alado nos cumios do Macizo central?.

A perdiz nival caracterízase por presentar duas fases de plumaxe ao longo do ano, unha branca durante o inverno, para camuflarse nas neves do seu entorno natural, e outra grisácea, durante o estío, para camuflarse nas penedías dos cumios que durante o inverno ficaron cubertos de neve.

A testemuña desta muller non é único, xa que diversos cazadores da zona aseguran a presenza escasa desta especie ata cando menos 1960.

No século XVIII don Pedro González de Ulloa, fala da fauna das montañas que rodean os vales dos ríos Támega e Limia, quen, referindose a Toro, partido xudicial de Verín, dí que en "su distrito hay ciervos, venados, tigres, osos, corzos, jabalíes, muchos conejos, perdices, y de estas algunas blancas que he visto", esta cita aparece na obra do historiador verinés, Jesús Taboada Chivite.

Interesante, xa teríamos entón un alimento para o recén descuberto queixa, curioso, un críptido alimentándose doutro críptido!, criptofauna pura e dura, criptozooloxía galaica endémica!

Unha vez dito esto queda formular unha hipótese, ou varias.

1- Que as referencias se deban a perdices albinas de especies aínda hoxe presentes na zona, ainda que varios exemplares albinos nun mesmo grupo parece improbable.

2- Que nos atopemos ante o primeiro dato sobre a presenza histórica da perdiz nival (Lagopus mutus) na Galiza.

Será certo que esta tetraónida habitou Ourense?, ou como dicía a afamada cantante "La Lupe": teatro, lo tuyo es puro teatro!

lunes, 27 de diciembre de 2010

Trala pegada do queixa: a impronta do berro do lince na toponimia ourensá.


"O tempo saca á luz todo o que está oculto e e encobre e agacha o que agora reloce co máis grande esplendor"- Horacio (65 a.C.- 8 a.C.)- Poeta lírico romano.

Na anterior entrada desvelamos ao queixa como un ser habitante do macizo central ourensán, que finalmente resultou ser o lince, aínda sen determinar se boreal ou ibérico, e que fixo correr ríos de tinta.

Habitualmente coñecimos ao lince en ourense cos nomes de lobo cerval (moi extendido por toda a Península), gato rabón, gato clavo, ou lubicán.

Moi ben, hoxe vouvos propor un novo reto, a voz do queixa é o requeixo, e esta voz deixou a súa impronta en numerosos topónimos extendidos por toda a superficie de Ourense, e moi especialmente no macizo central, en terras onde o requeixón non era un produto típico da dieta desas comunidades.

Curiosamente atopamos este topónimo perto de diferentes foxos utilizados durante séculos para a eliminación dos depredadores competidores do home.

Requeixo aparece nos concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Veiga, pero tamén noutras áreas e bisbarras como en Lobios, Maside, A Bola, Allariz, Ourense, Pontedeva, Padrenda, Xunqueira de Ambía...

Outro dato curioso sae ao paso no concello de Nogueira de Ramuín onde o topónimo Requeixo aparece asociado ao topónimo Faramontaos, que Taboada Chivite asocia á presenza de foxos na súa obra Montería y Corrida de Lobos en Galicia.

Tamén en Chandrexa de Queixa aparece o topónimo Queixeliña, non lonxe doutro ven curioso Rabal...moi sexerente á súa vez, xa que noutros puntos denominouse ao lince co nome de gato rabaz ou rapaz.

Tamén a cabalo entre os concellos de Vilar de Barrio e Laza, existe o pobo e o Monte da Requeixada, no nacemento do Támega, non lonxe doutro pobo chamado Requeixo, e por si todo isto fora pouco, perto dun lugar chamado As Coelleiras!.

Xa me diredes vós se estou no certo, ou unha vez máis me trabuquei...

Un saúdo.

P.D. : gustaríame e moito que me contarásedes os nomes populares que este belo felino recivía nas vosas zonas de orixe, especialmente no Norte de Portugal.

jueves, 23 de diciembre de 2010

O Queixa: ser mitolóxico do Macizo Central?


"Se a paixón, a loucura non pasaran algunha vez polas almas ¿de qué valdría a vida?"
Jacinto Benavente
(1866-1954) Dramaturgo español.

Alguén me dixo recentemente, un bó amigo, que para enfrontarse á verdade hai que ter a mente aberta, gran frase dun ornitólogo que cada vez que vexo me deixa ca boca aberta, cheo de sabiduría, humildade e saber estar.

Fai algún tempo sei que vos trouxen de cabeza cas informacións vertidas a través das páxinas deste blogue sobre o lince no contexto xeográfico ourensán. como moitos de vós sabedes, recivo correos de diferente índole que me achegan ás veces a atopar bicho moi interesantes, e algúns de vós tendes vido comigo a tales encontros, moi ben agora contareivos unha lenda ca que me atopei recentemente.

En certo pobo do Macizo Central Ourensán hai un foxo para os lobos, os foxos son unhas antigas construccións, das que falaremos pormenorizadamente en próximas xornadas, ideadas para rematar ca vida do último gran depredador da provincia: O lobo ibérico (Canis lupus signatus.

Sen embargo neste foxo non só se deu morte aos lobos, senón tamén ao "queixa", un animal temido, e descrito como un felino de gran tamaño...

Queixa? dixen eu...entón lembreime de que hai que abri-la mente para enfrontarse á verdade, e pescudei, entón topeime con iste enlace, no que se escoita o son dunha femia do lince ibérico (Lynx pardina). E propoño a teoría seguinte:

O queixa é o lince, ou lobo cerval, e o lobo cerval é chamado así non por que se alimentase de cervos, senón por que emitía sons, vocalizacións como eles. será certa a miña teoría? sera tan só pura criptozooloxía?, ou calquera parecido ca realidade é pura casualidade?

Certo ou non o queixa existiu, quizáis exista aínda no corazón de alguén, ou quizáis sexa tan só un compañeiro máis de viaxe do yeti, o bigfoob e nessy.

Pero de ser certo teriamos entón un novo dato, Chandrexa de Queixa, sería entón un topónimo asociado á presencia do gran felino da fauna ibérica na provincia de Ourense, e para aqueles que están a castelanizar os nosos topónimos, con perlas como Rubiana por Rubiá, ou Desván de los Monges, por Sobrado dos Monxes, direilles entón que o que eles pretenden que sexa Chandreja de Queija, en castelán será por sempre xamaás, "el llano de la iglesia del lince", se é que o queren traducir correctamente. Bromas aparte o topónimo de Chandrexa de Queixa fai alusión á serra de Queixa que como ben dí Xosé Ramón Reigada é A Serra do lince.

Recoméndovos que leades os comentarios que os lectores fixeron a esta entrada.

Sexa como sexa velahí tende-lo queixa, sacade vós as vosas propias conclusións, e se o tendes a ben, contádemo....

martes, 21 de diciembre de 2010

Bon Nadal a tod@s.

"É de importancia fundamental para quen desexe alcanzar unha certeza na súa investigación, o saber dubidar a tempo"- Aristóteles (384-322 a.C.)- Filósofo grego.


Hoxe vouvos desexar unhas felices festas, e contar un pouco os propósitos para Fauna Vertebrada de Ourense no vindeiro ano.

Ao longo de todo este tempo parece que este blog foi evolucionando pouco a pouco, e chegou o momento de dar un pequeno xiro de cara o futuro. Así, en próximas xornadas falaremos de topónimos relacionados ca fauna vertebrada, falaremos de vernáculos recollidos na provincia, e falaremos de etnografía e folklore asociado á fauna; mesmo falaremos de arqueoloxía, nun apartado que se denominará paleofauna, e que nos axudará a comprender as orixes da nosa fauna.

Xa metidos en materia, e como a biodiversidade desta provincia é absolutamente cautivadora, falaremos tamén das razas domésticas autóctonas, que en parte axudaron a modelar a paisaxe actual, e alimentaron ao noso pobo durante centos de anos.

Todo esto é foito dunha necesidade, a de sacar á luz parte das máis de 17000 imaxes, que actualmente forman o meu arquivo persoal, e de seguir afondando no compromiso de divulgalas riquezas deste rincón do interior galego, moitas veces menospreciado, e en gran parte descoñecido.

Aproveito a ocasión nos só para desexarvos felices festas, senón tamén para agradecervos o voso seguimento e a vosa paciencia con este aprendiz de naturalista ourensán. Gracias por que dende o mes de xuño este blog acadou as 10000 visitas, e gracias tamén por que sin o voso apoio nada desto tería sentido.

Deixovos unha imaxe miña un pouco "pija", xa que no facebook din que non visto ben, a ver si agora logro cambiar de imaxe.

Un saúdo.

Al.

O mioto abelleiro no concello de Vilar de Santos.




"Cas pedras que con duro intento te lanzan os críticos, ben podes erixirte un monumento"- Kant (1724-1805)- Filósofo alemán.

Mioto é un nome vernáculo moi extendido na provincia de Ourense para denominalas especies de aves rapaces de tamaño medio (Milvus, Pernis, Buteo). Boa prova desa extensión é o gran número de topónimos que atopamos refeferido a este vernáculo como A Mioteira (San Cibrao das Viñas e Baños de Molgas), O Mioto (Lobeira) ou Os Miotos (Muiños).

O concello de Vilar de Santos é o máis pequeno dos que conforman a bisbarra da Limia, atoándose dividido en duas zonas claramente diferenciadas, a metade Sur, na que se realizou a concentración parcelaria, preséntase como unha chaira agrícola, con escasas mostras de vexetación arbórea ben conservada e rios canalizados. O Norte, onde non se realizou a concentración parcelaria aínda, amosa aínda un marco agrícola tradicional e amplas mostras de vexetación arbórea autóctona ben conservada.

A pesar da súa pequena extensión (apenas 7 km2), este recuncho limiao acolle unha poboación de 8-12 parellas de mioto abelleiro (Pernis apivorus), que conqueriron, durante as pasadas tempadas de cría, unha producción media por parella de 2.5 polos/par.

No concello a especie aparece ligada á vexetación arborea de ribeira, dos cursos de auga do mesmo, composta por amieiros (Alnus glutinosa), que a especie usa preferentemente como lugar de aniñamento, ou choupos (Populus sp), usando ocasionalmente carballos (Quercus sp) sempre que estes se atopen perto de cursos de auga.

Nas tres zonas de augas permanentes do concello, parte das areeiras da Limia, a canle de Antela e no río Limia, non se constatou a reproducción da especie.

É necesario sinalar que a concentración parcelaria do concello, e tamén do resto da bisbarra, trouxo consigo unha atroz deforestación. Do mesmo xeito a canalización dos rios e regatos temporais da zona, e posterior mantemento, destruiu gran parte das mostras de vexetación de ribeira.

Nas imaxes, un mioto abelleiro fotografado en Vilar de Santos o pasado día 22 de maio de 2010.

lunes, 20 de diciembre de 2010

O gardafontes palmado en Ourense.








"A experiencia é un boleto de lotería mercado despois do sorteo"- Gabriela Mistral (1889-1957)- Poetisa chilena.

Ata non fai moito tempo críase que o tritón palmado (Lissotriton helveticus) era unha especie extremadamente escasa na provincia de Ourense, nas primeiras referencias herpetolóxicas publicadas en Galicia, apenas se lle outorgaban contados puntos no extremo NO de Ourense.

Hoxe en día sabemos, que a pesar de preentar unha distribución localizada e restrinxida aos puntos de maior influencia continental e atlántica, esta especie pode chegar a ser incluso localmente abondosa, como é o caso de certas bisbarras como A Limia, e que a especie está presente en moitos lugares da provincia, sen acadar unha distribución tan xeneralizada como o resto de gardafontes presentes na provincia.

Nas imaxes varios exemplares atopados en diferentes puntos e bisbarras da provincia de Ourense o pasado día 6 de decembro de 2010, na compaña de Martiño Cabana e Anxos Romeo.

Reparade no filamento caudal que remata o rabo do macho desta especie, e que é característico da fase acuática.

sábado, 18 de diciembre de 2010

Unha píntega elegante.





"Ser natural é unha pose demasiado difícil"-Oscar Wilde (1854-1900)- Novelista irlandés.

Xa sabedes a intensa debilidade que sinto eu por un anfibio en concreto, este non é outro que a píntega común (Salamandra salamandra). Bichiño que recoñezo me parece un dos máis belos da nosa fauna vertebrada de Ourense.

O exemplar que aparece nas imaxes foi fotografado no concello de O Riós, pertencenta á bisbarra de Monterrei, o pasado día 7 de decembro de 2010, na compaña de Martiño Cabana, Anxos Romeo e Xosé Ramón Reigada. Como vedes esta píntega sí que é capaz de manter unha pose do máis natural e elegante.

viernes, 17 de diciembre de 2010

Lontras na Limia.










"A nosa natureza está na acción. O repouso presaxia a morte"- Séneca (4 a.C-65)-Filósofo romano.

O pasado día 11 de decembro de 2010 tiven o gran pracer de observa-las peripecias de ata sete exemplares diferentes de lontras (Lutra lutra), en varios puntos do concello de Sandiás.

É unha sorte poder contar con este tipo de animais perto da casa, xogando, pescando e reproducíndose a pesar da contaminación, en contra de todo pronóstico, e esquivando os tiros de desconsiderados cazadores que se chaman a si mesmo deportistas, pero que de deportistas non teñen nada.

A lontra montense en ourense na maioría dos cursos fluvias, pese a que na actualidade ten un perigoso competidor, o visón americano (Neovison vison), que lle está a invadir o terreo.

Abride ben os ollos, e pescudade ao voso arredor, por que detrás de caza folla, diante de cada carballo, hai un ser digno de ser admirado.

Atropelos de fauna por toda provincia, pisemos o freno!





"Unha paisaxe conquístase cas solas do zapato; non cas rodas do automóvil"-William Faulkner (1897-1962)-Poeta estadounidense.

En pasadas e chuviosas xornadas outonais, na compaña de Xosé Ramón Reigada, Martiño Cabana e Anxos Romeu, puidemos comprovar, unha vez máis, a incidencia do tráfico rodado sobre as poboacións de anfibios na provincia de Ourense.

Ao longo dos moitos kilómetros percorridos ollamos multitude de atropelos nas estradas, e apartamos centos de bichos da estrada en serio perigo de perecer esmagados baixo as rodas do primeiro coche que pase.

Nestes días previos ao Nadal, quizáis envoltos en mercar os presentes para os nosos seres queridos, pídovos un pouco de sensibilidade ao volante para tratar de evitar, na medida do posible, os atropelos de fauna nas estradas.