COLEGAS

jueves, 9 de diciembre de 2010

Nomes vernáculos da Cabra Montés Lusitana.


"O maior crime está agora, non nos que matan, sinon nos que non matan pero deixan matar"

José Ortega y Gasset (1883-1955) Filósofo español.

Moitos de vós coñecedes algunhas das miñas características, sen embargo sodes moitos os que descoñecedes que gran parte das miñas raices se atopan en Asturias, son fillo e neto de asturianas, e medrei nunha casa galega na que ao escáncer se lle chama escalagüertu, e ás píntegas, sacaberas.

Síntome identificado coa cabra montesa polo alcume asturiano da familia, xa que por terras de Mieres somos coñecidos como "cabritus", e teño que recoñecer que eu son xa bisneto da "Cabrita".

Postos xa en antecedentes direivos que non hai un consenso con respecto ao nome da cabra montesa en Ourense, non puiden recoller na fala viva ningún nome vernáculo, quizáis debido ao longo tempo transcurrido dende a súa extinción, aínda así, diversos diccionarios acuñan verbas como cabra fera, cabra brava, ou cabra montesía.

A toponimia ourensá sí recolle certas mostras da posible ocorrencia da especie, aínda que é moi dificil discernir se estes topónimos se refiren á cabra montés ou á cabra doméstica. Así e todo aparece Val das Cabras (Na Serra do Xurés e en Vilariño de Conso), e o máis suxerente aínda, Altar dos Cabrois, en pleno Macizo Central Ourensán, nun lugar que no pasado, ben puido albergar á especie.

Además en Ourense poseemos o río Bibei, este nome provén ao parecer do termo prerrománico IBEX=cabra montesa, e que Plinio introduciu na nomenclatura latina na súa proposta de nome científico para o íbice (Capra ibex), a cabra montesa habitante das serras centroeuropeas.

Por outro lado en Zamora existe a serra de "La cabrera", que puidera indicar tamén que o topónomo se refire á presenza da cabra montesa.

Diferente situación atopamos nos límites entre Asturias e León, onde aínda se conserva o vernáculo mueyu, quizáis de raiz onomatopéica, e que servía para denominar á caste de cabra montés que habitaba a Cordilleira Cantábrica, nesta terra tamén aparece "bicerra", sorprende cando menos que en asturleonés se conservase o recordo da especie pese a que a extinción se produciu moito antes que en Galiza (polos menos 50 anos antes!).

O nome mueyu ben seica do ruido que producía o instrumento feito ca corna desta especie, tamén ca de cabra doméstica, e que se utilizaba como medio de comunicación entre os habitantes dos profundos vales cantábricos.

En varias obras acúñase o termo mueyu como nome para Capra pyrenaica lusitanica, sen embargo, cabe apuntar que non está de todo clara que esta fose a subespecie de cabra montés que habitaba a cordilleira, e hai quen opina que a cabra montés da cordilleira era en realidade o bucardo (Capra pyrenaica pyrenaica), extinta en 2002 en Pirineus.

Por último me gustaría sinalar que en 1996 unha muller de abanzada idade dun pobo de Verea, próximo á fronteira portuguesa, recordaba que de nena había cabras montesas de grandes cornos nun barranco, sería un erro de identificación ou un recordo das últimas cabras do Xurés vivas?, unha vez máis deixaremos este dato no campo da criptozooloxía ourensá, e conformarémonos ca reintroducción da Capra pyrenaica victoriae, orixinaria de Gredos, e que conta en Ourense con 400 exemplares en liberdade.

¿coñecedes vós, lectores deste blogue, algún nome ou topónimo que poida referirse á tristemente extinta cabra montés lusitana? Agardo impaciente os vosos comentarios.

2 comentarios: