COLEGAS

martes, 28 de diciembre de 2010

As perdices blancas: un novo misterio do Macizo Central.



"A peor enfermidade dun home é a curiosidade inqueda do que non pode coñecer"- Blaise Pascal (1623-1662)- Matemático, físico e filósofo francés.

O Macizo Central é para os Ourensáns o que os Pirineus para os cataláns, ou a Cordilleira Cantábrica para os astures, un lugar de beleza infinita, en perigo e cheo de misterios.

Situado no centro da provincia de Ourense, o Macizo Central Ourensán forma parte do macizo Galaico-Leonés, un dos lugares que históricamente supuxo o límite Sur para multitude de especies do ámbito bioxeográfico eurosiberiano. Pero vaiamos por partes...

Durante as glaciacións cuaternarias, cando Europa se cubriu de xeo, gran parte das especies do continente europeo atoparon refuxio nas penínsulas do Sur da Europa (Italia, Grecia, Iberia...), especies coma o glotón (Gulo gulo) ou o reno ( Rangifer tarandus), aparece no rexistro fósil do Norte da Península Ibérica. Ca posterior retirada dos xeos, gran parte das especies desprazadas regresaron ás súas zonas de orixe, outras extínguense. Sen embargo unha parte desas especies de orixe norteña toparon refuxio nas altas montañas do Norte peninsular, dando como resultado a aparición de razas ou subespecies, ou mesmo especies, endémicas do noso territorio.

Algunhas das especies que toparon refuxio neste contexto xeográfico foton o moucho boreal (Aegolius funereus) nos Pirineus, ou o gardafontes alpino (Messotriton alpestris) na Cordilleira Cantábrica.

No contexto xeográfico ourensán atopamos este tipo de refuxio nos cumios de serras como as do Macizo Central ou Trevinca, proba deste feito é a presenza relicta de rá do monte (Rana Temporaria), trilladeira das neves (Chionomys nivalis), ou a presenza histórica de especies coma o galo de monte (Tetrao urogallus) e o rebezo (Rupricapra pyrenaica).

O Macizo Central é en parte un lugar inóspito e pouco prospectado, que viviu capítulos curiosos na historia recente do noso país, no que atoparon refuxio, non só interesantes expoñentes da nosa fauna, senón tamén importantes personaxes da nosa historia, como os guerrilleiros antifranquistas, a presenza dos maquis perdurou neste territorio ata os anos 60 do pasado século.

Contextualizado o tema, atopámonos entón nunha época dura, chea de necesidades que seguiu á contenda da Guerra Civil Española (1936-1939), neses anos de postguerra matáronse os derradeiros galos de monte (Tretrao urogallus) da provincia de Ourense e, segundo a testemuña dunha habitante dun pobo do Macizo Central, as derradeiras perdices blancas.

Esta muller, hoxe anciá, relatou como en tempos de fame e necesidade, o seu pai cazaba unha sorte de perdíz de cor branca que habitaba nos cumios da serra, ¿cal sería entón a identidade do albo animal?. A testemuña separaba claramente á especie da "parda", (Perdix perdix), da "rubia", (Alectoris rufa) e do galo (Tetrao urogallus).

Interesante..., moi ben, dixen eu...Postos en antecedentes, sabemos que, durante as glaciacións , acadou a Península Ibérica unha especie de gallinácea, a perdiz nival (Lagopus mutus).

Con posterioridade esta especie atopou refuxio nos cumios das serras norteñas peninsulares, na Cordilleira Cantábrica, onde se extinguiu nos arredores de 1950, e nos Pirineus, onde aínda vive hoxe en día a subespecie endémica Lagopus mutus pyrenaicus: Puido entón a perdiz nival manter unha poboación relicta cual maqui alado nos cumios do Macizo central?.

A perdiz nival caracterízase por presentar duas fases de plumaxe ao longo do ano, unha branca durante o inverno, para camuflarse nas neves do seu entorno natural, e outra grisácea, durante o estío, para camuflarse nas penedías dos cumios que durante o inverno ficaron cubertos de neve.

A testemuña desta muller non é único, xa que diversos cazadores da zona aseguran a presenza escasa desta especie ata cando menos 1960.

No século XVIII don Pedro González de Ulloa, fala da fauna das montañas que rodean os vales dos ríos Támega e Limia, quen, referindose a Toro, partido xudicial de Verín, dí que en "su distrito hay ciervos, venados, tigres, osos, corzos, jabalíes, muchos conejos, perdices, y de estas algunas blancas que he visto", esta cita aparece na obra do historiador verinés, Jesús Taboada Chivite.

Interesante, xa teríamos entón un alimento para o recén descuberto queixa, curioso, un críptido alimentándose doutro críptido!, criptofauna pura e dura, criptozooloxía galaica endémica!

Unha vez dito esto queda formular unha hipótese, ou varias.

1- Que as referencias se deban a perdices albinas de especies aínda hoxe presentes na zona, ainda que varios exemplares albinos nun mesmo grupo parece improbable.

2- Que nos atopemos ante o primeiro dato sobre a presenza histórica da perdiz nival (Lagopus mutus) na Galiza.

Será certo que esta tetraónida habitou Ourense?, ou como dicía a afamada cantante "La Lupe": teatro, lo tuyo es puro teatro!

5 comentarios:

  1. Olá de novo Alberto, acho sumamente interesantes estes dados de criptofauna ourensá. Como xa che comentara, eu tamén ouvín falar da Perdiz branca, mas por falta de outras descricións acabei por asociala coa Perdiz Charrela, aínda que me plantexaba moitas dúbidas, o branco non é unha cor que se lle corresponda e aquí coñécese a especie coa designación simple de Charrela
    Boa Pasaxe de Ano 2011
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Ao contrario que co zebro/cebro, con este animal aínda podemos traballar para pescudar algo, tendo en conta a data de extinción.

    Un saúdo, e feliz pasaxe a ti tamén.

    ResponderEliminar
  3. Se temos en conta as referencias da bibliografía parece claro que o lagopus estaba entre a fauna de Galicia non hai tanto.
    Eis dous exemplos ós que xa me gustaría votar unha ollada mais non están inda dispoñibles na rede, no Google books.

    Examen critico de la perdices de Europa particularmente de las de España y descripcion de dos nuevas formas de Galicia
    Víctor López Seoane
    1891 - 33 páginas

    Se Seoane describe "duas novas formas" e supoñendo que a común e mais a charrela eran ben coñecidas, cales describiu?


    Johnson's universal cyclopaedia: Volumen 6
    Charles Kendall Adams - 1895

    "A number of species have been recognized, of which Lagopus albus inhabits both hemispheres, L. rupestris and L. ... Alfred Newton — " from Galicia to Donegal, and from Gascony to the Faroe islands."

    no que vemos que a súa existencia tiña que ser moi pouco críptica xa que era obxecto de cita nas enciclopedias de primeiros de século XX no resto de Europa.

    Doutra banda a taxonomía destas aves é complexa como vedes neste outro link

    http://ibc.lynxeds.com/species/rock-ptarmigan-lagopus-mutus

    no que vemos unhas trinta ssp. e podemos escoitalas.(Non a todas)

    Se ademais temos en conta o feito ben contrastado da existencia dun réxime climático mais fresco no Macizo central, Serra da Cabeza Grande, Queixa e San Mamede,(que pode consultarse tanto nas hemerotecas como nos testimonios,na arquitectura popular, ou libros como " descripción do reino de galicia" do licenciado Molina que eu si que consultei, e que fala das neves semi perpetuas destas serras, como tamen o fan outras descripcións como a de Lucas Labrada no 1804 dispoñible no Google Books, e varias mais no mesmo arquivo)vemos que a súa presenza é, ambientalmente, ben factible.

    Eu aposto, e teño sentido falar delas como existentes inda no 1982, por que era unha subespecie diferente dado as diferentes exixencias ambientais da nosa serra.

    Vou retomar o contacto cunha señora da alta serra que migrou ó val de Monterrei hai 60 años boa informante, e xa vos contarei.

    Inda hoxe subsisten na península como vedes neste link.

    http://miradascantabricas.blogspot.com/2010/04/buacando-las-perdices-blancas.html

    E xa vou dala derradeira: Lince boreal cazando perdiz en Leon.

    http://milanoojeroso.blogspot.com/2009/10/lince-boreal-cazando-una-perdiz.html

    Saude
    O Miguel Losada

    ResponderEliminar
  4. Por certo, a min logo de ver que se soltan linces boreais en Leon para facer exibicións, xa me queda ben claro que
    1º Volven estar entre nos se é que marcharan
    2º Calquera dia pódome atopar con eles estando León tan perto.
    3ºInda que non haxa coellos poden cazar aves de maravilla.

    Saude
    O Miguel Losada

    ResponderEliminar
  5. Olá Miguel, no tocante a Seoane, o que describe son dúas subespecies de perdiz, unha de perdiz roxa e outra de charrela.

    O resto vouno analizar paseniño, pero ben seguro que haberá sorpresas.

    Un saudo.

    ResponderEliminar