COLEGAS

miércoles, 7 de septiembre de 2011

As derradeiras avefrías da Limia, conícoras choromicas en perigo.






Onte mesmo festexabamos a volta dos galos de crista branca (Fulica atra) á Limia, pero a Limia, terra maltreita e castigada onde as haxa, ofrece sempre, na honra ao seu chan, unha de cal e outra de area, para todo aquel que sexa capaz de apreciar a natureza no seu conxunto, como un corpo, enfermo ou san, composto de órganos vitais e imprescindibles para o seu correcto funcionamento.

Así, se hay especies que nos derradeiros anos aumentaron as súas poboacións, caso das cegoñas, ou regresan despois de anos de ausencia, como os galos de crista branca. Hai outras que se nos escapan, paseniño e silenciosamente, como a area das barreiras da Limia se escapa entre os dedos de quen a colle, e como a auga centenaria da Lagoa de Antela se escapou pola canle cara ao mar.

Unha destas especies é a avefría (Vanellus vanellus), especie invernante, tanto máis abondosa como frío veña o ano. A avefría é, asemade unha especie nidificante na Limia, contou sempre cunha poboación, tan importante, que chegou a ser a maior da Península Ibérica. A desecación de Antela supuxo un duro golpe que non chegou sen ambargo a acabar coa significante poboación nidificante da especie, que, anque mermada, continuou a ser a máis importante do país. Foron non embargante as concentracións parcelarias as que derón un golpe mortal á esta singular poboación. Xa que supuxeron a desecación das Veigas que a especie usaba para nidificar, os cambios no uso do solo, a merma do gado, coa conseguinte diminución de pasteiros, supuxeron tamén un problema engadio, ao que hay que sumar, por si fora pouco, a caza.

Na Limia, como recolleron González, Villarino e Bárcena na obra Vertebrados da Limia, e como aínda recordan os veciños do meu pobo, Castelaus (Vilar de Santos), as avefrías eran coñecidas como cunícoras, conícoras ou choromicas, en clara alusión ao reclamo da especie, que recorda a un lonxano lamento.

Un lonxano lamento, que fora das datas invernais se torna cada día máis dificil de escoitar, a exígua poboación da conícora esta a desaparecer, e os seus choros, xa non os escoita ninguén, porque unha cousa é ouvir, e outra escoitar o son dos lamentos dunha especie que está a desaparecer. Escoitar o lamento da choromica, o laio da conícora supón por os medios necesarios para que a especie non remate por deixar de críar, nesta a nosa terra limiá.

Cando as conícoras nidificantes da Limia rematan o período de cría, reúnense, quizáis para lamentar xuntas os tempos pasados, para , cual plañideiras, chorar a memora das que cada ano deixan de acudir á reunións posreproductora. Quizáis, algún día as conícoras choren de alegría, ao alcanzar de novo os vellos tempos, e ser máis de 10 parellas, as que hoxe hai. E ser máis que un pequeno punto máis na poboación invernante, aínda abondosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario