COLEGAS

miércoles, 3 de septiembre de 2014

A historia das perdices antes comúns.

Cando eu era apenas un cativo, como na miña casa non había vacas, soía ir cunha veciña, "a tía Mercedes", que tiña duas vacas e unha burra branca moi mansa, ah e un can que se chamaba Roi.

A tía Mercedes ensinoume a face-los pisotes de moras no monte, a mirar de que charcas se podía beber, e xunto co seu marido,  "o tío Paco", ensináronme unha chea de nomes vernaculos de todo tipo de animais.

Unha das cousas que me gustaba escoitar de boca da tía Mercedes era cales eran os animáis que ela botaba en falla. así contaba como xa non quedaban lobos, que xa non había pernileiros, que unha vez vira un xuxa...

Un día, cando estabamos nun lameiro que chamaban A Labandeira", antes de que se fixeran as concentracións parcelarias, a tía Mercedes dei en contarme que antes, nese mesmo prado, víanse "currileiros de perdices", currileiros?- dixen, pois sí, nese recuncho da Limia onde medio me criei, nese pobo chamado Castelaos de Vilar de Santos, currileiro ten un significado. As xentes chamabanlle así á fila de pitiños nidífugos que segue a unha ave, como por exemplo á perdiz.

A especie de perdiz máis frecuente é a perdiz común ou bermella (Alectoris rufa). Antano estas perdices eran moi frecuentes en toda a provincia, sendo sustituidas por outras especies nas cotas máis altas das serras.

Hoxe en día, aínda que está presente en numerosos puntos da provincia, xa non se ven os grandes bandos postreproductores que segundo algunhas xentes podían estar compostos por máis dun cento de indivíduos. Na actualidade o máis habitual é velas en número moito máis pequeno, e incluso en pares ou nunha ducia como moito.

O declive da especie nos derradeiros corenta anos foi realmente dramático na maior parte do país. Detrás deste declive atópanse varias causas.

A primeira, a persecución por parte do home, xa que é unha peza de caza moi covizada.
A segunda, o troco dos usos agrícolas tradicionais, e cambio dos cultivos. a merma do cultivo de cereais de maneira tradicional, e a mecanización do campo mermou o seu hábitat potencial considerablemente. Lugares nos que se cultivaba cereal (centeo ou trigo) hay corenta anos, hoxe son piñeiraiis, ou macroparcelas sin sebas vexetais entre elas.
A terceira, o aumento da poboación de xabarín, que depreda sobre as postas da especie, a pesar de que se trata dunha especie moi prolífica.
A cuarta, a repoboacións con animais de granxa, ou con subespecies doutras latitudes, que merman a variabilidade xenética da poboación de perdiz autóctona.

A perdiz común, que de común xa non ten nada, é unha galiñácea de tamaño medio, que frecuanta cultivos e zonas de mato.

Especie de curioso comportamento reproductivo, unha  vez emparelladas a femia fai unha posta de entre dez e dezaseis ovos, que coidará o macho. Despois disto fai unha nova posta que coidará ela mesma.

Espallada irregularmente pola provincia, as súas poboacións son frecuentemente reforzadas polos cazadores mediante repoboacións cinexéticas, que moitas veces teñen unha orixe en granxas ou en zonas con outras razas da mesma especie.

As imaxes que acompañan este post foron obtidas en catividade no concello de Rairiz de Veiga.
















No hay comentarios:

Publicar un comentario