COLEGAS

sábado, 1 de noviembre de 2014

Pasado, presente e futuro do oso pardo na provincia de Ourense.

"Qué inxusta, qué maldita, qué cabrona a morte que non nos mata a nós senon a os que amamos."
Enviar fraseCarlos Fuentes (1929-2012) Periodista e escritor mexicano.

O oso pardo (Ursus arctos) é o maior carnívoro presente na provincia de Ourense nos tempos históricos. Hoxe oficialmente extinto da provincia tivo un longo historial de andanzas polas nosas serras que foron habitadas pola especie durante séculos.

Falaremos en primeiro termo da distribución histórica da especie en Ourense. Na idade media a especie estaba presente na práctica totalidade da provincia, a excepción das cotas máis baixas dos vales máis densamente poboados. Podemos falar polo tanto dunha distribución prácticamente contínua por Ourense que se ve reflexado tamén na toponimia (Oseira, Fonte do Oso, Folgoso, ou Val dos Osos). A presenza de alvarizas, unha sorte de construccion circular en pedra propia do Norte da Península Ibérica, na que se protexían as colmeas do ataque do oso tamén nos da unha idea da distribución pretérita da especie.

Por esas datas a Galiza era un reino independente, e a caza da especie era un privilexio reservado á monarquía, de feito, na nosa provincia, tiñan dereitos de caza varios dos infantes da coroa. En zonas como a Ribeira Sacra ou a Serra de San Mamede, este privilexio, dificil de levar á práctica en realidade, supuña o perigo de ser condeado a morte se cazabas un dos osos do infante sen o seu permiso. A problemática da presencia do oso na provincia e a ausencia real de "control da poboación" por parte da monarquía reinante, fixo que a administración real do territorio caise en más da Igrexa, que exercía o seu poder a través dos mosteiros e os seus coutos, daquela máis abondosos e poderosos que en ningún outro momento da historia.

A razón de que a caza do osos estivese en máns da momarquía radicaba nunha curiosa costume culinaria da época, a man do osos, cociñada, era un manxar moi cobizado, ao que soio os reises tiñan dereito. Temos outro dato curioso, existe un documento depositado no arquivo municipal de Ourense, no que os monxes do mosteiro de Santa Cristina reclaman ao rei a caza dos osos do seu couto, que ía da Ribeira Sacra ata o Monte Meda, xa que os osos comían os salmóns que remontaban o río Sil, e que os monxes consideraban da súa propiedade (xa vedes co paso dos séculos na Ribeira Sacra extinguiuse todo, monxes, osos e salmóns). Con ocasión de estas protestas, a monarquía podía dar permisos de caza, sempre baixo unha condición, que as máns dos osos fosen gardadas para deleite da monarquía, (o que non sei é en qué condicións chegarían á boca dos reises...)

Ben sigamos que me vou do tema, se avanzamos no tempo, digamos ata o século XIX, podemos dicir que o oso pardo se extinguira da Ribeira Sacra, pero aínda habitaba con continuidade o Macizo Central Ourensán, as serras limítrofes con León e Zamora, a Dorsal Galega, dende a confluencia das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, a serra Martiñá e moi provablemente a do Suido, en conexión cas poboacións do centro da Galiza. Tamén estaba presente na maior parte das serras limítrofes con Portugal.

A principios do século XX, en Ourense prodúcese unha situación moi similar á que sufriu o oso pardo nos Pirineus a finais dese mamo século. As poboacións, perseguidas e decimadas, fican fragmentadas compostas por exemplares aillados que viven como cadáveres vivintes. Así por esa época teriamos algún exemplar no sur do Macizo Central, quizais cunha certa conexión coas xa maltreitas poboacións zamoranas e leonesas, e nas Serras da Baixa Limia, na fronteira con Portugal.

O derradeiro oso pardo que se cazou oficialmente en Ourense foi no ano 1945 en Couceiros (Padrenda) e dous anos antes cazouse outro en Sarreaus (A Limia) nun lugar coñecido como a pala da Osa. Sen embargo, ¿foron estes os derradeiros osos Ourensáns? os datos cos que contamos fannos pensar que non.

O oso que en 1945 cazou Camilo Yoves cunha forquita, formaba parte dun grupo de tres osos, o máis provable é que camilo, un rapaz de 14 anos por aquel entón, matase un xuvenil a piques de independizarse, polo que seguramente eses tres osos eran un grupo familiar, unha osa e dous cachorros, e se isto é certo debería haber tamén un macho, quizáis xa vello, vagabundeando por ahí. Non hai que esquecer que por aquel entón a especie non estaba protexida, e o veleno campaba polos montes dun e doutro lado da fronteira. ¿Pero se iso é así onde foron a parar eses osos?, temos datos que indican que un exemplar foi cazado en Baltar nos anos 50, e en 1972 produciuse o derradeiro rexistro na zona, un oso atacou unha colmea en Entrimo.

No macizo Central Ourensán a historia non foi mellor, despois de 1943, cando se cazou o osos de Folgoso en Sarreaus, a especie parece que se mantivo ata mediados de século desaparecendo dende antón de alí.

A historia é bastante diferente nas serras orientais (Trevinca, Enciña da Lastra e O Eixo), nesas serras o osos tivo presenza intermitente pero contínua durante todo o século XX. Esta presenza xustificaríase pola entrada de exemplares en dispersión dende as poboación occidental da Cordilleira Cantábrica, ou dende a poboación relicta dos Montes Zamoranos, máis próxima xeográficamente.

Ben, agora un pouco de catequesis oseira. Á hora de considerar a área de distribución do osos pardos hai duas maneiras de tomalos datos, a da administración ou a da lóxica. Pero vaiamos por partes. Hoxe en día o osos pardo é unha especie en perigo de extinción protexida tanto polas leis autonómicas, como polas estatais e polas europea, ademáis de algunha internacional que temos asinada. Isto significa que, dado o alto grao de protección que ten a especie, a súa mera presenza xa significa algo, é un hábitat dunha especie en perigo de extinción e hai que protexelo. E é aquí onde entramos no rizo do rizo ¿cal é a distribución oficial dun oso?, pois depende, depende si depende do pao de quen a mida...Se estiveramos a traballar nun atlas de distribución de vertebrados a resposta sería sinxela, ou hai oso ou non o hai, punto e a parte, pero no caso das especies en perigo de extinción a administración xoga ao xogo do rato e o gato, nunca millor dito, xa que a presenza dunha especie en perigo de extinción, para algúns de nós un  orgullo, para outros significa un problema, e con esa actitude condenan aínda máis á especie, que conste.

No caso do oso a distribución mídese en unidades reproductoras, é dicir o oso habita única e exclusivamente onde se reproduce, e isto ten o seu por qué. As femias de oso son moito máis sedentarias que os machos, teñen áreas de campeo moito minores, e polo tanto se só temos en conta a estas para medi-la distribución da especie, teremos unha área de distribución oficial pequena. Pola contra os machos son moito máis nómadas, con áreas de campeo de centos ou incluso miles de quilómetros cadrados. Isto ben a significar que un macho de osos pardo pode recorrer a totalidade da área de distribución oficial da especie nun so ano, buscando femias cas que reproducirse. E temos outro dato a ter en conta, cando os cachorros de oso se independizan, pasan unha tempada vagabundeando polo mundo ata atopar o seu lugar chegada a madurez sexual. que temos entón, unha área de distribución do oso no que a especie está totalmente desprotexida. Esas áreas de campeo poden, e de feito o  son, ser vitais para a conservación da especie a medio e longo prazo, xa que serán as zonas na que se alimentan, e nas que nun futuro próximo críen as tan apreciadas femias. Por por un exemplo, se tiveramos un paxaro migrador en perigo de extinción que áreas habería que protexer para garanti-la súa supervivencia, a de cría, as áreas de alimentación ou os cuarteis de invernada?, evindentemente terán que ser todas.

Pero aínda tendo en conta a distribución oficial da especie que a administración se empeña en impor, dende que a especie se reproduce até que a especie se recoñece como reproductora oficial poden pasar anos, moitos anos, e o estamos a ver nas serras orientais da provincia de Lugo, Ancares e Caurel, onde xa hai tres femias reproductoras sen que a administración da Xunta diga nin pío, non vaia a ser...Este feito vese tamén na área de presenza da especie (a non oficial) que na actualidade chega ata Vilalba, e até as propias portas da cidade de Lugo, pero a Xunta non se dará por enterada até que o oso chame ás mesmiñas portas do pazo de Raxoi. (conste, Seoane nomea a especie nas proximidades de Santiago de Compostela a mediados do século XIX).

Esta política de tolos fai que a presenza da especie, lonxe de supor unha vantaxe, se transforme nun problema pola nula política de prevención da administración. Neste intre a política de prevención debería ir nunha dirección clara, a protección da colmeas nas áreas con presenza de osos, é dicir, na recuperación das alvarizas, antes de que o problema vaia a máis, e non con cables pastores, xa que tan en  contra estamos do "feísmo", senón na recuperación da nosa tradición etnográfica. Sería moito mái barato subenciona-la construción de alvarizas que estar a pagar canta colmea destroce o oso, que todos sabemos que debece pola mel. Así evitaríamo-la problemática dunha presenza da especie de entrada xa negativa. E conqueriríamos discernir as colmeas atacadas polo aoso, daquelas produto da vaga de roubos de colmeas que está tendo lugar en Lugo e Ourense. Asemade, xa que temos un rexistro de indicación xeográfica protexida para o mel de Galicia, non estaría de máis crear unha mel cun selo propio "mel do oso", na que convivencia da especie coa producción apícola se vise beneficiada económicamente. Tanto pola valorización do producto en sí, como polas vantaxes fiscais que deberían ter estes productos.

Pero a responsabilidade da administración parece que non vai por ahí, en fin rematerei esta entrada co presente do oso en Ourense, que ten un horizonte complicado a espensas do que ocorra ca contrucción en trazado definitivo da autovía A-76, xa que pode supor unha barreira infranqueable para a dispersión da especie hacia Ourense.

Na actualidade a provincia de Ourense, supón unha importante área de dispersión xuvenil para os exemplares de osos pardo independizados do occidente da área de distribución cantábrica da especie, e dicir, os exemplares nacidos das unidades reproductoreas asentadas nas serras limítrofes de Lugo e León. Asemade exeiste ao perecer unha poboación relicta en Zamora, composta por non máis dunha decena de indivíduos. En Ourense a presenza da especie está constatada nas serras orientais, Enciña da Lastra, Trevinca e O Eixo, con incursións cada vez máis frecuentes hacia o interios do macizo Central, polos concellos de O Bolo, Vilariño de Conso, etc, onde as pegadas da especie son cada vez máis frecuentes.





No hay comentarios:

Publicar un comentario