COLEGAS

miércoles, 11 de septiembre de 2013

O gado enfeitizado de Antioquía.


Nun Pobo calquera de Antela fai uns cantos anos:

Aquela mañá aínda fría de abril, Lita estaba a durmir profundamente no faiado, non era esa a súa cama habitual, mais dende que a avoa morrera e o avó enfermara e viñera a vivir con elas, non había outro sitio millor onde durmir. De súpeto uns pasos espertan a Lita do seu profundo sono, a porta ábrese:

-Érguete preguiceira, a piques está xa de amencer e tí aínda na cama!
-Mama, pero aínda é moi cedo para ir á escola!-replicou Lita alporizada, era certo, aínda non se vía un burro a tres pasos, e a escola estaba no mesmo pobo, non facía falla madrugar tanto.
-Nena, o avó non está ben, vai vir o médico de Sandiás, e antes teño que ir pedirlle a tía Encarnación que me empreste tres pesos para pagarlle, e algo máis pra ir despois a Xinzo no coche de linea e mercarlle a menciña na farmacia.
-Vaia, outra vez me toca ir a min pro monte cas vacas!
-Non sexas respondona que inda as levar un lapote, apura e vai por auga ó pozo e lábate ben esa cara legañosa, namentras eu fago o almorzo.
Os almorzos da mamá non se esquecen facilmete, o pan de centeo, negro case coma un chamizo, chega a tinxilo leite recén munguido da vaca, o cheiro á leña e a manteiga xa che daban fame segundo entrabas na cociña. 

-Lita, hoxe tes que ir á Veiga cas vacas-a mamá non cala- xa sabes que che a levar todo o día, así que leva este anaco de pan millo e colle un chourizo no lareiro, volta antes do solpor, non vaia ser que che saia o lobo e inda nos vaia papar unha vaca.
-Si oh! ti preocúpate das vacas, e si me papa a mín xa voltarán elas soas pra casa.
-Eche ben rabisaca esta rapaza, deixa de protestar e remata o almorzo dunha vez! e lembrate d´apañar un bo feixe de ferraña pros cuellos na nosa Barrela cando voltes pra casa.

Unha vez almorzada e labada Lita vai soltalas vacas, a mamá ten razón en madrugar, hoxe toca ir á Veiga, e son máis de duas horas de camiños cheos de pedras, a estas alturas Lita non sabe que ese camiño de cabras era hai tempo case unha  autopista, alá cando os romanos uixeron unir as vilas de Braga e Astorga.




Pasada a fonte Ferra, Lita cruza ca tía María da Portela:


-Bos días si Dios quer tía María!
-E non a querer!

Este raio de vella nunca sauda como é debido, jasús que revirada éeste carallo de pernileira!- masculla a rapaza.



Lita aínda non entende que as fillas de solteira non están ben vistas na chaira, iso é un pecado imperdonable, xa medrará .

Pasadas as dez emedia da mañá Lita chega á veiga, diante dela o mar, que algún se empeña en chamar Antela, as rás e os paxaros recívena con algaravía, pero ela está xa tan cansa que opta por dar unha cabezada.

O tempo discorre despacio, e as vacas pacen a ratos, e a ratos deítanse, Roi, o can,  o millor amigo de Lita, prácticamente o único, lame a cara da rapaza, é a hora de xantar!

-Para oh, que m´enches de babas, inda terei quir por unha pouca d´auga da laghoa pra labala cara, como se me peguen as samesugas heichas de por a tí no cú- Roi meu coitado dalle ao rabo...

Roi era un deses cans grandes e peludos que tanto lle gustaban ao avó Manuel. O avó sempre lle dicía a Lita que non se encariñara moito con él, que era un can das mulidas, e pouco ía durar na casa, que en canto puidese o utilizaría. Lita tampouco entendía ben que tiña que ver un can cas peles que se lle poñen ás vacas no xugo pra tapa-lo sol...miña coitada xa medrará.



Lita, xa famenta, saca da faldriqueira o pan e o chourizo- Roi ven- o can síguelle dando ao rabo-mitá pra tí mitá pra mín-o can xa soio come....por sorte a mamá tamén meteu un pouco de viño con azucre, vese que nas calzadas romanas non hai controis de alcoholemia.

Xa farta, lita apaña unhas sementes do couselo nun valado pra xogar ás cociñiñas, cas follas fai os pratos, as sementes, serán o arroz, e uns pauciños os garfos, pena, na casa non hai cartos pra bonecas coma as que leva a filla da maestra...

Así pasan as horas e o sol vai baixando, case vai sendo hora dirse, máis algo revule no bión, Roi levanta as orellas. De súpeto un muxir de vaca xorde da canabeira, un urro como se do mesmo demo se tratara, muuuuuuuuuuuuu.

Lita abre os ollos, mira se lle falta algunha vaca- Marquesa, Toura, Parda e Torda, sí están todas- non che é a nosa rapaza unha señorita desas que telñen medo a que lles mexe un can, así que con Roi ó lado, vai mirar se hai unha vaca a afogar na lagoa, cando chega ao feixe de bión o urro para-Que raio de vaca, inda por riba que te veño salvar!. 

Un intre máis tarde o urro comeza de novo, desta volta un pouco máis lonxe. Lita colle o can e vai alá, pero o urro cala de novo- Esto non che me gusta un pelo...

Agoa volta o urro, esta vez está moito máis perto, Lita xa deixa de ser valente e asústase- Esto é cousa do demo, Roi torna as vacas, vai!

Lita, Roi e mailas vacas comezan a correr- O muxido parece que vai cabo deles, así que comezan a correr máis e máis apresa, tanto corren que cando queren dar conta xa están na casa.

-Mamá, mamá, mamá

-Que raio che pasa a tí agora, xa estás aquí! apañache-la ferraña?

-Non pero, había, había...un..unha- Lita non da palabra.

-Xa está ben de contos, fai o favor, vai ver ao avó que xa che dixen que non anda ben, e despois xa falaremos tí e máis eu!
-Pero...
-Nin pero nin ghaitas, fai o que che mandan!

Lita entra na habitación do avó, o Manuel xa non é nin a sombra do que era, aquel home gallardo que cazara o lobo no alto do seixo cunha galla e unha fouce. Agora era unha especie de pantasma, con ollos afundidos e aspeto moribundo, con olllos bidrosos que nin brilaban coa luz da vela da palmatora da mesilla.

-Nena, que che pasa? viche-lo lobo?
-Non vin non, avó, escoitei...
-Fala, Nena, non quedes calada.
-Mire, fun cas vacas de cara a Veiga, onda laghoa...
-Si xa mo dixo a mamá, e qué, pasouxe algo? había algún home? non che farían nada!
-Non he eso avó, escoite, cando xa ía voltar, comezou a bruir unha vaca na laghoa, e non era ninghunhadas nosas, cando me acheguei calou, pero bruía na iauga! depois volveu bruir, no bión, e depois asusteime, e cando quixen dar conta...xa estaba aquí e a mamá rifou por non ter traido a ferraña pros cuellos- Lita comeza chorar, iso é sinal de verdade, o vello Manuel sabe que a Lita é unha nena forte, neso saiu á Rosa que en paz estea...dura comunha pedra.
O Manuel tose, moito últimamente, e o médico non sei que lle dixo ás rapazas...carraspea de novo...

-Lita, miña nena- non has de ter medo ós mortos asllo de ter ós vivos...
-Que dí avó, acaso era unha pantasma?
-Algo así escoita:
"Hai moitos anos, na Veiga non había laghoa, nin unha soia gota d´auga, alí había unha vila moi grande, máis grande que Xinzo que se chamaba Antioquía. En Antioquía non eran cristiáns coma nós, adoraban un galo. Un bo día chegou un mendigo a pedir polas portas, ese día chovía moito, máis ninguén lle deu acubillo, nin tan sequera un miolo de pan duro, todo era para o galo. Aquel home foise da vila, e mirou cara tras, Era xesucristo!, e en castigo por non ter tido compaixón del, o pai Deus mendou non para de chover, e a cidade asulagouse, as noites de lúa chea aínda se oen as camás das igrexas da vila baixo a auga, dentro dunha delas hai un lobo"

-Pero...eu non escoitei un lobo, avó!
-Tranquila, escoita tía agora, o que ti escoitaches son as pantasmas do gado de Antioquía, que ás veces tamén se oen, igual que ás veces tamén se escoita o galo cantar no medo do bión, e non tes que ter medo, Antioquía está condenada por toda a eternidade, noi hai quen salve nin a esas vacas, nin a esa xente pecadora. Ese gado está enfeitizado e fixeches ben e non meterte na auga, por que se cadra non saes viva dalí.

CONTINUARÁ.....







2 comentarios:

  1. Que verdadeira chulada! Encantoume e alegráchesme o día! A ver como continúa :-)

    Cóidateme moito, meu.

    Unha aperta,
    Diego R. Vieites

    ResponderEliminar
  2. Pilláchesme en plena faena jejeje,

    Vanche unhas por outras, un dñia me alegradas o día a mín, outro me toca a min aledarllo a alguén, saúdos.

    ResponderEliminar