COLEGAS

domingo, 7 de junio de 2015

A garza branca, un novo integrante da fauna Ourensá.

Moitas veces neste blogue temos falado da extinción ou do lamentable estado de conservación dalgunha das especies que integran ou integraron a nosa fauna, de tal xeito que parecemos algo pesimistas en ocasións. Por iso non está de máis, de vez en cando, dar boas novas para ver que existe e é posibel un futuro mellor para o meio natural da nosa provincia.

Vaiamos pouco a pouco e contestualicemos, na medida do posibel, esta entrada, xa que de vez en cando é preciso facer algo de historia...

Alá polo final do século XIX e o XX puxéronse de moda as plumas nos sombreiros das damas da alta sociedade Europea e Americana, estas plumas eran, habitualmente, aquelas que certas especies de garzas posúen na época de celo. Así produciuse unha presecución implacabel nas colonias de cría de ardeidos de toda Europa continental, que deu por resultado a desaparición de moitas delas. E polo tanto a diminución dramática en moitos casos das súas poboacións, que se tiveron que afrontar asemade, á destrucción do seu hábitat natural. Xa que durante o século XX foron desecadas multitude de zonas húmidas.

Co avance dos tempos, e o troco de conciencia ecolóxica, os ardeidos foron protexidos na maior parte dos países europeos, recuperándose gran parte das colonias Centroeuropeas de diferentes especies, que son, as que integran a maior parte do continxente invernante da Península deste tipo de especies.

Así, nos finais do século pasado a garza branca (Egretta alba) comezou a deixarse ver pola península Ibérica, chegando a críar pouco tempo despois. Nese tempo tamén comezaron a verse os primeiros exemplares invernantes na Galiza, pero non foi até ben entrado o século XXI cando se comezaron a ver os primeiros exemplares invernantes en Ourense, primeiro no val do Miño e , posteriormente na Limia.

Na actualidade a invernada desta especie na provincia de Ourense pode considerarse escasa aínda que regular, e en constante aumento, proba delo son os tres exemplares, como mínimo, que invernadon na ZEPA da Limia a pasada tempada.

Así o que estamos a contemplar na actualidade é a recolonización por parte desta especie, de parte do terreo que perdeu históricamente a causa da persecución directa por parte do home, e debemos festexar este feito, e desexar que se repita con outras das especies que se extinguiron pola mesma causa no noso entorno máis inmediato.

Nas imaxes podedes apreciar varios dos exemplares obervados entre o final de 2014 e o comezo de 2015 no espazo natural das Areeiras da Limia, a cabalo entre os concellos de Vilar de Santos e Sandiás.









2 comentarios:

  1. En breve ya la tenéis criando en Ourense, ya verás.
    un abrazo

    ResponderEliminar
  2. Seguramente pronto o fará, cando menos en algún punto da Galiza, un saúdo.

    ResponderEliminar