COLEGAS

domingo, 28 de junio de 2015

O escouparón cego, un escáncer peculiar no Val do Támega.

Seguimos a falar da riqueza herpetolóxica singular do Val do Támega, da bisbarra de Monterrei, para achegarnos hoxe ao que considero un dos seus máis peculiares habitantes, o escouparón cego (Blanus cinereus).

O escouparón ou escáncer cego é un dos máis curiosos réptiles de cantos podemos atopar na Galiza, sen embargo non é doado atopalo nela, xa que a súa presenza no país limítase exclusivamente ao val do Támega, sendo a súa clara influenza climática mediterránea a que fai posíbel a súa presenza nestas terras galegas da cunca do Douro.

Como podedes ver nas imaxes o escouparón cego é un réptil que se asemella a unha miñoca, esta semellanza reflicte a súas costumes soterráneas, meio que non abandona prácticamente nunca. A súa alimentación constitúena formigas e termes, que consume acadando as súas colonias de cría dende as profundidades do subsolo. Trátase, pese ao que en moitas ocasións dí a tradizón popular, un ser totalmente inofensivo, carecendo por completo de veleno.

Hai que recordar, asemade, que o vernáculo escouparón é frecuente no val do támega para referirse a réptiles ápodos que no resto da Galiza soen denominarse escáncer, esgonzo, liscancro ou similar.

Os exemplares das imaxes foron fotografados en terreos do concello de Monterrei o pasado día 23 de xuño de 2015 na compaña do colega David (do Pereiro). A observación desta especie na Galiza non deixa de ser un privilexio, que, agora máis que nunca, aprezo ao morar algo lonxe das terras que me viron nacer.










No hay comentarios:

Publicar un comentario