COLEGAS

lunes, 10 de enero de 2011

O cervo: pasado, presente e futuro en Ourense.

"A miña conciencia ten para mín máis peso que a opinión de todo o mundo"- Marco Tulio Cicerón (106 a.C-43 a. C)- Orador e político romano.

O cervo (Cervus elaphus) é o maior cérvido dos que hoxe en día podemos atopar na provincia de Ourense, na actualidade atópase en expansión pola nosa terra, sen embargo este mamífero ten unha longa historia en Ourense.

Autores decimonónicos, fálannos dunha provincia rica en caza, chea de cervos, parece ser, se facemos caso de autores como Seoane ou Madoz, ou mesmo se consultamos os libros de Monterías dos antergos reis de Castela, que o cervo campaba ás súas anchas pola práctica superficie da provincia, sen embargo, ao igual que a maioría dos nosos grandes mamíferos, a persecución á que foi sometido, e quizáis debido tamén a unha merma do seu hábitat, o cervo chegou a extinguirse do noso territorio.

Apuntamos como data de extinción o comezo do século XX, e xa daquela o cervo debía de estar relegado aos recunchos menos habitados e máis salvaxes da provincia, poucos anos antes da guerra civil espeñola, na década dos 30, matáronse os derradeiros cervos autóctonos en Casaio (Carballeda de Valdeorras), tal e como parece sinalar o montañeiro Barquense Estévez Valle.

Froito desta distribución pretérita na provincia quédannos numerosos topónimos relativos á especie ao longo e ancho da provincia de Ourense, así atopamos claros exemplos en Vilariño de Conso, como o Castelo da Cerveira, a Mallada da Cerveira, As Cernadas de Cerveira. Existindo asemade Vilar de Cervos, no concello de Vilardevós.

Descoñecemos se os cervos que daquela poboaban o Noroeste ibérico supuñan algún tipo de subespecie propia da zona, aínda que, a tenor da revisión feita na actualidade sobre os cervos do paleártico, non parece ser así.

En anos posteriores ponse en marcha unha campaña de reintroducción da especie en diversos puntos da Península, sempre con fins cinexéticos, os primeiro exemplares que retornan a terras ourensás fano da man de diversos episodios deste tipo.

Así nas décadas dos anos 60 e 70 do século XX reintrodúcese a especie no Parque Nacional da Peneda-Gêres, en Portugal, froito desta reintroducción prodúcese unha expansión da especie dende o país veciño cara terras ourensás da bisbarra da Baixa Limia, no que hoxe coñecemos como o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Máis ou menos polo mesmo tempo instálanse cercados para a cría en réxime de semiliberdade do cervo na serra de San Mamede e nos Montes do Invernadoiro, onde a especie parece adaptarse ben, en anos posteriores parte, ou en ocasións a totalidade, dos exemplares son liberados, producíndose un episodio de expansión da especie a través do Macizo Central Ourensán, territorio que a especie domina na súa totalidade a día de hoxe.

Nos anos 90 prodúcese, ao mesmo tempo, a introducción da especie na serra do Eixe (A Veiga) ao abrigo dun proxecto de caza maior por parte dun coto privado de caza (O Xares), dende onde a especie se expande por gran parte do Macizo de Pena Trevinca.

Na actualidade o cervo atópase en claro período de expansión na provincia de Ourense, en parte debido á escaseza de depredadores en certas zonas. Así domina a práctica totalidade dos montes da metade Leste da provincia.

Nos últimos anos a especie chegou á bisbarra da Limia, provinte da florecente poboación da serra de San Mamede, e sorprendentemente, conqueriu franqueala clara barreira xeográfica de a autovía A-52 supón para a fauna, chegando aos concellos de Sandiás, Vilar de Santos e Rairiz de Veiga nos primeiros anos do século XXI, así é de agardar que o cervo conquira, nun período relativamente curto de tempo, o rango de distribución pasado na provincia.

1 comentario:

  1. Olá Alberto.

    "Así nas décadas dos anos 60 e 70 do século XX reintrodúcese a especie no Parque Nacional da Peneda-Gêres, en Portugal, froito desta reintroducción prodúcese unha expansión da especie dende o país veciño cara terras ourensás"

    De onde tiraste esta informação? Pensava que os poucos veados que existiam no Gerês tinham vindo da Galiza e não o contrário. Os primeiros veados no Gerês foram vistos apenas há 10 anos.

    Cumprimentos

    ResponderEliminar