COLEGAS

lunes, 18 de abril de 2011

En recordo á Pita do Monte (Tetrao urogallus)


"Tódalas guerras son santas, desafíovos a que atopedes un belixerante que non crea ter ao ceo da súa parte" - Jean Anouilh (1910-1987)- Escritor francés.

Por tod@s é sabido a especie de paranoia que invadiu últimamente o meu senso no tocante á iconografía relixiosa zoomórfica das igrexas ourensás, como unha clara referencia a unha fauna incógnita e agachada entre as pedras da arquitectura senlleira, agardando pacientemente para ser descuberta.

Recentemente topeime unha suxerente imaxe na portada da igraxa da Santísima Trinidade de Ourense, esta igrexa é un sobrio templo gótico construído a cabalo entre os séculos XII e XII, con remodelacións posteriores que lle outrogaron o actual aspecto fortificado.

Na Portada Norte do templo, entrada principal do mesmo, atópanse representadas duas aves que recordan bastante á desaparecida pita de monte (Tetrao urogallus), coñecida como "urogallo" en español, unha ave gallinácea tristemente extinta non só na nosa provincia, sinón tamén desaparecida de todo o territorio galego.

Sexa certa ou errónea a miña impresión, este figura pétrea vainos valer coma excusa para tocar o tema da extinta pita do monte, ou galo montés, como a especie era coñecida en partes do ameazado Macizo Central Ourensán.

Facendo memoria sabemos que até o século XVIII, a pita do Monte estaba presente na Serra do Xurés, no macizo Central Ourensán, No Macizo de Trevinca, e, probablemente na confluencia das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra. unha distribución histórica que coincide sensiblemente coa distribución histórica doutra especie tamén tristemente desaparecida, o Urso ou oso pardo (Ursus arctos). No século posterior a especie desaparece da serra do Xurés.

As derradeiras citas históricas da pita do monte en territorio Ourensán ocorren oficialmente na época da postguerra, así os derradeiros animais foron cazados arredor do ano 1946 na Serra de San Mamede e nas estrivacións de Pena Trevinca, sen embargo sabemos a día de hoxe que a extición definitivamente da especie debeu producirse unha década máis tarde, entre os anos 50 e 60 do século XX, a tenor de testemuñas de cazadores da zona, e persoas que por esa època aínda comían galo de monte como un manxar, dato tamén reflectido na obra do escritor galego Álvaro Cunquero "Viaje por los montes y chimeneas de Galicia".

A pita do monte caracterízase por un complexo ritual nupcial, na que os machos atraen ás femias dende árbores siruadas perto de craros nas fragas. Sabemos a día de hoxe que as pitas de monte son fieis anualmente eses lugares, denominados cantadeiros. Dato tamén coñecido polos cazadores, que asexaban á especie na época adecuada nos cantadeiros, aproveitándose da "cegueira nupcial" da especie. O feito de que os macho fosen cinexéticamente máis valorados que as femias fixo que os derradeiros exemplares observados nas poboacións relictas galaicas fosen femias, xa que os macho eran perseguidos con maior saña, un feito que coíncide cos datos obtidos para a cabra montés lusitana (Capra pyrenaica lusitanica), se sufriu tamén unha forte persecución, antes da súa definitiva extición a finais do século XIX. Os cantadeiros usados pola especie para as súas paradas nupciais eran coñecidos na provincia de Ourense coma "Campos de gallada", en referencia á cópula das gallináceas, e aínda a día de hoxe se conserva algún topónimo con ese nome no Macizo Central.

Con posterioridade á extinción oficial da especie na provincia de Ourense, rexistráronse referencias sobre a presencia da especie na anterga área de distribución histórica, que non foron confirmadas con posterioridade mediante a recollida de probas científicas propiamente ditas. Aínda así faremos referencia a estes datos, indicando a suposta observación de exemplares da especie nas serras limítrofes coa provincia de Zamora a finais do século XX, así como a caza de varios exemplares nunha serra limítrofe con Pontevedra a mediados do mesmo século.

Unha vez dito isto, apuntamos á caza coma causa directa da extinción da especie na provincia, acrecentada por un incremento da actividade cinexética en Ourense nos anos da postguerra debido ás carencias alimenticias da poboación local, xa que esa época é coñecida popularmente como "o tempo da fame", nese tempo a caza supuxo un alivio en ocasións para un pobo cheo de fame, cheo de carencias de liberdade e de cultura. E sobrado de man dura, e da "Letra con sangre entra".

No hay comentarios:

Publicar un comentario