COLEGAS

lunes, 7 de marzo de 2011

Iconografía zoomórfica nunha igrexa románica da Limia.












Hoxe imos achegarnos de novo a un tema de dificil cualificación, como o é a iconografía relixiosa zoomórfica en Ourense. Desta volta tomando como exemplo unah igrexa limiá, como o é a igrexa parroquial de Vilar de Santos.

A igrexa de san Xoán de Vilar de Santos (antes de Saa), é un monumento arquitectónico románico datado entre o final do s. XII e principios do s. XIII. Situada na capital do concello homónimo, foi trasladada pedra a pedra nos anos sesenta dende a localidade de Saa, cando este núcleo de poboación, anterga capital do concello, quedou abandonado. Trátase dun dos monumentos tardorrománicos mellor conservados da bisbarra da Limia. Pertenceu á orde militar de Santiago, e caracterízase pola súa peculiar iconografía arquitectónica, que reflicte unha linguaxe oculta de difícil comprensión.

Coa chegada do cristianismo á Península Ibérica, certos seres, antes tidos polas mal chamadas relixións pagás, coma verdadeiros símbolos sagrados sobre a Terra, foron demonizados pola nova crenza en auxe. Un dos seres máis demonizados, foi sen dúbida algunha a serpe, ata entón un símbolo de sabiduría, adorada en sí mesma, como xa abordamos, no templo relixioso castrexo de santa Mariña de Augas Santas. Outros seres adorados polas relixións antergas foron as aves rapaces, os xabaríns o mesmo o lobo.

Na igrexa de San Xoán de Vilar de Santos, atopamos todos estes seres representados en diversos puntos do monumento arquitectónico. Así nos canecillos achegados ao tellado do edificio, atopamos representada unha serpe, unha águia, un porco ou xabarín, que recorda a un berraco celtíbero. Na portada aparece a representación dun lobo coa cuncha do peregrín, simbolo dun dos ramais do camiño de Santiago que por aquí pasa, como queréndonos dicir que o apóstolo nos protexerá do inimigo "o lobo".

Descoñecemos se esta simboloxía arcaica obedece a unha reprsentación do maligno sobre o sagrado, ou viceversa, un recordo picaresco sobre un edificio cristián das relixións e crenzas antergas que se negaban a desaparecer. Sexa como fora, tamén atopamos simboloxía erótica no edificio, algo ao parecer común a outros templos da época, como podedes apreciar na imaxe da parella cunha clara esaxeración dos atributos sexuais.

Con todo un monumento que merece a pena ser visitado, para darlle unha volta á nosa simboloxía anterga e actual.

No hay comentarios:

Publicar un comentario