COLEGAS

jueves, 3 de marzo de 2011

A Limia novamente ameazada.

"A chuvia e as bágoas son as correntes que lavan a mugre da vida"- Rihana Jamaludin (1957- )- Autora Holandesa.

Nos derradeiros tempos os limiaos estamos sendo testemuñas dunha nova rolda de ataques ao medio ambiente na nosa bisbarra. Despois da desecación de Antela, despois das desastrosas concentracións parcelarias, despois dos verquidos, e os deficientes plans de regadío, abríronse dous novos frentes na guerra pola conservación da nosa terra.

O primeiro deles é a instalación dunha incineradora de lixo (tipo Sogama) na vila de Xinzo da Limia, por sorte este novo atentado ecolóxico para a Limia conta cunha forte oposición veciñal na bisbarra, e nos foros de internet.

Pero rapaces, "a cabeza non para", e menos a dos nosos políticos, que moitas veces esquecen que somos nós os que lle damos de comer, e os que os mantemos no posto. Así, fai un tempo espertámonos ca nova, escandalosa e de clara tendencia electoralista, da intención de instalar unha base de avións espía na nosa bisbarra. Namentras as nosas aves se extinguen, malamente logran sobrevivir nunha ZEPA, que aínda carece dos medios necesarios para defender a causa para a que foi declarada, a defensa da avifauna Limiá.

A reacción do movimento ecoloxista galego non se fai agardar, e hoxe mesmo chegoume este manifesto asinado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), na que se solicita a retirada desta proposta ao Ministerio de Defensa, e que suscrivo totalmente:

SGHN E SGO INFORMAN Ó MINISTERIO DE DEFENSA:
A "BASE DE AVIÓNS ESPÍA" EN TRASMIRAS AFECTARÍA A 6 ESPECIES AMEAZADAS


A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natual (SGHN) veñen de informar ó Ministerio de Defensa que a zona proposta (agora polo Partido Popular de Galicia e anteriormente polo Goberno bipartido da Xunta de Galicia) para construir en Trasmiras (Ourense) o "centro de excelencia de avións non tripulados do consorcio aeronáutico europeo EADS", situaríase no interior (ou nas inmediacións mesmas) da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de A Limia e/ou da súa Zona Periférica de Protección (ZPP).

SGHN e SGO advirten ó Ministerio de Defensa que na zona proposta e as súas inmediacións reprodúcense actualmente 5 especies de aves incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007; DOG nº 89 de 09-05-2007):

  • En perigo de extinción: Pernileiro ou Alcaraván (Burhinus oedicnemus), Conícora ou Avefría (Vanellus vanellus), Cabra do aire (Gallinago gallinago) e, ata hai poucos anos, Sisón (Tetrax tetrax).
  • Vulnerables: Gatafornela (Circus cyaneus) e Tartaraña cincenta (Circus pygargus).

Ademais, na zona proposta e as súas inmediacións atópase un dos escasos núcleos poblacionais de sapo de esporóns (Pelobates cultripes) considerado como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007; DOG nº 89 de 09-05-2007).

Por estes motivos, SGO e SGHN entenden que debería desestimarse a posibilidade de instalar dito "centro de excelencia de avións non tripulados do consorcio aeronáutico europeo EADS" no concello de Trasmiras (Ourense), ou en cualquera área da ZEPA de A Limia e a súa ZPP, ou noutras zonas próximas que poideran afectar a este espacio natural e solicitan ó Ministerio de Defensa teña en conta as circunstancias descritas e proceda en consecuencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario