COLEGAS

viernes, 29 de julio de 2011

O rato do campo, un rato diferente en Ourense.






Por que non todos os ratos son iguais pese ao que moita xente pensa, existen varias especies de ratos, moitos deles especies curiosas adaptadas a hábitats concretos. Un deles é o rato do campo (Apodemus sylvaticus) que sustitúe ao rato doméstico nas áreas máis naturais, nos campos cultivados, nos prados, e nas fragas, ao contrario que o seu parente o Mus domesticus, non parece ter unha dependencia tan directa do home como este.


Nesta ocasión amósovos un exemplar atopado onte mesmo no límite occidental do concello de Ourense, unha área relativamente alonxada da cidade, rústica e con numerosas terras de cultivo, o rato en cuestión, morto desgraciadamente, perece que foi depredado por algún gato doméstico da zona, pese atodo a identificación parece clara.


O rato do campo amosa un tamaño maior que o doméstico, a librea é parda nas costas e branca no ventre, cunha clara línea na que a pelaxe troca de color. As extremidades son longas, ao igual que as orellas e o fuciño, polo que en xeral amosa un aspecto máis estilizado que o roedor das nosas casas, adaptado polo tanto a un medio máis duro, e cheo de obstáculos.


Frecuentemente os ratos do campo enterran as sementes e froitos secos dos que se alimentan, creando despensas, esta costume fai da especie unha eficaz ferramenta de dispersión natural de diferentes especies vexetais, xa que non sempre consume todo o que garda.

miércoles, 27 de julio de 2011

A becha da igrexa de Serantes en Leiro.







Imos adentrarnos neste post no mundo das lendas e do misterio, remontándonos para elo uns séculos atrás.


Houbo un tempo nesta nosa terra galega, na que os seus habitantes crían e se atopaban co misterio case a diario, un tempo de seres lendarios e de heroes e deuses variados, tempos difíciles e confusos, escuros inclusos dos que a día de hoxe pouco sabemos.


Un dos habitantes do mundo antergo galego era a coca, coquetriz ou becha. este ser respondía á descripción do que na actualidade coñeceriamos como un dragón. Segundo a tradición popular este ser, voador e anfibio, habitaría augas mariñas, podendo remontar os ríos cara as vilas interiores á procura do seu tributo, materializado na captación de doncelas dos núcleos de poboación.


A tradición obedece a unha crenza anterior e pagá de adoración a unha divinidade reptiliá e feminina anterior á chegada do cristianismo que se prolongou no tempo en forma de lenda ata a chegada da idade media. Na idade media a crenza na coca xeneralizouse e materializouse nunha serie de ritos que se festexaban o día do Corpus en numerosas vilas galegas, tendo coma acto principal a saída nunha especie de procesión por parte dos gremios de artesáns da vila con cocas ou coquetrices de manufactura humana.


Este tipo de festexos foron perseguidos e aniquilados polas clases poderosas (Carlos III chegou a prohibilas) debido á forte presión eclesiástica, que vía neste tipo de celebracións un culto herético. Coa implantación definitiva do cristianismo coma relixión cristianizouse a festividade da coca coa implantación do día do Corpus Cristi. A victoria do cristianismo sobre a coca ou coquetriz materializouse na vistoria dun santo sobre o noso dragón (San Xusto) que aparece no olimpo cristián como o eliminador de dragóns, perdéndose así a maior parte dos festexos (queda únicamente a coca de Betanzos). A´similando así a victoria masculina sobre a divinidade feminina.


A coca era coñecida con ese nome en Verín, co nome de coquetriz na capital da provincia (Ourense) e co nome de Bicha ou Becha no Ribeiro. Durante o século IX a festividade da coca era xeneralizada na maior parte das vilas, sendo derradeiras das que se ten costancia na provincia de Ourense anteriores ao século XVI.


A coca ou coquetriz era descrita como un réptil cuadrúpedo con fortes gadoupas, ás de morcego e aspecto serpentiforme. Hoxe en día non existe ningún recordo do réptil anfibio voador que remontaba os ríos dende o mar, quizáis son os encoros as barreiras infranqueables que lle impiden chegar.


Deixovos unha imaxe en pedra do lendario animal, quizáis mito, quizáis recordo doutros tempos no que a natureza era máxica, sensíble e trascendente, da igrexia de San Tomé de Serantes, situada no concello de Leiro, xoia indiscutible do románico ourensán.


martes, 26 de julio de 2011

Gardafontes verde no río Barbantiño.




















Moitas veces temos falado da riqueza herpetolóxica da capital de Ourense, sen embargo esta riqueza non só atinxe ao concello de Ourense, senón que tamén é un feito común á toda a bisbarra, ou mellor dito á depresión Ourensá e os montes que a circundan, que lle confiren unha climatoloxía fortemente influenzada polo mediterráneo.

Un dos lugares herpetolóxicamente máis interesantes son os diversos cursos fluviais que desembocan no pai Miño cando discorre pola depresión, moitos deles fortemente alterados e contaminados, existen pola contra outros que amosan un estado de conservación moi aceptabel. Entre eles atopamos ao río Barbantiño, que no seu treito final actúa coma límite municipal entre os concellos de Punxín e Ourense.

Este río, cunha cobertura vexetal de ribeira en bó estado e cun marco agrícola e rural na contorna, amosa unha riqueza salientable no que a hérpetos se refire.

Entre as especies presentes atopamos ao gardafontes verde (Triturus marmoratus) o maior dos gardafontes que podemos topar na Galiza, e quizáis tamén un dos anfibios máis chamativos da nosa fauna.

Desta volta amósovos uns cantos exemplares atopados a principios do presente mes a carón do río Barbantiño.

viernes, 22 de julio de 2011

Águia real, a capturadora das ánimas da Igrexa de Santiago de Ribadavia.









Como sabedes o próximo luns día 25 de xullo de 2011 festéxase en Galiza o día do patrón, Santiago, con tal fin amósovos outra mostra iconográfica dunha igrexa adicada a este apóstolo, neste caso a Igrexa de Santiago de Ribadavia, templo románico do século XII, moi rico no que á simboloxía zoomórfica se refire.



Desta volta analizaremos un dos numerosos capiteis cos que conta este templo románico, e que chama poderosamente a atención fronte ao resto. Os canecillos das igrexas románicas veñen a simbolizar, como dixemos anteriormente, os pecados e perigos que perseguen aos cristiáns, e que aparecen amparados e protexidos polo tellado da igrexa, símbolo en sí mesmo do poder do novo Deus.



Nun dos nomeados capiteis apreciamos unha curiosa estampa, que plasma en pedra inmortal o momento mesmo no que unha águia real captura a presa, neste caso un coello. Esta escea ven a simbolizar como o diaño mesmo capura as ánimas dos cristiáns para levalas ao inferno.



Ao longo da historia da humanidade a representación das grandes aves rapaces foi frecuentemente usada para representar tanto ao mal, como ao ben ou ao poder das clases poderosas, signo da admiración e temor a partes iguais que as águias reais provocan na poboación, aínda hoxe en día.



Froito desta dobre moral topamos hoxe en día como consecuencia a crítica situación na que se atopa a poboación nidificante galega de águia real ou aigue (Aquila chrysaetos), que por unha banda aparece fortemente perseguida tanto directa coma inderectamente por diversas causas, feito común a todos os depredadores que se atopan na cúspide da cadea alimentaria.



Lonxe quedan os tempos nos que a águia era un símbolo sacro, prácticamente intocable, e cercanos nos que a súa imaxe foi vilmente utilizada coma símbolo da franquicia do horror de gobernos autoritarios.

jueves, 21 de julio de 2011

As curuxas da igrexa de Santiago de Allariz.













Moitas veces, a través das páxinas deste blogue, témonos achegado á curuxa e ouotras especies de aves rapaces nocturnas, afondando no alto coñecimento popular do que gozan este grupo de aves no noso agro, e tamén a ánima adversión que provocan nos seus habitantes como portadoras de mal agoiro, anunciadoras da morte e doutras desgracias. Este alto coñecimento popular das rapaces nocturnas, ou estrixiformes, trouxo consigo un gran número de nomes vernáculos para designar ás diferentes especies, e tamén un bon número de topónimos, que fan referencia á presenza das mesmas.

Sen embargo a mala sona dos mouchos, bufos, avelaionas e curuxas non sempre foi tal. Na antigüidade as apaces nocturnas foron incluso adoradas como símbolos vivo dos deuses na terra, así, o moucho era o símbolo da deusa Atenea do Olimpo grego, feito que se ve reflectido no propio nome científico do moucho, Athene noctua. Os bufos eras portadores de bos presaxios para certas crenzas paganas centroeuropeas, e, ao parecer, tamén para os habitantes dos castros galegos.

Coa chegada do cristianismo os símbolos pagáns das relixións anteriores, foron en gran parte demonizadas, e aquelo que antes era símbolo do divino e trascendente, agora o era do satánico e infernal.

O arte románico é quizáis o máis simbólico neste senso, sobre todo no que á iconografía zoomórfica se refire, quizáis apoiado polo feito de atoparse nun período histórico convulso, con fortes enfrentamentos entre o cristianismo e o islamismo do Sur da Península, e o cristianismo e os retazos das relixións pagás anteriores que aínda calaban fondo nos habitantes pouco ilustrados dunha Galicia rural.

A falla de letras dos habitantes galegos é tamén a causa da forte simboloxía cristiá da época, o cristianismo, cunha liturxia en latín, debía dirixirse a un pobo analfabeto, polo que as imaxes serían máis útiles que as letras. Os canecillos a carón dos tellados das igrexias, e as partes esquerdas das entradas serían o símbolo do pecado, da tentación, e a parte dereita, simbolizaría a salvación e a redención.

Desta volta amósovos un pequeno exemplo localizado na igrexia románica de Santiago de Allariz, construída entre os séculos XII e XII, nela apreciamos, en dúas das súas portadas, sendas aves rapaces nocturnas, que semellan ser curuxas.

Estas curuxas aparecen na metade esquerda da portada, algo que como xa conmentamos con anterioridade simboliza algo negativo. No románico galego é moi frecuente representar aves susurrando pecados aos ouvidos dos fieis. Esta simboloxía reiterada na maior parte das igrexas da época, soe verse representada por butres, águias e curuxas, antigos representantes dos deuses, que agora xogan o papel de mensaxeiros do diaño.

miércoles, 20 de julio de 2011

Estrelliña dos piñeiros: o pequeno habitante da serra.



A estreliña dos piñeiros (Regulus regulus) é un dos máis pequenos paxaros que voan no continente europeo, competindo por tal título co seu cercano parente, a estreliña riscada (Regulus ignicapillus) e coa carriza (Troglodytes troglodytes).



Até hai tan só unhas décadas moi poucos puntos da xeografía galaica contaban coa presenza desta curiosa especie, sen embargo o aumento da superficie forestal repoboada con piñeiros silvestres (Pinus sylvestris) fixo que pouco a pouco a súa presenza se afianzase, criando hoxe en día en numerosas serrras da Galiza.

Na nosa provincia a especie está presente nas serras limítrofes coas proivincias de Zamora, Pontevedra e Lugo, así como coas fronteirizas con Portugal (Serra do Xurés), onde se confirmou a cría por primeira vez na nosa provincia. Ademáis na actualidade sabemos a súa presenza consolidada nas serras que compoñen o mazizo central e as súas estribacións.

Durante o inverno, a estreliña dos piñeiros realiza movimentos nómadas e irruptivos, polo que pode aparecer noutros puntos, normalmente asociado a bandos mixtos de páridos e estreliñas.

Habitualmente, durante a época de nidificación, a especie aparece fortemente asociada ás plantacións de piñeiro silvestre de media e alta montaña, por riba dos 800 m, aínda que ocasionalmente pode atoparse criando a altitudes inferiores.

viernes, 15 de julio de 2011

Cuco na serra de San Mamede.






Dicía a miúdo a miña avoa materna, asturiana de nacimento e galega de adopción, un refrán curioso que facía referencia á unha especie de ave, moi popular tanto polo seu reclamo como, sobre todo polo seu comportamento reproductivo, o cuco (Cuculus canorus).

Dicía a miña avoa: "soy de la opinión del cuco, paxarín que nunca anida, pon en huevu en nido ajeno y otru paxaro lu cría".

O cuco é unha ave migradora que pasa o inverno en África para chegar na primavera a críar no continente europeo. Unha vez chega os cucos macho enchen os nosos campos e montes co seu reclamo, o coñecido Cuu.Cuu. Unha das características máis peculiares desta especié a o seu comportamento reproductivo, xa que se trata dunha ave parásita.

Cando chega o momento de por os ovos, a femia pescuda niños doutras especies onde por os ovos para que sexan esas especies as que críen os seus polos. As femias de cuco son capaces de por ovos que imitan case á perfección o deseño cromático dos ovos da especie parasitada. Cando o polo de cuco nace, aínda sen prumas, pode tirar do niño aos ovos e polos xa nados da especie parasitada. aínda que en ocaións pode convivir cos seus irmás adoptivos, que de todos os xeitos estarán en condicións desfavorables perante ao irmán adptivo. Normalmente de maior tamaño que eles e con maiores requerimentos alimenticios.

Os cucos adultos aliméntanse sobre todo de eirugas, este feito pon de manifesto a importancia desta especie para o control de pragas como a da procesionaria do piñeiro.

As imaxes amosan un cuco macho fotografado no mes de xuño na Serra de San Mamede.

martes, 5 de julio de 2011

Águia caudal en Vilar de Santos.






Parece que as terras limiás estanse postulando como un dos lugares máis adecuados para a observación de aves rapaces dentro do contexto xeográfico galego, proba delo é a presencia da maior parte das especies observables na nosa comunidade dentro desta bisbarra ourensá.

A progresiva recuperación das poboacións de certas especies de aves rapaces tamén esta axundando a xeneralizoción das observacións tanto dentro como fora da bisbarra da Limia.

A finais do mes de xuño topeime con este exemplar de águia caudal (Hieraaetus pennatus) en terreos do concello limiao de Vilar de Santos. A águia caudal, rapaz forestal, presenta unha fase crara, que é a que aparece nas imaxes, e outra escura, existindo ademáis unha fase intermedia con características cromáticas entre ambas.

Ave escasa no pasado recente, as poboacións desta ave rapaz de mediano tamaño, recuperáronse espectacularmente no contexto ourensán, sendo frecuente a súa observación na maior parte do territorio da nosa provincia.