COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta Ribadavia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ribadavia. Mostrar todas las entradas

viernes, 22 de agosto de 2014

Carriza nas areeiras de San Cristobo.

A carriza (Troglodytes troglodytes) é, co permiso das estreliñas (Regulus sp), un dos paxaros máis pequenos do país, frecuente en toda Galicia, está presente na maior parte do territorio da nosa provincia, aledando co seu potente canto as matogueiras onde contrúe o seu niño con musgo.

Na imaxe un exemplar da especie fotografado o pasado día 24 de maio de 2014 nas areeiras de San Cristobo (en Ribadavia). 



jueves, 28 de febrero de 2013

O barco pantasma do Miño.

Alá polo século XIII, disque os monxes do mosteiro dominico de Ribadavia estaban á espera dun pedido de viño que seica debía vir dende Lisboa. Efectivamente, por aquelas datas, un barco procedente do sul, costeou a ribeira atlántica e comezou a remonta-la foz do Miño. Ao seu paso por Tui, os veciños da vila comprenderon que aquel non era un barco normal, na cuverta non se vía tripulación algunha, e as xigantes dimensións do barco superaban calquera nao da época. De seguida se decataron que aquel barco xigantesco era a nao de Satanás, e algúns dos habitantes da vila ficaron aterrorizados e mesmo houbo quen quedou sen fala.

Hai quen dí que aquel barco portaba un cargamento con viño do inferno, co único fin de desprestixiar aos viños do Ribeiro. 

Cando o barco chegou a Ribadavia , un monxe, de nome Xan, esconxurou a nao, nese momento os mariñeiros que ían saíndo á cuverta caían inertes ao chan, momento no que so ficaban deles os osos, esqueletes bellos quizáis doutra época.

Que pena queridos amigos, hoxe o barco non pasaría de Friera...


viernes, 22 de julio de 2011

Águia real, a capturadora das ánimas da Igrexa de Santiago de Ribadavia.









Como sabedes o próximo luns día 25 de xullo de 2011 festéxase en Galiza o día do patrón, Santiago, con tal fin amósovos outra mostra iconográfica dunha igrexa adicada a este apóstolo, neste caso a Igrexa de Santiago de Ribadavia, templo románico do século XII, moi rico no que á simboloxía zoomórfica se refire.



Desta volta analizaremos un dos numerosos capiteis cos que conta este templo románico, e que chama poderosamente a atención fronte ao resto. Os canecillos das igrexas románicas veñen a simbolizar, como dixemos anteriormente, os pecados e perigos que perseguen aos cristiáns, e que aparecen amparados e protexidos polo tellado da igrexa, símbolo en sí mesmo do poder do novo Deus.



Nun dos nomeados capiteis apreciamos unha curiosa estampa, que plasma en pedra inmortal o momento mesmo no que unha águia real captura a presa, neste caso un coello. Esta escea ven a simbolizar como o diaño mesmo capura as ánimas dos cristiáns para levalas ao inferno.



Ao longo da historia da humanidade a representación das grandes aves rapaces foi frecuentemente usada para representar tanto ao mal, como ao ben ou ao poder das clases poderosas, signo da admiración e temor a partes iguais que as águias reais provocan na poboación, aínda hoxe en día.



Froito desta dobre moral topamos hoxe en día como consecuencia a crítica situación na que se atopa a poboación nidificante galega de águia real ou aigue (Aquila chrysaetos), que por unha banda aparece fortemente perseguida tanto directa coma inderectamente por diversas causas, feito común a todos os depredadores que se atopan na cúspide da cadea alimentaria.



Lonxe quedan os tempos nos que a águia era un símbolo sacro, prácticamente intocable, e cercanos nos que a súa imaxe foi vilmente utilizada coma símbolo da franquicia do horror de gobernos autoritarios.