COLEGAS

jueves, 28 de febrero de 2013

O barco pantasma do Miño.

Alá polo século XIII, disque os monxes do mosteiro dominico de Ribadavia estaban á espera dun pedido de viño que seica debía vir dende Lisboa. Efectivamente, por aquelas datas, un barco procedente do sul, costeou a ribeira atlántica e comezou a remonta-la foz do Miño. Ao seu paso por Tui, os veciños da vila comprenderon que aquel non era un barco normal, na cuverta non se vía tripulación algunha, e as xigantes dimensións do barco superaban calquera nao da época. De seguida se decataron que aquel barco xigantesco era a nao de Satanás, e algúns dos habitantes da vila ficaron aterrorizados e mesmo houbo quen quedou sen fala.

Hai quen dí que aquel barco portaba un cargamento con viño do inferno, co único fin de desprestixiar aos viños do Ribeiro. 

Cando o barco chegou a Ribadavia , un monxe, de nome Xan, esconxurou a nao, nese momento os mariñeiros que ían saíndo á cuverta caían inertes ao chan, momento no que so ficaban deles os osos, esqueletes bellos quizáis doutra época.

Que pena queridos amigos, hoxe o barco non pasaría de Friera...


miércoles, 27 de febrero de 2013

A gralla pequena, a ave do ano 2013.

A Sociedade Galega de Ornitoloxía ven de elixi-la gralla pequena (Corvus monedula) como a "Ave do ano" para o presente 2013. Dito galardón é unha escolleita habitual nas asociaciópns ecoloxistas para chamala atención sobre a situación dunha especie en concreto, ben sexa pola súa escaseza, por que se veña detectando unha acusada diminución nas súas poboacións, ou por que sexa unha especie pouco coñecida no ámbito territorial desa asociación.

A gralla pequena ou corvo cereixeiro, é unha pequena especie de córvido de hábitos rupícolas e urbanos. En Ourense pode chegar a ser localmente frecuente, pero non parece que estexa especiealmente extendida, tendo sufrido extincións locais nos derradeiros anos, como parece ter acontecido en Montederramo.

Na actualidade a especie mantén poboacións de interese na bisbarra de Monterrei, na Limia (principalmente nas áreas cercanas á vila de Xinzo de Limia), en Valdeorras (no Parque Natural da serra da Enciña da Lastra). Ademáis nos derradeiros tempos ten aparecido na área metropolitana ourensá (capital da provincia) un pequeno continxente de exemplares que ten chegado a críar (1 parella polo menos hai uns anos) e que fai expedicións por concellos da veciñanza.



Nas imaxes unhas cantas grallas pequenas nunha área agrícola e gandeira do concello limiao de Sandiás fotografadas o pasado día 17 de febreiro de 2013.

jueves, 21 de febrero de 2013

32 anos bicheando.

Dentro dunhas horas será o meu aniversario, o 22 de febreiro de 2013 este que vos escribe cumple 32 invernos, xa que a primavera aínda non chegou. 

Xa sabedes que o ano pasado non foi moi productivo que digamos en canto á miña actividade blogueira, e bicheira en xeral, algo que tratarei de mellorar neste 32 cumpreanos, se o meu absorvente traballo mo permite.

De todos xeitos prometo prontas sorpresas, que agardo sexa do voso agrado, e que pasarán por un maior compromiso divulgativo pola miña parte.

32 anos que teñen sido sin dúbida tremendamente intensos, xa que dende que teño uso de razón ando detras dos bichos, aínda recordo a voz da miña avoa chamando por mín para comer e eu, apenas un patacón, absorto con calquera ra ou paxaro que andivera por alí. Os anos pasaron, pero non a ilusión que fai que cada vez que saia a tomar o aire á porta do bar, me quede ensimismado co canto dun estorniño ou vendo como unha pega papa unha lagartixa no xardín. Co paso dos anos aprendir a considerar que é unha verdadeira sorte ter tido esta afecciónque tantas satisfaccións me ten dado e tanto me ten aportado na vida.





A vaca vianesa: una raza autóctona ourensá.

Unha das riquezas da provincia de Ourense é a conservación das razas autóctonas de certas especies de animais domésticos, que nos veñen acompañando dende hai séculos, proporcionándonos o sustento que nos permitiu evolucionar cultural e socialmente.

A domesticación do gando vacuno foi quizáis un dos pasos máis importantes da humanidade do vello mundo, xa que non só nos proporcionaron carne e leite, senón tamén tracción animal para o transporte de mercadoría e as tarefas agrícolas máis diversas. Lonxe parecen xa os tempos nos que para saber da riqueza dun pretendiente a marido dunha filla o futuro sogro preguntaba: ¿E tí vacas vacas tés?, xa que o número de cabezas de gando era directamente proporcional á solvencia económica do suxeito ( teorema matematico galego puro e duro...)

Unha das razas autóctonas que habitan na provincia é a vaca vianesa, propia da comarca das Terras do Bolo e zonas próximas. A día de hoxe a vianesa habita nos concellos de Laza, Riós, A Gudiña, O Bolo, Viana do Bolo, etc.

A orixe destas y doutras razas do NO peninsular non está exenta de certa controversia. Así nun primeiro momento asignouse á vianesa ao tronco cántabro, sen embargo recentes estudos xenéticos parecen asignar a súa orixe a Bos primigenis estrepticeros.


A pesar das medidas de protección postas en marcha nos derradeiros tempos para a recumeración das razas gandeiras autóctonas de Galicia, a vaca vianesa segue a ser un animal moi escaso, polo que a recente decisión de anulalas axudas ás explotacións gandeiras de razas autóctonas poñen en serio perigo a supervivencia desta raza a medio e longo prazo.








Nas imaxes unhas cantas vianesas fotografadas o pasado día 17 de febreiro de 2013 en terreos do concello de Laza. 


miércoles, 20 de febrero de 2013

O Petroglifo de O Couto.

Até fai ben pouco tempo parecía que a provincia de Ourense apenas tiña mostras de arte rupestre prehistórico, que en Galicia se manifesta nos petroglifos, unha sorte de grabados feitos nos penedos polos galegos da idade de ferro. Sen embargo, nas derradeiras década foron aparecendo cada vez máis exemplos deste arte que conta con máis de 4000 anos de antigüidade.

Moi perto da capital, en Santa Cruz de Arrabaldo, apareceron durante a apertura da autopista a Santiago, un penedo con grabados que reflexan labirintos ou circulos concéntricos. Esta temática vense relacionando ao parecer cunha especie de calendario solar ou lunar, aínda que sobre o mesmo hai certa controversia e non todos os expertos opinan igual.





Para ir velos petroglifos do couto teredes que achegarvos a Santa Cruz de Arrabaldo, unha vez alí coller a estrada que vai á antiga estación de ferrocarril, opnde atoparedes unha pista a mán esquerda que despois de 2 km vos levará dereitos a esta maravilla da arte prehistórica.

É importante, asemade, unha chamada á responsabilidades de tod@s nós no tocante á conservación deste patrimonio histórico ourensán, comenzando por NON MARCAR CON XIZ (tiza) os petroglifos para fotografalos, xa que podemos danalos e finalmente perdelos se todos facemos o mesmo.

domingo, 17 de febrero de 2013

Sapo cunqueiro atropelado na serra de Queixa.

En moitas ocasións temos falado do sapo cunqueiro (Bufo bufo) como unha especie de anfibio anuro abondosa en Ourense, mais non exenta de problemas, xa que é unha das especies que máis afectada se ve polos atropelos.

A apertura indiscriminada de pistas en algunha das nosas serras ten producido un considerable aumento da accesibilidade de vehiculos a motor polos montes, quads e motos de montaña principalmente, aínda que tamén todo terreos e un longo etc.... Este aumento do tráfico rodado en zonas tan agrestes era un feito descoñecido ate hai uns 30 anos. Sen embargo a día de hoxe pode chegar a ser unha das prioncipais causas de morte de anfibios en certas zonas. Este feito produciuse moi especialmente en certas áreas das bisbarras de Monterrei e A Limia, onde se fixeron concentracións parcelarias coa conseguinte apertura indiscriminada de pistas, que se traduciu na practica nun xenocidio para as especies de hérpetos presentes nesas zonas.

Os atropelos prodúcense principalmente na época reproductora, momento de gran movimento de anfibios na procura do líquido elemento para reproducirse, un problema de dificil solución, ou quizáis non...

Para aqueles que pensamos que unha mellor provincia de Ourense é posible, a solución pasa por un compromiso por parte de todas as administracións competentes, para a localización dos principais puntos de atropelo de anfibios e a conseguinte colocación de pasos soterráneos e barreiras para guialos bichos a así evitar a absurda condena a morte á que estamos sometendo a unha parte imprescindible da nosa fauna.

Na imaxe un sapo cunqueiro atopado morto por atropelo na serra de Queixa o pasado día 4 de agosto de 2012.

sábado, 16 de febrero de 2013

Lagartixa dos penedos en Entrimo.

Non fai moito que falamos de esta especie endémica neste mesmo blog, asi que xa non faremós máis fincapé no estatus sistemático de Podarcis hispanica en Ourense. 

Fauna Ourense naceu no seu día co firme propósito de tranformarse co paso do tempo nunha ferramenta de consulta para o coñecimento da fauna da provincia de Ourense. Así, a risco de ser pesado, agardo que co paso dos meses e os anos aparezan reflexadas todas as poboacións posibles da especie da provincia, coa intención de que se poidan facer comparanzas entre os exemplares de zonas diferentes, usando para tal fin a etiqueta correspondente.



Nesta ocasión achégovos ás Podarcis hispanica da Baixa Limia, cun exemplar fotograzado en Olelas, Entrimo, o pasado día 9 de febreiro de 2013.

jueves, 14 de febrero de 2013

Ra verde en Entrimo.

Xa sabedes que o pasado día 9 de febreiro andiven por Olelas, un curioso pobo do concello de Entrimo, situado na bisbarra da Baixa Limia. 

Si unha cousa caracteriza a Olelas, e a unha gran parte da bisbarra da Baixa Limia, é a abundancia de auga, debido a alta tasa de precipitación que presenta a zona, das máis altas da provincia. Ese feito permite a presenza dun curioso anfibio, a píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica), sen embargo a píntega aínda que apareceu, non se deixou fotografar. 







O que si detectamos desta volta  foi a presencia duns dos anfibios máis abondosos da provincia, a rá verde ibérica (Pelophylax perezi). Trátase dun anfibio anuro, cuiosbaixos requerimentos ecolóxicos fan prácticamente omnipresente en cursos e masasa de auga doce de toda a provincia, incluso naqueles contaminados, como pode ser o río Barbaña en Ourense. En olelas, cruzada por numerosos regatos de augas prístinas, esta especie endémica da Península, aparece incluso nos treitos de maior caudal e máis altitude da zona, ocupando un niño máis propio de outras especie que da propia ra verde. Curiosos son os bichos en ocasións...

miércoles, 13 de febrero de 2013

Ra dos regos en Lobeira.

A ra dos regos (Rana iberica) é un anfibio anuro endémico da Península Ibérica, na nosa provincia, pasa por ser un dos anfibios máis frecuentes, sempre a a contaminación escesiva non o impida, xa que a especie parece ter abandonado certos puntos debido a este feito.













O pasado día 9 de febreiro foron localizados varios exemplares no río Fragoso, no concello de Lobeira, pertencente á bisbarra da Baixa Limia, e aquí van unhas pequenas mostras dos exemplares observados.


domingo, 10 de febrero de 2013

As cachenas de Olelas.

"O home é unha criatura de esperanza e inventiva, e ámbalas duas cualidades desminten a idea de que non é posible cambia-las cousas"- Tom Clancy (1947-) Escritor estadounidense.
Olelas é un pequeno pobo do concello de Entrimo, situado na bisbarra da Baixa Limia. A historia e o tempo quixeron que fose neste e non noutro onde a raza autóctona de vaca coñecida como cachena, sobrevivise para deleite dos ollos de medio mundo, xa que foi neste pobo onde sobreviviron os derradeiros exemplares da raza. 

Hoxe en día o perigo volta a sobrevoar á raza, considerada unha das razas vacunas máis pequenas do mudo, xa que o actual contexto de crise económica e os máis que temidos recortes consecuencias da mesma, fixo que fosen retiradas as subencións para as explotacións de razzas autóctonas de gando, pondo en serio perigo a supervivencia das mesmas.