COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta Peixes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Peixes. Mostrar todas las entradas

lunes, 30 de septiembre de 2013

Bermelliñas no Barbaña.

Non quixera rematar este mes sen adicarlle unha entrada a un grupo frecuentemente esquecido polos naturalistas, como é o grupo dos peixes. No caso de Ourense, ao ser unha provincia completamente interior, temos que falar de ictiofauna continental, ou de auga doce.

Nas imaxes, optidas recentemente no treito urbán do río Barbaña, podedes apreciar varios bancos ou cardumes dun dos nosos peixes de auga doce máis característicos e peculiares, a bermelliña (Rutilus arcasii).

A berbelliña é un pequeno peixe de auga doce endémico dos ríos da metade Norte da Península Ibérica, a escepción de moitos dos ríos cantábricos e Pirenaicos.

Debido a súa escasa área de distribución, e á súa progresiva regresión poboacional, esta especie está ameazada, polo que foi calificada coa categoría de Vulnerable, nas diferentes listaxes de especies ameazadas tanto nacionais como internacionais, de faito está incluía no Anexo III do convenio de Berna.

En Ourense a especie ten diminuido moito o seu número, sobre todo na cunca do río Limia, estando presente nas cuncas do mencionado río Límia, a do Miño-Sil, e a do Támega.








O poder atopar esta especie tan perto da casa é un privilexio que agardo poidamos disfrutar no futuro, xa que o Barbaña, como todos sabedes, é un dos ríos máis contaminados de Galicia, e sofre frecuentes episodios de verquidos químicos que arrasan todo tipo de vida subacuática, xeralmente provintes do veciño Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas. Asemade, dentro do propio concello, atopamos moitos puntos de verquidos ilegais, xeralmente de augas residuais domésticas.

domingo, 4 de agosto de 2013

A lamprea mariña en Ourense.

"Avergóñate menos de confesa-la túa ignorancia, que de porfiar nunha necia discusión que a faga patente"- Eliz Joceline (1595-1622)- Escritora inglesa.

A fauna histórica da provincia de Ourense ben podería compararse cunha tráxica novela negra, na que a aparición dunha sinistra personaxe desemboca nunha serie de asasinatos en serie na que o pistoletazo de saída o supón un oscuro protagonista, o ser humano. Como a vida mesma, nesta novela van faltando personaxes, como páxinas dun libro inconcluso de fin indescifrable.

Unha desas desafortunadas vítimas da nosa novela negra é a lamprea mariña (Petromyzon marinus), un peixe agnato moi apreciado na gastronomía do Noroeste Peninsular, tanto coma si dun manxar de deuses se tratase. Mais vaiamos por partes...

Como xa dixemos a lamprea mariña é un peixe, de forma serpentiforme, que con até 1.5 metros de lonxitude, é a maior das especies de lampreas que viven na Europa. Trátase dunha especie anádroma, o cal quere dicir que vive no mar e remonta os ríos para reproducirse. A lamprea mariña é un peixe parásito, que subciona sangue doutros peixes coa súa boca en forma de ventosa e armada de dentes, aínda que tamén pode comer pequenos peixes enteiros e carroña.

Os exemplares adultos son mariños, máis aos tres ou catro anos acadan a madurez sexual, e remontan os treitos baixos e medios da cunha dos ríos para reproducirse, feito que soe ter lugar a primeiros de ano, durante o remonte dos ríos as lampreas non se alimentan. Chegado o momento as femias pescudan no río un fondo con grava e area, e excaban nel un buraco dun metro de diámetro e uns 20 cm de profundidade, recollendo croios coa súa boca subcionadora. Unha vez rematado o "niño" o macho adíderese á femia e fertiliza os milleiros de ovos que pon (entre 34000 e 100000!). Rematada a reproducción os adultos morren. Despois de dúas semanas nacerán as larvas, que viven entre 2 e 5 anos enterradas no bulleiro (barro) do fondo do río, alimentándose do que filtran no seu meio (microorganismos e materia orgánica). Ao acadar os 20 cm de lonxitude comezan a metamorfose, na que a aleta dorsal da ammocetes (que así se denomina á larva da lamprea), dá lugar ás tres aletas dorsais da lamprea adulta. Nese momento a lamprea viaxa ata o mar, onde vivirá a uns 200 metros de profundidade.

Houbo un tempo no que as lampreas habitaron a nosa provincia, xa que remontaban o río Miño, cando menos ata a súa capital. Proba delo son as pesqueiras que o Monteiro de Oseira (San Cristobo de Cea) posuía no río Miño ao seu paso pola parroquia de Arrabaldo, na actualidade situada no concello de Ourense e en tempos pertencente ao desaparecido concello de Canedo, nas que entre outras especies se capturaban as lampreas. Chegado o século XX, a construccción indiscriminada de obras hidráulicas nos ríos ourensáns impediu o remonte da lamprea no río Miño, feito que se materializou definitivamente no ano 1970 coa construcción do encoro de Frieira.

Na actualidade, desgraciadamente, a única maneira que temos para ver unha lamprea viva en terras ourensáns é dentro dun acuario á entrada dun restaurante, á espera de ser cociñada, como a destas imaxes, obtidas nun deles recentemente alá por Terras de Celanova.














viernes, 5 de agosto de 2011

Unha carpa no lixo: reflexión sobre as invasoras.







Recentemente espertamos ca publicación do novo catálogo español de especies invasoras, dito catálogo non está exsento de polémica, debido maiormente a notorias ausencias, coma a do cangrexo de río americano.



No tocante á provincia de Ourense, xa son cuantiosas as especies de animais e prantas alóctonas que se teñen instalado na nosa terra nos derradeiros tempos. Moitas delas quedarán xa para sempre, xa que a súa aliminación é xa case que imposible, como quizáis sexa o caso do propio cangrexo de río americano, ou o visón americano.


Un dos casos máis frecuentes de introdución acontecidos na provincia, é a orixinada pola solta indiscriminada de especies de peixes alóctonas nos diferentes cursos fluviais. Son moitas as especies que foron introducidas para satisfacer o gusto dos afecionados á pesca deportiva.


Sen embargo non todos eles pensan igual, sabido o dano que algunhas das especies novas provocan nas poboacións das especies autóctonas, como por exemplo na troita.


Así, algúns pescadores sacrifican sistemáticamente todos aqueles exemplares de especies alóctonas que pican no seu anzol, un claro exemplo é esta carpa atopada nunha papeleira a carón do río Miño en terreos do concello de Cenlle, exemplar, por outra banda, dun tamaño máis que apreciable.

lunes, 17 de enero de 2011

Futuro imperfecto, 1º capítulo: Listaxe dos peixes introducidos na provincia de Ourense.




"Nunca penso no futuro, chega deseguida"- Albert Einstein (1879-1955)- Físico Alemán.

Durante as derradeiras décadas foron introducidas numerosas especies de peixes na provincia de Ourense, o que a longo prazo hipoteca a saúde e o equilibrio ecolóxico dos ecosistemas de auga doce interiores.

Na nosa provincia temos duas causas principais na orixe destas introducccións, a primeira e principal supona a introducción de especies de interese para a pesca deportiva.

Normalmente se introducen especies para que sirvan de presa directamente aos pescadores, ben sexa pola "dificultade" que entraña a súa captura, ou ben polo gran tamaño que acadan certos exemplares de determinadas especies. Por outra banda tamén temos certas especies de escasa ou nula importancia pesqueira, pero que foron introducidas como cabo vivo para outras especies de maior interese.

A segunda causa de introducción foi a liberación no medio natural, ben sexa de maneira deliverada ou accidental, de especies ornamentais de acuario ou estanque.

En ocasións certas especies rematan no sistema de alcantarillado e finalmente nos rios, outras foron liberadas en estanques dende onde as ovas foron parar aos ríos. Por outra banda, en certos estanques próximos a cuncas fluviais, certas especies acadaron o cauce principal da rede fluvial despois de enchentas nas que, en periodos de intensas chuvias, a auga dos ríos acadou estes estanques, e os peixes alóctonos conquistaron os ríos ourensáns.

Especies de peixes introducidas nos rios ourensáns:

1) De interese deportivo ou asociadas á práctica da pesca deportiva:

Troita americana ou troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss ) de orixe americana.
Troita de fontana (Salvelinus fontinalis) de orixa americana.
Lucio (Esox lucius) de orixe centroeuropea.
Carpín dourado (Carassius gibelio) de orixe asiática.
Carpín común (Carassius carassius) de orixe asiática.
Carpa comun (Cyprinus carpio) de orixe asiática.
Gobio (Gobio lozanoi) de orixe centroeuropea.
Tenca (Tinca tinca) de orixe centroeuropea.
Gambusia (Gambusia holbrooki) de orixe americana.
Peixe sol ou Perca sol (Lepomis gibbosus) de orixe americana.
Black-bass ou perca americana (Micropterus salmoides) de orixe americana).

2) Peixes ornamentais ou de acuariofilia citados en liberdade ou introducidos na provincia de Ourense.

Peixe limpador de acuarios (Hypostomus plecostomus) de orixe africana.
Peixe vermello (Carassius auratus) de orixe asiática.
Guppy (Poecilia reticulata) de orixe americana.

Como vedes a listaxe é ampla, sen embargo está lonxe de estar pechada, xa que todo apunta a que o número de especies seguirá medrando nos vindeiros anos, en parte debido ao tráfico de especies para o mercado de mascotas, en parte debido a expansión de especies alóctonas que a día de hoxe están próximas a alcanzar a provincia de Ourense, e en parte á introducción de novas epecies para satisfacer a demanda dos pescadares deportivos.

Nos últimos anos existen ademáis fundados rumores que aínda non puiden comprovar, de novas especies presentes en Ourense, que son as seguintes.

3) Especies de peixes alóctonas de presencia aínda non confirmada na provincia de Ourense.

Piscardo (Phoxinus phoxinus), Autóctono no Norte da Península Ibérica pero introducido na Galiza coma cebo vivo e actualmente en expansión polo territorio galaico, atópase ben establecido na provincia de Lugo, na cunca do río Miño, existen rumores da súa presencia en Ourense dende os anos 90 do pasado século.

Siluro (Silurus glanis), numerosos pescadoren aseguran a súa presencia no encoro de Castrelo de Miño, é de orixe centroeuropea e acada tallas moi grandes, na actualidade está presente nas cuncas do Douro e do Ebro.

viernes, 14 de enero de 2011

Pretérito Imperfecto, 1º capítulo: Listaxe dos peixes extintos na provincia de Ourense.


"Na Terra hai suficiente para satisfacer as necesidades de todos, pero non tanto como para satisfacer a avaricia de algúns"- Mahatma Gandhi (1869-1948)- Pensador e político indio.

O home, ao longo dos séculos, e sobre todo nos derradeiros 300 anos, está a provocar unha extinción masiva de especies por todo o planeta. A nosa provincia non é allea a esta realidade, como xa en diversas ocasións temos comentado a través das páxinas deste blog.

Un dos grupos de vertebrados afectados nos derradeiros 50 anos pola acción manipuladora da man do home son os peixes, e dentro destes o grupo de especies denominadas anadromas.

As especies de peixes anadromas caracterízanse por ter un ciclo reproductivo que atinxe tanto ás augas continentais como mariñas. Así, os peixes anadromos remontan os ríos en dirección ao seu nacimento para reproducirse, as crías, despois dun certo período de tempo que varía segundo a especie, retornan ás augas mariñas, onde se tornarán adultos e agardarán a que os seus instintos reproductores os obriguen de novo a retornar ás augas doces que os viron nacer.

Esta realidade biolóxica atopa un obstáculo insuperable nas obras hidráulicas construídas polo home para a obtención de enerxía. No caso ourensán, esta realidade tornouse especielmente palpable durante a ditadura franquista, xa que nese escuro período da historia do noso país se construiron a maioría dos encoros ourensáns, aínda que a tendencia a encorar as augas dos ríos ourensáns continúa hoxe en día.

A continuación imos a enumera-las especies de peixes de distribución histórica comprovada na provincia de Ourense. Apuntamos como data de extinción definitiva o ano 1970, xa que nesa data se construiu no río Miño a presa de Frieira, muro de 37 metros de altura que impediu para sempre o remonte das especies anadromas dende a provincia de Pontevedra hacia a de Ourense. Con anterioridade á construcción indiscriminada de presas, sen remontes efectivos para permitir a viaxe das especies migradoras de peixes, os anadromos remontaban os ríos ourensáns chegando incluso a provincias veciñas coma León ou Lugo.

Especies de peixes extintas na provincia de Ourense:

Lamprea mariña (Petromyzon marinus).
Sábalo (Alosa alosa).
Saboga (Alosa fallax).
Salmón europeo (Salmo salar).
Reo ou troita marisca (Salmo trutta trutta).

Asemade existen certas especies de peixes, migradoras tamén, con citas históricas no Baixo Miño, pero sin referencias específicas para a provincia de Ourense, pero que cremos que puideron estar presentes nela debido aos seus requerimentos de hábitat.

Especies de peixes con posible presenza histórica na provincia de Ourense:

Lamprea de río (Lampreta fluviatilis).
Lamprea dos regatos (Lampreta planeri).
Esturión ou Sollo (Acipenser sturio).

viernes, 19 de noviembre de 2010

O carpín dourado, especie introducida en Ourense.



O carpín dourado (Carassius gibelio), é un peixe de orixe oriental, da familia da carpa, introducido dende antigo no continente europeo, na provincia de Ourense, parece ben establecido na cunca do Miño-Sil, e na do Limia.

Trátase dunha especie introducida con fins deportivos no século pasado, tamén é habitual en acuarios e estanques públicos, polo que parte da súa área de distribución actual na provincia tamén pode deberse a soltas ou escapes accidentais sen relación ca pesca deportiva.

De feito, na cidade de Ourense, tanto o carpín, como os seus parentes, o peixe vermello (Carassius auratus) e o carpín común (Carassius carassius), foron utilizados como especie ornamental en diversos estanques de parques públicos, algúns deles moi próximos ao cauce principal do treito urbán do río Miño. Algún ano de abundantes precipitacións, as enchentas do río chegaron a alcanzar eses estanques, polo que os peixes remataron habitando o pai Miño, formando parte xa da súa fauna piscícola.

Nas imaxes aparece un exemplar que atopamos morto nun estanque do Campus Universitario de Ourense a miña colega Tania Fernandez da Cunha (Nana), e máis eu, durante unha saída herpetolóxica o pasado día 11 de novembro de 2010.

miércoles, 3 de noviembre de 2010

Espiñentos nunha fonte do concello de Baltar.


Un dos problemas aos que se teñen que enfrontar os nosos anfibios, por si tiveran poucos, é a introducción sistemática de peixes nos seus lugares de cría, como pilóns, fontes ou depósitos de auga.

Esta costume, moi extendida nos últimos tempos, pode significar a extinción de poboacións enteiras de anfibios, xa que estes peixes depredan sobre as postas e os adultos canto estes se dirixen a estes puntos aillados de auga durante a época reproductora.

A estes puntos de auga aillados os peixes nunca chegarían sin que a propia man do home os levara.

Na imaxe aparecen uns cantos espiñentos (Gasterosteus gymnurus) atopados nunha fonte do concello limiao de Baltar, fonte que estaba colapsada por esta especie e que carecía por completo de anfibios.

Curiosamente o espiñento é, en xeral, unha especie escasa, calificada como vulnerable no catálogo nacional de especies ameazadas; quizáis a solución pasaría por trasladar estes espiñentos a un lugar máis axeitado.

viernes, 11 de junio de 2010

Os espiñentos que vivían con fósiles viventes.


En ocasións a natuteza sorpréndenos con curiosas comunidades animais, este é o caso dunhas charcas do concello de Rairiz de Veiga onde podemos atopar ao espiñento (Gasterosteus gymnurus) convivindo con este curioso crustáceo que tamén aparece nas imaxes o Lepidurus apus, un ser que leva sobre a face do planeta dende o período Triásico (uns 300 millóns de anos nos contemplan dende esa criatura con forma de culler...) curiosa, moi curiosa convivencia dunha especie que aparece como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas e un tesouro faunístico que carece por completo de protección.


Estas imaxes optidas na compaña de Martiño Cabana e Anxos Romeu o pasado día 23 de maio de 2010 poñen de manifesto o descoñecido da nosa fauna e a necesidade da súa conservación.

martes, 10 de noviembre de 2009

Troita na serra de San Mamede.


Nun regato do pobo de Rebordechá, no concello de Vilar de Barrio, foi localizado este exemplar de troita de río (Salmo trutta fario) o día 7 de setembro de 2008, boa prova da calidade das augas da Serra de San Mamede.

lunes, 19 de octubre de 2009

Troitas no Carballiño.








Se algunha especie piscícola é a raiña dos nosos ríos esa é sen dúbida a troita (Salmo trutta fario), peixe que a pesar de seguir sufrindo as consecuencias da explotación e a contaminación dos ríos da provincia, segue a estar ben representada nos cursos fluviais de Ourense, en parte axudada polas sucesivas repoboacións realizadas dende os coutos de pesca.

Un dos puntos onde se crían troitas para a repoboación dos ríos da provincia é a piscifactoría do Carballiño, de cuia canle de alevinaxe a carón do río Arenteiro, proveñen estas fotografías, do día 18 de outubro de 2009.

Milleiros de gambusias no encoro de Castadón.






Estas fotografías feitas no encoro de Casatadón o día 18 de outubro de 2009, son só unha pequena mostra da enorme poboación de Gambusias (Gambusia holbrooki) asentada na conca do río Loña,, nestes últimos días de sol do outono este pequeno peixe asoléase sobre as follas dos freixos que están comezando a caer sobre a auga do encoro, esta especie introducida está a medrar exponencialmente na conca deste río ourensán, afluente do río Miño, polo que pronto seremos testemuñas da súa expansión pola provincia

jueves, 8 de octubre de 2009

Escalo ou cacho no río Buble.


Tamén o escalo ou cacho (Scualius carolitertii) está presente na conca deste río da bisbarra de Monterrei, sendo a terceira especie endémica ibérica atopada o día 4 de outubro de 2009, entre a multitude de peixes mortos que había nesa poza do río, como podedes ver a visita á comarca de Monterrei da man de Martiño Cabana, Xosé Ramón Reigada, Anxos e Rafa foi do máis productiva, mostrando claramente a excepcional riqueza desta bisbarra ourensá.

Boga no río Buble.


Outra das especies atopadas na conca do río Buble o día 4 de outubro de 2009, foi a boga (Chondrostoma duriense), unha especie piscícola endémica do cadrante noroccidental ibérico.

Barbo ibérico no río Buble.





Unha das especies piscícolas que habita o río Buble é o barbo ibérico (Barbus bocagei), este exemplar foi localizado morto nunha charca do cauce do río o día 4 de outubro de 2009, no que había multitude de barbos e outras especies mortas, quizáis por falta de oxixeno, ou por calquera outra circustancia, xa que, debido á seca estival, o río carece de corrente, en troques hai certos puntos, pozas, na que a auga se mantivo salvando un pequeno continxente de alevíns, para que na próxima tempada o río Buble non fique valeiro de peixes.

O barbo ibérico é unha especie de peixe endémica do NO da Península, en Galicia apacere nos cauces da metade Sur da comunidade, en Ourense a distribución potencial da especie atinxe ás concas do Miño-Sil, Limia e Támega, dende hai algún tempo especúlase ca extinción do barbo ibérico na conca do Miño-Sil, aínda que dito extremo aínda non foi confirmado.

lunes, 28 de septiembre de 2009

Cacho no río Arnoia


O cacho (Squalius carolitertii) é un peixe frecuente e ben distribuido polos ríos da provincia, e é unha das especies que se viu afectada polo verquido tóxico ao río Barbaña o pasado mes de xullo.

Esta fotografía amosa un pequeno exemplar atopado agonizando á beira do río Arnoia en Allariz, a man é de Martiño Cabana.

martes, 8 de septiembre de 2009

Carpas nas areeiras da Limia


A carpa (Cyprinus carpio) atópase moi extendida xa pola provincia, e nas areeiras da Limia é unha das especies de peixes máis frecuentes, de feito é quizáis a responsable de que certas especies de aves piscívoras aumentaran considerablemente a súa distribución na provincia, como pode ser o caso do miñato queimado (Milvus migrans) ou o corvo mariño (Phalacrocorax carbo).

Estas fotos son do día 5 de setembro de 2009 nas areeiras da Limia en Sandiás.

martes, 1 de septiembre de 2009

Perca sol na Limia.




A perca sol (Lepomis gibbosus) especie piscícola de orixe americana atópase xa moi extendida pola conca do río Limia, sendo a especie de peixe máis abundante das areeiras da Limia.

Estas fotografías amosan diferentes exemplares nunha das areeiras da Limia do concello de Vilar de Santos o día 29 de agosto de 2009.