COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta A Limia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A Limia. Mostrar todas las entradas

domingo, 7 de junio de 2015

A garza branca, un novo integrante da fauna Ourensá.

Moitas veces neste blogue temos falado da extinción ou do lamentable estado de conservación dalgunha das especies que integran ou integraron a nosa fauna, de tal xeito que parecemos algo pesimistas en ocasións. Por iso non está de máis, de vez en cando, dar boas novas para ver que existe e é posibel un futuro mellor para o meio natural da nosa provincia.

Vaiamos pouco a pouco e contestualicemos, na medida do posibel, esta entrada, xa que de vez en cando é preciso facer algo de historia...

Alá polo final do século XIX e o XX puxéronse de moda as plumas nos sombreiros das damas da alta sociedade Europea e Americana, estas plumas eran, habitualmente, aquelas que certas especies de garzas posúen na época de celo. Así produciuse unha presecución implacabel nas colonias de cría de ardeidos de toda Europa continental, que deu por resultado a desaparición de moitas delas. E polo tanto a diminución dramática en moitos casos das súas poboacións, que se tiveron que afrontar asemade, á destrucción do seu hábitat natural. Xa que durante o século XX foron desecadas multitude de zonas húmidas.

Co avance dos tempos, e o troco de conciencia ecolóxica, os ardeidos foron protexidos na maior parte dos países europeos, recuperándose gran parte das colonias Centroeuropeas de diferentes especies, que son, as que integran a maior parte do continxente invernante da Península deste tipo de especies.

Así, nos finais do século pasado a garza branca (Egretta alba) comezou a deixarse ver pola península Ibérica, chegando a críar pouco tempo despois. Nese tempo tamén comezaron a verse os primeiros exemplares invernantes na Galiza, pero non foi até ben entrado o século XXI cando se comezaron a ver os primeiros exemplares invernantes en Ourense, primeiro no val do Miño e , posteriormente na Limia.

Na actualidade a invernada desta especie na provincia de Ourense pode considerarse escasa aínda que regular, e en constante aumento, proba delo son os tres exemplares, como mínimo, que invernadon na ZEPA da Limia a pasada tempada.

Así o que estamos a contemplar na actualidade é a recolonización por parte desta especie, de parte do terreo que perdeu históricamente a causa da persecución directa por parte do home, e debemos festexar este feito, e desexar que se repita con outras das especies que se extinguiron pola mesma causa no noso entorno máis inmediato.

Nas imaxes podedes apreciar varios dos exemplares obervados entre o final de 2014 e o comezo de 2015 no espazo natural das Areeiras da Limia, a cabalo entre os concellos de Vilar de Santos e Sandiás.









martes, 26 de mayo de 2015

Unha cegoña anelada na limia.

Como xa observaríades, nos derradeiros meses a miña actividade blogueira foi bastante escasa, tanto por falla de tempo, como por falla de motivación, pero neste momento persoal de cambio e veolución, chegou o mento de dar saída ao arquivo fotográfico almacenado. 

Non fai falla dicir, seguramente, que a miña actividade bicheira se verá trasladada en breve á provincia de pontevedra, pero aínda non decidín como vou a facer con ese tema, aceitanse suxestións...

Vaiamos ao grao, que eu deseguida me vou polas polas....hahaha, seguro que tamén a vós vos soa ese xogo de palabras que o meu mestre de galego facía con esas verbas e aquelo do oso do oso....

O pasado mes de xaneiro recivín a visita de David Alvarez, autor do magnífico blogue "Naturaleza Cantábrica". Xa sabes David que agora agárdote en Vigo. Xuntos demos unha volta polo sempre sorprende espazo natural das Areeiras da Limia, incluído dentro da ZEPA da Limia, trátase dun conxunto de lagoas producidas pola actividade mineira de extracción de area, e que, naturalizadas con posterioridade, pasan por ser unha das zonas húmidas máis interesantes do interior galaico.

Ese día, o pasado 3 de xaneiro de 2015, atopamonos cun exemplar de cegoña branca (Ciconia ciconia), bastante maltreito por certo, anelado nunha das pistas a carón dunha das areeiras da Limia. Sei que esta información perde validez ao non dala no momento, pero bueno, ahí están as imaxes que testemuñan o encontro con este animal.








sábado, 13 de septiembre de 2014

Participa no encontro de Soberanía Alimentaria en As Corcerizas!‏

 

ENCONTRO DE SOBERANÍA ALIMENTARIA
ALTERNATIVAS LOCAIS PARA UN CAMBIO GLOBAL

Amigos da Terra convídavos a participar nun encontro do 26 ao 28 de setembro, no que pretendemos construir pontes entre a xente e os seus alimentos

A relación que temos cos alimentos e a forma na que os producimos está sometida a presións crecentes. Como resultado, a agricultura a pequena escala está sendo reemplazada por unha a gran escala, creada por agro-empresas transnacionais.
AGRO-INDUSTRIA E REPERCUSIÓNS SOBRE O MEDIO E COMUNIDADES: con Blanca Ruibal-Amigos de la Tierra:
  • Quén se beneficia cos transxénicos? Unha industria baseada en mitos
  • Acaparamento de terras: casos exemplo de Liberia e Indonesia
  • Os tratados de libre comercio: o novo asalto da globalización económica
DA HORTA AO PRATO. Obradoiro de Cociña EcoLóxica Local: alternativas prácticas para un cambio global. Con Gloria Domecq, especialista en cociña natural. Outros temas que trataremos:
  • Obradoiro de autoprodución de setas
  • Os "Alimentos Quilométricos"
  • O despilfarro alimentario
Participa!
 
Límite de inscrición:
23 de setembro; prazas limitadas!
Máis información:
www.ascorcerizas.com/info@ascorcerizas.com
ou contactando no 986 229 089, local de Amigos da Terra en Vigo.


domingo, 7 de septiembre de 2014

Lagartixa galega en Trandeiras.

O Bon Xesús de Trandeiras é un Mosteiro abandonado e en ruinas situado no concello de Xinzo de Limia, lonxe quedan xa os tempos nos que os monxes percorían o seu marabilloso claustro. Hoxe en día este claustro está habitado por un dos nosos endemismos ibéricos máis senlleiros, a lagartixa galega ou de Bocage (Podarcis bocagei).

A lagartixa galega é o réptil máis frecuente da bisbarra da Limia, como dixemos é un endemismo ibérico, exclusivo do cadrante Noroccidental Ibérico, tendo a maior parte da súa distribución en Galicia e no Norte de Portugal.

Este exemplar foi fotografado o pasado día 24 de Agosto de 2014 no claustro do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, en terreos do concello limiao de Xinzo de Limia.






sábado, 6 de septiembre de 2014

O gato bravo en Ourense.

O gato bravo (Felis sylvestris) é na actualidade o único felino salvaxe con presencia confirmada na nosa provincia. Pese ao que poida parecer non é o antecesor do gato domestico (Felis catus) que ten a súa orixe na especie africana (Felis lybica).

O gato montés ou bravo é de mairo tamaño, máis corpulento e peludo que o gato doméstico atigrado, ademáis o primeiro posúe unha cola grosa, de punta redondeada, namentres que o doméstico ten a punta do rabo apuntada.

Antano máis común é pouco o que se sabe da distribución actual da especie en Ourense, que parece restrinxida ás zonas montañosas centro-orientais. As súas costumes discretas e a fácil confusión co gato doméstico fan desta especie un dos mamíferos peor coñecidos da provincia.

O pasado día 24 de agosto de 2014 topeime con este gato no medio dunha zona montañosa das estribacións da serra de San Mamede perto da confluencia dos concellos de Sarreaus, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia. Ao meu parecer debe tratarse dun exemplar cimarrón (asilvestrado) de gato doméstico. Pero a súa imaxe fíxome lembrarme do seu parente o gato bravo, e usar esta escusa para presentarvos ao último tigre que nos queda en Ourense.

Un dos problemas de conservación (non contrastado en tódalas áreas habitadas pola especie silvestre), parece ser a hibridación do gato bravo co seu parente doméstico. Este problema parece ser importante en áreas das illas Británicas nomo Escocia.


e si de verdade este gato limiao fose un gato bravo...?












miércoles, 3 de septiembre de 2014

A historia das perdices antes comúns.

Cando eu era apenas un cativo, como na miña casa non había vacas, soía ir cunha veciña, "a tía Mercedes", que tiña duas vacas e unha burra branca moi mansa, ah e un can que se chamaba Roi.

A tía Mercedes ensinoume a face-los pisotes de moras no monte, a mirar de que charcas se podía beber, e xunto co seu marido,  "o tío Paco", ensináronme unha chea de nomes vernaculos de todo tipo de animais.

Unha das cousas que me gustaba escoitar de boca da tía Mercedes era cales eran os animáis que ela botaba en falla. así contaba como xa non quedaban lobos, que xa non había pernileiros, que unha vez vira un xuxa...

Un día, cando estabamos nun lameiro que chamaban A Labandeira", antes de que se fixeran as concentracións parcelarias, a tía Mercedes dei en contarme que antes, nese mesmo prado, víanse "currileiros de perdices", currileiros?- dixen, pois sí, nese recuncho da Limia onde medio me criei, nese pobo chamado Castelaos de Vilar de Santos, currileiro ten un significado. As xentes chamabanlle así á fila de pitiños nidífugos que segue a unha ave, como por exemplo á perdiz.

A especie de perdiz máis frecuente é a perdiz común ou bermella (Alectoris rufa). Antano estas perdices eran moi frecuentes en toda a provincia, sendo sustituidas por outras especies nas cotas máis altas das serras.

Hoxe en día, aínda que está presente en numerosos puntos da provincia, xa non se ven os grandes bandos postreproductores que segundo algunhas xentes podían estar compostos por máis dun cento de indivíduos. Na actualidade o máis habitual é velas en número moito máis pequeno, e incluso en pares ou nunha ducia como moito.

O declive da especie nos derradeiros corenta anos foi realmente dramático na maior parte do país. Detrás deste declive atópanse varias causas.

A primeira, a persecución por parte do home, xa que é unha peza de caza moi covizada.
A segunda, o troco dos usos agrícolas tradicionais, e cambio dos cultivos. a merma do cultivo de cereais de maneira tradicional, e a mecanización do campo mermou o seu hábitat potencial considerablemente. Lugares nos que se cultivaba cereal (centeo ou trigo) hay corenta anos, hoxe son piñeiraiis, ou macroparcelas sin sebas vexetais entre elas.
A terceira, o aumento da poboación de xabarín, que depreda sobre as postas da especie, a pesar de que se trata dunha especie moi prolífica.
A cuarta, a repoboacións con animais de granxa, ou con subespecies doutras latitudes, que merman a variabilidade xenética da poboación de perdiz autóctona.

A perdiz común, que de común xa non ten nada, é unha galiñácea de tamaño medio, que frecuanta cultivos e zonas de mato.

Especie de curioso comportamento reproductivo, unha  vez emparelladas a femia fai unha posta de entre dez e dezaseis ovos, que coidará o macho. Despois disto fai unha nova posta que coidará ela mesma.

Espallada irregularmente pola provincia, as súas poboacións son frecuentemente reforzadas polos cazadores mediante repoboacións cinexéticas, que moitas veces teñen unha orixe en granxas ou en zonas con outras razas da mesma especie.

As imaxes que acompañan este post foron obtidas en catividade no concello de Rairiz de Veiga.
















domingo, 20 de octubre de 2013

Roteirríos polo río Limia.

 
O vindeiro sábado 26 de outubro, convocamos o Roteirríos de outubro que desta volta estará adicado a coñecer diferentes ecosistemas doceacuícolas da comarca limiá.
Na xornada, realizaremos un roteiro polo río Limia, achegándonos a súa biodiversidade. Coñeceremos tamén unha iniciativa de restauración realizada nunha das areeiras de Sandiás. A visita será guiada polo biólogo e restaurador de ecosistemas Diego R. Vieites (Verdegaia).
                  Programa da Xornada
10.30 Encontro en Xinzo de Limia    (Estación de autobuses)
11.00 Comezo do roteiro na Ponte  da Rúa (Rairiz/Porqueira)
14.30 Parada para xantar na carballa da Rocha (A Saínza)
16.00 Visita ás areeiras de Sandiás
17.30 Observación de aves
19.00 Remate da actividade
A actividade organizada por Proxecto Ríos está promovida por Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e Augas de Galicia e colabora Verdegaia.
A actividade é gratuita pero é preciso inscribirse. Para máis info e inscricións:
616 23 80 50

domingo, 22 de septiembre de 2013

Desenfeitizando ao gado de Antioquía:Cara a cara co Bruión.

Despois dunha breve parada para falarmos do caimán do Barbaña, que por certo non apareceu nunca, imos continua-la historia do gado enfeitizado de Antioquía.

Desta volta imos a analizala historia de Lita un pouco pormenorizadamente, facendo unha achega á mitoloxía e lendario limiao comparándoa con outros casos similares, dende un punto de vista en parte criptozoolóxico e en parte antropolóxico.

Denantes de continuar, quixera aclarar que a historia de Lita, esa especie de "Heidi limiá", é totalmente fictícia, pero serviu coma fio narrativo para contar unha lenda que eu mesmo escoitei da boca dun vello limiao cando tiña 8 anos.

Como ben sabedes a bisbarra da Limia, tivo un mar interior no seu corazón chamado Antela, a lagoa de Antela máis ben, ou lago Bión. O bión é o nome limiao que se lle daba a unha certa clase de xuncos (Scirpus lacustris) moi apreciados na bisbarra coma "cama" para o gando.

Como calquera lagoa que se precie a lagoa de Antela non é só un mar de auga doce, senón unha fonte inesgotable de lendas nas que habitan multitude de seres coma si dun Olimpo palustre se tratara. Por desgracia, a desecación da Lagoa de Antela supuxo o desafiuzamento non só da súa biodiversidade, senón tamén dos seus habitantes imaxinarios.

Unha das lendas máis coñecidas da zona é a que fai referencia á cidade asulagada de Antioquía, esta cidade sufriu esta sorte de inundación mediante castigo divino, disque por adorar un galo, galo que aínda a día de hoxe fica orgulloso no escudo da vila de Xinzo de Limia, cabeceira da comarca.





 A lenda da cidade asulagada de Antioquía ten a súa orixe ao parecer en certos restos arqueolóxicos visibles nas épocas de seca, na que a cota da lagoa baixaba de nivel espècialmente. Ditos xacimentos consistían nos cimentos dunha sorte de "castros acuáticos" coñecidos coma palafitos. Ademáis non debemos esquecer que os romanos conqueriron deseca-la lagoa por espacio duns centos de anos.A eles se lle atribúen certos restos coma "camiños empedrados", interpretados no seu momento coma estanques para a piscicultura. Distos xacimentos foron destruidos pola maquinaria encargada das labouras de desecación da lagoa.

Sen embargo Antioquía non é a única cidade asulagada de Galicia, temos varios exemplos. Así en na lagoa de Carregal (Riveira-A Coruña), atopámola cidade asolagada de Reiris ou Valverde, nas súas augas habita un bruxo enfeitizado polas súas propias malas artes, que seica ficou convertido en boi e brua pola noite, e que é coñecido polo nome de "boi bruón".

Na Lagoa de Cospeito (Lugo), atopáse a cidade asulagada de Veria ou Valverde, nela tamén se conta unha lenda relacionada co gado, neste caso unha "vaca pantasma" que brua no mais profundo da lagoa, e que non pode ser vista.

Temos que dicir que o gando vacún, por razóns evidentes, foi sempre adorado nos tempos antigos, tamén coma un transportador de ánimas entre este mundo e o máis alá. Ditas crenzas son comúns á certas culturas tanto mediterráneas como atlánticas. Non é de extrañar, polo tanto, que o gando vacún protagonice multitude de lendas como animáis totémicos que foron para os antergos. Por outra banda, non debemos esquecer a importancia económica que as vacas e os bois tiveron para o agro galego. Ata tal punto que a riqueza familiar se medía non en cartos, senón no número de cabezas de gando que a unidade familiar posuía. Como anézdota gráfica, contaremos que cando un mozo lle ía pedi-la man da moza ao pai, o seu futuro sogro, éste lle sometía a un profundo interrogatorio, sendo unah das preguntas de obrigada resposta "¿e tí, cantas vacas tes?".

Se fixeramos unha análise da lenda do gado da auga galega dende unha prespectiva criptozoolóxica severa e pouco flexible, agora mesmo comezariamos a debatir sobre a supervivenci e posteiro extinción, dunha sorte de memífero acuático nas augas doces galegas, seguro que agora estades a rir, pero non é tan incerto o que digo...

Lendas similares á de Antela se producen por numerosos puntos do continente europeo.Estas lendas falan de "Touros acuáticos", principalmente nas illas Británicas. En Irlanda, onde atopamos ao touro ou vaca de auga, que disque habita un lago chamado Dubh, que se traduce coma "Lago negro", e onde a tradición criptozoolóxica dí que habita o "Hipopótamo irlandés" quizáis un supervivinte dos hipopótamos que durante a prehistoria habitaron o continente, coma Hipopotamus major, Hippopotamus antiquus e outros.

Esta mesma interpretación se lle dá ao touro de auga de Escocia, coñecido localmente coma "Elf bull" ou "Tarbh Usiage", e parece ser un compañeiro de viaxe do máis que coñecido "Nesi" ou "Monstro do Lago Ness", que curiosamente tamén ten o seu equivalente en Antela. 
Nas terras altas de escocia atopamos a goado acuático coñecido coma "Crobh Mara", existindo ademáis sendos touros acuáticos nos lagos Awe, e Rannooch, situados nas illas do oeste escocés.
Na illa de Man habita o "Tarroo-Ushtey".
En Inglaterra, tamén atopamos gando vacún acuático no lago Barfod.

Unha vez dito esto direivos que en realidade nos atopamos, quizáis en todos os casos nomeados, entre unha mistura de mitoloxía castrexa,bretona, gaélica e algo máis, coa propia observación da natureza.

Nas zonas palustres europeas habita unha sorte de ave, da familia das garzas, cuio reclamo asemella vagamente ao urro dun boi. Este feito serviu para bautizalo coma avetoro en castelan, abetouro en portugués e Botaurus stellaris na nomenclatura científica. Segundo teñen recollido Antonio Villarino, Felipe Bárcena e Serafín González no seu libro "Vertebrados da Limia, dende a lagoa aos nosos días", ed. Limaia, os limiaos deron en chamarlle a este animal "Bruión" ou "Brullón".

Este nome vernáculo, trátase dun nome onomatopéico, que fai referencia ao reclamo do animal, sen embargo, como ocorre en ocasións neste tipos de animais e nomes vernáculos, non todo o mundo ten unha imaxe na cabeza para asocia´lo nome co aspecto do animal. Dando polo tanto orixe a certo tipo de crenzas ou lendas, que ao mesmo tempo son herdeiras das partixas do mal chamado paganismo anterior á chegada do cristianismo a Galicia. Esto ocorre tamén con outro tipo de animais que posúen nomes vernñaculos onomatopeicos, coma Bufo calamita ou sapo corriqueiro, coñecido en certas partes de Ourense coma "Rairo", oero que en ocasións é descrito coma un reptil, un lagarto ou mesmo unha serpe.

A lenda do gado enfeitizado de Antioquía, fai referencia polo tanto á presenza histórica do abetouro (Botaurus stellaris) na lagoa de Antela, extinto na actualidade aínda se producen avistamentos de aves migrantes na Limia ocasionalmente. Os autores antes nomeados recomendan o uso de Brullón ou bruión, coma nome oficial galego, opinión que comparto a cen por cen, xa que como vimos, non só e utilizado na Limia, que segundo ales debeu albergar unhas das máis importantes poboacíons nidificantes da especie en Galicia, senón que existen referencias por tres das catro provincias galegas ao mesmo vernáculo, ou moi similar.

Dicir, que hoxe en día o bruión ñé un dos animais máis ameazados de extinción na Península Ibérica, e destrozos coma os de Antela, axudaron e moito a que hoxe esta especie se atope nesta situación.

POr último sinalar o alto coñecimento popular que o bruión tiña na bisbarra da limia, xe que existía un refrán que diciá: "Este ano non hai bión que non canta o bruión". Como xa dixemos ao principio o bión era moi apreciado na Limia...pena que para algúns non fose razón suficiente para salva-lo noso mar....




lunes, 16 de septiembre de 2013

O gado enfeitizado de Antioquía: segunda parte.


A noite foi longa para Lita desta volta. Os pesadelos acompañaron o lixeiro sono da rapaza. A nosa pequerrecha espertou moitas veces durante a longa noite no faiado, berrando, asustada, perseguida pola fraga de Saa por un boi de ollos sanguinolentos que cuspía lume pola boca.



-Érguete Lita son horas de ires á escola, xa tes o almorzo na maseira.
-Mama...
-¿Qué tes pequena? non durmiches ben?
-Non..é que...
-Non me digas máis, o avó Manoel xa che meteu o medo no corpo. Non fagas caso de contos de vellas, eu levo índo toda a vida cas vacas pro monte, e estouche eiquí, ben viva, miña reina, tenlle medo aos vivos, que os mortos xa non che poden facer mal ningún.

Aquelas palabras tranquilizaron levemente o maxín de Lita, que apenas probou bocado do almorzo, para alegría de Roi, que así almorzou dúas veces...

-Nena!
-Si Mama?
-Hoxe terás quir xantar á casa da tía Encarnación, eu teño quír pro monte cas vacas, e depois irei á casa do Xan d´abaixo, a ver si nos merca os ovos que temos de sobra, senón non sei como hei  facer pra devolverlle os cartos á lercha da túa tía, que tan só se lembra do seu pai pras partixas.
-Sí Mamá.

Aínda facía frío cando Lita saiu da casa camiño da escola. Roi quedaba na casa, triste, ao ver á súa amiga cabizbaixa alonxarse polo camiño da Xesteira. Chegada á casa Grande, Lita crúzase unha vez máis ca tía María da Portela.

Ahí ben ese raio de vella outra vez.

-Bos días tía María.
-Hai nena, que cara trás, bota pralá!, mesmo parece que teña-lo taranghaño, dille á túa nai que te leve ao atador de Lampaza, que cho coute, ou millor dillo á túa tía, vaia que noso señor non escoite á pecadora da túa nai!
-Tía María?
-Si nena?
-O atador de Lampaza disque é un bruxo, non sí?
-Sí, Nena.
-Pois entón non sei por que carallo teño quir onda un bruxo si xa teño unha bruxa diante!
-Raio de cativa, non ten vergonza a nai, vaina ter a filla...



Despois do altercado María continúa a súa andaina absorta nos seu pensamentos, sorprendida aínda de terlle contestado así á Tía María, cando se entere Mamá...xa pensaremos algo. 

Con esto Lita chega á porta da escola, alí a primeiriña, coma sempre, Margarita, a filla da señora maestra.

-Hola Marcelita, buenos días, que mala cara traes!
Outra vaca no millo!- Chamome Lita!, bos días.
-Pues mi madre dice que te llamas Marcelita.
Raio de bicha! inda ás ir quente pra casa, masculla Lita- Sí xa sei, xa sei, a túa nai...
-¿As visto mi muñeca nueva? es de cartón...
-Si, si, moi bonita- A tí dabache eu traballo pras túas "muñecas".

A clase da maestra foi hoxe moito máis pesada e longa que de costume, aderezada cos continuos toques de atención, pois Lita hoxe estache noutro mundo.

-Marcelita!
-Sí doña Pepita?
-Le has de decir a tu madre que venga hablar conmigo, últimamente no estás atenta, ayer no has aparecido en todo el día, vas muy retrasada, así nunca vas a salir de este pueblo!, como vas a ir a servir a la ciudad si ni siquiera podrás lear la lista de la compra?, y de bordar ni hablemos, eres un auténtico desastre! te quedarás soltera igual que tu madre!
-Si doña Pepita, xa llo digo, que non vou poder bordarlle unhas mulidas novas pras vacas.
-Oye, no seas insolente!
-Perdón,...quero dicir, unhas sabas pra dote.
Mira tí de que lle serviu a ela saber moito, non está ela no mesmo pobo ca mín? único que non anda cas vacas...pensaba Lita alporizada....

 Con esto Lita marchou de cara a casa da tía Encarnación, hoxe non estaba pras monsergas de Doña Pepita, nin para as bonecas da repipi de Margarita.



A casa da tía estaba moi perto da escola, apenas cinco minutos andando, ao chegar á porta da corte unha vaca da tía que estaba pra parir muxiu fortemente, á Lita case lle da un patatús, comezou a correr ata que chegou, afogada, ao medio da cociña.



-Lita, cantas veces che teño dito que chames antes de entrar, case me matas do susto!
-E que me asustou a vaca, tía.
-Vaia oh! dirás aghora que lle tes medo ás vacas!
-Non é iso, bueno...é que onte...

-Olá Lita!- O tío Antonio entra en escena berrando, coma sempre, e dándolle outro susto a Lita, que non gaña pra disgustos-Tranquila nena, que eu non como a ninghén que non mo pida!, toma traioche un cuello pra que llo leves despois á nai, recén cazado no monte.
-é que lle tes que dar tí cuellos á miña irmá, que os cace ela!- Xa saiuo a lecha á escena.
-Deixa á túa irmá tranquila! xa bastante ten co que ten.
-A miña irmá ten o que merece!
Lita ponse a chorar, o día está a resultar demasiado duro incluso para ela, destrozada corre cara o galiñeiro, as pitas poden picar, mais non fan dano na alma...
-Lita, miña filla..quero dicir, miña nena...que che pasa, non chores-O tío Antonio sempre se portaba ben con elas, a mamá, non falaba nunca dil, nin para ben nin para mal, ás veces, enchíanselle os ollos de bagoas, cando Lita falaba do bo que era o tío Antonio, e mamá sempre dicía: de bós estache o inferno cheo...

-é que non durmín ben, tío, tiven moitos pesadelos, onte fún á Veigha cas vacas, e...-Lita cóntalle ao tío Antonio todo o sucedido, incluida a historía do avó.
-Ja, ja, ja, este tío Manoel, sempre cas súas lerias, seguro que tiña a botella de aghuardente baixo da cama, nena, non faghas caso, o que tí escoitache foi o brullón!
-Brullón? e iso que é? un demo?
-Non ó, o brullón eche un paxaro, que cría no bión da laghoa...
-Un paxaro! e como un paxaro vai ornear como unha vaca?
Tranquila, Lita, filla...eh...digo nena, o brullón é como unha cigoña de cor parda, coma unha garza do vran, pero máis pequeno. O ano pasado o Xan d´abaixo cazouche un na Veiguiña de Casasoá, as dir alí e que cho ensine...todo o demáis sonche contos de vellas.



En breve faremos unha análise profunda deste mito limiao! deica pronto.

miércoles, 11 de septiembre de 2013

O gado enfeitizado de Antioquía.


Nun Pobo calquera de Antela fai uns cantos anos:

Aquela mañá aínda fría de abril, Lita estaba a durmir profundamente no faiado, non era esa a súa cama habitual, mais dende que a avoa morrera e o avó enfermara e viñera a vivir con elas, non había outro sitio millor onde durmir. De súpeto uns pasos espertan a Lita do seu profundo sono, a porta ábrese:

-Érguete preguiceira, a piques está xa de amencer e tí aínda na cama!
-Mama, pero aínda é moi cedo para ir á escola!-replicou Lita alporizada, era certo, aínda non se vía un burro a tres pasos, e a escola estaba no mesmo pobo, non facía falla madrugar tanto.
-Nena, o avó non está ben, vai vir o médico de Sandiás, e antes teño que ir pedirlle a tía Encarnación que me empreste tres pesos para pagarlle, e algo máis pra ir despois a Xinzo no coche de linea e mercarlle a menciña na farmacia.
-Vaia, outra vez me toca ir a min pro monte cas vacas!
-Non sexas respondona que inda as levar un lapote, apura e vai por auga ó pozo e lábate ben esa cara legañosa, namentras eu fago o almorzo.
Os almorzos da mamá non se esquecen facilmete, o pan de centeo, negro case coma un chamizo, chega a tinxilo leite recén munguido da vaca, o cheiro á leña e a manteiga xa che daban fame segundo entrabas na cociña. 

-Lita, hoxe tes que ir á Veiga cas vacas-a mamá non cala- xa sabes que che a levar todo o día, así que leva este anaco de pan millo e colle un chourizo no lareiro, volta antes do solpor, non vaia ser que che saia o lobo e inda nos vaia papar unha vaca.
-Si oh! ti preocúpate das vacas, e si me papa a mín xa voltarán elas soas pra casa.
-Eche ben rabisaca esta rapaza, deixa de protestar e remata o almorzo dunha vez! e lembrate d´apañar un bo feixe de ferraña pros cuellos na nosa Barrela cando voltes pra casa.

Unha vez almorzada e labada Lita vai soltalas vacas, a mamá ten razón en madrugar, hoxe toca ir á Veiga, e son máis de duas horas de camiños cheos de pedras, a estas alturas Lita non sabe que ese camiño de cabras era hai tempo case unha  autopista, alá cando os romanos uixeron unir as vilas de Braga e Astorga.




Pasada a fonte Ferra, Lita cruza ca tía María da Portela:


-Bos días si Dios quer tía María!
-E non a querer!

Este raio de vella nunca sauda como é debido, jasús que revirada éeste carallo de pernileira!- masculla a rapaza.



Lita aínda non entende que as fillas de solteira non están ben vistas na chaira, iso é un pecado imperdonable, xa medrará .

Pasadas as dez emedia da mañá Lita chega á veiga, diante dela o mar, que algún se empeña en chamar Antela, as rás e os paxaros recívena con algaravía, pero ela está xa tan cansa que opta por dar unha cabezada.

O tempo discorre despacio, e as vacas pacen a ratos, e a ratos deítanse, Roi, o can,  o millor amigo de Lita, prácticamente o único, lame a cara da rapaza, é a hora de xantar!

-Para oh, que m´enches de babas, inda terei quir por unha pouca d´auga da laghoa pra labala cara, como se me peguen as samesugas heichas de por a tí no cú- Roi meu coitado dalle ao rabo...

Roi era un deses cans grandes e peludos que tanto lle gustaban ao avó Manuel. O avó sempre lle dicía a Lita que non se encariñara moito con él, que era un can das mulidas, e pouco ía durar na casa, que en canto puidese o utilizaría. Lita tampouco entendía ben que tiña que ver un can cas peles que se lle poñen ás vacas no xugo pra tapa-lo sol...miña coitada xa medrará.



Lita, xa famenta, saca da faldriqueira o pan e o chourizo- Roi ven- o can síguelle dando ao rabo-mitá pra tí mitá pra mín-o can xa soio come....por sorte a mamá tamén meteu un pouco de viño con azucre, vese que nas calzadas romanas non hai controis de alcoholemia.

Xa farta, lita apaña unhas sementes do couselo nun valado pra xogar ás cociñiñas, cas follas fai os pratos, as sementes, serán o arroz, e uns pauciños os garfos, pena, na casa non hai cartos pra bonecas coma as que leva a filla da maestra...

Así pasan as horas e o sol vai baixando, case vai sendo hora dirse, máis algo revule no bión, Roi levanta as orellas. De súpeto un muxir de vaca xorde da canabeira, un urro como se do mesmo demo se tratara, muuuuuuuuuuuuu.

Lita abre os ollos, mira se lle falta algunha vaca- Marquesa, Toura, Parda e Torda, sí están todas- non che é a nosa rapaza unha señorita desas que telñen medo a que lles mexe un can, así que con Roi ó lado, vai mirar se hai unha vaca a afogar na lagoa, cando chega ao feixe de bión o urro para-Que raio de vaca, inda por riba que te veño salvar!. 

Un intre máis tarde o urro comeza de novo, desta volta un pouco máis lonxe. Lita colle o can e vai alá, pero o urro cala de novo- Esto non che me gusta un pelo...

Agoa volta o urro, esta vez está moito máis perto, Lita xa deixa de ser valente e asústase- Esto é cousa do demo, Roi torna as vacas, vai!

Lita, Roi e mailas vacas comezan a correr- O muxido parece que vai cabo deles, así que comezan a correr máis e máis apresa, tanto corren que cando queren dar conta xa están na casa.

-Mamá, mamá, mamá

-Que raio che pasa a tí agora, xa estás aquí! apañache-la ferraña?

-Non pero, había, había...un..unha- Lita non da palabra.

-Xa está ben de contos, fai o favor, vai ver ao avó que xa che dixen que non anda ben, e despois xa falaremos tí e máis eu!
-Pero...
-Nin pero nin ghaitas, fai o que che mandan!

Lita entra na habitación do avó, o Manuel xa non é nin a sombra do que era, aquel home gallardo que cazara o lobo no alto do seixo cunha galla e unha fouce. Agora era unha especie de pantasma, con ollos afundidos e aspeto moribundo, con olllos bidrosos que nin brilaban coa luz da vela da palmatora da mesilla.

-Nena, que che pasa? viche-lo lobo?
-Non vin non, avó, escoitei...
-Fala, Nena, non quedes calada.
-Mire, fun cas vacas de cara a Veiga, onda laghoa...
-Si xa mo dixo a mamá, e qué, pasouxe algo? había algún home? non che farían nada!
-Non he eso avó, escoite, cando xa ía voltar, comezou a bruir unha vaca na laghoa, e non era ninghunhadas nosas, cando me acheguei calou, pero bruía na iauga! depois volveu bruir, no bión, e depois asusteime, e cando quixen dar conta...xa estaba aquí e a mamá rifou por non ter traido a ferraña pros cuellos- Lita comeza chorar, iso é sinal de verdade, o vello Manuel sabe que a Lita é unha nena forte, neso saiu á Rosa que en paz estea...dura comunha pedra.
O Manuel tose, moito últimamente, e o médico non sei que lle dixo ás rapazas...carraspea de novo...

-Lita, miña nena- non has de ter medo ós mortos asllo de ter ós vivos...
-Que dí avó, acaso era unha pantasma?
-Algo así escoita:
"Hai moitos anos, na Veiga non había laghoa, nin unha soia gota d´auga, alí había unha vila moi grande, máis grande que Xinzo que se chamaba Antioquía. En Antioquía non eran cristiáns coma nós, adoraban un galo. Un bo día chegou un mendigo a pedir polas portas, ese día chovía moito, máis ninguén lle deu acubillo, nin tan sequera un miolo de pan duro, todo era para o galo. Aquel home foise da vila, e mirou cara tras, Era xesucristo!, e en castigo por non ter tido compaixón del, o pai Deus mendou non para de chover, e a cidade asulagouse, as noites de lúa chea aínda se oen as camás das igrexas da vila baixo a auga, dentro dunha delas hai un lobo"

-Pero...eu non escoitei un lobo, avó!
-Tranquila, escoita tía agora, o que ti escoitaches son as pantasmas do gado de Antioquía, que ás veces tamén se oen, igual que ás veces tamén se escoita o galo cantar no medo do bión, e non tes que ter medo, Antioquía está condenada por toda a eternidade, noi hai quen salve nin a esas vacas, nin a esa xente pecadora. Ese gado está enfeitizado e fixeches ben e non meterte na auga, por que se cadra non saes viva dalí.

CONTINUARÁ.....