COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta Charadriformes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Charadriformes. Mostrar todas las entradas

domingo, 21 de septiembre de 2014

Gaivina negra en Ourense.

As gaivinas (ou fumareles en castelán) son unhas aves acuáticas próximas aos carráns (sterna sp.) ou anduriñas mariñas. En Ourense son escasas e preséntanse durante os pasos migratorios, tanto no primaveral ou prenupcial, como no outonal ou postnupcial.

O río Miño actúa en Ourense como unha especie de vía de alta capacidade para as viaxes migratorias de certas especies de aves, que aproveitan as depresións fluviais para os seus desprazamentos.

A gaivina negra (Chlidonias niger) é unha das especies de gaivina que se presenta cunha certa frecuencia en Ourense, onde a maior parte das citas se centran na bisbarra da Limia.

Nas imaxes, malas por certo, aparece un exemplar localizado hoxe mesmo (20 de setembro de 2014) no río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense. Pido desculpas pola escasa calidade das imaxes presentadas, pero a distancia da observación e a velocidade do propio paxaro non fixeron posible facer un traballo mellor.



























sábado, 30 de agosto de 2014

Arieiro grande no encoro de Cachamuiña.

O arieiro grande (ou píllara) (Charadrius hiaticula) é unha ave limícola que parece en pequeno número durante os pasos migratorios, principalmente durante o paso postnupcial, que é o que nestes días está tendo lugar, e no que as aves migradoras se despazan entre os seus lugares de cría no Norte e os seus cuarteis de invernada máis ao Sur.

Durante estes longos desprazamentos, de cando en vez, hai que repor forzas, parando nalgún lugar para alimentarse, e así poder continuar a viaxe.

O arieiro grande das imaxes, fotografado o pasado día 23 de agosto de 2014, decidiu que o lugar apropiado para repor forzas era o encoro de Cachamuiña, situado no concello de Pereiro de Aguiar, e do que, a veces, se abastece de auga potable a cidade de Ourense.

Parte deste encoro posúe unha área lamacenta, que é apropiada para a observación de aves limícolas durante os pasos migratorios, sempre en números moi reducidos.












domingo, 13 de octubre de 2013

Bilurico bailón no río Barbaña.

O bilurico bailón (Actitis hypoleucos) pasa por ser unha das aves limícolas máis frecuentes nos ambientes acuáticos do interior, sendo tamén por esta cuestión polo tanto, unha das limícolas máis frecuentes e de observación máis sinxela da nosa provincia. Durante os pasos migratorios e no inverno parece onnipresente en moitos dos ambientes acuáticos de Ourense, coma ríos, regatos, encoros e lagoas.

Neste caso amósovos un exemplar fotografado o pasado día 19 de setembro de 2013 no río Barbaña ao seu paso pola cidade de Ourense.




lunes, 12 de septiembre de 2011

O arieiro grande e o pilro común nas areeiras da Limia.






arieiro e o nome co que se coñecen na provincia ás aves integrantes do xénero charadrius, desta volta estamos perante a un arieiro grande (Charadrius hiaticula), e un pilro común (Calidris alpina), ambas aves limícolas (que se alimentan en áreas de limo ou lamacentas).

Durante as pasaxes migratorias (arestora estamos inmersos na pasaxe postnupcial) poden producirse curiosas asociacións de aves, que frecuentan áreas de alimentación similares. Así pode ocorrer con diferentes tipos de paseriformes, ardeidas e limícolas. Neste caso, parece que sedimentaron dous exemplares, segundo Diego Rodriguez Vieitas, días antes eran algñun máis, quedando rezagados dos grupos.

O pasado día 2 de setembro de 2011 estas dúas aves facíanse compaña ante a ausencia de outros da mesma especie, movéndose e alimentándose xuntos nunha das barreiras das areeiras da Limia de Sandiás. Alleos ás miradas inquisidoras dun aprendiz de ornitólogo que andaba por alí, miradas indiscretas quizáis, imaxinarias, que logo puxeron banda sonora ao momento observado, e velahí esta a cantiga inspiradora...

miércoles, 7 de septiembre de 2011

As derradeiras avefrías da Limia, conícoras choromicas en perigo.






Onte mesmo festexabamos a volta dos galos de crista branca (Fulica atra) á Limia, pero a Limia, terra maltreita e castigada onde as haxa, ofrece sempre, na honra ao seu chan, unha de cal e outra de area, para todo aquel que sexa capaz de apreciar a natureza no seu conxunto, como un corpo, enfermo ou san, composto de órganos vitais e imprescindibles para o seu correcto funcionamento.

Así, se hay especies que nos derradeiros anos aumentaron as súas poboacións, caso das cegoñas, ou regresan despois de anos de ausencia, como os galos de crista branca. Hai outras que se nos escapan, paseniño e silenciosamente, como a area das barreiras da Limia se escapa entre os dedos de quen a colle, e como a auga centenaria da Lagoa de Antela se escapou pola canle cara ao mar.

Unha destas especies é a avefría (Vanellus vanellus), especie invernante, tanto máis abondosa como frío veña o ano. A avefría é, asemade unha especie nidificante na Limia, contou sempre cunha poboación, tan importante, que chegou a ser a maior da Península Ibérica. A desecación de Antela supuxo un duro golpe que non chegou sen ambargo a acabar coa significante poboación nidificante da especie, que, anque mermada, continuou a ser a máis importante do país. Foron non embargante as concentracións parcelarias as que derón un golpe mortal á esta singular poboación. Xa que supuxeron a desecación das Veigas que a especie usaba para nidificar, os cambios no uso do solo, a merma do gado, coa conseguinte diminución de pasteiros, supuxeron tamén un problema engadio, ao que hay que sumar, por si fora pouco, a caza.

Na Limia, como recolleron González, Villarino e Bárcena na obra Vertebrados da Limia, e como aínda recordan os veciños do meu pobo, Castelaus (Vilar de Santos), as avefrías eran coñecidas como cunícoras, conícoras ou choromicas, en clara alusión ao reclamo da especie, que recorda a un lonxano lamento.

Un lonxano lamento, que fora das datas invernais se torna cada día máis dificil de escoitar, a exígua poboación da conícora esta a desaparecer, e os seus choros, xa non os escoita ninguén, porque unha cousa é ouvir, e outra escoitar o son dos lamentos dunha especie que está a desaparecer. Escoitar o lamento da choromica, o laio da conícora supón por os medios necesarios para que a especie non remate por deixar de críar, nesta a nosa terra limiá.

Cando as conícoras nidificantes da Limia rematan o período de cría, reúnense, quizáis para lamentar xuntas os tempos pasados, para , cual plañideiras, chorar a memora das que cada ano deixan de acudir á reunións posreproductora. Quizáis, algún día as conícoras choren de alegría, ao alcanzar de novo os vellos tempos, e ser máis de 10 parellas, as que hoxe hai. E ser máis que un pequeno punto máis na poboación invernante, aínda abondosa.

lunes, 25 de abril de 2011

Píldora das dunas nas areeiras da Limia.





Boa xornada, siareir@s, voltou o "vertebrator" ourensán, despois deste pequeno e máis que merecido descanso por terras limiás. Como suporedes traio novas frescas da terra que me viu nacer, e como non podía ser doutra maneira, vounas compartir con vós.

O pasado día 23 de abril de 2011 compartín co ornitólogo limiao Diego Rodríguez Vieites e a súa encantadora parella. Comezada a xornada acudimos ao lugar fetiche para todo limiao adorador das aves, as areeiras da Limia, situadas a cabalo entre os concellos de Vilar de Santos e Sandiás.

Xa o día anterior Diego fixera un descubrimento sorprendente, un exemplar de píldora das dunas (Charadrius alexandrinus) fixera unha parada técnica neste espazo natural incluído dentro da Zepa da Limia, quizáis canso no medio da pasaxe migratoria prenupcial. Esta observación é, moi provablemente, o primeiro rexistro para a especie na provincia, alomenos en tempos recentes. unha excelente nova para todos aqueles que vemos na Limia o lugar con maior potencial ornitolóxico da Galiza.

A píldora das dunas é unha especie escasa na Galiza, e incluída no catálogo galego de especies ameazadas. Existindo moi poucas citas no interior galego. Sen embargo a especie posúe algunha poboación reproductora no interior peninsular (La Macha húmeda) e europeo (Danubio).

En próximas xornadas dareivos conta doutras novidades que traio gardadas no peto, vertebrando unha vez máis, no compromiso claro da divulgación da fauna vertebrada de Ourense.