COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta O Ribeiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O Ribeiro. Mostrar todas las entradas

viernes, 22 de agosto de 2014

Carriza nas areeiras de San Cristobo.

A carriza (Troglodytes troglodytes) é, co permiso das estreliñas (Regulus sp), un dos paxaros máis pequenos do país, frecuente en toda Galicia, está presente na maior parte do territorio da nosa provincia, aledando co seu potente canto as matogueiras onde contrúe o seu niño con musgo.

Na imaxe un exemplar da especie fotografado o pasado día 24 de maio de 2014 nas areeiras de San Cristobo (en Ribadavia). 



domingo, 13 de octubre de 2013

Papamoscas negro en Laias.

Laias é un pequeno pobo do concello ourensán de Cenlle situado á beira do río Miño, e moi coñecido polas súas augas termais e o seu balneario.

Fai unhas xornadas falabamos do paso de certas aves paseriformes pola nosa provincia, entre elas os papamoscas, neste caso atopámonos perante o papamoscas negro (Ficedula hypoleuca), un dos paseriformes máis frecuentes do paso postnupcial na provincia.

O exemplar en cuestión foi fotografado o pasado día 19 de setembro a carón do río Miño en Laias.


jueves, 28 de febrero de 2013

O barco pantasma do Miño.

Alá polo século XIII, disque os monxes do mosteiro dominico de Ribadavia estaban á espera dun pedido de viño que seica debía vir dende Lisboa. Efectivamente, por aquelas datas, un barco procedente do sul, costeou a ribeira atlántica e comezou a remonta-la foz do Miño. Ao seu paso por Tui, os veciños da vila comprenderon que aquel non era un barco normal, na cuverta non se vía tripulación algunha, e as xigantes dimensións do barco superaban calquera nao da época. De seguida se decataron que aquel barco xigantesco era a nao de Satanás, e algúns dos habitantes da vila ficaron aterrorizados e mesmo houbo quen quedou sen fala.

Hai quen dí que aquel barco portaba un cargamento con viño do inferno, co único fin de desprestixiar aos viños do Ribeiro. 

Cando o barco chegou a Ribadavia , un monxe, de nome Xan, esconxurou a nao, nese momento os mariñeiros que ían saíndo á cuverta caían inertes ao chan, momento no que so ficaban deles os osos, esqueletes bellos quizáis doutra época.

Que pena queridos amigos, hoxe o barco non pasaría de Friera...


miércoles, 21 de septiembre de 2011

A incrible historia da balea do río Miño.

Celebracion de misa de pascua en el interior de una ballena
Honorius Philoponus [Caspar Plautius], Nova typis transacta navigatio novi orbis Indiæ occidentalis...
Linz, 1621.

Moitas veces nos temos achegado xuntos ao lendario ourensán, topando historias incribles
e fascinantes que agochan seres mitolóxicos, imaxinarios ou reais.
Desta volta, queridos amigos e amigas,
ímonos mergullar nas augas do noso río por escelencia o PAI MIÑO,
fonte inesgotable de riqueza e de historias, de seres reais, e imaxinarios,
que durante séculos poboaron unha terra esquecida, menosprezada, pero sin dúbida unha
das terras máis marabillosas nas que se pode nacer, a provincia de Ourense.


Contan os vellos habitantes dos pobos da ribeira miñota que seica, de cando en vez,
remontaba o río unhabalea, disque para dar a luz unha cría,
o alumbramento provocaba irremediablemente a morte da nai balea.
Disque balea somantes hai unha no mar, que, cada cinco anos remonta o río para dar vida e morrer.
Disque cando esto ocorre, grandes calamidades agardan a aqueles que moran perto do lugar, xa que
o nacimento da nova balea, e a morte da vella, era un mal presaxio, que provocaba pestes,
epidemias, morte e fame. Fame, quizáis sexa unha das palabras máis temidas dos galegos,
pois a fame é moi negra, e o tempo da fame longo de máis.


A balea, ao esmorecer, provoca inundacións coas súas últimas colvulsións, co seu último alento de vida,
malogra os cultivos, seca as vides. A balea será arrastrada de novo ao mar, polo noso Pai, o río Miño.


Unha historia incrible, sin dúbida unha das lendas máis fascinantes que me teño atopado
por estes meus lares ourensáns, sen dúbida unha historia con poucos precedentes no interior Peninsular.


Pero a nosa malpocada balea migradora tiña os días contados,
centos de anos seguindo o ciclo natural da reproducción para que un día,
a un tal Francisco Franco de Bahamonde, e outros máis tarde,
lle dera por construir "pantanos" (encoros) a esgalla,
e no Miño especialmente, impedindo para sempre que a
balea interior rematara o seu ciclo vital.


A balea é unha lenda, pero coa lenda da balea, que xa só vive na mente dalgún lonxevo galego,
do Pereiro de Aguiar, de Castrelo de Miño, de Cenlle, con ela, desapareceron moitos outros.
Con ela fóronse os salmóns,os reos, as lampreas, os sollos.
Con ela foise a rica pesquería ourensá que enchía a Praza de Abastos da capital,
con peixe miñoto de calidade, con ela fóronse moitas cousas, tamén unha parte do orgullo,
e unha parte da historia.


E agora, séculos despois da balea, décadas despois das presas, aínda estamos dando de bruces coa
contrucción de máis e máis infraestructuras fluviais, non para dar a luz a balea, senón para dar a
luz vai tu saber a onde. Disque este novo proxecto será na ribeira Sacra.


Benqueridos amigos, que non vos leven a engano, a Ribeira Sacra, é a Sagrada Ribeira do Sil,
e a min, de ben pequeno, me dicían que se algo é sagrado non se toca...

viernes, 26 de agosto de 2011

O lobo e o carneiro...










Quizáis sexa hoxe en día dificil de localizar un lobo no Ribeiro, quen sabe, ao mellor aínda hay algún...Sen embargo esa realidade non foi sempre así, e houbo un tempo no que os lobos ouleaban na terra do viño.


O lobo foi sempre un animal temido e admirado a partes iguais na vello continente, perseguido como o máis feroz inimigo, pero tamén adorado coma un totem, coma un símbolo de poder sobrehumano.


A chegada do cristianismo, e a súa simboloxía sacra, faría do lobo un tema recurrente no románico, arte simbólico onde os haxa, tomou ao lobo como a imaxe do diaño en numerosas ocasións. Este feito aparece moi relacionado cun dos símbolos usados para a ilustración do propio Xesucristo, que soe ser o carneiro. A utilización do carneiro na simboloxía románica, denominado "agnus dei", ou o que é o mesmo o año de Deus, parte das parabras atribuidas a San Xoan: "Este é o año de Deus...". Así o carneiro ou agnus dei preside e aparece reiteradamente nas igraxias románicas galegas coma símbolo de Cristo.


A antítese entre o carneiro e o lobo (con gran fama de depredador de ovellas), non se fixo agardar, e o lobo apareceu entón coma o antónimo do año, Deus frente ao diaño, aparecendo representado en gran parte das igrexas románicas ourensás.


Unha das representación máis logradas do románico da bisbarra do Ribeiro atopámola na igrexa románica de San Xoan de Ourantes (Punxín), construida entre os séculos XII e XIII. Na porta lateral atopamos a contraposición do carneiro fronte ao lobo, representado con fera adtitude, e fácilmente recoñecible. Será entón este lobo románico o derradeiro lobo da contorna...? un lobo mudo testemuña histórica da persecución dos seus conxéneres de carne e osos.

miércoles, 24 de agosto de 2011

Entre vellas pedras xorde a vida...






















Chegamos a Leiro, unha vila medieval e históricamente rica a causa do viño, viño sacado das uvas producidas polas vides regadas e protexidas por un río, o río Avia. Un río cruzado por unha ponte, medieval, disque con unha tráxica historia ás costas, de morte e tristeza. Unha ponte, sin dúbida, tesouro artístico de incalculable valor e beleza.

Disque esta ponte foi testemuña de numerosos suicidios, sexa como sexa hoxe a historia e ben disferente, e este monumento axúdanos a cruza-lo río para acceder a un pequeno núcleo de poboación de clara influenza medieval, con pequenas rúas a casas cheas de historia, de pedras cheas de vidas.

Como xa dixemos, baixo esas pedras un río, tamén cheo de vida, de aves, de peixes e, como non de anfibios. Entre eles unha rá verde ibérica (Pelophylax perezi) e un pequeno sapo cunqueiro (Bufo bufo) recén metamorfoseado, como vedes riqueza histórica e natural da man dun val que salvagarda non só a agricultura, senón tamén a natureza...

viernes, 5 de agosto de 2011

Unha carpa no lixo: reflexión sobre as invasoras.







Recentemente espertamos ca publicación do novo catálogo español de especies invasoras, dito catálogo non está exsento de polémica, debido maiormente a notorias ausencias, coma a do cangrexo de río americano.



No tocante á provincia de Ourense, xa son cuantiosas as especies de animais e prantas alóctonas que se teñen instalado na nosa terra nos derradeiros tempos. Moitas delas quedarán xa para sempre, xa que a súa aliminación é xa case que imposible, como quizáis sexa o caso do propio cangrexo de río americano, ou o visón americano.


Un dos casos máis frecuentes de introdución acontecidos na provincia, é a orixinada pola solta indiscriminada de especies de peixes alóctonas nos diferentes cursos fluviais. Son moitas as especies que foron introducidas para satisfacer o gusto dos afecionados á pesca deportiva.


Sen embargo non todos eles pensan igual, sabido o dano que algunhas das especies novas provocan nas poboacións das especies autóctonas, como por exemplo na troita.


Así, algúns pescadores sacrifican sistemáticamente todos aqueles exemplares de especies alóctonas que pican no seu anzol, un claro exemplo é esta carpa atopada nunha papeleira a carón do río Miño en terreos do concello de Cenlle, exemplar, por outra banda, dun tamaño máis que apreciable.

lunes, 1 de agosto de 2011

Gardafontes común no Barbantiño.













Xa falamos recentemente da riqueza herpetolóxica de certas áreas da Depresión Ourensá, pondo de manifesto a tamén a riqueza dalgúns puntos especialmente, como é o caso do río Barbantiño, que pasa por ser un dos cursos fluviais menos alterados da contorna. Este feito vese reflexado na extraordinaria riqueza dun grupo de vertebrados en particular, os anfibios, que contan neste río non só cunha alta representación de especies, senón tamén con altas densidades poboacionais.

Desta volta achégovos unhas imaxes do gardafontes común ou ibérico (Lissotriton boscai), endemismo ibérico, este pequecho anfibio urodelo pasa por ser un dos máis frecuentes da provincia, estando prácticamente presente en toda a superficie ourensá, podendo, localmente, acadar altas densidades, como é o caso que hoxe nos ocupa.

Sen embargo, non por común, deixa de ser un animal interesante, a beleza concorre nesta nosa terra, a cada paso, moitas veces vencendo os impedimentos que o home lle pon á vida. Autovías, AVE, contaminación e alteracións varias do hábitat, fan que a vida destes seres sexa cada día máis difícil. Así, cando atopamos un pequeno verxel, oasis de vida dun anfibio exclusivo da Península Ibérica, deberiamos actuar con responsabilidade, xa que é exclusivamente nosa a labor de conservar á especie de cara ao futuro.

miércoles, 27 de julio de 2011

A becha da igrexa de Serantes en Leiro.







Imos adentrarnos neste post no mundo das lendas e do misterio, remontándonos para elo uns séculos atrás.


Houbo un tempo nesta nosa terra galega, na que os seus habitantes crían e se atopaban co misterio case a diario, un tempo de seres lendarios e de heroes e deuses variados, tempos difíciles e confusos, escuros inclusos dos que a día de hoxe pouco sabemos.


Un dos habitantes do mundo antergo galego era a coca, coquetriz ou becha. este ser respondía á descripción do que na actualidade coñeceriamos como un dragón. Segundo a tradición popular este ser, voador e anfibio, habitaría augas mariñas, podendo remontar os ríos cara as vilas interiores á procura do seu tributo, materializado na captación de doncelas dos núcleos de poboación.


A tradición obedece a unha crenza anterior e pagá de adoración a unha divinidade reptiliá e feminina anterior á chegada do cristianismo que se prolongou no tempo en forma de lenda ata a chegada da idade media. Na idade media a crenza na coca xeneralizouse e materializouse nunha serie de ritos que se festexaban o día do Corpus en numerosas vilas galegas, tendo coma acto principal a saída nunha especie de procesión por parte dos gremios de artesáns da vila con cocas ou coquetrices de manufactura humana.


Este tipo de festexos foron perseguidos e aniquilados polas clases poderosas (Carlos III chegou a prohibilas) debido á forte presión eclesiástica, que vía neste tipo de celebracións un culto herético. Coa implantación definitiva do cristianismo coma relixión cristianizouse a festividade da coca coa implantación do día do Corpus Cristi. A victoria do cristianismo sobre a coca ou coquetriz materializouse na vistoria dun santo sobre o noso dragón (San Xusto) que aparece no olimpo cristián como o eliminador de dragóns, perdéndose así a maior parte dos festexos (queda únicamente a coca de Betanzos). A´similando así a victoria masculina sobre a divinidade feminina.


A coca era coñecida con ese nome en Verín, co nome de coquetriz na capital da provincia (Ourense) e co nome de Bicha ou Becha no Ribeiro. Durante o século IX a festividade da coca era xeneralizada na maior parte das vilas, sendo derradeiras das que se ten costancia na provincia de Ourense anteriores ao século XVI.


A coca ou coquetriz era descrita como un réptil cuadrúpedo con fortes gadoupas, ás de morcego e aspecto serpentiforme. Hoxe en día non existe ningún recordo do réptil anfibio voador que remontaba os ríos dende o mar, quizáis son os encoros as barreiras infranqueables que lle impiden chegar.


Deixovos unha imaxe en pedra do lendario animal, quizáis mito, quizáis recordo doutros tempos no que a natureza era máxica, sensíble e trascendente, da igrexia de San Tomé de Serantes, situada no concello de Leiro, xoia indiscutible do románico ourensán.


viernes, 22 de julio de 2011

Águia real, a capturadora das ánimas da Igrexa de Santiago de Ribadavia.









Como sabedes o próximo luns día 25 de xullo de 2011 festéxase en Galiza o día do patrón, Santiago, con tal fin amósovos outra mostra iconográfica dunha igrexa adicada a este apóstolo, neste caso a Igrexa de Santiago de Ribadavia, templo románico do século XII, moi rico no que á simboloxía zoomórfica se refire.



Desta volta analizaremos un dos numerosos capiteis cos que conta este templo románico, e que chama poderosamente a atención fronte ao resto. Os canecillos das igrexas románicas veñen a simbolizar, como dixemos anteriormente, os pecados e perigos que perseguen aos cristiáns, e que aparecen amparados e protexidos polo tellado da igrexa, símbolo en sí mesmo do poder do novo Deus.



Nun dos nomeados capiteis apreciamos unha curiosa estampa, que plasma en pedra inmortal o momento mesmo no que unha águia real captura a presa, neste caso un coello. Esta escea ven a simbolizar como o diaño mesmo capura as ánimas dos cristiáns para levalas ao inferno.



Ao longo da historia da humanidade a representación das grandes aves rapaces foi frecuentemente usada para representar tanto ao mal, como ao ben ou ao poder das clases poderosas, signo da admiración e temor a partes iguais que as águias reais provocan na poboación, aínda hoxe en día.



Froito desta dobre moral topamos hoxe en día como consecuencia a crítica situación na que se atopa a poboación nidificante galega de águia real ou aigue (Aquila chrysaetos), que por unha banda aparece fortemente perseguida tanto directa coma inderectamente por diversas causas, feito común a todos os depredadores que se atopan na cúspide da cadea alimentaria.



Lonxe quedan os tempos nos que a águia era un símbolo sacro, prácticamente intocable, e cercanos nos que a súa imaxe foi vilmente utilizada coma símbolo da franquicia do horror de gobernos autoritarios.

lunes, 23 de mayo de 2011

Butres no Ribeiro.









Lonxe parecen estar xa os días nos que ver un butre na Galiza era case unha utopía, parece ser que as observacións desta especie anse facendo cada día máis frecuentes.

O butre común (Gyps fulvus) foi en tempos unha especie nidificante en Ourense, até o século XIX, a especie estaba presente cando menos na Ribeira Sacra, no Macizo Central Ourensán, e nas serras limítrofes con León, Zamora e Portugal.

Extinto con posterioridade, quizáis debido á unión de varios factores, como os cambios no agrorecta por parte do home, etc, non foi até finais do século XX cando o aumento das poboacións ibéricas supuxo un paulatino aumento das observacións na Galiza.

Na actualidade, aínda que non se confirmou a cría, despois de cada primaveira, os butres acoden aos montes galegos, hoxe moito menos poboados, na procura da comida que lles falta noutros puntos da Península. As serras limítrofes con Castela-León parecen ser as máis propicias para a observación da especie.

Proba desta expansión son estas imaxes, non moi boas, obtidas o pasado día 21 de maio de 2011 no Monte do San Trocado, pertencente ao concello de San Amaro, situado en plena bisbarra do Ribeiro. A observación foi de seis exemplares de butre común, que cicleando sobre o monte liscaron en dirección NE sobre a cunca do río Miño en aparente dirección á cidade de Ourense.

miércoles, 10 de noviembre de 2010

Atropelos de xuveniles de serpe de escada en Castrelo de Miño.




O pasado día 24 de outubro de 2010, Anxos Romeo, Martiño Cabana, Rafa Vázquez, e este que vos escribe, atopamos nunha estrada do concello de Castrelo de Miño dous xuveniles de serpe de escada (Rhinechis scalaris), mortos a causa do atropelo por parte do tráfico da zona.

A serpe de escada recive esta denominación precisamente polo diseño cromático dos exemplares novos, dito diseño consiste nunhas bandas paraleas, curtas e consecutivas e transversais no lombo do animal, o que lle da un aspecto de escada de man, este diseño vaise trocando co paso do tempo ata adquirir a idade adulta.

O diseño dos adultos, que xa vos teño mostrado neste mesmo blog en varias ocasións, consiste en duas bandas lonxitudinais e paralelas dende a cabeza ata a cola, razón pola cal tamén é coñecida co nome de serpe riscada.

miércoles, 17 de febrero de 2010

Gabeadores azuis no Irixo.





Nestas imaxes, obtidas no concello de O Irixo o pasado día 15 de febreiro de 2010, pededes apreciar diferentes exemplares de gabeador azul (Sitta europaea), un belo paxariño bastante esquivo á hora de fotografalo.

O gabeador azul é un habitante típico das zonas arboladas da provincia, ben sexa carballeiras ou piñeirais.

Cardeais no Irixo.







Nestas imaxes podedes apreciar a un grupo de cardeais (Pyrrhula pyrrhula), localizado o pasado día 15 de febreiro de 2010 en terreos do concello do Irixo, o grupo, formado por catro machos, mostra a beleza característica da especie, e que non se apreciaba en anteriores entradas sobre os cardeais.

martes, 2 de febrero de 2010

Lagartixas dos penedos en Castrelo de Miño.




Os escasos raios de sol do mes de xaneiro parece ser que foron suficientes para sacar do seu letargo invernal a estas lagartixas dos penedos (Podarcis hispanica), algo pálidas despois da ivernación, como amosan estas imaxes do día 24 de xaneiro de 2010, obtidas no perto do pobo de Albín, no concello de Castrelo de Miño.

Píntega asasinada en Castrelo de Miño.



Non é un segredo que as píntegas (Salamandra salamandra) provocan na maior parte da ente un rexeitamento frontal, esta repulsión tan pouco racional, fai que un gran número de píntegas perezan anualmente baixo as máis diversas técnicas mortais, dende o clásico "pisotón" ata todo tipo de torturas supersticiosas, pouco asiminlables a este século XXI que estamos a vivir.

Este exemplar das imaxes foi localizado, no pobo de Prado de Miño, o pasado día 24 de xaneiro de 2010, en terreos do concello de Castrelo de Miño, a falta dun CSI que lle practique a necropsia ao cadaver da malpocada píntega, atrévome a dicir que este pobre becho morreu baixo a técnica de espicha-la píntega cun pao para que esta non che bote toda clase de desgracias por riba, veleno incluído, como vedes unha mostra desta nosa civilizada Galiza do novo milenio.