COLEGAS

Mostrando entradas con la etiqueta úrsidos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta úrsidos. Mostrar todas las entradas

sábado, 8 de noviembre de 2014

Nomes Vernáculos do oso pardo no Noroeste Peninsular: Tabú Secular

"A única posibilidade de descubrir os límites do posible é aventurarse un pouco máis neles, hacia o imposible"- Arthur C. Clarke (1917-2008)- Escritor inglés de ciencia ficción.

Teño que confesar denantes de abordar esta complexa entrada que a miña intección en orfixe era facer unha entrada sobre a toponimia ourensá asociada á presencia do oso pardo (Ursus arctos). Cando comencei o periodo de documentación ao respecto fíxenme a seguinte pregunta, cal é ou era o nome que na provincia, ou en Galicia se lle da ao oso?. A resposta pareceu sinxela nun principio, oso ou urso, aínda así a resposta podería facer levar a enganos ao confundir certa toponimia asociada a óso (de osamenta ou esquelete). Problemática que tamén foi abordada no veciño Portugal, onde so se aceitaba o vernáculo "urso", cando na fala viva do Norte do país veciño existía tamén o vernáculo oso. Na escrita as diferencias fonéticas dilúense, e o imperativo dunha normativa xeral, sexa no idioma que sexa, despóxanos da autenticidade dialectal da lingua.

Para a redacción desta entrada tiven que retroceder moito no tempo, ata as raices mesmas do galego e incluso moito antes, xa que o galego é un idioma que se alimentou durate séculos de diversas linguas anteriores, por por un exemplo sería como un gran río no que desembocan numerosos regatos e pequenos ríos, todos aportan a súa auga ao río principal diluindo a súa propia identidade.

Ben comezaremos por retroceder no tempo, e informarnos das fontes mesmas do galego e darnos conta que os galegos, en certo modo falamos moito alemán. E isto ten a súa explicación.

A maior parte dos idiomas europeos proceden dun tronco común, o indoeuropeo, ou proto-indoeuropeo, linguaxe propia dos primeiro agricultores que segundo ian extendendo a súa cultura ían extendendo o seu idioma, que cos matices das diferentes linguas indíxenas, foron resultando diferentes idiomas máis ou menos localizados. No contexto Ibérico parece que existiron duas linguas "indoeuropeas" e de cultura "celta", o lusitano, no Norte e Noroeste da Península, e o Celtívero no resto. con diversos matices locais aportados polas diferentes tribus localizadas por ese tempo en Iberia.

Ben, podemos asumir que os pobos da península dese tempo (idade do ferro), eran de cultura celta, cultura que se extendía por gran parte da Europa Occidental dende Alemania (Germania), pasando polas illas británicas, Franza etc. Eses pobos, que hoxe chamariamos paganos ou pagáns, tiñan o seu propio olimpo de deuses, e a súa propia relixiosidade, e os seus propios animais totémicos. Parte deses animais totémicos eran considerados tabú, e o seu nome non podía ser pronunciado, e a súa imaxe non podía ser representada. Esta tradición pénsase que ten a súa orixe moito antes, no Paleolítico, e explicaría a ausencia de certas especies animais na arte rupestre da época. Esta tradición de tabú mantense na actualidade en certas zonas  con respecto ao lobo (chámaselle Xan ou outro nome por que o nome do lobo non pode ser pronunciado). Esta tradición celta deu como resultado a aparición dos vernáculos actuais non pobos germanos e anglosaxóns (Bär e Bear respectivamente que vería a significar "el marrón"). Cando a palabra orixinal en protoindoeuropeo seía artz ou similar e da que evolucionarían arctos en grego ou o propio nome do rei Arturo, que sería o rei oso en gaélico (o rei arthur, segundo a lenda tería prohibido matar osos, xa que era o seu totem). Como vedes a historia se complica. xa que aínda que o galego é unha lingua romance (deribada do latín), bebe tamén das linguas indíxenas anteriores á conquista romana da península, sendo a mezcla destas linguas co latín as que deron como lugar a aparición das diferentes linguas romances do Sur da Europa. Ben, por si todo isto non fose suficiente, temos unha deusa  celta Artio, que se representa en ocasións baixo forma de oso. (esta deusa se asimilaría con Artemisa, deusa graga da caza).

A crenza dos pobos máis primitivos no tabú do oso, fixo que en certas culturas, co paso dos séculos, se asimilasen palabras doutras linguas para referirse ao plantígrado animal, así en euskera (que non é un odioma de orixe indoeuropea) teriamos palabras con posible raiz celta como artz,  hartz ou artzá. A raiz arth e art das linguas centroeuropeas para oso é a mesma que para "estrela" e viría a significar "o que brila" e tería moito a ver con certa estrela da constelación da Osa Maior.

Ben a historia sería que entón, dependendo da crenza local ou non do tabú do oso, teriamos certos topónimos comezados por art- no Noroeste ibérico, que poderían farcer referencia, á presenza do oso ou á deboción da deusa Artio (deusa oso). (Arteixo, e Artón estarían nesa órbita).

Seguindo coa historia teriamos que trasladarnos á caida do imperio romano de Occidente, nesa época prodúcese a chegada ao Norte peninsular dun pobo bárbaro de orixe centroeuropea, os Suevos , de cultura Xermánica, unha corrente migratoria dunhas 30000 persoas que en pouco tempo formarían o primeiro e máis antigo reino de Europa, Suevia. A este reino, que durante máis de 500 anos dominou gran parte do Norte e Occidente Peninsular, debémoslle, tamén outra forte aportación centroeuropea ao galego. Que se ve reflexada non tanto no galego oficial, coma no galego da rúa. Me explico, á hora de abordar os nomes vernáculos dos seres galegos, atopamos que gran parte deles teñen unha orixe xermánica e non latina, xa que o galego normativo tende a fixar un nome oficial para cada especie, habitualmente o máis latino. Laverca (Alauda arvensis) sería un dos poucos nomes xermánicos oficiais na Galiza, e é común ao portugués.

Ben, como vedes a historia segue a complicarse por momentos...Estes pobos xermánicos aportaron a palabra Bär, e dela resultarían os topónimos referintes ao oso con raiz (Br-) como Bruñeira, Brufe e certos vernáculos coa mesma raiz, coma esbardo.

Por último teriamos as formas máis latinas para referirse ao oso, que serían próximas ao latín orixinal ursus, e aínda vivas no Caurel, Ancares, Tras-os-Montes en Portugal e tamén en Zonas de Zamora, como en  Sanabria, esta forma é urso, e existen topónimos asociados coma o río Ursaria.

Unha vez dito todo isto, que no é pouco, imos desglosar primeiro os vernáculos astur-leoneses. A presenza continuada da especie durante os derradeiros anos fixo que Asturias e zonas próximas conserven o maior número de vernáculos da peninsula para a especie moitos deles de clara orixe non latina.

Albarión e Bardión son usados en Asturies para referirse a un oso adulto, para as crías existen vernáculos como albarcín, albarciu, alberciu, albarín, esbardu, esbardo, esgañu, ñalgañu, rancaño (que tamén é apelido en Asturias!) osu, rascañu. Este punto resulta interesante, xa que Albarión,  Albarcir, parecen relacionarse con Alvariza e Albariza, as construccións circulares típicas para protexer as colmeas en zonas con presencia de osos. Pero máis aínda en certas zonas as albarizas ou alvariñas eran lugares con concentración de colmeas.....

En Cantabria teriamos vernáculos como  escanu, escaña, escañetu, osicañu e rascañu.

Tedes esta e máis información de vernáculos peninsulares sobre o oso pardo no seguinte enlazamento AQUÍ

Como vedes, seguramente nun pasado recente a riqueza vernacular para o oso pardo na provincia de Ourense foi moito maior no que na actualidade parece, e a través da próxima entrada, a dos topónimos oseiros de Ourense, achegarémonos á problematica da orixe dos topónimos crípticos que nun momento dado poden facer referencia ao plantígrado.


Por último tendes no foro celtiberia ampla información sobre o tema, moito mellor explicada que a miña.

Así e todo apunto a un posible vernáculo en áreas do macizo central, de posibel orixe xermana, bruzo.

De tódolos xeitos, un blogue é unha árbore que se alimenta dos seus comentarios, que enriquecen a información, así, me encantaría que aportasedes os vosos propios vernáculos das zonas que coñecedes.

 

sábado, 1 de noviembre de 2014

Pasado, presente e futuro do oso pardo na provincia de Ourense.

"Qué inxusta, qué maldita, qué cabrona a morte que non nos mata a nós senon a os que amamos."
Enviar fraseCarlos Fuentes (1929-2012) Periodista e escritor mexicano.

O oso pardo (Ursus arctos) é o maior carnívoro presente na provincia de Ourense nos tempos históricos. Hoxe oficialmente extinto da provincia tivo un longo historial de andanzas polas nosas serras que foron habitadas pola especie durante séculos.

Falaremos en primeiro termo da distribución histórica da especie en Ourense. Na idade media a especie estaba presente na práctica totalidade da provincia, a excepción das cotas máis baixas dos vales máis densamente poboados. Podemos falar polo tanto dunha distribución prácticamente contínua por Ourense que se ve reflexado tamén na toponimia (Oseira, Fonte do Oso, Folgoso, ou Val dos Osos). A presenza de alvarizas, unha sorte de construccion circular en pedra propia do Norte da Península Ibérica, na que se protexían as colmeas do ataque do oso tamén nos da unha idea da distribución pretérita da especie.

Por esas datas a Galiza era un reino independente, e a caza da especie era un privilexio reservado á monarquía, de feito, na nosa provincia, tiñan dereitos de caza varios dos infantes da coroa. En zonas como a Ribeira Sacra ou a Serra de San Mamede, este privilexio, dificil de levar á práctica en realidade, supuña o perigo de ser condeado a morte se cazabas un dos osos do infante sen o seu permiso. A problemática da presencia do oso na provincia e a ausencia real de "control da poboación" por parte da monarquía reinante, fixo que a administración real do territorio caise en más da Igrexa, que exercía o seu poder a través dos mosteiros e os seus coutos, daquela máis abondosos e poderosos que en ningún outro momento da historia.

A razón de que a caza do osos estivese en máns da momarquía radicaba nunha curiosa costume culinaria da época, a man do osos, cociñada, era un manxar moi cobizado, ao que soio os reises tiñan dereito. Temos outro dato curioso, existe un documento depositado no arquivo municipal de Ourense, no que os monxes do mosteiro de Santa Cristina reclaman ao rei a caza dos osos do seu couto, que ía da Ribeira Sacra ata o Monte Meda, xa que os osos comían os salmóns que remontaban o río Sil, e que os monxes consideraban da súa propiedade (xa vedes co paso dos séculos na Ribeira Sacra extinguiuse todo, monxes, osos e salmóns). Con ocasión de estas protestas, a monarquía podía dar permisos de caza, sempre baixo unha condición, que as máns dos osos fosen gardadas para deleite da monarquía, (o que non sei é en qué condicións chegarían á boca dos reises...)

Ben sigamos que me vou do tema, se avanzamos no tempo, digamos ata o século XIX, podemos dicir que o oso pardo se extinguira da Ribeira Sacra, pero aínda habitaba con continuidade o Macizo Central Ourensán, as serras limítrofes con León e Zamora, a Dorsal Galega, dende a confluencia das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, a serra Martiñá e moi provablemente a do Suido, en conexión cas poboacións do centro da Galiza. Tamén estaba presente na maior parte das serras limítrofes con Portugal.

A principios do século XX, en Ourense prodúcese unha situación moi similar á que sufriu o oso pardo nos Pirineus a finais dese mamo século. As poboacións, perseguidas e decimadas, fican fragmentadas compostas por exemplares aillados que viven como cadáveres vivintes. Así por esa época teriamos algún exemplar no sur do Macizo Central, quizais cunha certa conexión coas xa maltreitas poboacións zamoranas e leonesas, e nas Serras da Baixa Limia, na fronteira con Portugal.

O derradeiro oso pardo que se cazou oficialmente en Ourense foi no ano 1945 en Couceiros (Padrenda) e dous anos antes cazouse outro en Sarreaus (A Limia) nun lugar coñecido como a pala da Osa. Sen embargo, ¿foron estes os derradeiros osos Ourensáns? os datos cos que contamos fannos pensar que non.

O oso que en 1945 cazou Camilo Yoves cunha forquita, formaba parte dun grupo de tres osos, o máis provable é que camilo, un rapaz de 14 anos por aquel entón, matase un xuvenil a piques de independizarse, polo que seguramente eses tres osos eran un grupo familiar, unha osa e dous cachorros, e se isto é certo debería haber tamén un macho, quizáis xa vello, vagabundeando por ahí. Non hai que esquecer que por aquel entón a especie non estaba protexida, e o veleno campaba polos montes dun e doutro lado da fronteira. ¿Pero se iso é así onde foron a parar eses osos?, temos datos que indican que un exemplar foi cazado en Baltar nos anos 50, e en 1972 produciuse o derradeiro rexistro na zona, un oso atacou unha colmea en Entrimo.

No macizo Central Ourensán a historia non foi mellor, despois de 1943, cando se cazou o osos de Folgoso en Sarreaus, a especie parece que se mantivo ata mediados de século desaparecendo dende antón de alí.

A historia é bastante diferente nas serras orientais (Trevinca, Enciña da Lastra e O Eixo), nesas serras o osos tivo presenza intermitente pero contínua durante todo o século XX. Esta presenza xustificaríase pola entrada de exemplares en dispersión dende as poboación occidental da Cordilleira Cantábrica, ou dende a poboación relicta dos Montes Zamoranos, máis próxima xeográficamente.

Ben, agora un pouco de catequesis oseira. Á hora de considerar a área de distribución do osos pardos hai duas maneiras de tomalos datos, a da administración ou a da lóxica. Pero vaiamos por partes. Hoxe en día o osos pardo é unha especie en perigo de extinción protexida tanto polas leis autonómicas, como polas estatais e polas europea, ademáis de algunha internacional que temos asinada. Isto significa que, dado o alto grao de protección que ten a especie, a súa mera presenza xa significa algo, é un hábitat dunha especie en perigo de extinción e hai que protexelo. E é aquí onde entramos no rizo do rizo ¿cal é a distribución oficial dun oso?, pois depende, depende si depende do pao de quen a mida...Se estiveramos a traballar nun atlas de distribución de vertebrados a resposta sería sinxela, ou hai oso ou non o hai, punto e a parte, pero no caso das especies en perigo de extinción a administración xoga ao xogo do rato e o gato, nunca millor dito, xa que a presenza dunha especie en perigo de extinción, para algúns de nós un  orgullo, para outros significa un problema, e con esa actitude condenan aínda máis á especie, que conste.

No caso do oso a distribución mídese en unidades reproductoras, é dicir o oso habita única e exclusivamente onde se reproduce, e isto ten o seu por qué. As femias de oso son moito máis sedentarias que os machos, teñen áreas de campeo moito minores, e polo tanto se só temos en conta a estas para medi-la distribución da especie, teremos unha área de distribución oficial pequena. Pola contra os machos son moito máis nómadas, con áreas de campeo de centos ou incluso miles de quilómetros cadrados. Isto ben a significar que un macho de osos pardo pode recorrer a totalidade da área de distribución oficial da especie nun so ano, buscando femias cas que reproducirse. E temos outro dato a ter en conta, cando os cachorros de oso se independizan, pasan unha tempada vagabundeando polo mundo ata atopar o seu lugar chegada a madurez sexual. que temos entón, unha área de distribución do oso no que a especie está totalmente desprotexida. Esas áreas de campeo poden, e de feito o  son, ser vitais para a conservación da especie a medio e longo prazo, xa que serán as zonas na que se alimentan, e nas que nun futuro próximo críen as tan apreciadas femias. Por por un exemplo, se tiveramos un paxaro migrador en perigo de extinción que áreas habería que protexer para garanti-la súa supervivencia, a de cría, as áreas de alimentación ou os cuarteis de invernada?, evindentemente terán que ser todas.

Pero aínda tendo en conta a distribución oficial da especie que a administración se empeña en impor, dende que a especie se reproduce até que a especie se recoñece como reproductora oficial poden pasar anos, moitos anos, e o estamos a ver nas serras orientais da provincia de Lugo, Ancares e Caurel, onde xa hai tres femias reproductoras sen que a administración da Xunta diga nin pío, non vaia a ser...Este feito vese tamén na área de presenza da especie (a non oficial) que na actualidade chega ata Vilalba, e até as propias portas da cidade de Lugo, pero a Xunta non se dará por enterada até que o oso chame ás mesmiñas portas do pazo de Raxoi. (conste, Seoane nomea a especie nas proximidades de Santiago de Compostela a mediados do século XIX).

Esta política de tolos fai que a presenza da especie, lonxe de supor unha vantaxe, se transforme nun problema pola nula política de prevención da administración. Neste intre a política de prevención debería ir nunha dirección clara, a protección da colmeas nas áreas con presenza de osos, é dicir, na recuperación das alvarizas, antes de que o problema vaia a máis, e non con cables pastores, xa que tan en  contra estamos do "feísmo", senón na recuperación da nosa tradición etnográfica. Sería moito mái barato subenciona-la construción de alvarizas que estar a pagar canta colmea destroce o oso, que todos sabemos que debece pola mel. Así evitaríamo-la problemática dunha presenza da especie de entrada xa negativa. E conqueriríamos discernir as colmeas atacadas polo aoso, daquelas produto da vaga de roubos de colmeas que está tendo lugar en Lugo e Ourense. Asemade, xa que temos un rexistro de indicación xeográfica protexida para o mel de Galicia, non estaría de máis crear unha mel cun selo propio "mel do oso", na que convivencia da especie coa producción apícola se vise beneficiada económicamente. Tanto pola valorización do producto en sí, como polas vantaxes fiscais que deberían ter estes productos.

Pero a responsabilidade da administración parece que non vai por ahí, en fin rematerei esta entrada co presente do oso en Ourense, que ten un horizonte complicado a espensas do que ocorra ca contrucción en trazado definitivo da autovía A-76, xa que pode supor unha barreira infranqueable para a dispersión da especie hacia Ourense.

Na actualidade a provincia de Ourense, supón unha importante área de dispersión xuvenil para os exemplares de osos pardo independizados do occidente da área de distribución cantábrica da especie, e dicir, os exemplares nacidos das unidades reproductoreas asentadas nas serras limítrofes de Lugo e León. Asemade exeiste ao perecer unha poboación relicta en Zamora, composta por non máis dunha decena de indivíduos. En Ourense a presenza da especie está constatada nas serras orientais, Enciña da Lastra, Trevinca e O Eixo, con incursións cada vez máis frecuentes hacia o interios do macizo Central, polos concellos de O Bolo, Vilariño de Conso, etc, onde as pegadas da especie son cada vez máis frecuentes.





jueves, 17 de junio de 2010

O oso pardo en Ourense, aniversario da perda.




Tal día como hoxe o xornal "El Pueblo Gallego", hai 64 anos,publicaba como o día 16 de xuño de 1946 matouse o último oso pardo en Galicia, pero para sorpresa de propios e extraños ese feito non se produxo nas serras lucenses do Caurel ou dos Ancares, sí señores lectores sí, o último oso que se matou en Galicia morreu en terras Ourensás.

O 16 de xuño de 1946 no pobo de Couceiros, pertencente ao concello fronteirizo de Padrenda, un veciño do lugar chamado Camilo Lloves, ca única axuda dunha forquita e dun rapaz de 14 anos chamado Rogelio acabou ca vida dun "gran oso pardo" que foi finalmente rematado por un garda do posto fronteirizo de Pontebarxas, este foi o último rexistro da especie na nosa provincia, onde pouco antes se matara outro exemplar perto da vila de Xinzo de Limia, no pobo de Folgoso, nun lugar denominado "A Pala da osa", como podedes ver a toponimia ourensá non deixa lugar a dúbidas sobre a presencia da especie na provincia.

O oso pardo habitou a provincia de ourense de forma estable ata ben entrado o século XIX, así daquela mantiñamos poboacións máis ou menos maltreitas nas inmediacións do Mosteiro de Oseira (San Cristobo de Cea), no macizo Central, e nas serras máis orientais limítrofes cas provincias de León e Zamora, con posterioridade, e debido a persecución directa por parte do home, a especie rematou por extinguirse, ata que no ano 2006, un exemplar errático, quizáis nostálxico de tempos mellores, chegou a atacar unhas colmeas no parque natural da Enciña Lastra (Rubiá).




Triste, moi triste aniversario, que obriga a este que vos escribe, ante a ausencia da especie en liberdade en Ourense, a tirar de arquivo e ilustrar este post cunhas fotos de osos pardos en catividade, agardo sinceramente que os osos volten, algún día, aos montes ourensáns.