COLEGAS

domingo, 22 de septiembre de 2013

Desenfeitizando ao gado de Antioquía:Cara a cara co Bruión.

Despois dunha breve parada para falarmos do caimán do Barbaña, que por certo non apareceu nunca, imos continua-la historia do gado enfeitizado de Antioquía.

Desta volta imos a analizala historia de Lita un pouco pormenorizadamente, facendo unha achega á mitoloxía e lendario limiao comparándoa con outros casos similares, dende un punto de vista en parte criptozoolóxico e en parte antropolóxico.

Denantes de continuar, quixera aclarar que a historia de Lita, esa especie de "Heidi limiá", é totalmente fictícia, pero serviu coma fio narrativo para contar unha lenda que eu mesmo escoitei da boca dun vello limiao cando tiña 8 anos.

Como ben sabedes a bisbarra da Limia, tivo un mar interior no seu corazón chamado Antela, a lagoa de Antela máis ben, ou lago Bión. O bión é o nome limiao que se lle daba a unha certa clase de xuncos (Scirpus lacustris) moi apreciados na bisbarra coma "cama" para o gando.

Como calquera lagoa que se precie a lagoa de Antela non é só un mar de auga doce, senón unha fonte inesgotable de lendas nas que habitan multitude de seres coma si dun Olimpo palustre se tratara. Por desgracia, a desecación da Lagoa de Antela supuxo o desafiuzamento non só da súa biodiversidade, senón tamén dos seus habitantes imaxinarios.

Unha das lendas máis coñecidas da zona é a que fai referencia á cidade asulagada de Antioquía, esta cidade sufriu esta sorte de inundación mediante castigo divino, disque por adorar un galo, galo que aínda a día de hoxe fica orgulloso no escudo da vila de Xinzo de Limia, cabeceira da comarca.





 A lenda da cidade asulagada de Antioquía ten a súa orixe ao parecer en certos restos arqueolóxicos visibles nas épocas de seca, na que a cota da lagoa baixaba de nivel espècialmente. Ditos xacimentos consistían nos cimentos dunha sorte de "castros acuáticos" coñecidos coma palafitos. Ademáis non debemos esquecer que os romanos conqueriron deseca-la lagoa por espacio duns centos de anos.A eles se lle atribúen certos restos coma "camiños empedrados", interpretados no seu momento coma estanques para a piscicultura. Distos xacimentos foron destruidos pola maquinaria encargada das labouras de desecación da lagoa.

Sen embargo Antioquía non é a única cidade asulagada de Galicia, temos varios exemplos. Así en na lagoa de Carregal (Riveira-A Coruña), atopámola cidade asolagada de Reiris ou Valverde, nas súas augas habita un bruxo enfeitizado polas súas propias malas artes, que seica ficou convertido en boi e brua pola noite, e que é coñecido polo nome de "boi bruón".

Na Lagoa de Cospeito (Lugo), atopáse a cidade asulagada de Veria ou Valverde, nela tamén se conta unha lenda relacionada co gado, neste caso unha "vaca pantasma" que brua no mais profundo da lagoa, e que non pode ser vista.

Temos que dicir que o gando vacún, por razóns evidentes, foi sempre adorado nos tempos antigos, tamén coma un transportador de ánimas entre este mundo e o máis alá. Ditas crenzas son comúns á certas culturas tanto mediterráneas como atlánticas. Non é de extrañar, polo tanto, que o gando vacún protagonice multitude de lendas como animáis totémicos que foron para os antergos. Por outra banda, non debemos esquecer a importancia económica que as vacas e os bois tiveron para o agro galego. Ata tal punto que a riqueza familiar se medía non en cartos, senón no número de cabezas de gando que a unidade familiar posuía. Como anézdota gráfica, contaremos que cando un mozo lle ía pedi-la man da moza ao pai, o seu futuro sogro, éste lle sometía a un profundo interrogatorio, sendo unah das preguntas de obrigada resposta "¿e tí, cantas vacas tes?".

Se fixeramos unha análise da lenda do gado da auga galega dende unha prespectiva criptozoolóxica severa e pouco flexible, agora mesmo comezariamos a debatir sobre a supervivenci e posteiro extinción, dunha sorte de memífero acuático nas augas doces galegas, seguro que agora estades a rir, pero non é tan incerto o que digo...

Lendas similares á de Antela se producen por numerosos puntos do continente europeo.Estas lendas falan de "Touros acuáticos", principalmente nas illas Británicas. En Irlanda, onde atopamos ao touro ou vaca de auga, que disque habita un lago chamado Dubh, que se traduce coma "Lago negro", e onde a tradición criptozoolóxica dí que habita o "Hipopótamo irlandés" quizáis un supervivinte dos hipopótamos que durante a prehistoria habitaron o continente, coma Hipopotamus major, Hippopotamus antiquus e outros.

Esta mesma interpretación se lle dá ao touro de auga de Escocia, coñecido localmente coma "Elf bull" ou "Tarbh Usiage", e parece ser un compañeiro de viaxe do máis que coñecido "Nesi" ou "Monstro do Lago Ness", que curiosamente tamén ten o seu equivalente en Antela. 
Nas terras altas de escocia atopamos a goado acuático coñecido coma "Crobh Mara", existindo ademáis sendos touros acuáticos nos lagos Awe, e Rannooch, situados nas illas do oeste escocés.
Na illa de Man habita o "Tarroo-Ushtey".
En Inglaterra, tamén atopamos gando vacún acuático no lago Barfod.

Unha vez dito esto direivos que en realidade nos atopamos, quizáis en todos os casos nomeados, entre unha mistura de mitoloxía castrexa,bretona, gaélica e algo máis, coa propia observación da natureza.

Nas zonas palustres europeas habita unha sorte de ave, da familia das garzas, cuio reclamo asemella vagamente ao urro dun boi. Este feito serviu para bautizalo coma avetoro en castelan, abetouro en portugués e Botaurus stellaris na nomenclatura científica. Segundo teñen recollido Antonio Villarino, Felipe Bárcena e Serafín González no seu libro "Vertebrados da Limia, dende a lagoa aos nosos días", ed. Limaia, os limiaos deron en chamarlle a este animal "Bruión" ou "Brullón".

Este nome vernáculo, trátase dun nome onomatopéico, que fai referencia ao reclamo do animal, sen embargo, como ocorre en ocasións neste tipos de animais e nomes vernáculos, non todo o mundo ten unha imaxe na cabeza para asocia´lo nome co aspecto do animal. Dando polo tanto orixe a certo tipo de crenzas ou lendas, que ao mesmo tempo son herdeiras das partixas do mal chamado paganismo anterior á chegada do cristianismo a Galicia. Esto ocorre tamén con outro tipo de animais que posúen nomes vernñaculos onomatopeicos, coma Bufo calamita ou sapo corriqueiro, coñecido en certas partes de Ourense coma "Rairo", oero que en ocasións é descrito coma un reptil, un lagarto ou mesmo unha serpe.

A lenda do gado enfeitizado de Antioquía, fai referencia polo tanto á presenza histórica do abetouro (Botaurus stellaris) na lagoa de Antela, extinto na actualidade aínda se producen avistamentos de aves migrantes na Limia ocasionalmente. Os autores antes nomeados recomendan o uso de Brullón ou bruión, coma nome oficial galego, opinión que comparto a cen por cen, xa que como vimos, non só e utilizado na Limia, que segundo ales debeu albergar unhas das máis importantes poboacíons nidificantes da especie en Galicia, senón que existen referencias por tres das catro provincias galegas ao mesmo vernáculo, ou moi similar.

Dicir, que hoxe en día o bruión ñé un dos animais máis ameazados de extinción na Península Ibérica, e destrozos coma os de Antela, axudaron e moito a que hoxe esta especie se atope nesta situación.

POr último sinalar o alto coñecimento popular que o bruión tiña na bisbarra da limia, xe que existía un refrán que diciá: "Este ano non hai bión que non canta o bruión". Como xa dixemos ao principio o bión era moi apreciado na Limia...pena que para algúns non fose razón suficiente para salva-lo noso mar....




No hay comentarios:

Publicar un comentario