COLEGAS

domingo, 4 de agosto de 2013

A lamprea mariña en Ourense.

"Avergóñate menos de confesa-la túa ignorancia, que de porfiar nunha necia discusión que a faga patente"- Eliz Joceline (1595-1622)- Escritora inglesa.

A fauna histórica da provincia de Ourense ben podería compararse cunha tráxica novela negra, na que a aparición dunha sinistra personaxe desemboca nunha serie de asasinatos en serie na que o pistoletazo de saída o supón un oscuro protagonista, o ser humano. Como a vida mesma, nesta novela van faltando personaxes, como páxinas dun libro inconcluso de fin indescifrable.

Unha desas desafortunadas vítimas da nosa novela negra é a lamprea mariña (Petromyzon marinus), un peixe agnato moi apreciado na gastronomía do Noroeste Peninsular, tanto coma si dun manxar de deuses se tratase. Mais vaiamos por partes...

Como xa dixemos a lamprea mariña é un peixe, de forma serpentiforme, que con até 1.5 metros de lonxitude, é a maior das especies de lampreas que viven na Europa. Trátase dunha especie anádroma, o cal quere dicir que vive no mar e remonta os ríos para reproducirse. A lamprea mariña é un peixe parásito, que subciona sangue doutros peixes coa súa boca en forma de ventosa e armada de dentes, aínda que tamén pode comer pequenos peixes enteiros e carroña.

Os exemplares adultos son mariños, máis aos tres ou catro anos acadan a madurez sexual, e remontan os treitos baixos e medios da cunha dos ríos para reproducirse, feito que soe ter lugar a primeiros de ano, durante o remonte dos ríos as lampreas non se alimentan. Chegado o momento as femias pescudan no río un fondo con grava e area, e excaban nel un buraco dun metro de diámetro e uns 20 cm de profundidade, recollendo croios coa súa boca subcionadora. Unha vez rematado o "niño" o macho adíderese á femia e fertiliza os milleiros de ovos que pon (entre 34000 e 100000!). Rematada a reproducción os adultos morren. Despois de dúas semanas nacerán as larvas, que viven entre 2 e 5 anos enterradas no bulleiro (barro) do fondo do río, alimentándose do que filtran no seu meio (microorganismos e materia orgánica). Ao acadar os 20 cm de lonxitude comezan a metamorfose, na que a aleta dorsal da ammocetes (que así se denomina á larva da lamprea), dá lugar ás tres aletas dorsais da lamprea adulta. Nese momento a lamprea viaxa ata o mar, onde vivirá a uns 200 metros de profundidade.

Houbo un tempo no que as lampreas habitaron a nosa provincia, xa que remontaban o río Miño, cando menos ata a súa capital. Proba delo son as pesqueiras que o Monteiro de Oseira (San Cristobo de Cea) posuía no río Miño ao seu paso pola parroquia de Arrabaldo, na actualidade situada no concello de Ourense e en tempos pertencente ao desaparecido concello de Canedo, nas que entre outras especies se capturaban as lampreas. Chegado o século XX, a construccción indiscriminada de obras hidráulicas nos ríos ourensáns impediu o remonte da lamprea no río Miño, feito que se materializou definitivamente no ano 1970 coa construcción do encoro de Frieira.

Na actualidade, desgraciadamente, a única maneira que temos para ver unha lamprea viva en terras ourensáns é dentro dun acuario á entrada dun restaurante, á espera de ser cociñada, como a destas imaxes, obtidas nun deles recentemente alá por Terras de Celanova.














No hay comentarios:

Publicar un comentario