A toupa cega ou ibérica (Talpa occidentalis) é unha especie insectívora de hábitos soterráneos endémica da Península Ibérica. En Ourense e en Galicia é a única especie de toupa que podemos atopar. Aínda que en outros puntos de España tamén aparece a toupa común ou europea (Talpa europaea).
Durante anos a toupa ibérica foi considerada unha subespecie de Talpa caea, hoxe relegada á antiga Yugoslavia, razón pola cal gran parte da súa bioloxía segue a ser un misterio, xa que apenas existen datos ou estudos que esclarezan claves tan elementais como a esperanza de vida, a territorialidade, as relacións sociais ou o número de crias por camada.
Razón esta polo tanto para romper unha lanza en favor desta denostada especie que está a ser perseguida e eliminada sisteméticamente dos campos de cultivo, ben sexa directamente mediante a caza ou a colocación de trampas (comercializadas en calquera ferretería), ou ben indirectamente, mediante a utilización indiscriminada e pouco responsable de produtos fitosanitarios.
A toupa pasa por ser un dos mamíferos máis útiles para a agricultura, polo control que exerce sobre certas pragas que poden afectar aos cultivos.
Nas imaxes un exemplar atopado recentemente en hortas da cunca do río Barbantiño ao seu paso polo concello de Punxín.
Ei de dicirvos tamén que o exemplar que vos amoso me parece algo fuciñudo comparado coas toupas que teño visto até o momento, detalle que me chamou a atención, non sei que opinades vós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario