COLEGAS

jueves, 24 de enero de 2013

O carbunco: O Nessi de Antela.






Nessi, ou o monstro do lago Ness en Escocia, é quizáis o máis popular dos monstros lacustres lendarios que brilan no firmamento da criptozooloxia. Prácticamente non existe gran lago ou lagoa que non conte entre os seus habitantes lendarios cun terrorífico monstro acuático que aterrorice aos habitantes da ribeira.

A desaparecida Lagoa de Antela, ou Lago Beón, non podía ser menos, e tamén tiña os seus monstrosos habitantes, os carbuncos.

A lagoa de Antela foi unha das maiores superficies de auga doce natural da Península Ibérica. Formouse durante a era Terciaria, momento no que o clima galego era tropical. Por aquel entón eleváronse as grandes serras do Macizo Central, como a serra de Queixa, e afundíronse as grandes depresións da provincia, como Monterrei, Maceda e a propia Antela. En moitas desas depresións formáronse zonas lacustres, que se colmataron de sedimentos co desxeo dos glaciares Cuaternarios, todas excepto Antela, que estoicamente sobreviviu até o ano 1957, momento no que foi desecada polo réxime franquista.

A lagoa de Antela era unha superficie de auga doce someira de corenta kilómetros cadrados e unha profundidade media de menos dun metro. Posuía varias zonas máis profundas de máis de catro metros de profundidade, coñecidas como "Pozos". Cada un deles tiña nome propio, como o Pozo Tremedoiro.

Contan as xentes da ribeira de Antela, que eses pozos eran habitados por unha sorte de serpes anfibias e de gran tamaño, que rara vez se vían na superficie. Din aqueles que as viron, que eran resplandecentes coma o sol. Que tiñan na cabeza xemas preciosas, coma diamantes que posuían poderes máxicos. Seica os carbuncos destellaban raios, que quizáis fosen producidos polas xemas da cabeza.

Os carbuncos son nomeados nun documento da colexiata de Xunqueira de Ambía, que fala do asulagamento da cidade de Antioquía nas augas da Lagoa de Antela, por unha sorte de castigo divino.

Non é difícil atopar nos pobos limiaos, testemuñas en primeira persoa do avistamento e mesmo da loita con grandes réptiles anfibios serpentiformes. Xa que parece que nos regatos que desembocaban en Antela, no seu emisario ou no mesmo río Limia, habitaban serpes d`agua, en ocasións descritas mesmo con ás, e coas pedras ou costras extendidas por todo o corpo. Neste punto o protagonista tórnase extrañamente similar ao "Cuélebre", reptil da mitoloxía astur-leonesa.

Non debemos esquecer que o noroeste ibérico foi durante a antigüidade o lar de extrañas crenzas pagás, hoxe lonxanas do ideario cristián. Na noite dos tempos, os habitantes da Galaecia adoraban aos réptiles, como deuses por dereito propio. As lendas de seres lacustres poden ser un recordo dese Olimpo perdido xunto coa malograda lagoa de Antela.

Cantos tesouros se perdedon entón, canta vida, canta historia...



11 comentarios:

  1. Ei Alberto, foi e sigue sendo unha mágoa habermos perdido para sempre ese fantástico humidal, cos seus habitantes reais e imaxinarios, só nos fican os vellos contos case esquecidos dese tempo pasado onde o Ser Humano aínda vivía en harmonía coa Terra e co Alén, consigo mesmo
    Parabéns pola recolla

    ResponderEliminar
  2. Sempre é un pracer poderte ler Alberto.

    ResponderEliminar
  3. Graciñas aos dous, os ánimos sempre veñen ben, e estimulan o maxín para seguir traballando.

    Saúdos.

    ResponderEliminar
  4. Xenial Alberto!! Enganchoume a túa narración... Canto daría por visitar Antela antes da Barbarie.

    Un saúdo. E moitos ánimos para continuar!!

    ResponderEliminar
  5. Moitas grazas tocaio! trataremos de continuar a actividade.

    Saúdos.

    ResponderEliminar
  6. Olá. Saco un pouco de tempo cando non dispoño del para facer unha matización. Antela non era a meirande lagoa da península, Alberto. Polos datos que teño lido, La Janda, en Cádiz, era bastante maior. De memoria non podo falar en hectáreas, pero penso que era así.

    Iso non quita que Antela era... moita Antela

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  7. Vaia, eu virao e lerao tamén, pero nada corrixímolo, que me fio máis do teu criterio.

    Un saúdo e moito ánimo compañeiro!

    ResponderEliminar
  8. Parabéns polo artigo, Alberto. Moi bo e orixinal.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  9. Graciñas, parece que vou quitando o ferruxe da inactividade do derradeiro ano.

    Saúdos.

    ResponderEliminar
  10. Moi bonito e amable o artigo, Alberto. A verdade é que lese so.

    Eu xa levo pensando uns anos en como facer para recuperar, aínda que sexa parcialmente, a lagoa de Antela. Na lagoa da Nava conseguírono e na Limia co tempo coido que tamén poderemos facelo.

    Unha aperta grande e noraboa.

    Diego R. Vieites

    ResponderEliminar
  11. Antela é totalmente recuperable, económicamente a recuperación é a´índa máis interesante, e moralmente unha obriga.

    Saúdos e moitas grazas meu! a ver se un día se nos ocorre algo para conqueri-lo noso soño.

    ResponderEliminar